Grévol
| Grévol | ||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Estado de conservación | ||||||||||||
|
||||||||||||
| Clasificación científica | ||||||||||||
|
||||||||||||
| Nome científico | ||||||||||||
| Tetrastes bonasia | ||||||||||||
O grévol (Tetrastes bonasia) é unha ave dos bosques que pertence á familia dos Fasiánidos (Phasianidae), e forma con especies coma o galo do monte (Tetrao urogallus) o grupo dos tetraónidos (Tetraoninae).
Índice |
Descrición [editar]
Ten aproximadamente o tamaño dunha perdiz: uns 35–36 cm de longo, e unha envergadura de alas duns 60 cm. A cor da plumaxe vai do gris ó castaño avermellado na parte superior, cun deseño branco e negro na parte inferior. O debuxo branco e negro aumenta cara á gorxa e alí toma un ton castaño vermello. A cola é relativamente longa e lixeiramente arredondada. Cando están excitados poden erguer as plumas da cabeza nun moño característico. A diferencia das femias, os machos amosan na época reprodutora unha mancha negra na gorxa.
Hábitat e distribución [editar]
Vive en áreas de bosque da taiga asiática e europea, pero tamén en bosques de folla caduca de Eurasia. A ausencia de zonas boscosas non explotadas polo home, pon en perigo as súas poboacións. En Centroeuropa aparece ata ós Alpes, as Ardenas, Lorena, os Vosgos, a zona francesa do Xura, e os Cárpatos. Hai en marcha proxectos para a súa reintroducción en zonas nas que habitou no pasado.
Bioloxía reprodutora [editar]
Son aves monógamas e territoriais. O cortexo ten lugar no outono; daquela formanse as parellas que poden continuar xuntas despois do inverno, aínda que o macho, fora da fecundación, non ten un rol importante na cría dos polos. Fan os niños no chan, ben agachados: entre pedras ou rocas, ó pé dunha árbore ou debaixo de árbores caídas, de xeito que esteñan ben protexidos dos depredadores, pero tamén da neve e a choiva. O niño mide uns 20 cm de diámetro. Poñen 4 ou 5 ovos nun período de 10 a 14 días. Chocan só as femias, que non comezan a fece-lo ata que a posta está completa. Cando se afasta do niño para alimentarse, a femia adoita tapa-los ovos con follas secas para mantelos quentes. Os pitos rompen a casca despois dunha incubación duns 25 días.
Os polos abandonan o niño de seguida, e comezan tamén moi axiña a moverse con axilidade polo entorno, procurando insectos. Na segunda semana de vida a súa dieta faise case exclusivamente vexetal. A femia permanece sempre preto dos polos durante os primeiros días, e durante todo o verao condúceos a lugares onde poden atopar alimentación abundante: ó primeiro zonas de vexetación relativamente baixa á beira de bosques ou prados, máis tarde a áreas onde poidan atopar baias. No outono, as familias sepáranse.
Dieta [editar]
Varía ó longo do ano. Os insectos son unha parte importante da alimentación dos polos. Os adultos comen, dependendo da estación, herbas, follas, xemas e baias.
O grévol e o home [editar]
O grévol foi e é unha peza de caza habitual nos territorios nos que abunda. A primeiros do século XX vendíanse nos mercados rusos uns cinco millóns de exemplares ó ano. Aínda hoxe é unha das pezas favoritas dos cazadores rusos. O poeta ruso Valdimir Maiakovskij escribiu no seu poema a Lenin: Comede ananases, disfrutade do grévol: Achégase o voso último día, burgueses."
Nomes noutras linguas [editar]
- Alemán: Haselhahn
- Español: Grévol
- Finés: Pyy
- Francés: Gélinotte des bois
- Inglés: Hazel grouse
- Italiano: Francolino di monte
- Neerlandés: Hazelhoen
- Noruegués: Jerpe
- Ruso: Obyknovennyi riabchik (Обыкновенный рябчик)
- Sueco: Järpe
Literatura [editar]
- Rudolf Suchant, A. Glockmann (Red.): Auerhuhn und Haselhuhn in einer mitteleuropäischen Kulturlandschaft. Ansatzpunkte, Perspektiven und Konflikte bei der Umsetzung von Schutzkonzepten. Beiträge der internationalen Fachtagung in Oberprechtal, Baden-Württemberg, vom 9. bis 12. Oktober 1997. Berichte Freiburger forstliche Forschung, Heft 2. Herausgegeben von der Forstwissenschaftlichen Fakultät der Universität Freiburg und der Forstlichen Versuchs- und Forschungsanstalt Baden-Württemberg. FVA, Freiburg im Breisgau 1998