Cuarto de dólar da Liberdade en pé

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cuarto dólar da Liberdade en pé [1][2][3]
A/: A Liberdade en pé, ollando cara a esquerda, cun peito descuberto, sostendo un escudo coa esquerda e unha póla de oliveira coa dereita; 13 estrelas aos lados. Marca de gravador (M). Data no exego.

Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST

R/: Aguia en voo cara á dereita coas ás despregadas. 13 estrelas.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / QUARTER DOLLAR.

O cuarto de dólar da Liberdade en pé (en inglés: Standing Liberty quarter) é unha moeda estadounidense dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1916 e 1930. Sucedeu a moeda correspondente da serie Barber, cuñada desde 1892. A moeda foi deseñada polo escultor estadounidense Hermon Atkins MacNeil, e amosa a deusa da Liberdade no anverso e unha aguia en voo no reverso.

En 1915, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Robert W. Woolley, iniciou os trámites para substituír as moedas de prata de dez centavos, dun cuarto de dólar e de medio dólar da serie Barber, xa que cría, erroneamente, que a lei esixía novos deseños. MacNeil presentou para tal propósito un deseño militarista que amosaba a Liberdade en garda contra un ataque. A Casa da Moeda exixiulle a MacNeil modificacións do deseño inicial, e este presentou unha versión revisada que incluía golfiños para representar os océanos. A finais de 1916, os responsables da Casa da Moeda introduciron novos cambios importantes no deseño sen consultar a MacNeil, e o escultor queixouse logo de recibir os exemplares xa cuñados da nova emisión, en xaneiro de 1917.

Así as cousas, a Casa da Moeda promoveu unha lei especial que lle permitiu a MacNeil redeseñar a moeda ao seu gusto, e un dos cambios introducidos polo escultor foi a adición dunha cota de malla que cubría o peito da Liberdade, que na primeira versión estaba espido.

Nas moedas postas en circulación, a data da moeda acabou por borrarse axiña, polo que os gravadores da Casa da Moeda axustaron o deseño en 1925 para solucionar o problema.

Finalmente, en 1931 deixouse de cuñar esta moeda e en 1932 o Congreso aprobou no canto dela o coñecido como cuarto de dólar Washington, co perfil do primeiro presidente estadounidense, para celebrar o bicentenario do seu nacemento.

Antecedentes e inicio[editar | editar a fonte]

O 26 de setembro de 1890, o Congreso dos Estados Unidos aprobou unha lei que dispuña:[4]

O director da Casa da Moeda terá poder, coa aprobación do secretario do Tesouro, para facer que se preparen e se adopten novos deseños [...] Pero non se poderá cambiar o deseño nin o cuño de ningunha moeda máis dunha vez cada vinte e cinco anos a partir do ano da primeira adopción do deseño incluído. [...] Así e todo, o director da Casa da Moeda terá a facultade, coa aprobación do secretario do Tesouro, de contratar temporalmente os servizos dun ou máis artistas, distinguidos nos seus respectivos departamentos de arte, que serán pagados polo devandito servizo da asignación continxente para a Casa da Moeda en Filadelfia.

A serie Barber. consistente en moedas de prata de dez centavos, dun cuarto de dólar e de medio dólar, con deseños similares do gravador xefe da Casa da Moeda Charles E. Barber, introducírase en 1892.[5] Logo da súa posta en circulación,[6] aquela serie suscitara un considerable descontento entre a poboación,[7] e a partir de 1905, as sucesivas administracións presidenciais intentaran achegar deseños máis modernos e estéticos ás moedas dos Estados Unidos.[8] Despois do redeseño das moedas de ouro entre 1907 e 1908, e tamén das moedas dun centavo e de 5 centavos de cuproníquel de 1909 e 1913, respectivamente, os defensores da substitución das moedas da serie Barber comezaron a facer presión polo cambio cando expirou o prazo mínimo das moedas en circulación, en 1916. Xa en 1914, Victor David Brenner, deseñador do centavo Lincoln, presentara deseños non solicitados para esas moedas de prata, ao que daquela se lle respondera que o secretario do Tesouro, William G. McAdoo, estaba completamente ocupado con outros asuntos.[9]

O 2 de xaneiro de 1915, apareceu unha entrevista co superintendente da Ceca de Filadelfia, Adam M. Joyce, no xornal Michigan Manufacturer and Financial Record:[10]

Polo que eu sei [...] non se pensou en emitir novas moedas dos valores de 50 centavos, 25 centavos e 10 centavos. No entanto, se se fai un cambio, todos esperamos que se produzan moedas máis útiles e satisfactorias que as recentes de 10 dólares e de 20 dólares de Saint-Gaudens, e as de 2,5 e de 5 dólares de Bela Pratt. Os 5 centavos buffalo e o centavo Lincoln tamén son defectuosos desde un punto de vista práctico. Todo iso débese ao desexo do Goberno de cuñar moedas que satisfagan os artistas e non os cuñadores prácticos.
O superintendente da Ceca de Filadelfia, Adam M. Joyce, criticou o centavo Lincoln e outras novas emisións por considerar que ofrecían dificultades para a cuñaxe (na imaxe, Joyce nunha plaqueta gravada por George T. Morgan).

En xaneiro de 1915, o subsecretario do Tesouro, William P. Malburn envioulle, a McAdoo un informe sobre a cuñaxe de moeda subsidiaria de prata, no que se sinalaba: "o medio dólar, o cuarto de dólar e a moeda de dez centavos de prata actuais cambiáronse en 1892, polo que se pode adoptar un novo deseño en 1916. Isto pódese facer en calquera momento do ano".[11] En resposta, McAdoo escribiu do seu puño e letra sobre o informe: "Que a Casa da Moeda presente deseños antes de que probemos con ninguén máis".[12]

En abril de 1915, Robert W. Woolley asumiu o cargo como novo director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, e o 14 dese mesmo mes pediulle ao superintendente da Ceca de Filadelfia, Joyce, que lle solicitase ao gravador xefe Barber —quen levaba 36 anos no cargo— que preparase novos deseños. O mesmo día, o subsecretario Malburn solicitou o ditame do procurador do Departamento do Tesouro acerca da opinión da Casa da Moeda de que podía cuñar novos deseños para as tres moedas de prata en 1916. O 17 de abril, a Oficina do Procurador respondeu que a Casa da Moeda podía cambiar os deseños.[13] Nese momento, a Casa da Moeda estaba intensamente ocupada producindo a emisión de moedas conmemorativas da Exposición Panamá-Pacífico, e non se tomaron medidas inmediatas.[12] En outubro, Barber foi convocado a Washington para discutir os deseños das moedas con Woolley, aínda que non se sabe con certeza se xa tiña preparados daquela algúns esbozos para a nova cuñaxe.[13]

O 3 de decembro de 2015, Woolley reuniuse coa Comisión de Belas Artes dos estados Unidos e pediu que esta institución vise os esbozos elaborados polo departamento de gravado da Casa da Moeda. Barber estivo presente para lles explicar o proceso de cuñaxe aos membros da Comisión, e Woolley suxeriulles que, se non lles gustaba o traballo da Casa da Moeda, seleccionasen escultores que presentasen deseños alternativos para as novas pezas. A intención de Woolley era ter deseños distintos para cada unha das tres moedas que compuñan a serie Barber, xa que anteriormente as tres eran moi semellantes.[14] O director informou a Comisión de que, como a moeda existente levaba 25 anos en uso, cumpría cambiala, algo que o historiador numismático David Lange cualifica de "interpretación errónea das leis da moeda", xa que a lei unicamente dicía que era posible cambiala, mais non obrigaba.[15]

Á Comisión non lle gustaron os esbozos da Casa da Moeda, presentados por Barber,[16] e seleccionou os escultores Adolph Weinman, Hermon MacNeil e Albin Polasek para presentaren as propostas para as novas moedas. Cada escultor podía presentar varios esbozos. Aínda que a Casa da Moeda podía decidir utilizar un deseño nunha moeda non prevista polo seu escultor, os deseños non eran totalmente intercambiables, xa que por lei, no reverso do cuarto de dólar e do medio dólar debía aparecer necesariamente unha aguia, e esta non podía reproducirse na moeda de dez centavos. Woolley esperaba que cada escultor tivese éxito cunha soa moeda.[17]

O director da Casa da Moeda, Robert W. Woolley , avogou pola fin da serie Barber, aínda que entendeu erroneamente que era obrigatorio substituíla (na imaxe, nunha medalla deseñada por George T. Morgan).[18]

Os tres escultores presentaron os seus respectivos esbozos do deseño a mediados de febreiro, e o 23 dese mes reuníronse con Woolley en Nova York para que os artistas puidesen facerlle presentacións do traballo e responder ás súas cuestións. Logo das conversas entre o director da US Mint Woolley e o secretario do Tesouro McAdoo, o 28 de febreiro notificóuselle a Weinman que resultaran seleccionados cinco dos seus esbozos: o dos dez centavos, o do medio dólar e o do reverso do cuarto de dólar. Ese mesmo día, Woolley escribiu a MacNeil para lle comunicar que el se encargaría do anverso do cuarto de dólar, e a Polasek para o informar da súa falta de éxito.[19] Mais os membros da Comisión convenceron a Woolley de que non se lle debía confiar tanto a un só artista, polo que finalmente se lle permitiu a MacNeil deseñar ambas as faces do cuarto de dólar, sempre que o escultor realizase un deseño satisfactorio para Woolley.[20]

O 3 de marzo de 1916 anunciáronse publicamente os deseños. No anuncio, o Tesouro sinalou que "os deseños destas moedas deben cambiarse por lei cada 25 anos, e o actual período de 25 anos termina en 1916". O comunicado de prensa indicaba que o Tesouro esperaba que a produción das novas moedas comezase nuns dous meses, logo de finalizados os deseños. O mesmo día, Woolley escribiulle a Barber, gravador da Casa da Moeda, para lle comunicar que os esbozos que el propuxera inicialmente foran rexeitados e que os modelos de Weinman e MacNeil chegarían á Ceca de Filadelfia a máis tardar o 1 de maio.[21] Segundo o historiador numismático Walter Breen, Barber amosouse "malhumorado e nada cooperador".[22] Lange indica que se produciron "numerosos atrasos á medida que os artistas afinaban os seus modelos e, ao mesmo tempo, evitaban os obstáculos que Barber lles ía pondo no camiño; aínda que as súas observacións sobre moitos aspectos da cuñaxe práctica eran bastante acertadas, é evidente que poderían terse presentado dun xeito máis construtivo".[23] No seu libro sobre as moedas de dez centavos Mercury, Lange sinala que Barber, que daquela tiña 75 anos, se vira "obrigado nos últimos dez anos a participar na destrución sistemática dos logros de toda unha vida", xa que tivo que participar no proceso que deu lugar a que as moedas deseñadas por outros substituísen as creadas por el.[24]

Cos novos deseños, todas as moedas estadounidenses recibiran un cambio recente, xa que a moeda dun dólar non se estaba a cuñar naquela época.[25] Segundo unha columna publicada na revista The Art World máis tarde, en 1916:[26]

Desde aquel momento [o século XIX] producíronse moitos progresos artísticos na nosa moeda. Empregáronse escultores de sona con resultados admirables [...] E agora imos ter un novo medio dólar e unha nova moeda de dez centavos de Weinman, e unha nova moeda dun cuarto de dólar de McNeill [sic]. En conxunto, en retrospectiva, parece un logro incrible.

Deseño[editar | editar a fonte]

Doris Doscher, alcumada "A rapaza do cuarto de dólar".[27]

A identidade da modelo do anverso do cuarto de dólar é incerta. Xa en maio de 1917 dixérase que a modelo da Liberdade era Doris Doscher, que máis tarde se convertería en actriz de cine mudo co nome artístico de Doris Doree. Esta tese foi aceptada así durante moitos anos. Doscher, que morreu en 1970 aos 88 anos, chegou a ser coñecida como "A rapaza do cuarto de dólar".[27] En 1972, un cuarto de século despois da morte de MacNeil, os xornais informaron de que a modelo real era a actriz de Broadway Irene MacDowell, que naquel momento tiña 92 anos —finou o ano seguinte— e cuxo nome se tería ocultado porque o seu home —un dos compañeiros de tenis do deseñador MacNeil— o desaprobaba. Nun artigo publicado na edición de decembro de 2003 de The Numismatist, Timothy B. Benford suxire que a presumible ocultación foi para enganar a muller de MacNeil, que vía a MacDowell como unha potencial rival sentimental. En 1982, o viúvo de Doscher declarou que, malia a afirmación de MacDowell, a súa muller fora a que posara para a moeda dun cuarto de dólar.[28][29]

MacNeil presentou dous deseños para o anverso, o que foi escollido e outro que amosaba unha representación da Liberdade de pé ollando cara á dereita, que máis tarde volvería presentar modificado no concurso de deseño para o Dólar da Paz de 1921, tamén sen éxito. No deseño rexeitado, a Liberdade de MacNeil inclínase cara a adiante, cunha póla de oliveira estendida na man esquerda, pero coa man dereita sostendo a empuñadura dunha espada. Segundo Roger W. Burdette, o deseño pretendía enviar aos belixerantes da primeira guerra mundial a mensaxe de que os Estados Unidos querían a paz, mais estaban dispostos a loitar.[30]

O anverso aceptado de MacNeil é só lixeiramente menos militarista; a súa Liberdade olla á dereita do espectador —o leste heráldico— en dirección á guerra europea, e o seu escudo apunta tamén nesa dirección. Sostén unha póla de oliveira, en tanto que atravesa unha porta nun muro no que está inscrito o lema nacional IN GOD WE TRVST ("En Deus confiamos"), co "U" de trust en forma de "V".[31] MacNeil afirmou que o anverso representaba a Liberdade "dando un paso adiante na defensa da paz como o seu obxectivo final".[32] Segundo o historiador da arte Cornelius Vermeule, "a Liberdade preséntase como a Atenea dos frontóns do Partenón, unha muller poderosa que avanza a grandes zancadas",[25] e afirma que, agás polas barras e as estrelas do seu escudo, "todo o demais desta amazona lembra a escultura grega do período abranguido entre Fidias e Praxíteles, de 450 a 350 a. C.".[33] A Liberdade de MacNeil utilizouse tamén como primeiro logotipo de Columbia Pictures Corporation, desde 1924 ata 1927, aínda que co cabelo algo máis longo.[34]

Vermeule suxeriu que a aguia en voo do reverso é simplemente a do dólar Gobrecht de 1836, que se ve voando de esquerda a dereita en lugar de ao revés, como na peza anterior. Vermeule aplaudiu o cambio introducido no reverso en 1917, xa que o facía menos recargado. Vermeule sinalou que o reverso marcou o principio da fin —polo menos naquela época— das representacións naturalistas das aguias nas moedas estadounidenses, e afirmou en 1970 que as posteriores a 1921 tenderían a presentar un aspecto heráldico.[35]

Preparación[editar | editar a fonte]

O deseñador da moeda, Hermon Atkins MacNeil, nunha foto tomada cara a 1907.[36]

Nunha carta a Woolley ao deseñador MacNeil, prometera "intentar producir algo que lle sexa útil".[32] O escultor recibira a adxudicación do reverso do cuarto de dólar só provisionalmente, e preparou unha serie de estudos para o reverso para llos amosar a Woolley cando visitase o seu estudio en College Point, Nova York. Nese momento, Woolley seleccionou un reverso similar ao que finalmente se cuñou, que amosaba unha aguia en voo, coas súas ás estendidas e representadas case na súa totalidade. Entre outros deseños que se lle amosaron a Woolley había outros de aguias similares, mais desde ángulos diferentes.[37]

O calendario orixinal da Casa da Moeda establecía que os deseñadores das tres novas moedas debían completar os seus modelos antes do 15 de abril de 1916, o que permitiría iniciar a produción das novas pezas cara ao 1 de xullo. Mais a Casa da Moeda revisou o prazo de entrega e cambiouno ao 1 de maio, o que resultou optimista, xa que MacNeil non presentou os seus modelos, en forma de moldes de bronce, ata o 18 de maio. Así e todo, foi máis rápido que Weinman, que non enviou o derradeiro dos seus moldes á Casa da Moeda ata o 6 de xuño.[38] Woolley aprobou formalmente os deseños do cuarto de dólar nunha carta datada o 23 de maio de 1916.[39] Malia os atrasos, a Casa da Moeda intentou cumprir a data de inicio do 1 de xullo.[38]

O 21 de xuño, Woolley escribiu ao superintendente de Filadelfia Joyce:[40]

Cumprirá refacer o modelo do anverso do medio dólar e o Sr. Weinman infórmame de que xa está a traballar niso. O mesmo ocorre co cuarto de dólar. Tanto o reverso do cuarto de dólar como o do medio dólar, tal e como se amosa nas moedas cuñadas a partir dos cuños puídos, é satisfactorio [...] Todas as persoas ás que se lles amosaron as moedas pensan que son fermosas.

Non se ten constancia das obxeccións de Woolley ao anverso do cuarto de dólar, mais o autor numismático Roger Burdette suxire que a súa principal preocupación era que, cando se cuñaran as moedas das probas experimentais en xuño, o anverso aparecía co aspecto de que as pezas xa estivesen gastadas. A finais de xuño, Woolley autorizou a MacNeil a seguir a traballar no seu deseño e, a mediados de agosto, entregou un anverso revisado con detalles diferentes do orixinal. O lema IN GOD WE TRSUT figuraba na faixa que suxeitaba a Liberdade, un complexo motivo de cadeas rodeaba o deseño, e dous golfiños —símbolo dos océanos Atlántico e Pacífico— estaban aos pés da Liberdade. O escudo da Liberdade levaba unha aguia, no canto das barras e as estrelas. O secretario do Tesouro McAdoo aprobou inmediatamente os cambios de deseño, o 19 de agosto.[41]

Nos seis meses de Friedrich Johannes Hugo von Engelken como director da Casa da Moeda dos EEUU xurdiron problemas co cuarto de dólar da Liberdade en pé (na imaxe, nunha medalla deseñada por George T. Morgan).[42]

O 18 de xullo, Woolley escribiu a un xornalista numismático que as novas moedas dun cuarto de dólar comezarían a cuñarse o 1 de setembro.[38] No momento desa carta, dimitira como director da Casa da Moeda para se converter en xefe de publicidade da campaña de reelección do presidente Woodrow Wilson, e Fred H. Chaffin pasou a ser o novo director en funcións. O 18 de agosto, Wilson nomeou como sucesor de Woolley, a Friedrich Johannes Hugo von Engelken, que foi confirmado de camiño polo Senado. Un dos primeiros actos de von Engelken como director da Casa da Moeda foi informar a MacNeil da aceptación por parte de McAdoo dos cambios no deseño, e comunicoulle que podía colocar a súa marca persoal —un "M" pequeno— na moeda, que aparece na parede, á dereita dos dous chanzos baixos polos que descende a Liberdade no anverso. Os moldes de bronce foron realizados pola Medallic Art Company; o 6 de setembro, MacNeil escribiu a von Engelken para lle dicir que axiña se enviarían á Ceca de Filadelfia.[41]

Para daquela, a Casa da Moeda experimentara considerables dificultades para iniciar a produción tanto da moeda de dez centavos como da de medio dólar. Coa esperanza de evitar problemas similares co cuarto de dólar, os responsables da Casa da Moeda decidiron reexaminar os deseños de MacNeil e, posteriormente, axustalos. Cuñáronse varios modelos de proba e von Engelken decidiu abandonar a versión con golfiños. A mediados de outubro cuñáronse novas probas cunha versión modificada do anverso orixinal de MacNeil. No reverso, a aguia rebaixouse de posición e o par de pólas de oliveira que a enmarcaban substituíuse por estrelas.[43] Segundo Burdette, ao facer cambios importantes no deseño sen consultar o deseñador, os funcionarios da Casa da Moeda "duplicaran versións de deseño xa rexeitadas por MacNeil, desperdiciaran o tempo do Goberno, allearan un dos mellores escultores do país e bastardearan flagrantemente a creatividade artística".[44]

MacNeil, que non tiña nin idea de que a Casa da Moeda estaba a cambiar os seus deseños, solicitou permiso para visitar esa institución o 24 de outubro para discutir a conversión dos seus modelos aprobados en moedas reais. Chaffin —outra vez novo director en funcións, brevemente, en ausencia de von Engelken— negouse a pagarlle a viaxe, e MacNeil non acudiu. Segundo Burdette, "a acción aforroulle ao Goberno menos de 20 dólares en outubro, pero puido ter costado moitas veces esa cantidade antes de que se aceptase o deseño revisado do cuarto de dólar o ano seguinte".[45]

Von Engelken viu moedas de proba máis ou menos por esas datas. Puxo obxeccións a dúas follas da póla de oliveira no anverso que se achaban dentro do ángulo do "L" de LIBERTY e pediu que se eliminasen, o que así se fixo. O director da Casa da Moeda reuniuse daquela co secretario McAdoo para ver as moedas cuñadas cos cuños modificados. McAdoo pensou que a figura da Liberdade non quedara ben gravada, pero von Engelken convenceuno de que non se podía cambiar sen unha demora considerable. Decidiron que a Casa da Moeda podía facer o escudo máis claro e aprobaron o deseño con esa instrución. Ante a imposibilidade de realizar o cambio a tempo para cuñar moedas en 1916, von Engelken deu instrucións a Joyce para que, a partir de 1917, a figura da Liberdade fose máis nítida. Cando por fin se fixeron os cuños, o ano 1916 case rematara, e só se cuñaron 52.000 moedas dun cuarto de dólar.[46] Isto fíxose para deixar constancia de que o deseño de Barber fora substituído no vixésimo quinto ano, como os responsables da Casa da Moeda crían que era preceptivo.[47]

Modificación[editar | editar a fonte]

Detalle da estatua de MacNeil "Desenvolvemento Intelectual", que leva unha vestimenta similar ao da Liberdade no cuarto de dólar da Liberdade en pé.

A finais de 1916, a Casa da Moeda estaba moi ocupada, primeiro afinando o deseño que se utilizaría en 1917 e despois preparando cuños para comezar a cuñar os novos cuartos de dólar a grande escala cando comezase o novo ano.[44]

Os responsables da Casa da Moeda esperaban non ter que cuñar ningunha peza da anterior serie Barber en 1916, pero finalmente víronse na obriga de facelo en grandes cantidades para satisfacer a necesidade de circulante.[48] Logo de cuñados os novos cuartos de dólar, temendo que as novas pezas fosen acaparadas —sinaladamente a emisión de baixa tiraxe de 1916, polo coleccionismo—, von Engelken ordenou que non se puxesen pezas en circulación sen a súa orde. Así e todo, puxéronse ao dispor dos responsables da ceca e de destacados numismáticos pequenas cantidades das novas moedas dun cuarto de dólar de 1916. O escultor MacNeil, que non tivera noticias da Casa da Moeda sobre as súas moedas desde a aceptación formal do seu deseño dos golfiños, leu nun xornal a principios de xaneiro que a Casa da Moeda estaba empezando a cuñar as moedas cos seus deseños. Entón escribiu a von Engelken o 6 de xaneiro, xuntando un xiro postal de 5 dólares, e a cambio enviáronlle 20 exemplares da nova moeda. Despois de ver o que a ceca fixera cos seus deseños, MacNeil escribiu novamente a von Engelken, para criticar a natureza artística dos cambios en termos tan contundentes que o director da Casa da Moeda mantivo o seu bloqueo da posta en circulación das moedas. O escultor sinalou, por exemplo, que a posición máis baixa da aguia facía que esta parecese estar a piques de aterrar, coas gadoupas nunha posición que só se adopta a gran altura. Von Engelken temía que se as obxeccións do escultor se facían públicas e non se arranxaban, a Casa da Moeda ficaría exposta ao ridículo. MacNeil visitou a Ceca de Filadelfia e o seu departamento de gravado o 10 de xaneiro. Non hai rexistros da súa visita, mais von Engelken telefonou desde Washington a Filadelfia ese mesmo día para se asegurar de que os novos cuartos de dólar non saísen da Casa da Moeda.[44]

Logo de recibir a carta de MacNeil, von Engelken consultou co escultor e membro da Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, Herbert Adams, e tamén co presidente da Comisión, Charles Moore. Von Engelken acordou que o deseño do cuarto de dólar podería modificarse para satisfacer os desexos de MacNeil. Aínda que non se coñece correspondencia ningunha, parece que o director da Casa da Moeda e o escultor falaron por teléfono durante os días seguintes, xa que o 17 de xaneiro von Engelken enviou ao secretario do Tesouro McAdoo unha carta na que lle pedía discreción para permitir a MacNeil modificar o deseño. McAdoo convocou a MacNeil a Washington para unha reunión e ordenou a von Engelken que lle proporcionase todas as facilidades e a axuda que precisase na Ceca de Filadelfia, xa que von Engelken tiña a intención de que o novo deseño correse a cargo do escultor.[49]

O 17 de xaneiro de 1917, a Casa da Moeda puxo en circulación os primeiros cuartos de dólar da Liberdade en Pé, datados en 1916 e en 1917.[50] O 30 de xaneiro, von Engelken deu instrucións a Joyce para que lle ofrecese todas as facilidades a MacNeil, e díxolle ao superintendente da Casa da Moeda: "procura que o Sr. Barber garde as súas obxeccións en tanto que o Sr. MacNeil estea alí". George T. Morgan, que traballara ás ordes de Barber durante os 37 anos de mandato do gravador, foi asignado para axudar a MacNeil.[49]

Tipo II
Logo das modificacións de 1917, o peito da Liberdade aparece cuberto, e hai tres estrelas por baixo da aguia do reverso.

MacNeil esperaba tomar o que consideraba os mellores elementos das dúas versións do anverso que foran aceptadas pola Casa da Moeda o ano anterior. A figura da Liberdade tomaríase da segunda versión; todos os demais elementos procederían da primeira. Non se introduciría ningún cambio no peito dereito espido da Liberdade, pero oss golfiño non recuperarían o seu lugar. Porén, dada a tecnoloxía de gravado da época, Morgan non puido combinar os dous anversos, polo que MacNeil tivo que refacer a moeda por completo. A súa nova versión, terminada a mediados de febreiro, cubría por primeira vez o peito da Liberdade, mediante unha cota de malla. Burdette suxire que este cambio non resulta inesperado en MacNeil, que cada vez vestía máis as figuras femininas con pezas que cubrían os seus peitos, como na súa estatua "Desenvolvemento intelectual", esculpida por esas datas, e tamén reflectía a deterioración da situación internacional en febreiro de 1917, á medida que os Estados Unidos se achegaban á guerra con Alemaña.[51] No reverso modificouse a aguia, que se elevou na súa posición na moeda; tres das trece estrelas do reverso colocáronse entre a ave e as palabras QUARTER DOLLAR.[52] Tamén se eliminou un punto entre as palabras QUARTER DOLLAR, e entre as palabras UNITED STATES.

O redeseño do anverso deu lugar á idea sostida no tempo de que o peito se tapou por puritanismo ou en resposta ás protestas da poboación. Breen afirmou que "a través da súa Sociedade para a Supresión do Vicio, os gardiáns do puritanismo empezaron de inmediato a exercer presión política sobre o Departamento do Tesouro para que revocase a autorización destas moedas 'inmorais'".[53] Ron Guth e Jeff Garrett, no seu libro sobre as moedas estadounidenses por tipos, afirman que a cubrición da Liberdade foi "un cambio nunca autorizado por MacNeil".[54] Pola súa banda, o historiador numismático David Lange admite que non hai probas de protestas por parte da poboación, mais suxire que a decisión de cambiar a moeda foi "probablemente motivada polas obxeccións do Departamento do Tesouro".[55] O numismático Ray Young, no seu artigo de 1979 na revista Coins sobre o cuarto de dólar, suxeriu que o redeseño "xurdiu do simbolismo; se a Liberdade se ía enfrontar aos seus inimigos, debíao facer totalmente protexida, non 'espida ante os seus inimigos'. Xa que logo, é probable que a guerra tivese moito máis que ver co cambio que calquera suposta 'indignación pública'".[56]

O novo director da Casa de Moedas dos EEUU, Raymond T. Baker.[57]

Von Engelken xa quixera anteriormente ser presidente do Banco Federal de Terras do Terceiro Distrito, e foi nomeado para ese posto o 8 de febreiro de 1917, aínda que permaneceu como director da Casa da Moeda ata o 20 de febreiro. O seu sucesor, Raymond T. Baker, foi nomeado o 10 de febreiro. O traballo no novo cuarto de dólar viuse brevemente interrompido pola morte do gravador xefe Barber á idade de 77 anos, o 18 de febreiro. Un dos derradeiros actos de von Engelken no cargo foi recomendar o nomeamento do sucesor de Barber, Morgan, que posteriormente foi proposto por Wilson e confirmado polo Senado.[58]

Ao tomar posesión do seu cargo en febreiro de 1917, Baker familiarizouse co novo deseño do cuarto de dólar. Tras consultar con outros funcionarios do Tesouro, decidiu que o novo deseño violaría a lei de 1890 e requiriría a aprobación de lexislación por parte do Congreso. McAdoo estivo de acordo e escribiu ao representante demócrata por Ohio William A. Ashbrook o 16 de abril de 1917. Ashbrook non só era presidente da Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes, senón tamén un destacado coleccionista de moedas. McAdoo explicou a necesidade do redeseño: "desde que se fixeron os cuños orixinais, o artista descubriu que non son fieis ao deseño orixinal e que se pode mellorar moito o valor artístico e o aspecto da moeda facendo os lixeiros cambios que prevé a lei".[59]

A lexislación para autorizar un cambio debateuse no Senado o 30 de abril de 1917. O senador de Oklahoma Robert L. Owen alegou que o cambio era necesario porque sen el as moedas non se poderían amorear. O senador de Wyoming, Francis E. Warren, queixouse de que a Casa da Moeda necesitara nova lexislación para axustar os deseños das moedas no pasado e que sería máis sinxelo que os funcionarios se asegurasen de que as moedas se amoreasen antes de as pór en circulación. Non obstante, o proxecto foi aprobado. O 25 de xuño tramitouse o asunto na Cámara de Representantes, baixo a dirección do congresista Ashbrook, quen lles dixo aos seus colegas que o deseño emitido non era fiel ao concepto do artista e que as moedas non se amorearían ben. O debate na Cámara centrouse no feito de que a lexislación lle concedía á Casa da Moeda ata xullo de 1918 para efectuar o cambio, xa que Ashbrook declarara que a Casa da Moeda, logo de preparado o novo deseño, só estaba a esperar a que se aprobase o proxecto de lei para comezar a produción. Un congresista ofreceu unha emenda para cambiar a data a 1917, e outros amosáronse a favor, pero desistiron ao se decataren de que facer un cambio requiriría que o Senado actuase de novo. O proxecto foi aprobado pola Cámara e converteuse en lei o 9 de xullo de 1917.[60] En agosto, MacNeil escribiu a Joyce para lle solicitar mostras da moeda revisada e para lle expresar a súa satisfacción por que se cuñase segundo o seu deseño.[61]

Produción e coleccionismo[editar | editar a fonte]

Detalle do exergo da moeda de 1818 cuñada sobre 1917, coa marca de ceca "S", de San Francisco, á esquerda.[62]

A moeda dun cuarto de dólarda Liberdade en pé cuñouse na Ceca de Filadelfia desde 1916 ata 1930, coa única excepción de 1922, ano en que non se cuñou en ceca ningunha. A partir de 1917, cuñouse con menos regularidade tamén na Ceca de Denver e na Ceca de San Francisco. As marcas de ceca "D" para Denver es "S" para San Francisco poden atoparse na base do muro, xusto á esquerda do visible da Liberdade. A data clave da serie é a de 1916, cunha tiraxe de 52.000 exemplares. Un exemplar nun estado de conservación extraordinario acadou nunha poxa en 2010 o prezo de 195.500 dólares.[46] A emisión de 1921 de Filadelfia e a de 1923 de San Francisco (1923-S) tamén son pouco accesibles, con prezos de centos de dólares mesmo para moedas en estados de conservación discretos. O cuarto de dólar da Liberdade en pé é a única moeda estadounidense de emisión regular do século XX para a que non se cuñaron moedas con acabamento especial proof para coleccionistas. No entanto, existe unha pequena cantidade de exemplares da emisión de 1917 de tipo I —é dicir, as moedas cuñadas a principios de 1917, antes de que MacNeil revisase o deseño—[63] cos detalles centrais especialmente nítidos; Breen informou de que se coñecen seis exemplares.[64]

Desde moito tempo atrás era práctica habitual na Casa da Moeda dos EEUU modificar os cuños non utilizados a finais de cada ano para que puidesen ser utilizados amosando a data do ano seguinte. Durante os séculos XVIII e XIX, a cuñaxe era difícil e cara. Ao abaratarse e facilitarse a fabricación de cuños, esta práctica desapareceu case por completo a principios do século XX. No entanto, nun cuño do tipo II de 1917-S, non utilizado pola Ceca de San Francisco, modificouse a data e utilizouse para cuñar varios milleiros de moedas con data de 1918.[65] Coñécense poucos exemplares, e os seus prezos sitúanse nuns poucos miles de euros, mesmo en condicións de conservación comúns.[66] Un dos mellores exemplares coñecidos, dun estado de conservación inmellorable e unha cuñaxe perfecta acadou nunha poxa de 2020 o prezo de 336.000 dólares.[62]

Este cuarto de dólar da Liberdade en pé, como moitos outros de antes de 1925, ten a data practicamente borrada por mor da circulación.

A finais de 1924, o persoal da Casa da Moeda decatouse de que había un problema coas moedas dun cuarto de dólar da Liberdade en pé que estaban en circulación. As moedas volvían á Casa da Moeda coa data completamente desgastada. Non querendo recorrer a outra lei do Congreso, os responsables da Casa da Moeda fixeron que o chanzo no que aparece a data se nivelase a rentes do resto do deseño, no canto de sobresaír del. Este cambio resolveu o problema;[67] as moedas cuñadas posteriormente son máis comúns e máis baratas no mercado do coleccionismo nos graos de conservación máis discretos, xa que sobreviviron coas súas datas intactas.[66] Esta corrección foi un dos derradeiros actos do Departamento de Gravado baixo a xefatura de Morgan, que morreu o 4 de xaneiro de 1925, e foi sucedido por John R. Sinnock. [67][68][69] A modificación significou que a moeda de 1927-S, cunha cuñaxe de 396.000 pezas, é moito máis barata en circulación que a 1923-S, cunha cuñaxe de 1.360.000, aínda que a 1927-S é máis cara en estado de "sen circular".[66] Un dos mellores espécimes desta emisión acadou en 2014 o prezo de 258.000 dólares.[70]

En 1931 non se cuñaron moedas dun cuarto de dólar; non había demanda delas no comercio por mor da Gran Depresión.[71] Desde 1930, os organizadores da conmemoración do bicentenario do nacemento de George Washington en 1732 intentaran conseguir un medio dólar dedicado a Washington, que se cuñaría como emisión regular para 1932. Cando en febreiro de 1931 se presentou no Congreso un proxecto de lei para unha moeda conmemorativa de Washington, escolleuse para esta moeda o valor dun cuarto de dólar, no canto do previsto medio dólar. Aínda que non se rexistraron as razóns do cambio, a Comisión de Moeda da Cámara de Representantes emitiu un informe no que se afirmaba que "o novo deseño substituiría o actual tipo de cuarto de dólar", xa que este valor era "popular", e "substituiría un deseño insatisfactorio que se emitía na actualidade".[72] O Congreso aprobou a lei o 4 de marzo de 1931,[72] e o novo cuarto de dólar Washington comezou a cuñarse en 1932, pondo fin así á serie da Liberdade en pé.[73] No entanto, moitos cuartos de dólar da Liberdade en pé seguiron en circulación ata que a poboación comezou a acaparar moedas de prata en 1964, o que provocou o cambio a moedas de metal común.[74]

Reutilización do deseño[editar | editar a fonte]

Exemplar da emisión en ouro do cuarto de dólar da Liberdade en pé en 2016, na Ceca de West Point (marca de ceca "W").[75][76]

Con motivo de conmemorar o seu centenario, en 2015, a Casa da Moeda dos Estados Unidos anunciou os seus plans de volver a cuñar en ouro puro, para coleccionistas, as tres moedas de prata emitidas por primeira vez en 1916. O peso e a lei da moeda dun cuarto de dólar inscribíronse no anverso (AU 24K 1/4 oz.), polo que tecnicamente esta é unha moeda de investimento. A versión desta reemisión do cuarto de dólar da Liberdade en pé reproduce a versión primitiva da moeda de 1916 , co peito descuberto da Liberdade.[75][77]

Cuñáronse 100.000 exemplares nesta emisión con data de 2016, todos eles na Ceca de West Point —a marca de ceca "W" está no mesmo lugar que o resto de moedas ordinarias deste tipo—.[75]

Tiraxes anuais[editar | editar a fonte]

Na seguinte táboa reflíctense as tiraxes anuais do cuarto de dólar da Liberdade en pé en cada unha das tres casas de moeda onde se produciu:[1][2][78]

Ano Notas Casa da Moeda
de Filadelfia
Casa da Moeda
de Denver
Casa da Moeda
de S. Francisco
1916 52.000 0 0
1917 Tipo I 8.740.000 1.509.200 1.952.000
Tipo II 13.880.000 6.224.400 5.522.000
1918 14.240.000 7.380.000 11.072.000
1919 11.324.000 1.944.000 1.836.000
1920 27.860.000 3.586.400 6.380.000
1921 1.916.000 0 0
1922 0 0 0
1923 9.716.000 0 1.360.000
1924 10.920.000 3.112.000 2.860.000
1925 12.280.000 0 0
1926 11.316.000 1.716.000 2.700.000
1927 11.912.000 976.400 396.000
1928 6.336.000 1.627.600 2.644.000
1929 11.140.000 1.358.000 1.764.000
1930 5.632.000 0 1.556.000
TOTAIS 343.708.000 27.719.716 40.042.000

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "¼ Dollar "Standing Liberty Quarter" No Stars Below Eagle". Numista.com
  2. 2,0 2,1 "¼ Dollar "Standing Liberty Quarter" Stars Below Eagle". Numista.com
  3. "Standing Liberty Quarter Specifications". Standinglibertyquarter.org
  4. "Sept. 26. 1890. 26 Stat. L., 484". En Richardson, W. A. ed. (1891). Páxinas 806-807
  5. Breen, W. (1988). Páxinas 572-573.
  6. Lange, D. W. (2006). Páxina 134.
  7. Lange, D. W. (2006). Páxina 136.
  8. Burdette, R. W. (2005). Páxina 12.
  9. Burdette, R. W. (2005). Páxina 13.
  10. Carter, F. E. (1915).
  11. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 13-14.
  12. 12,0 12,1 Burdette, R. W. (2005). Páxina 14.
  13. 13,0 13,1 Lange, D. (2012).
  14. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 14-15.
  15. Lange, D. W. (1993). Páxina 3.
  16. Burdette, R. W. (2005). Páxina 16.
  17. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 19-20.
  18. Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). "Roger Wickliffe Woolley". En Medals of the United States Mint. US Government Printing Office. Páxinas 156-157.
  19. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 22-23.
  20. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 26-27.
  21. Lange, D. W. (1993). Páxinas 4-5.
  22. Breen, W. (1988). Páxina 326.
  23. Lange, D. W. (2006). Páxina 150.
  24. Lange, D. W. (1993). Páxina 4.
  25. 25,0 25,1 Vermeule, C. (1971). Páxina 139.
  26. "The Administration and its Attitude to Art: The Coinage". En The Art World. The Kalon Publishing Company, Nova York. Vol. 1. Nº 1. Páxinas 19-20, 74. Outubro de 2016.
  27. 27,0 27,1 Norse, M. (1917). "The Girl on the Quarter". En The Sunday Tribune. 20 de maio. (20): 39.
  28. Breen, W. (1988). Páxina 361.
  29. Benford, T. B. (2003). Páxinas 32-35.
  30. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 38-39.
  31. Burdette, R. W. (2005). Páxina 38.
  32. 32,0 32,1 LaMarre, T. (2003).
  33. Vermeule, C. (1971). Páxinas 139-140.
  34. Lange, D. (2017).
  35. Vermeule, C. (1971). Páxina 140.
  36. Holden, J. S. (1907). "The Sculptors MacNeil". En The World's Work. Vol. XIV. Nº 6. Outubro. Páxina 9.404. Doubleday, Page & Company, Nova York.
  37. Burdette, R. W. (2005). Páxina 41.
  38. 38,0 38,1 38,2 Burdette, R. W. (2005). Páxina 31.
  39. Cline, J. H. (2007). Páxina 26.
  40. Burdette, R. W. (2005). Páxina 47.
  41. 41,0 41,1 Burdette, R. W. (2005). Páxinas 47-51, 178.
  42. Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). "F. J. H. von Engelken". En Medals of the United States Mint. US Government Printing Office. Páxinas 154-155.
  43. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 72-73.
  44. 44,0 44,1 44,2 Burdette, R. W. (2005). Páxinas 77-79.
  45. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 73-74.
  46. 46,0 46,1 "1916 Standing Liberty Quarter". Standinglibertyquarter.org
  47. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 74-75.
  48. Burdette, R. W. (2005). Páxina 167.
  49. 49,0 49,1 Burdette, R. W. (2005). Páxinas 80-81.
  50. Breen, W. (1988). Páxina 360.
  51. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 83-85.
  52. Breen, W. (1988). Páxinas 362-363.
  53. Breen, W. (1988). Páxina 363.
  54. Guth, R.; Garrett, J. (2005). Páxina 78.
  55. Lange, D. W. (2006). Páxina 151.
  56. Young, R. (1979). Páxina 75.
  57. "Baker, Raymond T., U.S. Mint". Library of thr Congress.
  58. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 178-179.
  59. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 56-57.
  60. Dolnick, M. M. (1954). Páxinas 980-982.
  61. Burdette, R. W. (2005). Páxina 87.
  62. 62,0 62,1 "1918/7-S Standing Liberty Quarter". Standinglibertyquarter.org
  63. Yeoman, R. S. (2014). Páxinas 173-174.
  64. Breen, W. (1988). Páxina 362.
  65. Cline, J. H. (2007). Páxinas 132-133.
  66. 66,0 66,1 66,2 Yeoman, R. S. (2014). Páxina 174.
  67. 67,0 67,1 Breen, W. (1988). Páxina 364.
  68. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 371.
  69. "George T. Morgan". En The New York Times. 6 de xaneiro de 1925.
  70. "1927-S Standing Liberty Quarter". Standinglibertyquarter.org
  71. Bowers, Q. D. (2006). Páxina 17.
  72. 72,0 72,1 Bowers, Q. D. (2006). Páxina 33.
  73. Yeoman, R. S. (2014). Páxinas 174-175.
  74. Young, R. (1979). Páxina 76.
  75. 75,0 75,1 75,2 "Standing Liberty 2016 Centennial Gold Coin". United States Mint.
  76. "¼ Dollar Standing Liberty Quarter Centennial; Gold". Numista.com
  77. Gilkes, P. (2015).
  78. "Standing Liberty Quarter Mintage". Standinglibertyquarter.org

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Monografías[editar | editar a fonte]

Artigos e outros[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Cuarto de dólar Barber

Cuarto de dólar estadounidense

(1916 - 1930)
Sucesor:
Cuarto de dólar Washington