Os sete contra Tebas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edipo (coas súas fillas) maldicindo ó seu fillo Polinices (André Marcel Baschet, 1883)

Coñécese como a guerra dos Sete contra Tebas un dramático episodio da mitoloxía grega, unha guerra contra a cidade de Tebas (Grecia). O tema foi desenvolvido en diferentes textos da literatura grega, en especial por Sófocles na súa serie sobre Edipo e Antígona, por Eurípides (Fenicias) e, sobre todo, por Esquilo, que escribiu unha traxedia co título dos Sete contra Tebas.

Cando Hesíodo, na súa obra Traballos e días, describe as cinco idades ou razas de homes conta que a Raza dos Heroes desapareceu en guerras como a de Tebas ou a de Troia:

"A malvada guerra e o terrible combate aniquilounos, a uns loitando xunto a Tebas, de sete portas, na terra Cadmea, por causa dos fillos de Edipo; a outros conducíndolles en naves sobre o abismo do mar cara Troia, por causa de Helena, de fermosa cabeleira".
(Hesíodo: Trabajos y días 161-165)

Orixes do conflito[editar | editar a fonte]

Cando Edipo, rei de Tebas, descubriu que, en cumprimento dos designios do oráculo matara ó seu pai, Laio, e casara coa súa propia nai, Iocasta, e que tivera dous fillos e dúas fillas con ela [1], sacouse os ollos. Creonte, o irmán de Iocasta (e anterior rei de Tebas) ocupou o trono da cidade e desterrou a Edipo, que abandonou Tebas maldicindo ós seus fillos, Eteocles e Polinices, polo trato vexatorio recibido deles.

Estes acordaron gobernar Tebas en anos alternos, pero, transcorrido o primeiro ano, Eteocles negouse a ceder o seu posto e expulsou a Polinices, alegando que non era digno do trono [2]. Polinices exiliouse e terminou sendo acollido por Adrasto, rei de Argos, que lle prometeu restablecelo no trono de Tebas. Previamente intentou conseguir a axuda do seu pai, exiliado en Colono, pero só recibiu unha nova maldición e o augurio de Edipo que profetizou que os dous fillos se matarían entre si e que Polinices nunca reinaría en Tebas.

Adrasto tiña dúas fillas, Arxía (ou Exialea) e Deípile, que eran pretendidas por príncipes de toda Grecia, e o medo de Adrasto era que, calquera que fose a súa escolla, os pretendentes rexeitados converteríanse en futuros inimigos. Consultou a decisión no oráculo de Delfos, que lle aconsellou que xunguira no seu carro ó león e ó xabaril que loitaban no seu palacio, pero tivo que regresar sen comprender o significado desta resposta.

Polinices era un deses pretendentes, e outro era Tideo, fillo de Eneo, rei de Calidón. Tideo matara accidentalmente -iso aseguraba el- ó seu irmán Melanipo, pero os habitantes do reino non o creron e tamén o desterraron [3]. Por iso chegou a Argos buscando un mellor futuro casando coa filla do rei.

Unha noite, estando no palacio de Adrasto, Polinices e Tideo empezaron a discutir sobre as riquezas de cadansúa cidade e axiña pasaron ás mans. Antes de que chegaran a matarse, chegou Adrasto e separounos, e nese momento decatouse de que o emblema de Tebas era un león e o de Calidón un xabaril [4]. Comprendendo agora o significado do oráculo, decideu casar a súa filla Exialea con Polinices e a Deípile con Tideo, a quen tamén prometeu ir á guerra para que recuperara o seu reino de Calidón, se ben despois de recuperar Tebas para Polinices.

"... Adrasto separounos e, lembrando que un adiviño lle dixera que unira as súas fillas a un xabaril e a un león, elixiu a ambos como os seus prometidos, pois os seus escudos presentaban unha cabeza de xabaril, un, e un león, o outro".
(Pseudo-Apolodoro III, 6, 1)

Anfiarao[editar | editar a fonte]

Polinices regala a Erifile o colar de Harmonía (cerámica de figuras vermellas, c. 450–440 a.C., Louvre)

Para cumprir esa promesa, Adrasto ordenou ós seus xenerais que se prepararan para a guerra, e todos estiveron conformes excepto Anfiarao. Este Anfiarao, ademais de ser un xefe militar de moita sona e probada honradez, tiña dotes adiviñatorias, e grazas a iso profetizou que todos morrerían na guerra, menos o propio Adrasto, polo que, tras intentar infrutuosamente disuadirlle do seu proxecto, negouse a participar na expedición.

Pero anteriormente a todos estes feitos, Anfiarao matara ó pai de Adrasto, Tálao e expulsara a Adrasto de Argos [5]. Pasado o tempo, Anfiarao reconcilouse con Adrasto, pero este seguía conservando o rancor e esperando o momento da vinganza. Adrasto ofeceulle en matrimonio á súa irmá Erifile (Erífile ou Erifila), e acordaron que en caso de posibles disputas entre ambos, aceptarían a arbitraxe dela sen máis discusión. Outras fontes contan que un e outro rifaran en certa ocasión e só a intervención de Erifile, que se interpuxo entre ambos, evitou que se mataran entre si; tras deter a loita, Erifile quitoulles as espadas e fíxolles xurar que acatarían a súa decisión en calquera disputa posterior.

Cando Tideo soubo deste xuramento, convenceu a Polinices de que ofrecera a Erifile o colar máxico que Afrodita regalara á súa antepasada Harmonía como regalo de vodas ó casar con Cadmo; outras fontes din que fora Ifis quen llo aconsellou a Polinices. Este colar tiña a propiedade de conservar a beleza e a xuventude, algo que compraría a vontade de Erifile, que precisamente estaba convencida de estar perdendo a súa beleza [6]. Efectivamente, o suborno tivo éxito e Erifile decantouse por acudir á guerra, polo que Anfiarao viuse obrigado a aceptar a súa decisión. En todo caso, antes de partir á guerra fixo xurar ós seus fillos, Alcmeón e Anfíloco, que vingarían a súa morte e que matarían á súa nai, ademais de organizar unha nova campaña contra Tebas, que se coñecerá como a "Expedición dos Epígonos" [7]

Deste xeito, quedou organizada a expedición dos sete capitáns contra Tebas: Adrasto, Anfiarao, Capaneo (fillo de Hipónoo), Hipomedonte (fillo de Aristómaco) e Partenopeo (fillo de Meleagro (ou Melanión) e Atalanta), os cinco guerreiros arxivos, xunto a Polinices e Tideo. Algunhas fontes exclúen a Polinices e engaden a Eteoclo, fillo de Ifis, e Mecisteo [8].

Parada en Nemea[editar | editar a fonte]

Cando o exército pasou por Nemea, pediron auga ó rei Licurgo para as súas tropas e o rei ordenou á súa escrava Hipsípile que lles indicara unha fonte [9]. Hipsípile encargábase de coidar ó fillo de Licurgo, Ofeltes (ou Ofites), e deixouno un momento no chan mentres lles llevaba ata ó manancial. Pero non tivo en conta que o oráculo ordenara que nunca se lle deixara no chan ata que non soubese andar, e unha serpe que gardaba o manancial saíu do seu agocho e esganou ó meniño [10]. Adrasto e os seus soldados non puideron evitalo e tiveron que limitarse a matar a serpe e enterrar a Ofeltes.

O adiviño Anfiarao interpretou que esta desgraza presaxiaba que a expedición ía terminar nun desastre aínda que iso non desanimou ós outros paladíns. Adrasto fundou nese lugar os Xogos Nemeos, en honor ó meniño morto, ó que chamaron Arquemoro, que significa comezo do destino [11]. Os sete paladíns ganaron cadanseu premio nestas probas deportivas [12]. Os vencedores das probas son coroados cunha coroa feita de perexil [13][14]. Anfiarao conseguiu igualmente que os pais de Ofeltes perdoaran a Hipsípile, e desde entón os xuíces das competicións dos Xogos Nemeos visten túnicas negras como sinal de loito por Ofeltes.

Guerra contra Tebas[editar | editar a fonte]

Capaneo escala a muralla de Tebas para matar a Creonte, pero es morto por un raio de Zeus (ánfora de figuras vermellas, c. 340 a.C., Vila Getty, California)

Cando por fin chegaron ante as murallas da cidade, Adrasto enviou a Tideo para esixir a Eteocles que entregase a coroa a Polinices de acordo co que acordaran os dous irmáns. Evidentemente, Eteocles negouse a abdicar e Tideo retou ós xefes do exército tebano a un duelo singular, e foi vencéndoos un a un ata que ningún máis quixo loitar contra el; incluso, cando xa se retiraba, foi obxecto dunha emboscada de cincuenta homes tebanos, e logrou dar morte a todos eles.

"Cheos de ira, os cadmeos, fustigadores de cabalos, apostaron no seu regreso unha nutrida emboscada de cincuenta mozos acaudillados por ... Meón e ... Polifontes. Sobre eles Tideo tamén estendeu un ignominioso destino, pois deu morte a todos e só a un mandou de regreso ó hogar, a Meón, a quen deixou ir obedecendo os prodixios dos deuses".
(Homero: Ilíada IV, 390-398)

Para forzar a rendición de Eteocles, o exército arxivo organizou o asedio da cidade e os sete capitáns apostáronse cada un ante unha das sete portas da muralla; pola súa parte, Eteocles nomeou outros tantos xefes para defender cada unha das portas [15].

O adiviño tebano Tiresias díxolle a Eteocles que só poderían vencer ó inimigo si algún príncipe tebano aceptaba ser sacrificado ó deus da guerra Ares, e foi Meneceo, fillo de Creonte (e tío de Eteocles e de Polinices), quen asumiu o destino e suicidouse ante as portas da cidade, degolándose segundo uns, ou botándose desde o alto da muralla abaixo, segundo outros [16].

"En Tebas, moi cerca da porta Neista, está o sepulcro de Meneceo. Suicidouse, seguindo o oráculo de Delfos, cando Polinices e o seu exército chegaron de Argos. Sobre o seu sepulcro crece unha milgranda. Cando o froito está maduro, se rompes a pela, atopas o de dentro semellante ó sangue".
(Pausanias: Descripción de Grecia IX, 25, 1)

O sacrificio do fillo de Creonte salvou efectivamente á cidade. Cando Capaneo, un dos capitáns arxivos, intentaba entrar na cidade gabeando a muralla cunha escaleira, Zeus matouno cun raio. Ó ver os tebanos que Zeus estaba con eles, armáronse de valor e saíron da cidade, atacando ó inimigo e matando a Hipodemonte e Partenopeo.

Duelo entre Eteocles e Polinices (relevo nunha urna funeraria etrusca, de Volterra)

Tamén resultou gravemente ferido no ventre Tideo, ferido por un guerreiro tebano chamado Melanipo, fillo de Ástaco [17]. Tideo era un protexido de Atenea que, ó velo ferido, quixo concederlle a inmortalidade e foi pedir ó seu pai Zeus un elixir que curara as súas feridas, pero Anfiarao (que odiaba a Tideo porque foran as súas argucias as que obrigaron ós arxivos a ir a esta guerra) adiantouse e matou a Melanipo, e, cortándolle a cabeza, levouna ante Tideo dicíndolle que se vingaría comendo os seus miolos. Así o fixo Tideo, no momento en que chegaba Atenea, e esta presenciou con noxo este acto de canibalismo, polo que verteu o elixir ó chan e marchou [18] [19].

Os cadáveres de Eteocles e Polinices son retirados do campo de batalla (Alfred Chuch, 1829-1912)

Polinices, para evitar máis mortes inútiles, retou a Eteocles a un combate a morte, e este aceptou o desafío [20]. Logo dun longo combate, os dous resultaron feridos mortalmente. Creonte asumiu o mando do exército tebano e atacou ós arxivos, poñéndoos en fuga. Anfiarao intentou fuxir pero cando estaba a piques de ser alcanzado e morto por Periclímeno, Zeus lanzou un raio que abriu a terra e foi tragado sen deixar rastro ningún [21]. Zeus levouno e agora segue pronunciando oráculos en Oropo, na Ática.

O único supervivente, tal como augurara Anfiarao, foi Adrasto, que fuxiu voando a lombo do seu cabalo alado Arión. Posteriormente, Adrasto soubo que Creonte prohibiu que se enterraran os corpos dos inimigos mortos na batalla, e foi onda Teseo para pedirlle axuda. Teseo foi ata Tebas e tomou a cidade, encarcerando a Creonte, e puido devolver os cadáveres ás súas familias para que lles cumprimentasen os ritos fúnebres axeitados. Levantouse unha gran pira para incinerar os corpos, excepto o de Capaneo porque a tradición esixía que, ó ser morto por un raio, debía ser enterrado separado dos demais, nunha tumba valada. Entón, Evadne, a muller de Capaneo, botouse sobre a pira común e morreu queimándose viva.

Dez anos despois, os fillos destes sete capitáns, coñecidos como os Epígonos, organizaron unha nova expedición contra Tebas para vingar a morte dos pais. Nesta ocasión alcanzaron a vitoria e conquistaron Tebas, e só morreu Exialeo, fillo de Adrasto, quizais como compensación ó destino por ser este o único que sobreviviu na primeira campaña.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Se ben, descoñecendo a verdadeira identidade de ambos.
  2. Pseudo-Apolodoro di que "Algúns contan que Polinices gobernou en primeiro lugar e, pasado un ano entregou o poder a Eteocles, pero outros afirman que Eteocles gobernou primeiro e non quixo delegar o mando" (Pseudo-Apolodoro III, 6, 1).
  3. Un oráculo profetizara que Melanipo o mataría a el.
  4. O xabaril do escudo de Tideo representaría o Xabaril de Calidón, se ben outra posibilidade é que o deus Ares, que tiña un santuario en Calidón, adoitaba disfrazarse de xabaril. Por outra banda, o león do escudo de Polinices representaría a parte dianteira da Esfinxe. Pola súa banda, Hixino conta que Polinices chegara vestido cunha pel de león (porque así vestía os emblemas da estirpe de Heracles, procedente de Tebas) e Tideo cunha pel de xabaril (en alusión ó xabaril de Calidón) (Hixino: Fábulas 69, 3-4).
  5. Tálao, fillo de Biante, e Lisímaca, filla de Abante, tiveron seis fillos: Adrasto, Partenopeo, Prónax, Mecisteo, Aristómaco e Erifile, coa que casou Anfiarao (Pseudo-Apolodoro I, 9, 13).
  6. Pero tiña outra propiedade: a de traer o infortunio a tódolos seus posuidores, como aconteceu cos descendentes de Alcmeón, fillo de Erifile.
  7. Hixino dá unha versión distinta do das outras fontes: Anfiarao escondeuse para non ter que ir á guerra e Adrasto, para saber o agocho, regalou un colar de ouro e pedras preciosas a Erifile e esta traicionou ó seu home, por iso Anfiarao ordenou ós fillos que a mataran (Hixino 73).
  8. Graves, px. 413; Pseudo-Apolodoro III, 6, 3.
  9. En realidade, Hipsípile era unha princesa de Lemnos. Foi expulsada do reino, ou ben vendida como escrava, cando as mulleres lemnias acordaron matar a tódolos seus homes e ela non obedeceu, salvando a vida do seu pai, Toante (Pseudo-Apolodoro I, 9, 17).
  10. Ou ben picouno mortalmente (Graves, px. 413), golpeouno coa cola (Estacio: Tebaida) ou devorouno (Hixino 74, 3).
  11. Esta é a tradución que dá Grimal. Robert Graves recolle outra: iniciador da fatalidade, aínda que sostén que máis ben significa tronco de oliveira orixinal, referido ás plantas quitadas da oliveira sagrada de Atenea (Graves, px. 417).
  12. Anfiarao, en salto e disco.
  13. Segundo Robert Graves, o perexil tiña sona de mal agoiro, quizais porque se utilizaba como abortivo (Graves, px. 417). Engade un refrán inglés: Parsley grows rank in cuckolds' gardens (o perexil crece exuberante nos xardíns dos cornudos).
  14. Para Hixino, era unha coroa de apio, porque foi sobre unha planta de apio onde Hipsípele deixou o meniño (Hixino 74, 2-3).
  15. As sete portas da cidade recibían os nomes das sete fillas de Anfión, rei de Tebas: Ogigia, Prétida, Oncaida, Hipsista, Electra e Crénida (Pseudo-Apolodoro III, 6, 6). Hixino dá outros nomes, coincidindo só no de Ogigia (Hixino 69, 7).
  16. Tal como fixera anteriormente o seu avó, tamén chamado Meneceo.
  17. Lémbrese que, casualmente, o irmán de Tideo a quen este matara nunha saída de caza tamén se chamaba Melanipo.
  18. O feito de comer os miolos dos inimigos caídos en batalla tiña como finalidade superarse na loita, pero se consideraba un signo de barbarie.
  19. Segundo Pausanias, a tumba de Melanipo estaba ante a porta Prétide, de Tebas: "O camiño de Tebas a Calcis sae por esta porta Prétide. Nel mostran a tumba de Melanipo, un dos tebanos máis valientes na guerra. Cando se produciu a invasión dos arxivos, este Melanipo deu morte a Tideo e a Mecisteo, un dos irmáns de Adrasto, e din que el mesmo morreu a mans de Anfiarao" (Pausanias IX, 18, 1).
  20. Lémbrese que a causa desta guerra non era outra que a disputa polo trono de Tebas entre ámbolos irmáns.
  21. Tragado xunto o carro, os cabalos e o auriga, Batón (ou Élato).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]