Walter Breen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaWalter Breen
Biografía
Nacemento5 de setembro de 1928
San Antonio, Texas.
Morte27 de abril de 1993 (64 anos)
Chino, California.
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Cancro de fígado Editar o valor em Wikidata)
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense
Educación Universidade Johns Hopkins.
Universidade de California en Berkeley.
Actividade
OcupaciónNumismático.
Membro de
Familia
CónxuxeMarion Zimmer Bradley (de 1965 a 1990).


Walter Henry Breen, nado en San Antonio, Texas, o 5 de setembro de 1928 e finado en Chino, California, o 27 de abril de 1993, foi un numismático e escritor estadounidense.

Breen foi un autor prolífico sobre numismática e creou un sistema de numeración de variantes da moeda estadounidense.

Estivo casado coa escritora de ciencia ficción Marion Zimmer Bradley. Tamén foi moi coñecido polo seu activismo a prol da pederastia, que lle ocasionou diversas condenas xudiciais.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Breen naceu en 1928 en San Antonio, Texas, e aprendeu a ler e a escribir antes de facer os tres anos. A súa infancia foi complicada, xa que pasou por un orfanato e dous mosteiros, antes de ser adoptado, xa que fora abandonado pola súa nai biolóxica.[1][2][3]

Tras ser declarado non apto inicialmente para o servizo polas Forzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos en abril de 1946,[4] finalmente foi aceptado o 3 de outubro,[5] mais en decembro dese mesmo ano causou baixa logo de recibir alí unha malleira.[3][4]

Durante o seu período de convalecencia, no que se tivo que recuperar dunha forte perda da memoria,[3] leu moito acerca de moedas raras e iniciou correspondencia con varios membros da comunidade numismática, co que renovou unha afección que xa tiña desde varios anos antes. Entre os numismáticos do momento cos que mantivo contacto pódese salientar a John Ford e, sinaladamente, a Wayte Raymond,[6] quen o recomendou para un contrato de investigación nos Arquivos nacionais.[3]

A súa primeira aparición salientable nos círculos numismáticos foi na convención da American Numismatic Association que tivo lugar en Boston en 1948. Na primavera de 1951, o editor de The Numismatist, Stuart Mosher, nomeou a Breen editor en funcións da publicación,[1] e a partir de 1957 dirixiu a súa sección Cent Collector's Forum.[3]

En 1952 acadou a súa licenciatura pola Universidade Johns Hopkins, logo de completar o seu plan de estudos de catro anos en soamente un curso.[2][3] Despois da súa graduación, traballou como catalogador de poxas a tempo completo para a New Netherland Coin Company,[4] ao tempo que se matriculaba nun curso premédico na Universidade Columbia.[1][2]

William Sheldon colaborou estreitamente con Breen en varios proxectos relacionados coas moedas na década de 1950, entre eles o libro Penny Whimsy, e aínda que Sheldon animou a Breen a estudar a carreira de Medicina, acabou distanciándose do científico, segundo declarou Breen nunha entrevista, en parte debido ao antisemitismo declarado de Sheldon.[4]

Breen ingresou na organización de superdotación intelectual Mensa Internacional,[5] probablemente o primeiro estadounidense en facelo, cara a 1958.[7] Nas probas que se lle realizaran en 1946 para o seu ingreso no Exército do aire, demostrara un cociente intelectual de 144.[5] Breen interesouse en estudar a xente nova cun alto cociente intelectual, o que incluíu a publicación de anuncios a principios da década de 1960 dun proxecto de escola privada para cativos superdotados que Breen esperaba pór en marcha na cidade de Nova York, un proxecto que á fin quedou frustrado.[4]

En 1960, Breen matriculouse en no programa de posgrao de Socioloxía da Universidade de California en Berkeley,[3] onde afirmou ter investigado "os grupos da Xeración Beat en ambas as costas, mais tamén algúns dos primeiros hippies, descubrindo de paso que algunhas ideas que desenvolveramos no mundo da ciencia ficción se introduciran na subcultura hippie e se presentaban como invención propias".[4] En 1966 acadou un mestrado nesa universidade en Socioloxía da música,[1] cunha tese titulada "O cambiante status social do músico".[2]

En 1963 uniuse a Don Taxay para formaren o Instituto de Autenticadores Numismáticos.[3]

Á parte da numismática, Walter Breen dedicouse tamén a outros ámbitos do coñecemento ao longo da súa carreira. Dominaba idiomas como o latín, o grego clásico, o francés, o alemán, o español e o italiano, e era recoñecido como un experto no terreo da música barroca e medieval.[2][3] Tamén foi colaborador na sección de numismática da Enciclopaedia Britannica,[8] así como asesor do Departamento do Tesouro dos Estados Unidos e do Instituto Smithsoniano.[1]

Polo seu labor no coñecemento da numismática, Breen foi recoñecido co Premio Literario Heath, de American Numismatic Association, en 1953 e en 1991; co premio "Libro do Ano" do Gremio Literario Numismático, e co Premio Friedberg, do Gremio de Numismáticos Profesionais dos Estados Unidos, entre outros.[6] A Sociedade Rittenhouse, á que pertencía, nomeouno "Erudito numismático do século XX" en 1992.[9] En 1985 acadou tamén o Premio Clemy, do Numismatic Literary Guild.[10]

Problemas coa xustiza[editar | editar a fonte]

En 1954, Breen foi condenado en Atlantic City por pederastia, cando traballaba na New Netherlands Coin Company,[11] e quedou en liberdade condicional.[7][12][13] En 1963 houbo polémica pola súa presenza na Convención Mundial da Ciencia Ficción —o caso coñeceuse como Breendoggle—;[11] na edición do ano seguinte prohibíuselle a asistencia e tamén foi expulsado temporalmente da principal asociación de prensa afeccionada da subcultura, logo das acusacións doutros delitos sexuais.[13] Porén, destacados afeccionados da época á ciencia ficción consideraron as acusacións como rumores e "difamación", e o escándalo foise esvaecendo.[11][14] Pouco despois, Breen casou coa escritora Marion Zimmer Bradley, que era consciente do seu comportamento.[13] É probable que en 1964 se producise outra condena por abuso sexual.[7]

En 1990, Breen foi detido novamente por pederastia, e ao aceptar un acordo coa fiscalía púxoselle unha condena de tres anos de liberdade condicional.[12] Un ano máis tarde, foi acusado de oito delitos graves de abuso sexual de menores en relación cun cativo de 13 anos.[15] Aínda que en 1992 se lle diagnosticou un cancro de fígado, o que ocasionou que o xuízo polos novos cargos tivese que atrasarse en varias ocasións, máis finalmente foi condenado a 10 anos de prisión.[16][17] A American Numismatic Association expulsouno por mor destes cargos.[12]

En 2014, a filla de Breen, Moira Greyland, revelou que foi unha das persoas que denunciou o seu pai por pederastia.[18]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Walter Breen casou con Marion Zimmer Bradley o 14 de febreiro de 1964,[3] con quen tivo dous fillos,[19] Patrick e Moira, ambos músicos.[1] A parella separouse en 1979. Logo da súa separación, Breen trasladouse a Oakland, California, aínda que continuou vinculado profesionalmente á súa exmuller. Finalmente, divorciáronse o 9 de maio de 1990.[11][19]

Breen era consumidor de marihuana e LSD. Cría na reencarnación e adoitaba relatar vidas súa pasadas na Atlántida, na antiga Grecia e noutras épocas mitolóxicas e históricas.[3]

Breen morreu polo cancro de fígado que padecía, na prisión en Chino, California, o 27 de abril de 1993,[6] mentres cumpría a condena de 10 anos por pederastia.[11][16][17]

Actividade e publicacións[editar | editar a fonte]

Ademais de traballar como numismático para New Netherlands Coin Company, e para outras compañías como First Coinvestors, Inc., onde foi directivo durante moitos anos, Breen foi un membro activo da comunidade de afeccionados á ciencia ficción nos Estados Unidos durante gran parte da súa vida. Escribiu para fanzines e asumiu a dirección do fanzine Fanac, de Terry Carr e Ron Ellik, entre 1961 e 1963.[20]

En 1951, a revista The Numismatist, da American Numismatic Association, publicou os seus primeiros escritos sobre numismática,[21] e dous anos despois concluíu a redacción do seu primeiro traballo monográfico sobre as moedas estadounidenses.[2][22]

Breen tamén dedicou moito tempo a recompilar información sobre a historia da homosexualidade e a pederastia. A súa investigación, sen precedentes polo seu amplo tratamento da historia, pero que non se atiña ás normas da investigación académica, constituíu a base do seu libro de 1964 Greek Love ("Amor grego"), que publicou baixo o pseudónimo de "J. Z. Eglinton". Breen colaborou con Warren Johansson na investigación que conduciu á publicación deste traballo, dedicado á súa esposa, que foi a súa editora. Tamén publicou unha revista, The International Journal of Greek Love, baixo o mesmo pseudónimo.[23][11][24]

Con outro pseudónimo, "Eglinton", Breen participou como orador na segunda convención fundacional de NAMbLA (Asociación Norteamericana do Amor entre Homes e Nenos"), en 1979,[11] cunha intervención na que defendía os beneficios para os rapaces de experimentaren relacións amorosas interxeracionais.[16]

Estes son os principais traballos monográficos publicados por Walter Breen ao longo da súa traxectoria:[12][25]

Numismática[editar | editar a fonte]

  • (1953): Proof Coins Struck by the United States Mint, 1817-1901. The Coin Collector's Journal 148, Nova York.
  • (1954). United States Pattern Coins of 1792. The Coin Collector's Journal 154, Nova York.
  • (1954). United States Minor Coinages 1793-1916. The Coin Collector's Journal 155, Nova York.
  • (1954). The Secret History of the Gobrecht Coinages 1836-1840. The Coin Collector's Journal 157-158, Nova York.
  • (1958). Silver Coinages of the Philadelphia Mint. The Coin Collector's Journal 159, Nova York.
  • (1958). Valentine's U. S. Half Dimes. The Coin Collector's Journal 160, Nova York.
  • (1958). Penny Whimsy (con W. H. Sheldon e D. I. Paschal). Harper & Bro., Nova York.
  • (1958). United States Half Dimes. The Coin Collector's Journal, Nova York.
  • (1962). Dies & Coinage. QWERTYUIOPress, Nova York.
  • (1964). Major Varieties ou U.S. Gold Dollars. Hewitt.
  • (1964). Varieties of United States Quarter Eagles. Hewitt.
  • (1965). Major varieties of the United States Three-Dollar Gold Pieces. Hewitt
  • (1966). Early United States Half Eagles, 1795-1838. Hewitt.
  • (1967). Varieties of United States Half Eagles 1839-1929. Hewitt.
  • (1968). New Varieties of U. S. Gold Coins. Hewitt.
  • (1968). United States Eagles 1795-1933. Hewitt
  • (1970). The Minting Process: How Coins are Made and Mismade. American Institute of Professional Numismatists, Os Ánxeles.
  • (1975). The United States Half Dimes. Quarterman Pub. ISBN 978-0880000499
  • (1977). Walter Breen's Encyclopedia of United States and Colonial Proof Coins, 1722- 1977. Arco Pub. / FCI Press, Nova York. ISBN 978-0930076016
  • (1977). United States Pattern, Experimental and Trial Pieces. Western Publishing Co.
  • (1981). The Encyclopedia of United States Silver & Gold Commemorative Coins 1892 to 1954 (con A. Swiatek). Arco Pub. / FCI Press, Nova York. ISBN 978-0668047654
  • (1983). Walter Breen's Encyclopedia of United States Half Cents 1793-1857. American Institute of Numismatic Research, South Gate.
  • (1983). California Pioneer Fractional Gold: Historic gold rush small change 1852-1856 and suppressed jewelers' issues 1859-1882 (con R. Gillio). Pacific Coast Auction Galleries, Santa Barbara. [2ª ed. Bowers and Merena, 2003. ISBN 978-0943161907]
  • (1988). Walter Breen's Complete Encyclopedia of U.S. and Colonial Coins. Doubleday, Nova York. ISBN 978-0385142076

Outros temas[editar | editar a fonte]

  • (1956). Lusty Limericks & Bawdy Ballads. Autoedición.
  • (1964). Greek Love (co pseudónimo J. Z. Eglinton, con W. Johansson). Oliver Layton Press, Nova York.
  • (1975). The Gemini Problem: A Study in Darkover. T.K. Graphics, Baltimore.
  • (1979). The Darkover Concordance: A Reader's Guide Berkeley. Pennyfarthing Press. ISBN 978-0930800109

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Walter Breen's Encyclopedia of Early United States Cents: About the Author". Professional Coin Grading Service.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Mader, D. (2014). Páxinas 313.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 Smith, P. (2012). Páxina 55.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Van Winkle, M. "An interview with Walter Breen". Heritage Auction Galleries.
  5. 5,0 5,1 5,2 Momren, W. (2010). "On MENSA and Walter Breen's IQ". En The E-Sylum. Vol. 13. Nº 42. 17 de outubro.
  6. 6,0 6,1 6,2 "Obituaries: Walter Breen". En The Numismatist. Vol. 106. Nº 6. Xuño de 1993. Páxina 837.
  7. 7,0 7,1 7,2 Taylor, S. (2008). "Walter Breen: Enigmatic Numismatist". SCVhistory.com
  8. "Walter Henry Breen. Contributor". Encyclopædia Britannica (Britannica.com).
  9. Mader, D. (2014). Páxinas 314.
  10. "The Clemy Award Winners". Numismatic Literary Guild.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 Morgan, C.; Walker, H. (2015).
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Smith, P. (2012). Páxina 56.
  13. 13,0 13,1 13,2 "Marion Zimmer Bradley. Timeline of events". www.stephengoldin.com
  14. "1960s Fan History Outline, Chapter 8". Jophan.org
  15. Serrano, R. A. (1991). "Rare Coins Expert Charged With Child Molestation". En Los Angeles Times. 3 de outubro.
  16. 16,0 16,1 16,2 Mader, D. (2014). Páxina 320.
  17. 17,0 17,1 "Walter Breen". En The Washington Post. 12 de maio de 1993.
  18. Rosenberg, A. (2014). "Re-reading feminist author Marion Zimmer Bradley in the wake of sexual assault allegations". En The Washington Post. 27 de xuño.
  19. 19,0 19,1 Mader, D. (2014). Páxina 315.
  20. "The FANAC Fan History Project". Fanac.org
  21. Breen, W. (1951). "Coinage of the New Orleans Mint in 1861". En The Numismatist. Vol. 64. Nº 4. Páxinas 387-394.
  22. Breen, W. (1953): Proof Coins Struck by the United States Mint, 1817-1901. The Coin Collector's Journal 148, Nova York.
  23. Mader, D. (2014). Páxinas 314-315.
  24. Mader, D. (2014). Páxinas 314-315.
  25. "Walter H. Breen" e "Walter Breen". WorldCat.org

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]