Guaimaro IV de Salerno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Guaimaro IV (tamén coñecido como Guaimaro V), nado en Salerno cara a 1013 e falecido na mesma vila o 3 de xuño de 1052, foi príncipe longobardo de Salerno desde o 1027 ata a súa morte; tamén foi príncipe de Capua (1038-1047), duque de Amalfi (1039-1043) e Gaeta (1040-1041) e duque de Puglia e Calabria (1043-1047).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi unha figura de primeiro plano na fase histórica a cabalo entre o fin do dominio bizantino no Mezzogiorno e o ascenso do poder normando. Segundo Amato de Montecassino, el foi "máis valente có seu pai, máis xeneroso e máis cortés; en efecto posuía todas as calidades que un laico debería ter – non sendo unha excesiva paixón polas mulleres".

O ascenso de Guaimaro[editar | editar a fonte]

Guaimaro nace sobre o 1013, o máis vello dos fillos de Guaimaro III de Salerno e Gaitelgrima, filla de Pandulfo II de Benevento. O seu medio irmán maior, Xoán (III), fillo de Porpora de Tabellaria, foi correxente xunto co pai do 1015 ao 1018, ano da súa morte. Neste momento a correxencia foille confiada a Guaimaro, que en marzo do 1027, á idade de catorce anos, sucedeu ao pai no trono de Salerno, probabelmente so a rexencia da nai. Desde o inicio do seu reinado empeñouse no intento de estender o control sobre toda a parte meridional de Italia, perseguindo un obxectivo que era x ao dos seus predecesores.

A primeira gran vitoria tívoa no 1035, cando conquistou Sorrento e lle confiou o o ducado ao seu irmán Guido. No 1037 nomeou como correxente ao fillo maior Xoán (IV), o cal morreu no 1039.

No 1036 sucedeu algo que tería marcado o inicio das hostilidades entre os dous príncipes. Chegáronlle novas de que o príncipe Pandulfo IV de Capua, alcuñado o Lobo dos Abruzzi, cuñado e aliado, tentara violar a súa sobriña. No entrementres, Guaimaro se aproximara aos normandos, apenas aparecidos no sur de Italia, recibindo a homenaxe do seu xefe Rainulfo Drengot, antes vasalo de Pandulfo e agora desertor. Así, Guaimaro obtivo a axuda fundamental dos normandos, potencia nacente no Mezzogiorno.

No 1038 tentou obter xustiza sobre Pandulfo de Capua presentando a querela dunha arbitraxe entre o emperador occidental e o bizantino que dirimise a cuestión da inadecuación de Pandulfo. A invitación foi recollida só polo emperador Conrado II, que se presentou no sur de Italia pedindo a Pandulfo reféns como garantía. Estes, con todo, déronse liberado e fuxir, determinando a inmediata reacción das forzas imperiais. Capua foi prontamente cercada e en breve o principado foi sometido. O emperador decidiu entón asignarllo a Guaimaro, o cal demandou ao soberano que recoñecese un título nobiliario ao seu novo vasalo normando: Conrado atribuíu a Rainulfo Drengot o título de conde de Aversa, vasalo de Salerno. O ano seguinte (1039) Guaimaro obtivo o recoñecemento da soberanía sobre Amalfi, Gaeta e sobre o ducado de Nápoles, xuridicamente un presidio bizantino.

As relacións cos Hauteville[editar | editar a fonte]

Guaimaro, príncipe longobardo, foi ben log oen estreitas relacións coa máis potente familia normanda, a dos Hauteville. Os bizantinos, que non responderan á chamada de Guaimaro para a arbitraxe sobre os deméritos de Pandulfo, estaban preparando naqueles anos unha expedición a Sicilia baixo o mando do gran xeneral Xurxo Maniaces. Ao seu requirimento, o príncipe de Salerno enviou un continxente de guerreiros longobardos e normandos, guiados por un tal Guillerme que en Sicilia se gañara o sobrenome de Braccio di Ferro.

No 1038, con todo, a fráxil alianza rompeu: normandos e longobardos tornaron á posición de rebelión cara aos emperadores bizantinos e invadiron rapidamente a Puglia greca. Neste punto, Guaimaro ofreceu aos seus aliados normandos o apoio político e no 1042, a petición dos mesmos, aprobou a elección a conde de Puglia de Guillerme Brazo de Ferro, obtendo a cambio a aclamación a Duque de Puglia e Calabria (1043), en aberta oposición ás reivindicacións bizantinas. Guaimaro, segundo os ditames da teoría feudal, garantiu aos normandos o dominio directo sobre Melfi e o mantemento do modelo republicano, existente cando chegaron. O fundamento feudal, con todo, resultaba contraditorio e non atopaba fundamento na lei: Guaimaro era duque só con base na aclamación popular, por resolución da parte dos homes que el mesmo nomeara vasalos seus; e en virtude da autoridade dom esmo título ducal, el enfeudara os seus vasalos a Melfi. Un conflito de lexitimidade que máis adiante lle causou diversos problemas.

No 1044, Guaimaro e Brazo de Ferro iniciaron a conquista da Calabria e construíron unha ampla fortaleza en Squillace. Pero o dominio do príncipe de Salerno, aínda que en continua expansión, non era xa facilmente xestionábel: nos últimos anos da súa vida, Guaimaro atopou de feito numerosas dificultades para conservar as súas posesións contra as reivindicacións do emperador e dos mesmos normandos, at ao daquel aos seus fieis vasalos. Rainulfo Drengot, que continuara a ter o dominio de Aversa, que lle concedera orixinariamente o duque de Nápoles, morreu no 1045 e o seu feudo, contra as protestas de Guaimaro, pasou ao sobriño Asclettino. Case a finais deste mesmo ano, Guaimaro opúxose á sucesión do curmán de Asclettino, Rainulfo II Trincanotte, pero aínda outra vez a súa autoridade foi atropelada. Estes condes levaron a Aversa, nun tempo leal ao príncipe salernitano, a se aliar con Pandulfo, volto do seu exilio de Constantinopla. A guerra contra Pandulfo reiniciouse no 1042 e durou cinco longos anos, durante os cales Guaimaro reforzou a propia posición a través dun rápido recoñecemento, no 1046, do irmán do defunto Guillerme, Drogón de Hauteville, ao que concedeu como esposa a irmá Gaitelgrima. O obxectivo era claramente o de manter aos normandos da súa parte e en posición de vasalaxe.

Os últimos anos[editar | editar a fonte]

No 1047, con todo, a que fora para Guaimaro a empresa dunha vida foi completamente anulada: o emperador Henrique III, giunto no sur de Italia a demandar acto de submisión a todos os príncipes locais, restituíu Capua a Pandulfo e puxo baixo a súa directa xurisdición os dominios de Aversa e de Melfi. En fin, privou a Guaimaro do título ducal de Puglia e Calabria, poñendo fin a aquela singular condición de soberanía tan incómoda para a coroa imperial.

No 1048 Pandulfo, de novo príncipe, estaba outra volta en guerra con Guaimaro. Todo naceu da necesidade de asegurarlle unha rexencia ao infante Ermanno, fillo e sucesor de Rainulfo II Trincanotte, morto naquel ano. Tras o falecemento do primeiro rexente, un tal Bellebouch (Belaboca), a cuestión complicouse, pois non había dispoñíbel ningún parente directo do príncipe menor de idade. O único entre estes, Ricardo Drengot, curmán de Ermanno, estaba daquel apreso en Melfi por ter principiado batalla contra Drogón. Guaimaro interveu no asunto: negociou a liberación de Ricardo e conduciuno persoalmente a Aversa, onde este tomou posesión como rexente e pouco despois como verdadeiro conde. Deste modo, o príncipe Guaimaro recuperara a alianza do condado de Aversa.

A morte e a herdanza[editar | editar a fonte]

Guaimaro e Drogón de Hauteville continuaban a manter sólidas relacións de alianza, constituíndo xuntos unha potencia política e militar envexada por moitos. Os dous volvéranse de feito branco de odios cruzados e reivindicacións por todas partes, que no 1052 levaron aos dous a un fin indecoroso: Drogón cae asasinado, probabelmente obra dunha conxura bizantina. A mesma sorte tocoulle xusto despois ao mesmo Guaimaro, que o 3 de xuño de 1052 foi asasinado no porto de Salerno polos seus catro cuñados, que ocuparon a cidade coas armas e elixiron príncipe a Pandulfo III. Neste momento o irmán do príncipe morto, o duque Guido de Sorrento, volveuse aos normandos Umfredo de Puglia e Ricardo de Aversa, que xunto a el asediaron aos conxurados en Salerno. As familias dos catro irmáns caeron logo nas mans dos seus inimigos e os asasinos de Guaimaro decidíronse a negociaren a súa liberación poñendo en liberdade a Xisulfo, fillo e herdeiro de Guaimaro. Guido aceptou a súa rendición pouco despois e fixo xuramento de non recorrer a vinganzas. Polo contrario, os normandos, que non si consideraron sometidos ao xuramento de Guido, masacraron a Pandulfo III cos seus secuaces, e os catro irmáns xunto a outros trinta e seis familiares, un por cada coitelada que atoparon no corpo de Guaimaro. Nisto, os normandos amosáronse leais a Guaimaro mesmo despois da súa morte.

A herdanza de Guaimaro incluía o dominio sobre Salerno, Amalfi, Gaeta, Nápoles, Sorrento, Puglia, Calabria e de xeito alterno sobre Capua. El foio derradeiro gran príncipe longobardo do sur de Italia e segundo algúns historiadores o mellor en termos absolutos. O que máis valor lle valeu foi sobre todo o seu carácter. Outros motivos foron a súa intelixencia política, o favor papal e imperial de occidente, e a espada dos normandos.

A Guaimaro sucedeuno Xisulfo II, o fillo tido con Gemma, filla do conde de Capua Laidulfo. Este foi chamado á correxencia no 1042 e foi posto polos normandos baixo a súa protección. Xisulfo tivo dúas irmás famosas: Gaitelgrima, que casou con Xordano I de Capua, e Sichelgaita, que casou con Robert Guiscard. O destino da terceira, Sicarda, énos descoñecido. Xisulfo II tivo tamén cinco fillos: Pandulfo, Guaimaro (V) - que máis tardei foi correxente con Xisulfo - , Landulfo, Guido e Xoán. Cómpre lembrarmos tamén á sobriña Guida, filla de Guido, que foi esposa de Guillerme Brazo de Ferro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gwatkin, H.M., Whitney, J.P. (ed) et al. The Cambridge Medieval History: Volume III. Cambridge University Press, 1926.
  • Norwich, John Julius. The Normans in the South 1016-1130. Longmans: Londres, 1967.
  • Caravale, Mario (ed). Dizionario Biografico degli Italiani: LX Grosso – Guglielmo da Forlì. Roma, 2003.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]