Publio Cornelio Escipión o Africano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Publius Cornelius Scipio Africanus Maior, nado en -236 e finado en -183, foi un famoso xeneral e político romano. É máis coñecido por derrotar a Aníbal e por isto é chamado Escipión o Africano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Posúe o mesmo nome có seu pai pero é alcuñado o Africano. É mencionado por primeira vez como participante na batalla de Ticino. Despois de morrer seu pai e seu tío en Hispania, Publio Cornelio Escipión marchou á Península Ibérica para impedir un ataque de Aníbal. Chegou a finais do 210 a.C. e conquistou cun ataque sorpresa Qart Hadash, cidade que foi rebautizada como Cartago Nova (Cartagena), que era a base de operacións dos cartaxineses en Hispania. Nos seguintes tres anos expulsou os cartaxineses e fíxose co control político e territorial.

Anos máis tarde, tras moitos esforzos, convenceu ó senado para invadir Cartago e desenbarcou en África no 205 a.C. aproximadamente. No 202 obtivo unha esmagadora vitoria sobre Aníbal na batalla de Zama, lugar situado preto do pobo de Naraggara. Esta derrota marcou o final da Segunda Guerra Púnica. Aníbal fuxiu da cidade co permiso do goberno cartaxinés.

Máis de 10 anos despois, en Asia, venceu ó rei Seléucida Antíoco III. Ó regresar a Roma os seus inimigos acusárono de aceptar sobornos de Antíoco, pero foi absolto. Decidiu entón retirarse da vida pública e vivir na súa vila de Litercum. Morreu uns meses despois no 183 a.C. Escipión o Africano é considerado o xeneral romano máis importante antes de Xulio César.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Simon Hornblower e Tony Spawforth, "Diccionario del mundo clásico", OUP, Barcelona 2002