Casa da Moeda de San Francisco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 36°46′58″N 122°24′26″O / 36.78278, -122.40722

Casa da Moeda de San Francisco
US Mint


Edificio da
Casa da Moeda de San Francisco

TipoEstablecemento público de carácter industrial e comercial
Fundación1854
MatrizCasa da Moeda dos Estados Unidos
Localización San Francisco
California
Estados Unidos de América Estados Unidos.
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas e medallas.
Notas
Marca de ceca: S.
Na rede
https://www.usmint.gov/about/mint-tours-facilities/san-francisco
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda de San Francisco (en inglés: San Francisco Mint) é unha fábrica de moeda estadounidense que se estableceu en 1854 como unha das ramas da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[1]

Simultaneamente ao seu labor de cuñaxe, desde 1962 a 1988 a Casa da Moeda de San Francisco foi tamén unha das Oficinas de Ensaio dos EEUU.[2][3]

A marca de ceca das moedas cuñadas na ceca de San Francisco é a inicial do topónimo da cidade: "S".[4]

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes e primeira sede[editar | editar a fonte]

50 dólares de 1852, cuñados pola Oficina de Ensaio de San Francisco antes do establecemento da ceca oficial.

A apertura dunha rama da Casa da Moeda dos Estados Unidos en San Francisco veu motivada polas necesidades de dar saída á gran produción de ouro nos tempos da Febre do Ouro da California, que inicialmente se levaba á Casa da Moeda de Filadelfia, nun desprazamento moi longo e moi perigoso. Nesta situación, August Humbert, un antigo fabricante de reloxos que traballaba como ensaiador de ouro na Oficina de Ensaios de San Francisco, levou a cabo cuñaxes de moedas co ouro extraído nas explotacións locais, que chegaron a acadar unha consideración de semioficiais, xa que mesmo se aceptaban pola Administración como pagamento de impostos.[5][6]

Como resposta ante esta situación, o 3 de xullo de 1852 o Congreso aprobou unha lei que ordenaba a creación dunha rama da Casa da Moeda dos Estados Unidos en California, e a Secretaría do Tesouro elixiu para o seu lugar a Cidade de San Francisco. Porén, a primeira Casa da Moeda de San Francisco non abriu ata dous anos máis tarde, o 3 de abril de 1854, coa misión de aceptar os depósitos feitos polos mineiros.[1][4][6]

A sede daquela primitiva ceca de San Francisco atopábase nas aforas do distrito financeiro da cidade, en Commercial Street, no mesmo lugar onde se produciran anteriormente as cuñaxes privadas de Augustus Humbert, aínda que non se contou con el como ensaiador da ceca oficial, senón que se contratou para ese labor a August Haraszthy, un cidadán de orixe húngara.[6] Durante o seu primeiro ano de operación, a nova ceca converteu lingotes de ouro en moeda por un valor de máis de catro millóns de dólares.[1]

O 1 de abril de 1873 entrou en vigor a Lei da Moeda de 1873, pola que se pretendía reorganizar as casas de moeda do país. En tanto que ata entón todas as cecas (San Francisco, Nova Orleáns, Dahlonega e Charlotte) foran consideradas como sucursais da ceca principal de Filadelfia, agora pasaban a depender todas elas da Casa da Moeda dos Estados Unidos, cunha sede central en Washington.[6]

A Casa da Moeda de San Francisco superou axiña a capacidade da súa primeira localización e en 1874 inaugurouse un edificio ad hoc, coñecido posteriormente como a "ceca vella" (The Old Mint) ou, máis popularmente, a "Dama de Granito" (The Granite Lady), un dos poucos que permaneceu en pé logo do terremoto de 1906, e que en 1937 foi substituído novamente por outro edificio.[4][6][7]

Segunda sede: a "ceca vella"[editar | editar a fonte]

O edificio da vella Ceca de San Francisco nunha fotografía de 1906, ante a devastación do gran terremoto daquel ano

Aos vinte anos da súa inauguración, en 1874, as instalacións da ceca trasladáronse a un edificio novo.[1] Estaba deseñado polo arquitecto angloestadounidense Alfred B. Mullet (1834-1890) xefe da axencia do Departamento do Tesouro que se ocupaba da construción de edificios públicos, quen tamén se encargara da construción da Casa da Moeda de Carson City. O edificio é dun estilo conservador e sobrio de reminiscencias da orde dórica grega.[8][9] Ten un pórtico central cun frontón flanqueado por ás en forma de "E", e foi construído arredor dun patio central completamente pechado e cun pozo.[10]

O edificio aséntase sobre unha base de cemento e granito especialmente deseñada para impedir a construción de túneles cara ás súas cámaras acoirazadas, que no momento do incendio xerado polo terremoto de 1906 albergaban ouro por valor de 300 millóns de dólares, un terzo das reservas dos Estados Unidos.[11] Os esforzos do superintendente e dos empregados da Casa da Moeda preservaron o edificio e os lingotes de ouro, que logo serviron de apoio para a cuñaxe de moeda no país. A Ceca Vella recuperou a súa operatividade pouco despois do incendio e mantívoa ata 1937.

En 1961 a ceca vella acadou a consideración de Sitio Histórico Nacional e en 1974 o de Sitio Histórico de California.[1][12][13][14]

Dólar conmemorativo do centenario do terremoto de 1906 na Ceca de San Francisco. Anverso: a ceca vella, aludida como THE GRANITE LADY. Reverso: réplica dun dólar Morgan, gravada por Joseph Menna.[15]

O apelativo de Dama de Granito (The Granite Lady) non se corresponde coa realidade do edificio, xa que o granito só está presente na súa base, en tanto que a maior parte da construción é de arenito. A orixe deste apelativo está nunha campaña de mercadotecnia dos anos 1970, que acabou por fixarse na cultura popular.

O edificio da ceca vella estivo aberto para os visitantes ata 1993. En 2003 o Goberno federal vendeu as instalacións á cidade de San Francisco por un dólar —un vello dólar Morgan de 1879 cuñado na propia ceca— para o seu uso como museo histórico, que pasou a denominarse como Museo de San Francisco na Casa da Moeda (San Francisco Museum at the Mint).[16]

Coincidindo co centenario do terremoto de 1906, a raíz do cal a ceca se converteu nun símbolo pola súa supervivencia, unha Lei do Congreso creou unhas moedas conmemorativas da propia casa da moeda, cuñadas en prata e en ouro.[17][18]

No outono de 2005 comezaron as obras para converter o patio central nunha galería acristalada, e esta primeira fase da renovación concluíu en 2011. En 2014, o Museo de San Francisco e a Sociedade Histórica comezaron unha campaña de recadación de diñeiro para unha segunda fase da remodelación, para dar cabida a exposicións permanentes, e a partir de 2015 as instalacións utilízanse tamén para a celebración de eventos de diversa índole.[19] En abril de 2016, a Sociedade Histórica de California acordou acometer a restauración integral do edificio e o seu mantemento como espazo público.[16][20]

Terceira sede: a "ceca nova"[editar | editar a fonte]

O novo edificio da Casa da Moeda de San Francisco, construído en 1937 (foto de 2007)

A nova sede da Casa da Moeda de San Francisco abriu as súas portas en 1937, no número 155 da rúa Hermann, onde continuou a súa actividade.[1][7][21]

Marca de ceca "S" nun centavo de 1969 da Ceca de San Francisco

A partrir de 1955 as cuñaxes nesta ceca permaneceron suspendidas durante un período de 13 anos[1]. Esa situación acabou en 1968, cando pasou a ocuparse da maioría das emisións especiais para coleccionistas e para investimento (proof) que ata a data se viñeran facendo na Casa da Moeda de Filadelfia, de xeito simultáneo coa cuñaxe de moeda circulante ata 1974.[22]

Entre 1975 e 2012, a ceca de San Francisco utilizouse case exclusivamente para as emisións especiais, coas únicas excepcións dos dólares circulantes da serie Susan B. Anthony (1979-1981) e unha parte da produción das moedas dun centavo a principios dos anos 1980 (estes últimos sen a tradicional marca de ceca "S", de San Francisco, xa que se trataba dunha cuñaxe de apoio á ceca de Filadelfia, cuxas moedas carecen de marca).[23]

En 2012, a ceca de San Francisco comezou a cuñar moedas de cuarto dólar conmemorativas de lugares singulares dos EEUU, coa marca de ceca "S", unicamente para coleccionistas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "U.S. Mint San Francisco Facility". United States Mint.
  2. Lei do Congreso: Pub. L. 100-274.
  3. "San Francisco Assay Office Honored for Record Handling of 1970 Proof Coin Orders". U. S. Mint News. Treasury Department. Washington. 23 de marzo de 1970.
  4. 4,0 4,1 4,2 "San Francisco Mint - Home of Historic "S" Mint Coins Arquivado 26 de xullo de 2021 en Wayback Machine.". US-Mint.info
  5. "Lot 3464: 852 $50 Assay Office Fifty Dollar Arquivado 10 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". Heritage Auctions. 14 de novembro de 2014.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Kampmann, U. (2009).
  7. 7,0 7,1 Kampmann, U. (1970).
  8. Lee, A. J. (2000). Páxinas 86, 164, 338.
  9. Smith, D. M. (1990).
  10. "The Old Mint Building". The Department of the Tresaury News. 15 de xuño de 1973.
  11. "The Great Earthquake and Fire". Annual Report of the Director of the Mint. 30 de xuño de 1906. Washington. Government Printing Office. Páxinas 42-43.
  12. "Old United States Mint". National Register of Historic Places.
  13. "Old United States Mint. Historical Landmark". Office of Historic Preservation.
  14. "San Francisco Landmarks". San Francisco Preservation Bulletin. Nº. 9.
  15. "1 Dollar San Francisco Old Mint Centennial". Numista.com
  16. 16,0 16,1 "The Mint. San Francisco". Sitio web do edificio.
  17. Lei do Congreso: Pub. L. 109-230.
  18. "San Francisco Old Mint Commemorative Coin Program". United States Mint.
  19. "S.F. picks events company to put some new life into Old Mint". En SFGate. 18 de decembro de 2015.
  20. "California Historical Society to take on fixing up the Old Mint". SFGate. 1 de abril de 2016.
  21. "New Mint Strong as a Fortress". The Virtual Museum of the City of San Francisco.
  22. McMorrow-Hernandez, J. (2017). "US Coins: 50 Years of Modern Proof Sets". En Coin News. 25 de abril.
  23. "First Production Strike of Susan B. Anthony Dollar Coin Announced by Mint Director Stella B. Hackel". United Satates Mint.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]