Euritión (centauro de Óleno)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Euritión raptando a Deianira (Anónimo, c. 1600, Museo de Historia da Arte, Viena)

Na mitoloxía grega Euritión era un centauro que Heracles matou por intentar casar á forza coa filla do rei de Óleno.

Heracles, para expiar o asasinato dos fillos, acto cometido por Heracles nun acceso de loucura enviado por Hera, tivo que realizar os doce traballos que lle encomendara Euristeo. O sexto foi limpar nun só días as cortes do gando do rei Auxías, que nunca foran limpadas.

Realizado con éxito este traballo, Auxías negouse a pagarlle o prometido e expulsouno do reino, e Heracles tivo que marchar [1]. Foi dar a Óleno, onda o seu amigo Dexámeno, rei da cidade, e topouse con que a filla deste, Mnesímaca [2], ía ser desposada pola forza co centauro Euritión, cando previamente Dexámeno prometéralla a man da filla a Heracles. Dexámeno pediulle axuda e Heracles matou a Euritión cando ía buscar á noiva.

Segundo Hixino, a filla de Dexámeno era Deianira coa que finalmente casaría Heracles [3], pero máis adiante describe a Deianira como filla de Eneo [4], tal como fan as outras fontes mitográficas.

"Matou ó centauro Euritión por haber pretendido á súa prometida Deianira, filla de Dexámeno".
(Hixino: Fábulas 31, 11)

Grimal tamén recolle esta variante, situada na corte de Eneo, e lembra a similitude da loita de Heracles e Euritión coa loita contra Aqueloo, neste caso, si, pola man de Deianira.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aínda que posteriormente organizaría unha expedición de castigo contra Auxías, na que morrería o seu irmán Ificles.
  2. Mnesímaque, segundo Graves.
  3. Hixino: Fábulas 31, 11.
  4. Hixino, 36, 1.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017.
  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 521.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, II, 5, 5 [a numeración segue a utilizada neste texto].