Torcuato Fernández-Miranda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Torcuato Fernández-Miranda
Nome completoTorcuato Fernández-Miranda y Hevia
Nacemento10 de novembro de 1915
Lugar de nacementoXixón
Falecemento19 de xuño de 1980
Lugar de falecementoLondres
NacionalidadeEspaña
Relixióncatolicismo
Alma máterUniversidade de Oviedo e Colegio de la Inmaculada
Ocupaciónpolítico, xurista, profesor universitario e avogado
PremiosCabaleiro da Orde do Vélaro de Ouro, Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica, Gran Cruz da Orden de Carlos lll, Gran Cruz de Afonso X o Sabio, Gran Cruz da Orde de Cisneros, Gran Cruz del Mérito Militar con distintivo blanco, Gran Cruz da Orde do Mérito Civil, Gran Cruz de la Orden Imperial del Yugo y las Flechas e Gran Cruz del Mérito Naval con distintivo blanco
Na rede
Dialnet: 1816120
editar datos en Wikidata ]

Torcuato Fernández-Miranda Hevia, nado en Xixón o 10 de novembro de 1915 e finado en Londres o 19 de xuño de 1980, foi un político español. Duque de Fernández-Miranda, foi presidente de goberno de forma interina durante finais de 1973, logo do asasinato do almirante Carrero Blanco.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación e franquismo[editar | editar a fonte]

Fernández-Miranda licenciouse e doutorouse en Dereito na Universidade de Oviedo, onde tamén obtivo a praza de catedrático de Dereito Político. En 1951 é elixido reitor da Universidade de Oviedo, co que ademais accede ao cargo de procurador en Cortes. Trasladado a Madrid para a vida parlamentaria, ocupa diversas direccións xerais nos ministerios de Educación e Traballo ata que en 1969 é nomeado Secretario Xeral do Movemento (o partido único do réxime do xeneral Franco), con rango de ministro.

Considerado un aperturista no réxime, foi mentor do príncipe de España Xoán Carlos, que xa fora nomeado «sucesor na Xefatura do Estado co título de Rei», de quen foi o seu profesor de Dereito político, e a partir dese momento un dos seus conselleiros máis próximos. Durante o breve período en que Carrero Blanco exerceu a presidencia do goberno, Torcuato Fernández-Miranda exerceu o cargo de vicepresidente, e de forma interina a presidencia logo do asasinato do almirante, o 20 de decembro de 1973, a mans de ETA.

A transición[editar | editar a fonte]

Porén, o substituto final de Carrero Blanco foi Carlos Arias Navarro, antigo alcalde de Madrid, amigo persoal da esposa de Franco Carmen Polo de Franco, e que ocupara ata daquela o posto de ministro da Gobernación. Logo da morte de Francisco Franco, Fernández-Miranda foi consultado polo rei sobre as súas preferencias en canto a ser nomeado Presidente do Goberno ou Presidente das Cortes. A súa resposta foi:

Maxestade, o animal político que levo dentro pídeme a presidencia do goberno, pero creo que lle serei máis útil desde a presidencia das Cortes

É, pois, nomeado Presidente das Cortes, cargo que levaba aparellada a Presidencia do Consello do Reino, substituíndo a Alejandro Rodríguez de Valcárcel. Torcuato era partidario de reformar as Leis Fundamentais do Reino mediante as súas propias disposicións para chegar así á democracia evitando baleiros legais. A idea de Torcuato Fernández-Miranda era establecer un sistema con dous partidos políticos, un conservador e outro de tipo máis liberal, e que na súa opinión podía ser o Partido Socialista Obreiro Español (histórico) que presidía Rodolfo Llopis, e que se caracterizaba por ser máis moderado que o PSOE Renovado do interior, encabezado desde 1976 por Felipe González, Alfonso Guerra, Javier Solana e Enrique Múgica, tras a escisión do Congreso de Suresnes.

Tras a dimisión, forzada polo rei, de Arias Navarro, no verán de 1976, coincide co monarca no nomeamento como Presidente o Goberno de Adolfo Suárez, un político novo, apadriñado dentro do réxime polo ministro franquista Fernando Herrero Tejedor e que, do mesmo xeito que Fernández-Miranda e o propio Herrero, pasara pola Secretaría Xeral do Movemento. Para iso, move os fíos do Consello do Reino a fin de que na preceptiva terna de candidatos se atope Suárez, tal e como desexaba o monarca.

Torcuato Fernández-Miranda foi o promotor da Lei para a reforma política, instrumento legal que permitiu desmontar o réxime franquista legalmente coa aprobación das propias Cortes nomeadas por Franco. Logo da aprobación da lei, e fixadas as normas e condicións para unhas eleccións libres e democráticas en España, Fernández-Miranda, considerando que o seu labor xa estaba cumprida, dimitiu do seu cargo antes de que se celebrasen as primeiras eleccións lexislativas da democracia, o 15 de xuño de 1977. O rei designouno senador nesas Cortes Constituíntes e concedeulle o título de duque de Fernández-Miranda e cabaleiro da Orde do Vélaro de Ouro, máxima condecoración que concede o rei.

Retirada[editar | editar a fonte]

Retirado da política, tras varios desencontros con Adolfo Suárez, atopábase en Londres ultimando os detalles para a creación dunha empresa de consultoría xurídica cando sufriu un ataque cardíaco. Morreu o 19 de xuño de 1980 nun hospital da capital británica.

Predecesor:
José Solís
 Secretario Xeral do Movemento 
1969 - 1974
Sucesor:
José Utrera Molina
Predecesor:
Luis Carrero Blanco
 Vicepresidente do Goberno de España 
1973
Sucesor:
José García Hernández
Predecesor:
Luis Carrero Blanco
 
Presidente do Goberno de España
 
1973 (20 de decembro - 31 de decembro)
Sucesor:
Carlos Arias Navarro
Predecesor:
Alejandro Rodríguez de Valcárcel
 Presidente das Cortes Españolas 
6 de decembro de 1975 - 15 de xuño de 1977
Sucesor:
Antonio Hernández Gil

(Presidente das Cortes Españolas)
Antonio Fontán
(Presidente do Senado)
Fernando Álvarez de Miranda
(Presidente do Congreso dos Deputados)