Val de Arán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Val de Arán
Bandeira do Val de Aran Escut de la Vall d'Aran.svg
Localización da comarca en Cataluña.
Provincia Lleida
Capital Vielha
Maior cidade Vielha
Xentilicio (Catalán, Aranés), Aranès 
Xentilicio (Lingua castelá), Xentilicio (Galego) Aranés
Poboación (2005) 9.219 hab.
Área 620,47 km²
Densidade de poboación 14,55 hab./km²
Concellos 9
Terçons 6

O Val de Arán (en aranés: Val d'Aran, en catalán: Vall d'Aran) é un pequeno val (620,47 km²) e unha comarca localizada no noroeste da Cataluña. Limita ó norte coa Francia (departamento de Alta Garona), coa provincia aragonesa de Huesca ao suroeste, ao sur coa comarca catalá da Alta Ribagorça e ao leste coa do Pallars Sobirà. Conta cunha poboación de 10.295 habitantes (2009) e a súa capital é Vielha, onde se atopa o Consello Xeral de Arán.

Ten a súa lingua propia, o aranés, unha variedade occitana do grupo gascón, que é a lingua oficial xunto co catalán e o castelán.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A comarca toma o nome do val no que se atopa. A teoría máis difundida estabelece que Val d'Aran é, na realidade, un pleonasmo, xa que significaría "Val do Val" (Arán procede do antigo euskera haran, que tamén significa val). En aranés, a denominación Val d'Aran a miúdo aparece escrita como era Val d'Aran usando o artigo feminino como parte do nome. En catalán, denominaríase la Vall d'Aran e en castelán el Valle de Arán.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Constitue a única rexión de Cataluña que dispón de augas fluviais desembocantes no océano Atlántico: o río Garona nace no val e atravésao para ir desembocar no Atlántico despois de atravesar toda a Gascuña. Tamén ten unha pequena parte de bacía mediterránea, xa que o río Noguera Pallaresa nace a un centenar de metros do Garona, pero inicia o seu curso en dirección contraria. O 30% do territorio está por riba dos 2.000 metros de altitude. A comarca caracterízase polo clima atlántico, debido á súa orientación, moi distinta á doutros vales da área.

Divisións administrativas[editar | editar a fonte]

Concellos[editar | editar a fonte]

Mapa dos concellos de Val de Arán
Concello Poboación
(hab.)
Arres 65
Bausen 61
Bossòst 1.115
Es Bòrdes 241
Canejan 104
Les 944
Naut Aran 1.716
Vielha e Mijaran 5.385
Vilamòs 184


Terçons[editar | editar a fonte]

División do Val de Arán en terçons.

O Val de Arán está tamén divido en 6 terçons, que forman a división tradicional do val e son as circunscripcións electorais do Consello Xeral:

Economía[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente, a economía do val baseouse na gandaría e na explotación forestal.

Porén, na actualidade o turismo (tanto no inverno como no verán) é o motor da economía do val. Dous elementos por riba doutros favoreceron o turismo: a apertura do túnel de Vielha e a estación de esquí de Baqueira Beret. A mestura dos dous acontecementos fixo que unha comarca de antiga tradición pastoril se convertera nun importante foco de turismo e unha das rexións coa maior renda per cápita da Cataluña.

Historia[editar | editar a fonte]

Poboado desde a prehistoria como o resto de vales pirenaicos, o Val foi incorporado ao Imperio Romano. Non resulta claro cando, pero parece que cando Xulio César comeza a conquista da Galia, o alto val do Garona pertence xa ao imperio. A romanización penetraría a través dunha vía romana que, procedente de Tolosa, atravesaba o val e pasaba ao Pallars a través do porto da Bonaigua. A importancia da romanización próbana topónimos como Vielha e a presenza de lápidas e ronseis funerarios. Coa caída do imperio, os vales quedaron abandonados á súa sorte e sucédense uns séculos sen ningunha referencia ao Val.

As primeiras referencias concretas ao Val de Arán aparecen no século X no que o val aparece formando parte do Condado de Cominges (Comminges), que domina o alto Garona. En 1175, o val pasa a formar parte da Coroa de Aragón mediante o Tratado de Amparanza (ou Emperanza) asinado co rei Afonso I. No ano 1192 hai referencias da construción do Hospital de Vielha para lles dar acubillo aos viaxeiros.

O val muda de señor varias veces durante os séculos XII e XIII, sendo sucesivamente invadido polos franceses e recuperado pola Coroa de Aragón. En 1298, grazas ao convenio de Argelers, determinouse que o Val de Arán ficaría provisionalmente baixo a administración do Reino de Mallorca mentres as partes en conflito non chegasen a un acordo. Finalmente, en 1313 os araneses decidiron por votación popular a permanencia na Coroa de Aragón ao mesmo tempo que Xaime II lle outorgou ao Val de Arán o conxunto de privilexios denominado Era Querimònia, verdadeira carta magna de Arán, ratificada por todos os reis até Fernando VII.

En 1411, o Síndico de Arán ofreceu a unión libre e pactada de Arán cos condados cataláns, a cal foi aceptada polas cortes de Cataluña.

O Val de Arán foi asolado durante a Guerra de Secesión de Cataluña (1645), ao se manter fiel ao rei Filipe IV. Máis tarde, móstrase partidario de Filipe de Anjou durante a Guerra de Sucesión Española, polo que o Decreto de Nova Planta de 1716, que suprimiu as institucións políticas dos reinos da Coroa de Aragón, non afectou ao réxime político-administrativo do Val de Arán, de forma que este non foi incorporado a ningún dos novos correxementos en que se dividiu Cataluña. Filipe V mesmo dispensa o Val do uso do papel selado.

Parte da invasión napoleónica de España prodúcese polo porto de Vielha (1810) e Napoleón incorpora o Val ao departamento francés da Alta Garona. Tras a caída de Napoleón, o Val é devolto á coroa española en 1815. En 1833, durante a rexencia de María Cristina de Borbón, e en plena Primeira Guerra Carlista, suprímense as institucións tradicionais aranesas e inclúese o Val de Arán no novo réxime administrativo xeneral de España, incluíndoo na recentemente creada provincia de Lleida.

O século XX mostra tres feitos significativos para o Val de Arán:

  • A apertura de comunicacións co resto de España. Durante o inverno, o Val de Arán ficaba incomunicado. O primeiro fito foi a construción da estrada do porto da Bonaigua, inaugurada en 1924, a cal permitiu a comunicación con Cataluña. O segundo foi a construción do túnel de Vielha. Aínda que os primeiros proxectos se elaboran no ano 1832 por enxeñeiros franceses, o túnel non foi inaugurado até o ano 1948, permitindo o paso de circulación normal en 1965. Despois de cinco anos de obras e cun custe de máis de 200 millóns de euros, o 4 de decembro de 2007 entrou en servizo o novo túnel, co nome do rei Xoán Carlos I de 5.230 m. O novo túnel dispón de tres carriles de circulación, dous en sentido Vielha-Lleida e un en sentido Lleida-Vielha, ademais de galerías de conexión co antigo. En canto a medidas de seguridade, dispón de 12 refuxios, 25 nichos de seguridade, outros 25 de incendios e outros tantos de drenaxe, ademais de un sistema de "diluvio" para extinción de incendios, postes SÓS, circuíto cerrado de televisión, catro radares fixos, megafonía e radiocomunicacións.
  • A invasión do Val de Arán por guerrilleiros antifranquistas españois (baixo dirección comunista) desde Francia en 1944 ("Operación Reconquista de España"). A intención destes guerrilleiros, na seu maior parte veteranos da guerra civil española e a Resistencia francesa, era renovar a guerra en España estabelecendo unha cabeza de ponte en territorio español, na crenza de que, unha vez comezada esta, os aliados os axudarían a derribar o goberno de Francisco Franco. O 19 de outubro de 1944 uns tres mil homes penetran no val. Con todo, a falta de apoio popular, o feito de que o goberno español estivese ao tanto dun posíbel ataque e a carencia de armamento pesado impídenlles tomar Vielha ou o porto da Bonaigua, de forma que as tropas franquistas rexeitan facilmente a invasión. O 27 de outubro iníciase a retirada do que foi o último intento de derrotar a Franco pola forza. Segundo os datos oficiais, na Operación Reconquista morreron 129 guerrilleiros, 214 catorce foron feridos e 218 feitos prisioneiros, dos que a unha boa pate lle foi aplicada a pena de morte.
  • A recuperación parcial dos privilexios e foros do Val de Arán. Durante a Segunda República española apareceron novas demandas da restauración do Conselh Generau d'Aran. O Centre Aranés constituído pola elite aranesa residente en Barcelona pediu formalmente nunha carta dirixida ao presidente da Generalitat de Cataluña que o Estatuto de Autonomía, que se estaba redactando naqueles momentos, contemplase a restauración do Conselh Generau d'Aran e a restauración dalgúns privilexios históricos. A Guerra Civil española e a ditadura de Franco acabaron con calquera intento de restauración da autonomía aranesa. Non foi até 1990, mediante a Lei 16/1990, de 13 de xullo, sobre o réxime especial do Val de Arán (desenvolvemento da disposición adicional primeira do Estatuto de Autonomía de Cataluña) que se restauraron parte dos dereitos históricos do Val de Arán. Así, restabeleceuse o Conselh Generau d'Aran e o Síndic d'Aran como principais institucións da organización administrativa propia do Val de Arán, así como a oficialización do aranés.

Linguas[editar | editar a fonte]

Usos lingüísticos no Val de Arán[1]
Castelán Aranés Catalán Outros
Lingua materna 37,3% 22,4% 14,6% 7,6%
No fogar (de forma exclusiva) 35,3% 25,8% 13,0% s/d
No fogar (con outras linguas) 50,7% 40,3% 24,6% 3,8%
No traballo (de forma exclusiva) 30,8% 9,2% 7,9% s/d
No traballo (con outras linguas) 63,1% 34,6% 43,9% 1,8%

O Val de Arán é o único lugar onde unha variedade do occitano (o aranés), falado tamén no sur de Francia, é lingua oficial. O aranés é cooficial xunto co catalán e o castelán en toda a comunidade autónoma de Cataluña segundo o seu Estatuto de Autonomía, aínda que só é falado neste val. Até 2006 o aranés era oficial unicamente no Val de Arán.

Como lingua materna o castelán é a lingua que progresivamente gañou terreo nos últimos anos. De 2001[1] a 2008[2] o castelán pasou de ser a lingua materna do 38,8% a ser a do 37,3%, mentres que o catalán retrocedeu do 19,4% ao 14,6% e o aranés do 34,2% ao 22,4%.

O castelán é tamén a lingua máis falada pola poboación local no fogar e no traballo, aínda que unha porcentaxe importante utiliza o aranés e, en menor medida, o catalán.

Flora e fauna[editar | editar a fonte]

Tenreira nos arredores de Bagergue.

As vertentes das montañas, entre os 1000 e os 2000 metros, están cubertas de bosques. Nas zonas de menor altitude crecen piñeiros silvestres e faias, os cales dan paso aos abetos e aos piñeiros negros nas zonas de maior altitude. Por encima da zona forestal existen prados alpinos.

As especies do Val de Arán que están en perigo de extinción, con programas de reintroducción ou de protección e conservación son:

Gastronomía[editar | editar a fonte]

A climatoloxía do Val de Arán inflúe directamente na súa cociña. Os rigores invernais fan necesario unha alimentación consistente. Son típicas as sopas, os estufados e a chamada pota aranesa. O postre máis característico son os crepes, tamén chamados en aranés: crespets, brescajus ou pasteres, segundo o lugar do val. Tamén se utilizan moito os produtos da terra como carnes de ovino e bovino e froitos do bosque.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Val de Arán

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]