Saltar ao contido

Asasinato de Carrero Blanco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Asasinato de Carrero Blanco
LugarMadrid
Coordenadas40°26′03″N 3°41′08″O / 40.43427, -3.6855Coordenadas: 40°26′03″N 3°41′08″O / 40.43427, -3.6855
Data20 de decembro de 1973
09:27
Arma(s)Cargas explosivas
Mortos3
Perpetrador(es)ETA
editar datos en Wikidata ]

O asasinato de Carrero Blanco, tamén coñecido polo nome en clave Operación Ogro, foi un atentado perpetrado pola organización terrorista Euskadi Ta Askatasuna (ETA) o xoves 20 de decembro de 1973 contra o almirante Luis Carrero Blanco, presidente do Goberno español durante a ditadura franquista. O asasinato provocou un fondo impacto na sociedade española da época, xa que supuxo o maior ataque contra o réxime franquista desde o final da Guerra Civil en 1939.

A desaparición de Carrero Blanco tivo numerosas implicacións políticas. Nese momento facíase evidente a decadencia física do ditador e, con iso, o agravamento da descomposición do aparello franquista que se viña manifestando nos últimos anos. Os sectores máis inmobilistas do franquismo, o denominado «búnker», saíron reforzados deste suceso e lograron influír para que Franco nomease sucesor a un membro da liña dura, Carlos Arias Navarro. Pola súa banda, con este atentado ETA deu un salto cualitativo nas súas accións armadas e converteuse nun dos principais actores da oposición ao franquismo.

Malia que as autoridades iniciaron unha investigación para aclarar os feitos, o caso quedou arquivado ao comezo da Transición. Os autores do atentado tampouco chegaron a ser xulgados por estes feitos porque se beneficiaron da lei de amnistía de 1977 tras a morte do ditador.[1]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Tardofranquismo.

En xuño de 1973 Franco nomeou presidente do goberno ao seu máximo home de confianza, o almirante Luis Carrero Blanco. Era a primeira vez que o ditador delegaba o cargo que ostentara (xunto coa xefatura do Estado) desde o seu nomeamento como «generalísimo» o 1 de outubro de 1936. Carrero Blanco estivera canda o xeneral Franco desde 1941 como o seu máximo asesor. Ocupou o cargo de subsecretario da Presidencia do Goberno, co rango de ministro desde 1951 e de vicepresidente do goberno desde 1967. Conforme Franco ía envellecendo, as tarefas cotiás de goberno foinas asumindo el. Amais, Franco confiaba en Carrero para que o Movimiento sobrevivise tras a súa morte, cando asumise a xefatura do Estado o príncipe de España Juan Carlos de Borbón, a quen designara sucesor en xullo de 1969 a instancias do propio Carrero. Así pois, cando foi nomeado presidente do Goberno fíxose «oficial» que el era o máximo garante da continuidade do réxime, nun momento en que o xeneral Franco xa fixera 80 anos.Este é o retrato que Juan Luis Cebrián fai de Carrero Blanco:[2]

Obsesionado o mesmo polo marxismo que polo xudaísmo e a masonaría, inimigo do liberalismo e da democracia, Carrero parecía un home dunha gran simpleza de ideas, apto para ser manexado por quen soubese facer vibrar nel as efusións tópicas da patria e a relixión. A súa modestia vital valeulle fama de honesto, e aínda hai quen o cualifica de pouco ambicioso, malia a evidencia da súa inamovilidade no poder durante máis de trinta anos. Aos ollos da nova sociedade española, que pugnaba a principios daquela década [dos 70] por liberarse das ancoraxes da guerra civil, resultaba o principal inimigo de calquera posíbel reforma democratizadora e o máis xenuíno valedor do franquismo despois de Franco.

Un retrato similar é o que realiza Antonio Elorza:[3]

O propio de Carrero é a contrarrevolución, o anticomunismo a ultranza, a satanización da masonaría, de acordo cunha visión conspirativa da historia en que as forzas infernais tratan de impoñerse até a aparición dunha cruzada salvadora como a encabezada por Franco: "O demo inspirou ao home as torres de Babel do liberalismo e do socialismo, coas súas secuelas marxismo e comunismo", e a masonaría a xeito de instrumento para a súa penetración. "Este é precisamente o problema español", insiste. "España quere implantar o ben, e as forzas do mal, desatadas polo mundo, tratan de impedirllo".

Planificación[editar | editar a fonte]

A planificación e execución do atentado foi relatada polos propios perpetradores no libro Operación Ogro. Como y por qué ejecutamos a Carrero Blanco, publicado en Hendaia o ano seguinte.[4] En realidade foi escrito por Eva Forest, quen axudou ao comando a realizaren o atentado e a fuxiren. Encheuno de pistas falsas —como que o comando fuxira por Portugal— para protexer os seus autores, quen colaboraron con ela na súa redacción en Ciboure (Francia). Foi ela quen inventou o nome do suposto autor do libro (Julen Aguirre) e o do operativo, «Operación Ogro».[5]

O grupo de etarras que perpetrou o atentado autodenominouse «Comando Txikia», polo nome dun dirixente de ETA asasinado pola policía.[6] Integrábano Jesús Zugarramurdi «Kiskur», José Miguel Beñarán «Argala» e Javier Larreategi «Atxulo».[5]

Os preparativos comezaron máis dun ano antes. Segundo os testemuños recollidos polo xornalista Luis R. Aizpeolea, todo comezou con varias viaxes de Argala a Madrid en 1972. Alí entrou en contacto con Eva Forest, esposa do dramaturgo Alfonso Sastre, ambos disidentes do Partido Comunista de España. Ao parecer, foi ela quen lle proporcionou a Argala o valioso dato de que o coche do almirante Carrero Blanco facía sempre o mesmo percorrido polas rúas de Madrid á primeira hora da mañá, o cal Argala confirmou en persoa. Tras coñecer esa información, a primeira intención da cúpula de ETA foi secuestrar o almirante a cambio da liberación dos 150 etarras que se atopaban en prisión. Os primeiros preparativos, en efecto, foron nesa dirección, e chegaron a construír un zulo nun piso de Alcorcón que lles proporcionara Eva Forest onde reterían ao almirante. Porén, o nomeamento de Carrero Blanco como presidente do Goberno en xuño de 1973 supuxo un aumento da súa escolta. A situación obrigou a ETA a un cambio de plans, co que descartaron o secuestro e decidiron asasinar a Carrero.

A principios de novembro, segundo Aizpeolea, Argala decatouse de que no 104 da rúa de Claudio Coello, pola que circula Carrero todos os días, hai un baixo en alugamento. Deseguida visionou o tipo de atentado. Escavarían un túnel desde dentro do baixo até o centro da rúa e colocarían alí un explosivo que faría saltar o vehículo de Carrero ao seu paso. A dirección aceptou a proposta. Atxulo faise pasar por escultor para xustificar o ruído mentres escavaba o túnel desde o baixo alugado. Aproveitouse a experiencia de Argala, quen en 1970 escavou nas proximidades da prisión de Burgos outro túnel para tentar liberar os presos etarras».[5]

Fachada da igrexa de San Francisco de Borja, onde Luis Carrero Blanco acudía á misa

No túnel da rúa Claudio Coello de Madrid colocaron tres cargas antitanque equivalentes a 50 quilos de dinamita para facelas estoupar cando pasase o coche oficial do almirante tras asistir á misa. Ás 8:55 da mañá Carrero Blanco saía invariabelmente do portal da súa casa na rúa Hermanos Bécquer, subía ao coche oficial, un Dodge 3700 GT negro, enfilaba cara ao inicio da rúa López de Hoyos, entraba na rúa de Serrano e alí ouvía misa na igrexa dos xesuítas. Terminada a misa, de novo ao coche, dobraba por Juan Bravo, enfilaba Claudio Coello, e por Diego de León regresaba á casa. Despois de almorzar acudía ao seu despacho na sede de Presidencia do Goberno, no número 3 do paseo da Castellana. O coche non estaba blindado, a diferenza dos que utilizaba Franco, e só levaba un coche de escolta en que viaxaban dous policías e o condutor, tamén policía. No coche de Carrero ía outro policía xunto ao condutor. «Era máis un acompañamento de protocolo ou de cortesía que de seguridade».[7]

O atentado estaba previsto para o 18 de decembro. Porén, a presenza en Madrid do secretario de Estado estadounidense Henry Kissinger obrigou a aprazalo ao día 20. A rúa Claudio Coello estaba preto da embaixada dos Estados Unidos, polo que era previsíbel que eses días aumentasen as medidas de seguridade na zona. Doutra banda, especulouse sobre como foi posíbel que os servizos da embaixada non detectasen a construción do túnel onde os etarras colocaron os explosivos. Segundo o historiador británico Charles Powell, «non resulta tan sorprendente se se ten en conta que daquela non existía unha clara percepción de ameaza terrorista na capital española».[4]

A axencia oficial soviética Tass difundiu oito anos máis tarde que o atentado contou co beneplácito ou a colaboración, directa ou indirecta, dos Estados Unidos. O motivo era que Carrero Blanco se negaba a obedecer cegamente as ordes que recibía do outro lado do Atlántico. Con todo, tras examinar a documentación estadounidense que xa fora desclasificada, Powell afirmou rotundamente que non existía proba algunha desa acusación.[4] Engade:

«Kissinger era sen dúbida capaz de suxerir e ordenar o uso de métodos ilícitos para meter presión e mesmo derrubar gobernos non afectos, como fixera en Chile tras o triunfo de Salvador Allende nas eleccións presidenciais celebradas en setembro de 1970. [...] Con todo, a diferenza do caso chileno, [...] o asasinato de Carrero Blanco [...] era claramente contrario aos seus intereses. A morte do almirante só podía xerar a inestabilidade e a incerteza que tanto aborrecían Nixon e Kissinger [...]. En cambio, a súa continuidade á fronte do Goberno e ao servizo de don Xoán Carlos permitía albergar a esperanza dun tránsito gradual do franquismo á monarquía como o que apoiaba Washington. [...] Por se for pouco, o almirante, que sempre outorgou unha gran importancia ás relacións con Estados Unidos, puido ser un excelente aliado nas inminentes negociacións para a renovación do acordo sobre as bases [estadounidenses en España], que se auguraban difíciles. Por último, e como se desprende claramente do contido da súa conversa con Kissinger poucas horas antes da súa morte, carece de todo fundamento a tese segundo a cal Carrero Blanco foi asasinado por oporse ao ingreso de España na OTAN».[8]

Atentado[editar | editar a fonte]

Dodge 3700 GT, modelo do coche en que viaxaba Carrero Blanco

A mañá do 20 de decembro de 1973, como adoitaba facer cada día antes de acudir á sede da Presidencia do Consello de Ministros, Carrero Blanco asistiu á misa na igrexa de San Francisco de Borja.[9] Tras a celebración relixiosa volveu subir ao coche oficial. Cando circulaba pola rúa Claudio Coello, arredor das 09:27, os terroristas activaron os explosivos no momento en que o vehículo pasou por riba da zona sinalada cun coche aparcado por eles. A explosión, que acabou no instante coa vida de Carrero Branco, foi tan violenta que abriu un gran cráter no asfalto. O coche, un Dodge 3700 GT de case 1800 quilos de peso, voou polo aire e caeu na azotea da Casa Profesa, anexa á igrexa onde oíra misa. A súa filla Ángeles, quen sempre o acompañaba, non o fixo ese día, o cal evitou máis mortes. Posteriormente tamén finaron os acompañantes que ían no vehículo canda Carrero, o inspector de Policía Juan Antonio Bueno Fernández e o condutor, José Luís Pérez Mogena.

O coche no balcón da Casa Profesa de Madrid, inmediatamente despois do atentado

O etarra Kiskur dera o sinal a Argala, quen subido a unha escaleira e camuflado cun mono de electricista detonou as cargas explosivas. Ambos saíron correndo cara a rúa contigua de Diego de León, onde os espera Atxulo ao volante dun automóbil. O coche enfila cara á glorieta de Rubén Darío, e diante da Escola de Policía, na rúa Miguel Ángel, cambian de vehículo e diríxense ao seu refuxio na rúa Hogar 68, en Alcorcón (Madrid). Os tres permaneceron ocultos alí até o fin do mes, do que os sacou o seu contacto en Madrid, Eva Forest, disidente do Partido Comunista de España. Un camión trasladounos logo a Hondarribia (Guipúscoa), dende onde chegaron a Francia tras cruzaren o río Bidasoa.[5]

Daquela era tan inconcibíbel pensar nun atentado terrorista que os policías que viaxaban no coche de escolta, feridos polos entullos que caeron sobre o vehículo tras a explosión, só comunicaron por radio á Dirección Xeral de Seguridade: «Houbo unha explosión. Manden outro coche para escoltar o presidente, que o meu está afundido». En principio pensaron que o coche de Carrero non fora afectado pola explosión. Porén, ao non atopalo nas rúas adxacentes, chegaron a pensar que se podía achar no fondo do enorme foso asolagado de auga que había no centro da rúa. Son uns xesuítas quen lles comunicaron que o coche se atopaba na terraza do seu edificio con tres persoas atrapadas dentro. Os policías seguían mantendo que se tratara dunha explosión de gas accidental, e esa era a hipótese inicial que sostiña o ministro da Gobernación Carlos Arias Navarro. Porén, a inspección do terreo descartou que se tratase de gas, o que non deixaba outra opción que o atentado terrorista.[10] A hipótese da explosión de gas parecía plausíbel, pois o ano anterior houbera unha en Barcelona que causara 18 mortos, amais doutros incidentes similares.[11]

Reivindicación do atentado por ETA[editar | editar a fonte]

Ás once da noite dese mesmo día, o informativo en castelán de Radio París comunicou que ETA, a través dun comunicado, asumía a autoría do atentado. Cualificouno de «xusta resposta revolucionaria» ás mortes de nove membros da organización a mans da Garda Civil. Así mesmo, engadiu que constituía «un avance na loita contra a opresión nacional, polo socialismo en Euskadi e pola liberdade de todos os explotados e oprimidos dentro do Estado español».[12]

O obxectivo do atentado, segundo indicaba o comunicado, era tamén intensificar as divisións entón existentes no seo do réxime franquista entre a facción «aperturista» e a «purista». Segundo declaracións posteriores dun dos membros do Comando Txikia, Carrero Blanco era «unha peza fundamental» e «insubstituíbel» do réxime e representaba o «franquismo puro»:

A execución en si tiña un alcance e uns obxectivos clarísimos. A partir de 1951 Carrero ocupou practicamente a xefatura do Goberno no Réxime. Carrero simbolizaba mellor que ninguén a figura do «franquismo puro». Por outra banda, chegou a ser insubstituíbel pola súa experiencia e capacidade de manobra e porque ninguén lograba como el manter o equilibrio interno do franquismo […].

Tras coñecer o comunicado, o xefe do Goberno Vasco no exilio, Jesús María de Leizaola, declarou en París que non cría que detrás do atentado se atopase unha facción de ETA e que estaba convencido de que o comunicado era falso, o que obrigou a ETA a reafirmar a súa autoría nun segundo comunicado. Uns días máis tarde ETA convocaba unha rolda de prensa clandestina nalgún lugar do sur de Francia. Un encapuchado explicou en éuscaro a planificación e obxectivos do atentado, mentres outro ía traducindo ao francés.[12]

A finais de decembro de 1973, Santiago Carrillo, secretario xeral do PCE, declarou en relación co atentado:

Cando dixemos que o atentado contra Carrero Branco era obra de profesionais e non de afeccionados non o facíamos con ningunha intención pexorativa cara a ETA. Queríamos subliñar que ese atentado leva a marca de certos servizos especializados, máis que a dunha organización cuxos medios e posibilidades son limitados. A rapidez con que a policía, que foi incapaz de asegurar a protección do almirante durante semanas, nunha zona na que está situada a Embaixada norteamericana, a residencia do Embaixador inglés, outros centros oficiais e pola que circulan a diario ministros e exministros, se agarrou á tese do “atentado de ETA”, sinalando en 24 horas aos presuntos autores, con nomes e apelidos, é moi estraña. Tan estraña, polo menos, como a precipitación con que individuos anónimos reivindican en nome de ETA, desde o estranxeiro, a paternidade do feito, expondo á represión e mesmo á ameaza de extradición a militantes dese movemento. Parece coma se escollendo a data do 20 de decembro, data do proceso contra os dirixentes de Comisións Obreiras, e acusando a ETA, se tratase de cubrir a man que realmente preparou o atentado, man que non parece vir da esquerda.

[13]

Catro meses despois, o tenente xeneral Tomás García Rebull, destacado membro do búnker franquista, manifestou nunha entrevista publicada o 28 de abril de 1974 por Nuevo Diario que detrás de ETA estivera a masonería («Eu estou convencido de que foron elementos de ETA, pero a masonería polo medio»). Preguntado en que se baseaba respondeu: «Pois... nas cousas que vexo. Moitas veces pregúntome: pero de onde vén isto? E sempre digo: nada, masonería. Eu creo que mesmo exportamos masones».[14]

Reaccións[editar | editar a fonte]

O atentado provocou un fondo impacto tanto na clase dirixente como na oposición antifranquista e na opinión pública española polas implicacións políticas que tiña. «Non estala o pánico, pero instálase o medo. E o silencio», e «nos círculos do poder hai estupor, sobre todo estupor», escribe Victoria Prego.[15]

O goberno[editar | editar a fonte]

Palacio de Villamejor, que en 1973 era sede da Presidencia do Goberno

Ese día estaba convocada unha reunión do Goberno que o almirante Carrero tiña previsto abrir falando dos perigos da «subversión» que ameazaba España, unha das súas obsesións. Tamén lla manifestara ao secretario de Estado estadounidense Henry Kissinger na reunión que mantiveran a véspera. Así, os ministros acudiron á Presidencia do Goberno, situada entón no número 3 do Paseo da Castellana. Alí, o vicepresidente do Goberno Torcuato Fernández-Miranda esixiulles que acougasen alzando a voz: «Señores, seriedade e serenidade. Vou chamar por teléfono ao Caudillo, pois creo que o primeiro é coñecer as ordes que poida darnos neste momento». A continuación engadiu: «Son o presidente; sono de modo automático por disposición da Lei Orgánica; estou seguro da colaboración de todos. A miña primeira decisión é esta: non haberá estado de excepción».

Malia esta declaración tan rotunda —que contou co apoio dos ministros do Exército e da Mariña—, o ministro de Educación, Julio Rodríguez, ofreceuse para constituír comandos que detivesen e castigasen os autores do atentado «até onde a policía non pode chegar».[16] Nunha entrevista á revista Blanco y Negro manifestou: «Á saída do funeral polo almirante, dirixinme á Xefatura Superior de Policía e dixen que, como cidadán español, formaría filas no grupo que se ocupase de vingar a morte e a honra do almirante. Tratábase de chegar onde a policía, como tal, non puidese chegar».[16]

O ministro de Mariña, Gabriel Pita da Veiga, comunicoulle a Fernández-Miranda que o director xeral da Garda Civil, o tenente xeneral Iniesta Cano (coñecido polas súas tendencias ultradereitistas), enviara pola súa conta un telegrama a todas as comandancias en que ordenaba «extremar a vixilancia» e que «de existir algún choque» actuasen «enerxicamente sen restrinxir no máis mínimo o emprego das súas armas». Fernández-Miranda, «como presidente», ordenou a Iniesta Cano enviar de inmediato un segundo telegrama que deixase sen efecto dita orde.

O xeneral Franco[editar | editar a fonte]

Palacio de El Pardo, residencia oficial do xeneral Franco

O día do atentado o xeneral Franco tiña gripe e estaba con febre, co que ningún dos seus axudantes se atrevía a darlle a nova da morte de Carrero. Foi o seu médico persoal, Vicente Gil, quen llo comunicou, aínda que de forma gradual. Primeiro díxolle que sufrira un accidente e que estaba grave, para máis tarde darlle máis detalles e confirmarlle que finara. Franco contestou lacónico: «Estas cousas ocorren». Con todo, o ditador quedou fondamente conmocionado, como se puido comprobar durante o funeral dous días despois.[17] Segundo Laureano López Rodó, ministro de Asuntos Exteriores do goberno de Carrero Blanco, coa morte do almirante «Franco perdeu o seu colaborador máis directo e desde entón xa non foi o mesmo: pegou un baixón evidente tanto física como psicoloxicamente».[18]

Ás once da mañá o xeneral Franco recibiu a chamada do presidente en funcións Torcuato Fernández-Miranda, quen lle dixo: «Xeneral, supóñolle decatado da situación». Franco contestou: «Sei moi pouco, Miranda. Que pensa do feito? Non podería ser unha triste casualidade? Creo que non deberiamos descartar a casualidade». Con todo, a esa hora a policía xa descubriu o túnel escavado no subsolo da rúa Claudio Coello. Cando Fernández-Miranda acudiu ao Palacio de El Pardo o xeneralísimo xa asumira que se trataba dun atentado e entón díxolle: «Miranda, móvesenos a terra baixo os pés».[19]

Ás oito da mañá do día seguinte Franco díxolle ao seu axudante, o capitán de navío Antonio Urcelay: «Cortáronme o último fío que me unía ao mundo». Tres horas despois presidía no Palacio de El Pardo o habitual consello de ministros dos venres que se negou a desconvocar para dar unha imaxe de normalidade e «que o país non se alarme». O xeneral Franco abriu a sesión cunha breve intervención para condenar «o execrable atentado e confiar en que a xustiza logre atopar a quen cometeron o horrendo crime que lle custou a vida ao presidente Carrero Blanco». Segundo Victoria Prego, «nese momento crébaselle a voz e ponse a chorar. Os ministros, que nunca viran a Franco nesta situación, gardan un silencio sepulcral. Non saben que facer. Só esperan. Durante unha eternidade... Pero Franco recobrou inmediatamente a enteireza e con voz firme dixo: "Podemos empezar"». Acordouse nomear a Carrero Blanco capitán xeral da Armada e outorgóuselle o título de duque, que puido ostentar a súa viúva.[20]

A opinión pública[editar | editar a fonte]

No encontro que mantivo Fernández-Miranda no Palacio de El Pardo con Franco, este mandoulle serenar os ministros e esperar a que se coñecesen todos os datos. «Que se dea sensación de tranquilidade. Non hai que alarmar o país», insistiu. Fernández-Miranda contestoulle: «O país xa está alarmado, Excelencia, a xente está desorientada, é necesario informar do sucedido». Pero Franco mantivo a súa postura.[21]

Á unha da tarde Radio Nacional de España emitiu o primeiro comunicado do goberno a través da Dirección Xeral de Seguridade, sen mencionar que se trate dun atentado terrorista: «Esta mañá produciuse unha importante explosión cuxas causas aínda se descoñecen. [...] O almirante Carrero Blanco, quen pasaba no seu coche polo lugar da explosión no momento de ocorrer o feito, sufriu graves feridas, a consecuencia das cales faleceu pouco despois. [...] Asumiu automaticamente a presidencia do goberno don Torcuato Fernández-Miranda».[21] Ás tres da tarde Televisión Española emitiu imaxes do lugar do atentado sen ofrecer ningunha interpretación delas. Cinguiuse escrupulosamente á versión oficial do goberno, sen emitir as imaxes do túnel, do sinal vermello pintado na parede —que serviu de referencia para accionar o detonador— e as declaracións dalgunhas testemuñas. Ás catro e media da tarde Fernando de Liñán, ministro de Información e Turismo, dirixiuse ao país por televisión, pero seguíase sen recoñecer o atentado.[22]

Nunha nova visita a El Pardo Fernández-Miranda logrou por fin convencer a Franco de que se informe aos españois de que Carrero Blanco foi vítima dun atentado. «Faga unha nota, Miranda», dille. Pouco despois a Dirección Xeral de Prensa recoñeceu que «se tratou dun criminal atentado» e explicou como se producira. Os xornais publicaron edicións especiais, pero Radio Nacional non informou até as sete da tarde.[23]

A oposición antifranquista[editar | editar a fonte]

Cando se soubo do atentado de Carrero, moitos opositores ao réxime franquista brindaron con champaña polo tiranicidio. Como sinalou Juan Luis Cebrián, «moitos demócratas, inimigos da violencia e do terrorismo etarra, non tiñan outro remedio que recoñecer —con coidado, para non seren malinterpretados— que, ao cabo, os magnicidas cumpriran cun destino histórico e a súa acción liquidara calquera posibilidade de continuísmo franquista».[6] Pola súa banda, Charles Powell afirmou: «A popularidade de ETA entre a opinión antifranquista alcanzou o seu punto álxido en 1973 co asasinato do almirante Carrero Blanco».[24]

Nos primeiros momentos, algúns sectores da oposición temeron que o atentado fose o detonante para que os grupos ultras emprendesen en vinganza unha especie de «Noite dos coitelos longos» contra membros da esquerda.[25] Temeuse especialmente polos presos sindicalistas do Proceso 1001, cuxo xuízo comezaba ese día.[9]

O Proceso 1001 do Tribunal de Orde Pública estaba dirixido contra dez dirixentes da organización sindical clandestina e ilegal Comisións Obreiras vinculada ao Partido Comunista de España (daquela o principal partido da oposición antifranquista), que durante as semanas anteriores dera lugar a unha gran campaña de solidariedade e protesta tanto dentro como fóra de España. O cantante estadounidense Pete Seeger compuxo unha canción aos procesados coa música de El Frente de Gandesa que dicía:

In this land of wine and olives / ten brave people are in prison / simply for the «crime» of trying / to organize an honest Union ('Nesta terra de viño e olivas / dez persoas valentes están en prisión / simplemente polo «crime» de tentar / organizar un sindicato auténtico')—.[26]

Desde primeira hora da mañá formouse na praza das Salesas unha longa cola de persoas que querían entrar na sala onde se ía celebrar o xuízo.[11] Porén, cando se coñeceu o atentado o presidente do tribunal suspendeu a sesión e os procesados foron conducidos aos calabozos situados nos sotos do palacio de Xustiza. Ás súas portas grupos de extrema dereita gritaban contra os procesados «Traidores!; Viva o 18 de xullo!; Tarancón ao paredón!; Ruiz-Giménez e Camacho á forca!». O xefe dos policías que custodiaban os procesados díxolles: «Non vos preocupedes, pasarán por encima dos nosos cadáveres antes. Eu cumpro co meu deber e o mesmo faría se se tratase de outros». Marcelino Camacho, un dos procesados, lembra: «Eran momentos de verdadeiro terror... dun terror enorme a que aquilo desencadease algo peor». Malia o clima existente, o presidente do tribunal decidiu retomar o xuízo pola tarde, co que desestimou a petición de suspensión dos avogados defensores. Dous días despois ditouse a condena dos procesados a 19 ou 20 anos de prisión.[27]

Poucas horas despois do atentado, o líder comunista Simón Sánchez Montero foi detido en Madrid, alegando a policía que se atopou no lugar do atentado un papel co seu número de teléfono. Este foi o primeiro dos numerosos intentos que se levaron a cabo ao longo daqueles días por relacionar dalgún xeito o atentado co PCE e co Proceso 1001».[6]Ás sete ou as oito da tarde do mesmo día do atentado Santiago Carrillo, secretario xeral do entón ilegal e clandestino Partido Comunista de España, que se atopaba en París, recibiu unha insólita chamada telefónica dende Madrid de Antonio García López quen dicía falar en nome do entón xefe do Estado Maior, o xeneral Manuel Díez Alegría. Segundo o Carrillo, este «quería confirmar que nós estabamos contra o terrorismo como forma de loita e ao mesmo tempo quería tranquilizarme garantindo que non habería represalias esa noite en Madrid, que o exército tomara as medidas necesarias para impedilo». Aínda que o xeneral Díez Alegría sempre negou estar detrás da chamada, o que si é certo, segundo Victoria Prego, é que ese día o Alto Estado Maior «estabeleceu numerosísimos contactos con distintos representantes políticos para asegurar o mantemento da calma en todos os sectores».[28] Carrillo lembrou anos despois:[29]

Evidentemente, esa chamada para min tiña un dobre valor. Primeiro, o de que non houbese represalias, que era o que eu temía; segundo, o de que, por primeira vez en moitísimos anos, nada menos que de parte do xefe do Estado Maior, que para min, dende o punto de vista práctico, era a segunda figura do réxime, chamábannos e tranquilizábannos, comunistas, roxos, que foramos o inimigo número un do sistema. Algo estaba cambiando en España cando esa tarde, despois da muerte do xefe do Goberno, se producía unha chamada tan impresionante.

Estados Unidos[editar | editar a fonte]

Poucas horas despois do atentado, o secretario de Estado estadounidense Henry Kissinger —quen precisamente o día anterior estivera en Madrid e entrevistárase con Carrero Blanco— envioulle un telegrama ao ministro de Asuntos Exteriores, Laureano López Rodó, en que lamentaba a «tráxica perda para España e para o mundo occidental». Engadiu: «A miña consternación é tanto maior despois da agradábel e interesante entrevista que mantiven con el onte mesmo». Dous días despois envioulle unha carta en que cualificaba o atentado de «absurdo e brutal». López Rodó contestoulle: «comprendo os sentimentos que me expresa na devandita mensaxe por canto eu fun testemuña durante a última entrevista que o presidente sostivo cun ministro de Asuntos Exteriores da corrente de simpatía que se estabeleceu entre vostedes e do seu mutuo entendemento nos problemas internacionais que nos confrontan».[30]

O funeral[editar | editar a fonte]

Placa en recordo a Carrero Branco no lugar onde sufriu o atentado. Foi colocada polo concello franquista de Madrid en 1974

O cadáver do almirante Carrero foi trasladado desde a clínica á sede da Presidencia, no número 3 do Paseo da Castellana, onde estaba instalada a capela ardente. Algúns sectores franquistas tentaron impedir que o funeral que se ía celebrar o día seguinte fose oficiado polo arcebispo de Madrid-Alcalá e presidente da Conferencia Episcopal Española, o cardeal Vicente Enrique y Tarancón. Este xa fora obxecto de berros de «culpábel!» por parte de grupos ultra cando abandonou a clínica onde acudira para presentar as súas condolencias á viúva. O almirante Amador Franco díxolle ao xefe do Estado Maior, o tenente xeneral Manuel Díez-Alegría «Non podemos tolerar que Tarancón diga a misa».

Segundo relatou despois o provicario de Tarancón, o padre José María Martín Patino, ao goberno tamén lle parecía mal «que Tarancón insistise en dicir a misa e en acudir ao enterro. Vírono como unha especie de desafío. [O tenente coronel] San Martín [xefe do CESED] chamoume e díxome que o disuadise, que tiña noticias de que ía haber un gran balbordo e que non conviña nese momento. E engadiu que se cadra lle podía perigar ao cardeal até a vida. Como o cardeal insistía en acudir á misa e ao enterro [«Carrero era fregués meu. Non podo faltar», dicía], decidiu entón pornos escolta policial».

Ao longo de todo o día recibíronse na sede do arcebispado chamadas telefónicas con insultos e ameazas. Moitas delas repetían a consigna «Tarancón ao paredón!», cuñada polos sectores ultras anos antes, cando o cardeal iniciara o distanciamento da Igrexa católica do réxime franquista.[31]

Ás 10 da mañá do día seguinte, o venres 21 de decembro, o cardeal Tarancón, acompañado de Martín Patino, acudiu á sede da Presidencia do Goberno para dicir a misa na capela ardente. Cando chegaron, un grupo de xente tentou impedir o paso do seu coche e Martín Patino foi agredido. Na homilía o cardeal dixo: «Imos pedir a Deus que saibamos frear os nosos impulsos e teñamos serenidade, sen deixármonos levar nestes momentos polo odio». O tenente xeneral Luis Navarro Garnica, membro do Consello do Reino, respondeu en voz alta: «Xa está o imbécil de Tarancón dicindo as parvadas de sempre». Terminada a misa, Tarancón e Martín Patino abandonaron o edificio por unha porta lateral, mais alí tamén os esperaba un grupo de ultras que lles berraban «asasinos» e «Tarancón ao paredón». A policía impediu que fosen agredidos meténdoos no coche e sacándoos de alí a toda velocidade.[32]Ás catro da tarde saíu da Presidencia do Goberno o cortexo fúnebre que ía conducir o féretro de Carrero Blanco, primeiro a pé e logo en coche, ao cementerio de El Pardo onde ía ser enterrado. Encabezábao o cardeal Tarancón, acompañado do seu provicario Martín Patino e doutros bispos. Cando apareceron estalaron os vítores a Franco, os insultos e as ameazas e cantouse o Cara al Sol. «Queremos bispos católicos!», «Bispos roxos non!», «¡A Zamora!», gritábanlles.[33] O cardeal lembrou anos máis tarde:[34]

Eu, medo non tiña. Mágoa si, por dúas razóns: primeiro porque aí manifestábase un fanatismo que sempre produce esa sensación de mágoa. Pero, ademais, porque temía que aquilo puidese ser un síntoma das dificultades que podían atoparse despois, cando viñese o tempo da renovación ou do cambio. Víase que había fanáticos dispostos a todo, a todo, para evitar que o cambio fose tranquilo, pacífico e de reconciliación de todos os españois. Isto era o máis triste.

Detrás do cardeal e os bispos ía o féretro colocado sobre un armón de artillaría e inmediatamente despois o príncipe de España Xoán Carlos de Borbón camiñando só, a quen seguían as autoridades políticas e militares e as delegacións estranxeiras. Cando a comitiva fúnebre chegou á praza do doutor Marañón produciuse o traslado do féretro ao coche que o levaría ao cemiterio de El Pardo, onde sería enterrado ás seis da tarde. Antes de partir celebrouse un desfile militar e o cardeal Tarancón rezou un último responso.[35] Terminado o enterro os ultras celebraron unha concentración no lugar do atentado. Os asistentes portaban bandeiras de España, da Falanxe e da Comuñón Tradicionalista. Blas Piñar, líder de Fuerza Nueva, dirixiuse aos reunidos para criticar a pasividade do goberno fronte á «subversión».[16]

Basílica de San Francisco o Grande de Madrid, onde se celebrou o funeral polo almirante Carrero presidido por Franco

Ás doce da mañá do día seguinte, sábado 22 de decembro de 1973, celebrouse o solemne funeral en memoria do almirante Carrero na basílica de San Francisco el Grande. A cerimonia estivo presidida polo xeneral Franco en persoa, acompañado polo príncipe Xoán Carlos. Foi oficiada de novo polo cardeal Tarancón, malia a oposición do goberno, que acabou por ceder, e adoptando fortes medidas de seguridade para protexelo dos ultras. [36]Entre as delegacións estranxeiras que asistiron ao funeral non se atopaba ningún representante europeo de alto nivel. Os máximos dignatarios que acudiron foron o rei de Marrocos Hassan II e o vicepresidente norteamericano Gerald Ford, este último por expreso desexo do presidente Richard Nixon, moi impresionado polo atentado. Comentou cos seus colaboradores que Carrero Blanco fora «un gran hombre», como xesto de deferencia cara o xeneral Franco. [37]Durante a homilía o cardeal Tarancón pronunciou estas palabras:[38]

Se esta tráxica morte nos descubrise a todos que a preocupación polo ben común, pola grandeza da nación, pola súa convivencia pacífica na xustiza, pola súa elevación e desenvolvemento en todas as ordes, son tarefas que a todos nos incumben, como españois e tamén como cristiáns, lograríamos que esta fose unha hora de fecundidade, non só de pranto.

No momento de dar a paz, o cardeal achegouse ao xeneral Franco, a quen non deu a man, senón que o abrazou. O xesto de Tarancón desencadea en Franco, quen se apoia no peito do arcebispo, un pranto longo e incontido "como o dun rapaz", lembrará o cardeal. Foi, de novo, un momento difícil, do que non todos os presentes se dan de conta e que as cámaras de televisión non recollen.

Despois o cardeal deulle a man ao príncipe Xoán Carlos e aos membros do goberno, mais cando chegou á altura do Ministro de Educación, Julio Rodríguez, este ostensibelmente négalla. Terminada a cerimonia, Franco retirouse. As cámaras de televisión seguírono no seu percorrido. Franco detívose a saudar á familia de Carrero e, ao darlle a man á viúva, de novo rompeu a chorar. Quen neste momento estaban a ver a televisión recibiron unha impresión fortísima, pois nunca xamais se lle vira chorar. O día seguinte os xornais publican a fotografía do pranto do xefe do Estado.[39]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

O xeneral Franco coa súa esposa Carmen Polo e os príncipes de España, Xoán Carlos e Sofía, nunha cerimonia relixiosa pola morte do almirante Carrero Blanco. No extremo esquerdo da imaxe, Torcuato Fernández-Miranda, daquela Presidente do Goberno en funcións

O director xeral de Seguridade, Eduardo Blanco Rodríguez, recoñeceu posteriormente que o magnicidio foi «un golpe mestre».[40] Até entón, as forzas de seguridade e os servizos secretos —principalmente o SECED, de recente creación— actuaran ás costas un do outro, sen existir unha coordinación clara entre eles.[41] A partir daquel momento as forzas de seguridade tomaron conciencia do grave problema que comezaba a supor o terrorismo de ETA para o réxime. Tratátase dun fenómeno ao que nunca antes se enfrontaran. Eduardo Blanco foi destituído do seu posto e substituído polo militar Francisco Dueñas Gavilán.[42] Non foi o caso do ministro da gobernación e responsábel directo da seguridade de Carrero Blanco, quen o sucedeu na xefatura do goberno.

Segundo Laureano López Rodó, o principal colaborador do almirante desde mediados dos anos 1950, o atentado contra Carrero Blanco «representou a maior conmoción política da etapa de Franco».[18] Segundo o historiador británico Charles Powell, o asasinato de Carrero acelerou a crise interna do franquismo.[43] Julio Gil Pecharromán comparte a mesma valoración: «A bomba de ETA acelerou o final do franquismo».[44] Especulouse sobre se a Transición sería posíbel con Carrero Branco no poder, xa que el encarnaba a continuidade do franquismo. Victoria Prego afirmou: «non é nada aventurado pensar que, chegado o momento, o asasinado presidente do Goberno retiraríase moi probabelmente da presidencia por petición dun Rei que, tras a morte de Franco, pasaría a ser, amais, o comandante supremo das forzas armadas, é dicir, o seu xefe directo na liña de mando».

Esta mesma opinión é a que tiña o propio príncipe Juan Carlos, segundo lle contou a José Luis de Vilallonga anos despois: «Penso que Carrero non estaría de acordo co que eu me propoñía facer. Pero non creo que se opuxese abertamente á vontade do Rei... Simplemente dimitiría».[45] Segundo Charles Powell, algo parecido pensaba o goberno norteamericano; que cando Franco morrese Carrero Blanco presentaríalle ao Rei a dimisión para que decidise se o confirmaba no posto ou nomeaba un substituto.[46]Antonio Elorza afirma, por contra, que co almirante Carrero vivo a Transición sería practicamente imposíbel, pois el constituía a garantía da continuidade do franquismo:[3]

É significativo que só aceptase o posto [de presidente do goberno] cando a decrepitude de Franco anunciaba o fin da súa vida, e a favor dunha normativa que daba cinco anos de duración ao cargo, resultaba asegurada a súa presidencia efectiva alén da morte do ditador. Con ela garantía a continuidade do réxime franquista.
Non hai proba algunha de que tras a morte de Franco, quen fose a súa man dereita pensase apartarse ante don Xoán Carlos. En cambio, todo indica que durante ese quinquenio calquera cambio cara a democracia ía resultar bloqueado. Chegado o caso, mediante a entrada en xogo do Consello do Reino, disposto ante unha dimisión de Carrero a devolver a terna para presidente a don Xoán Carlos con tres franquistas no canto de un. Se esta circunstancia case se dá ao forzar o Rei a dimisión de Arias Navarro, segundo relata o libro dos Fernández-Miranda, resulta fácil prever a embrolla con Carrero no temón. Non en van, Franco confiaba no Consello do Reino para bloquear calquera veleidade de liberalismo no seu sucesor. E no marco inevitábel dunha represión crecente, pois a oposición non estaría disposta a tolerar un franquismo sen Franco, o Rei tería que queimarse politicamente como mascarón dunha política neofranquista, intentar un imposíbel golpe ou abdicar.

O punto de vista de Elorza é compartido por Juan Luis Cebrián:[2]

Carrero inspiraría a solución monárquica na persoa de don Xoán Carlos, pero non ocultaba a súa disposición a facer do futuro rei un auténtico monicreque ante a morte ou incapacidade do ditador. A el se debían, moi fundamentalmente, as resistencias a todo intento de aperturismo no interior do réxime... Desde todos os puntos de vista, o almirante era entón a peza mestra do franquismo, e mesmo resultaba, en moitos aspectos, máis importante có propio ditador.

Libros, películas e obras de arte sobre o atentado[editar | editar a fonte]

A escritora Eva Forest publicou en Francia un ano despois o libro Operación Ogro.[47] Baixo o pseudónimo de Julen Agirre, relataba a preparación e execución do atentado.[48] Aínda que algunhas das súas partes reflicten verazmente os feitos, outras parecen escritas para confundir as investigacións policiais da época, polo que non se considera unha fonte absolutamente fidedigna en certos aspectos. Vinte anos despois daquel acontecemento reeditouse o libro con algunhas novas achegas e un capítulo inédito. Nel reflectíanse os datos que foran deliberadamente transformados para non comprometer a quen participaron na fuxida do comando.[49] En 1978 rodouse o filme Comando Txikia: Muerte de un presidente, dirixida por José Luís Madrid.[50]

En 1979 rodouse un filme baseado nestes feitos tamén titulado Operación Ogro, a última obra dirixida por Gillo Pontecorvo,[51] con música de Ennio Morricone. A película foi seleccionada oficialmente para a clausura do Festival de Venecia e declarada de «Especial Calidade» pola Dirección Xeral de Cinematografía. Obtivo o premio italiano David di Donatello á mellor dirección.

En 2011 Miguel Bardem dirixiu a miniserie para televisión El asasinato de Carrero Blanco, co galego José Ángel Egido no papel do almirante. Foi coproducida por Televisión Española (TVE), Euskal Telebista (ETB) e a produtora BocaBoca.

En 2012 o xornalista Ernesto Villar presentou o libro Todos quieren matar a Carrero. Nel expón a hipótese dunha posíbel conspiración franquista para o seu asasinato, na que tamén puidesen estar involucrados os servizos de intelixencia doutros países.[52]

En 2015 o artista Fernando Sánchez Castillo presentou na súa exposición "Más allá", organizada polo Centro de Arte Dos de Mayo de Móstoles (Madrid), unha serie de esculturas e debuxos que reflexionaban sobre o atentado e as súas consecuencias na historia de España.[53]

En decembro de 2023, aproveitando o 50º aniversario do magnicidio, estreouse a docuserie Matar al presidente, de Movistar Plus+, con imaxes inéditas sobre o atentado e as consecuencias posteriores.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. R. Aizpeolea, Luis (17 de decembro de 2023). "El asesinato de Carrero: ni lleno de enigmas ni tan trascendental". El País (en castelán) (Donostia). Consultado o 27 de abril de 2024. Cincuenta anos despois, ante aquel espectacular resultado do atentado terrorista, segue habendo teorías conspirativas que a historiografía académica e a análise das fontes documentais rexeitan. Coa perspectiva do tempo, porén, os historiadores formúlanse máis interrogantes: A desaparición de Carrero afectou o futuro de España? En que medida influíu na política vasca? Condicionou a oposición antifranquista? Cal é a memoria do denominado delfín do franquismo? E chegan a unha conclusión: o asasinato de Carrero non supuxo nin o fin do franquismo nin o comezo da Transición. 
  2. 2,0 2,1 Cebrián 1995, p. 6.
  3. 3,0 3,1 Antonio Elorza, "La muerte del valido de Franco", El País, 14 de decembro de 2003.
  4. 4,0 4,1 4,2 Powell 2011, p. 169.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 R. Aizpeolea, Luis (14 de decembro de 2013). "El cráter del régimen". El País (en castelán) (Madrid). Consultado o 27 de abril de 2024. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Cebrián 1995, p. 8.
  7. Prego 1995, p. 14-15.
  8. Powell 2011, pp. 167-168.
  9. 9,0 9,1 A. Martínez, Jesús (coord.) (1998). Historia de España. Siglo XX (1939-1996) (en castelán). Madrid: Cátedra. p. 170. ISBN 9788437617039. 
  10. Prego 1995, pp. 15-17.
  11. 11,0 11,1 Cebrián 1995, p. 5.
  12. 12,0 12,1 Prego 1995, p. 32.
  13. "Declaraciones de Santiago Carrillo sobre el momento político". Mundo Obrero: Órgano del Comité Central del Partido Comunista de España (en castelán) (23). 29 de decembro de 1973. p. 3. Consultado o 1 de maio de 2024. 
  14. Rodríguez Jiménez 1997, p. 424.
  15. Prego 1995, p. 17.
  16. 16,0 16,1 16,2 Rodríguez Jiménez 1997, p. 391.
  17. Prego 1995, p. 25.
  18. 18,0 18,1 Prego 1995, p. 24.
  19. Prego 1995, pp. 25-27.
  20. Prego 1995, p. 51-52.
  21. 21,0 21,1 Prego 1995, p. 27.
  22. Prego 1995, p. 29-31.
  23. Prego 1995, p. 31.
  24. Powell 2002, p. 86.
  25. Preston, Paul (1990). The Politics of Revenge: Fascism and the Military in 20th-century Spain (en inglés). Routledge. ISBN 9780044454632. 
  26. Prego 1995, p. 28-29.
  27. Prego 1995, pp. 35-37.
  28. Prego 1995, p. 13.
  29. Prego 1995, p. 29.
  30. Powell 2011, p. 167.
  31. Prego 1995, p. 42-44.
  32. Prego 1995, p. 44-46.
  33. Prego 1995, pp. 47-49.
  34. Prego 1995, p. 49.
  35. Prego 1995, pp. 48-50.
  36. Prego 1995, pp. 54-56.
  37. Powell 2011, p. 169-170.
  38. Prego 1995, p. 56.
  39. Prego 1995, pp. 56-57.
  40. Aoiz Monreal, Floren (2005). El jarrón roto. La transición en Navarra: una cuestión de Estado (en castelán). Txalaparta. p. 147. ISBN 9788481363296. 
  41. Cerdán 2013, p. 221.
  42. de Antón, Julio (2000). Historia de la policía española (en castelán) I. Julio de Antón. p. 541. 
  43. Powell 2002, p. 88.
  44. Gil Pecharromán 2008, p. 291.
  45. Prego 1995, pp. 22-23.
  46. Powell 2011, p. 168.
  47. Agirre, Julen (1974). Operación Ogro: Cómo y por qué ejecutamos a Carrero Blanco (en castelán). Ediciones Mugalde - Ruedo Ibérico. 
  48. Agirre, Julen (1974). "Prefacio". Operación Ogro (en castelán). Ruedo Ibérico - Ediciones Mugalde. 
  49. Forest, Eva (1993). Operación Ogro (en castelán). Hiru. ISBN 9788487524561. Arquivado dende o orixinal o 2 de abril de 2015. 
  50. Madrid, José Luis. "Comando Txikia: Muerte de un presidente" (en castelán). 
  51. Harguindey, Ángel S. (1 de febreiro de 1977). ""En mayo comenzaré el rodaje de «Operacion ogro»"". El País (en castelán). Consultado o 20 de maio de 2024. 
  52. "Carrero Blanco, un asesinato obra de ETA ¿y respaldado por quién?". ABC (en castelán). 14 de xaneiro de 2012. Consultado o 22 de maio de 2024. 
  53. Espejo, Bea (16 de outubro de 2015). "Fernando Sánchez Castillo: "El artista trabaja con la sospecha"". El Español (en castelán). Consultado o 22 de maio de 2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cebrián, Juan Luis (1996). "La agonía del franquismo". En Pradera, Javier; Juliá, Santos. Memoria de la Transición (en castelán). Madrid: Taurus. pp. 13–24. ISBN 8430600361. 
  • Cerdán, Manuel (2013). Matar a Carrero: la conspiración (en castelán). Barcelona: Plaza & Janés. ISBN 9788401346729. 
  • Gil Pecharromán, Julio (2008). Con permiso de la autoridad. La España de Franco (1939-1975) (en castelán). Madrid: Temas de Hoy. ISBN 9788484606932. 
  • Powell, Charles (2002). España en democracia, 1975-2000 (en castelán). Barcelona: Plaza & Janés. ISBN 8497590228. 
  • Powell, Charles (2011). El amigo americano. España y Estados Unidos: de la dictadura a la democracia (en castelán). Barcelona: Galaxia Gutenberg-Círculo de Lectores. ISBN 9788481099249. 
  • Prego, Victoria (1995). Así se hizo la Transición (en castelán). Barcelona: Plaza & Janés. ISBN 8401375568. 
  • Preston, Paul (1998). Franco «Caudillo de España» [Franco. A Biography] (en castelán). Primera edición en Mitos Bolsillo. Barcelona: Grijalbo Mondadori. ISBN 8439702418. 
  • Rodríguez Jiménez, José Luis (1997). La extrema derecha española en el siglo XX (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 8420628875. 
  • Tusell, Javier (2007). "El tardofranquismo". En Carr, Raymond. 1939/1975 La Época de Franco (en castelán). Madrid: Espasa Calpe. pp. 239–286. ISBN 9788467026276.