Historia de Cartaxena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hispania bizantina.
Localización de Cartaxena.

A historia de Cartaxena atravesou diferentes fases, desde os primeiros asentamentos até a actual configuración urbana da cidade.

Fases históricas[editar | editar a fonte]

Mastia dos Tartesios[editar | editar a fonte]

Mastia ou Massia de Tarse, é o nome dunha antiga tribo ibérica, pertencente á confederación tartesa, situada no sueste de España que tradicionalmente se asociou á cidade de Cartaxena. A primeira descrición da cidade de Mastia aparece en obra titulada Ora Maritima, do poeta latino Rufo Festo Avieno sobre fontes do século VI antes de Cristo.

Non hai probas definitivas de que se refira á cidade de Cartaxena, aínda que polo contexto e o resto de descricións de accidentes xeográficos que anteceden e seguen a estes versos, semella que poida referirse a esta cidade. Tamén houbo estudosos que localizaron Mastia nalgún punto próximo a Mazarrón. Tamén hai unha referencia a Mastia no tratado entre Roma e Cartago do ano 348 a.C., como "?ast?a ?a?se???" (Mastia dos Tartesios).

Qart Hadasth, cidade púnica[editar | editar a fonte]

A primeira constancia certa da existencia da cidade débese, segundo os escritores clásicos, á fundación do mesmo arredor do ano 227 a.C. polo xeneral cartaxinés Asdrúbal o Belo co nome de Qart Hadasht (Cidade Nova). Asdrúbal tería refundado a cidade sobre o primitivo asentamento de Mastia, volvendo a amurallala e converténdoa na principal base dos cartaxineses na Península Ibérica.

De Qart Hadasth partiu Aníbal cos seus elefantes na súa celebre expedición a Italia, que lle levaría a cruzar os Alpes, ao comezar a segunda guerra púnica no ano 218 a.C..

Carthago Nova, cidade romana[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cartago Nova

Escultura de Mercurio procedente do foro romano de Cartaxena.

O xeneral romano Escipión tomou Cartago no ano 209 a.C., sendo posesión romana desde entón co nome de Cartago Nova, e converténdose nunha das cidades romanas máis importantes da Hispania. Ao estabelecerse a presenza romana en Hispania, Carthago Nova dependeu administrativamente da Hispania Citerior con capital en Tarraco (Tarragona). Durante o goberno de Augusto, a cidade foi elevada a rango de colonia co nome de Colonia Vrbs Iulia Nova Carthago (C.V.I.N.C) co que os seus habitantes pasaban a considerarse cidadáns de dereito romano. Augusto reurbanizou a cidade e dotouna dun esplendoroso teatro, e un grande foro coa súa curia e varios templos.

Durante o goberno de Tiberio, creouse o conventus iuridicus carthaginense con capital na cidade, dentro da provincia tarraconense. No ano 298, o emperador Diocleciano dividiu a Tarraconense en tres provincias, constituíndo a provincia romana Carthaginense e establecendo a capital na cidade de Cartaxena.

Cara ao 425 a cidade foi saqueada polos vándalos antes de pasar estes a África.

Carthago Spartaria, capital de Spania[editar | editar a fonte]

Lucerna bizantina. Museo Arqueolóxico de Cartaxena.

Tras a caída do Imperio de Occidente e o estabelecemento dos reinos xermanos en España, cara ao 550, o emperador bizantino Xustiniano I conquistouna, converténdose na capital da provincia de Spania do Imperio Bizantino baixo o nome de Carthago Spartaria. Durante a dominación bizantina, a diocese Carthaginense, que era sé metropolitana, perdeu esta condición por decreto do rei visigodo Gundemaro, que trasladou a sé a Toledo.

Cara ao 622 dc., os visigodos, dirixidos polo rei Suintila, tomaron e, segundo conta San Isidoro destruíron e arrasaron por completo a cidade, causando unha profunda decadencia.

"Hoxe en día, da cidade, destruída polos godos, tan só fican as súas ruínas"
San Isidoro, Etymologiae.

Así e todo, este comentario se cadra pecou de esaxerado, xa que en 675, Munulo, bispo de Cartaxena, aparece asinando unha das actas dos concilios de Toledo, o que demostra que nese momento había un bispo co seu sede na cidade.

Cartaxena árabe[editar | editar a fonte]

Durante a dominación árabe, Cartaxena experimentou unha certa recuperación e contou cunha mesquita e unha alcazaba fortificada sobre o actual cerro da Concepción.

A reconquista de Cartaxena[editar | editar a fonte]

Castelo da Concepción.

En 1245, reinando Fernando III o Santo, o seu fillo, o príncipe Afonso reconquista a cidade despois dun duro asedio. En 1250 o Papa comunica ao rei a restauración da Diocese de Cartaxena e nomea bispo ao franciscano frei Pedro Galego, confesor do propio príncipe Afonso. Inmediatamente iníciase a construción da Catedral.

Cara 1270, o xa rei Afonso X o Sabio crea a Orde militar de Santa María de España, estabelecendo o seu sede principal neste templo, e poñéndoa baixo o patrocinio dunha imaxe medieval, a Virxe do Rosell, antiga patroa de Cartaxena. O rei manda construír sobre a primitiva alcazaba musulmá o castelo da Concepción, obra que garda moitas similitudes co castelo de Lorca e co que comparte marcas de canteiro. Porén, durante o episcopado de García Martínez, o segundo bispo da diocese, este decide, co consentimento do rei Sancho IV e do papa Nicolao IV, trasladar a sede episcopal e o cabido a Murcia pero mantendo o nome da diocese como carthaginense.

En 1296 a cidade pasaría á reino de Aragón, lexitimada a posesión pola sentenza arbitral de Torrellas, pero o tratado de Elx de 1305 devolveríaa ao reino de Castela.

Durante o século XIV o rei Pedro I de Castela emprende a política de refortificar a cidade co fin de convertela en porto principal da coroa, continuando as obras no castelo da Concepción. A pesar destas obras, o castelo seguiu sen se acabar. Cartaxena convértese nun importante porto comercial no que se instalan comerciantes de varias nacións, especialmente xenoveses.

O asasinato do rei Pedro I inicia en Castela a dinastía dos Trastamara, cuxos reinados se caracterizaron polas continuas concesións á nobreza. Neste sentido, en 1464, o rei Henrique IV de Castela concede a don Pedro Fajardo, marqués dos Vélez, o señorío da cidade de Cartaxena co seu castelo e os dereitos de xurisdición e cobro de tributos. Esta situación mantense até tempos dos Reis Católicos. En 1503 a raíña Isabel ordena a restitución da cidade de Cartaxena con todos os seus dereitos á coroa, entregando como compensación a Pedro Fajardo e Chacón o dominio das cidades de Vélez-Rubio, Vélez-Blanco e Cuevas del Almanzora.

A cidade baixo os Habsburgo[editar | editar a fonte]

Torre de Santa Elena.

Durante os séculos XVI e XVII a cidade prosegue unha lenta recuperación demográfica grazas por un lado ao comercio marítimo e por outro ao interese da coroa en potenciar o seu porto como base militar. Durante estes séculos houbo varios andazos de peste bubónica que asolaron a cidade, sendo especialmente grave o de 1648, no que morreron arredor de 14.000 persoas en tres meses.

O porto de Cartaxena se converteu en principal base militar da política mediterránea dos reis de España en relación ás súas posesións en Italia e de contención do poderío turco e berberisco. En 1509 o seu porto serviu de base da que partiron as tropas do Cardeal Cisneros para a conquista de Orán, e en 1516 para a toma de Alxer. Durante o reinado de Carlos I de España converteuse en base das galeras reais, feito que fixo que se concentrase unha grande poboación de galeotes (condenados a remar en galeras) na cidade. Filipe II ordenou fortificar a cidade que estaba desguarnecida ao duque Vespasiano de Gonzaga, o cal realizou unhas obras de moi deficiente factura e aproveitou para se levar numerosas esculturas romanas que apareceron durante as obras. Tamén se construíron por toda a costa numerosas torres vixía, como a de Santa Elena, para avisar do perigo de ataque dos piratas berberiscos.

É durante o reinado de Filipe II cando Miguel de Cervantes visita varias veces a cidade e lle dedica un coñecido poema.

Con isto pouco a pouco, cheguei ao porto / a quen os de Cartago deron nome, / pechado a todos ventos e encuberto. / A cuxo claro e sen igual renome / se prostran cantos portos o mar baña, / descobre o sol e navegou o home... /
Miguel de Cervantes, Viaxe ao Parnaso

Durante o século XVII, o porto de Cartaxena perde importancia debido ao auxe dos portos atlánticos, en contacto con América. Experiméntase unha certa recuperación durante o reinado de Carlos II, durante o cal o centro da península comeza un lento declive en beneficio da periferia.

A cidade baixo os Borbóns[editar | editar a fonte]

Muralla da época de Carlos III.

Cartaxena experimentou unha grande recuperación co estabelecemento da dinastía dos Borbóns no século XVIII. Cartaxena convértese na capital do Departamento Marítimo do Mediterráneo. Resulta fundamental para a historia da cidade o traslado das Reais Atarazanas desde Barcelona ao Arsenal de Cartaxena, un feito que supuxo unha gran engalaxe na medra demográfica debida á gran cantidade de man de obra que se requiría para a construción naval. Constrúense numerosas obras de carácter militar: os castelos de Galeras, San Julián, a Atalaya e dos Moros, unhas novas murallas con tres monumentais portas (hoxe desaparecidas), un grande hospital militar e cuarteis, todas obras de importantes enxeñeiros militares como Sebastián de Feringán ou Mateo Vodopich.

No marco das tendencias ilustradas da época, a cidade chegou a dispor dun xardín botánico, que lamentabelmente foi arrasado durante a guerra da Independencia.

Idade contemporánea[editar | editar a fonte]

No século XIX o acontecemento mais importante é a revolución cantonal que comezou o 12 de xullo de 1873, na que a cidade se ergueu contra o goberno central en defensa das teses federalistas. O alzamento de Cartaxena tivo grande relevancia pola importancia militar da cidade, que resistiu até que en xaneiro de 1874 as tropas do xeneral López Domínguez entraron na cidade. Durante o asedio mesmo se cuñou moeda. Durante a guerra civil española de 1936-1939 Cartaxena foi a única base naval que ficou baixo control da República, e a última cidade en caer en mans dos sublevados, o 31 de marzo de 1939. Actualmente Cartaxena forma parte da comunidade autónoma da Rexión de Murcia, e é sede da Asemblea Rexional.

Cartaxena na arte[editar | editar a fonte]

A clemencia de Escipión. Cadro de Sebastiano Ricci na Royal Art Colection de Londres.

A clemencia de Escipión, tamén chamada A continencia de Escipión é o relato lendario e mitolóxico da toma da cidade de Cartago Nova polo xeral romano Escipión o Africano, narrado polos historiadores Polibio e Tito Livio, e que se converteu nun dos temas preferidos da poesía, a literatura, a escultura e a ópera de tema histórico do renacemento e o barroco.

Existen polo menos 19 óperas que narran a toma de Carthago Nova por Escipión, algunhas de autores tan destacados como Händel, Johann Christian Bach, Baldassare Galuppi , Antonio Caldara, Tomaso Albinoni ou Francesco Cavalli. En pintura destacan os cadros deste asunto de Pinturicchio, Anton van Dyck,Nicolas Poussin e Gianbattista Tiepolo, entre outros.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]