Mastia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cráter grego do poboado ibérico dos Netos, Cartagena. Mostra do troco comercial ibérico co oriente.

Mastia ou Massia de Tarse, é o nome dunha antiga tribo ibérica, pertencente á confederación tartésica, situada no sueste da península que tradicionalmente foi asociada á cidade de Cartagena.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira descrición da cidade de Mastia aparece na obra intitulada Ora Maritima, do poeta latino Rufo Festo Avieno, do século IV d.C., aínda que as súas fontes son moito máis antigas, do século VI antes de Cristo. A descrición que dela fai Avieno di desta maneira:

... Áchase entón o porto Namnatio que desde o mar abre a súa curva preto da cidade dos massienos. E no fondo do golfo érguense as altas murallas da cidade de Massia...

Non hai probas definitivas de que se refira á cidade de Cartagena, aínda que polo contexto e o resto de descricións de accidentes xeográficos que anteceden e seguen a estes versos, semella que poida referirse a esta cidade. Tamén houbo estudosos que localizaron Mastia nalgún lugar próximo a Mazarrón. Hai unha referencia a Mastia no tratado entre Roma e Cartago do ano 348 adC, como "Μαστια Ταρσειον" (Mastia dos Tartesios), que marcaba o lindeiro que podía atinxir Roma na Península Ibérica. Por Hecateo de Mileto sabemos que algunhas cidades dependían ou estaban baixo o ámbito de influencia de Mastia, así menciona:

- Sixos dos Mastienos. A única que con certa seguridade pode identificarse. Trátase de Sexi (a actual Almuñécar) A súa riqueza mineira, pesqueira e agrícola foi a causa de que o reino de Tartesos a mantivese na súa área de influencia.

Fundación de Qart Hadasht[editar | editar a fonte]

A primeira constancia da existencia de Cartagena refírese á fundación arredor do ano 227 adC. da cidade de Qart Hadasht ('Cidade Nova'), principal colonia cartaxinesa en Iberia, polo xeral cartaxinés Asdrúbal o Belo, xenro do xeneral Amilcar Barca.

A cultura tartésica estaba xa fortemente desarraigada pola influencia da cultura púnica, así que se supón que Asdrúbal simplemente refundiu e fortificou a cidade sobre a preexistente Mastia tartésica. A escavación arqueolóxica do nivel ibérico e cartaxinés preséntase moi difícil en Cartagena, xa que está solapado pola Carthago Nova romana que se construíu por riba.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]