Blas Piñar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Blas Piñar López
Blas Piñar

31 de marzo de 2003 – 28 de xaneiro de 2014

17 de maio de 1979 – 31 de agosto de 1982

Datos persoais
Nacemento 22 de novembro de 1918 España Toledo
Falecemento 28 de xaneiro de 2014 (95 anos) España Madrid
Partido FET y de las JONS
Fuerza Nueva
Frente Nacional
Alternativa Española
Cónxuxe/s Carmen Gutiérrez Duque
Profesión Político, Notario, Escritor
Relixión católico

Blas Piñar López, nado en Toledo o 22 de novembro de 1918 e finado en Madrid o 28 de xaneiro de 2014[1], foi un político, editor, escritor e notario español de ultradereita, cuxa traxectoria política e vida pública sempre destacou pola súa identificación co franquismo e a defensa dos principios ideolóxicos do mesmo. Foi notario en Cieza, Murcia e Madrid. Comprometido desde moi novo co catolicismo político (foi membro de la Asociación Católica de Propagandistas), militou en Acción Católica. Foi presidente de honra do partido Alternativa Española (AES). A súa última incursión política foi aos seus 92 anos, coa súa presenza simbólica como número 25 na candidatura que AES presentou en Toledo para as eleccións municipais do 22 de maio de 2011.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Blas Piñar era fillo de militar. Pasou a súa infancia en Cartagena, regresando posteriormente a Toledo. Alí sorprendeuno o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, estando encerrado xunto aos sublevados durante o asedio do Alcázar de Toledo. Terminada a guerra, doutorouse en Leis na Universidade Central de Madrid e en 1944 obtivo por oposición unha praza de notario. Exerceu en Cieza e Murcia, trasladándose posteriormente a Madrid.

Casou con Carmen Gutiérrez Duque[2] coa que tivo oito fillos.[3]

Inicio da súa traxectoria política[editar | editar a fonte]

Encadrado nos sectores católicos, ingresou na Asociación Católica de Propagandistas. O seu labor político comezou na Federación de Estudantes Católicos de Alacant e posteriormente na Mocidade de Acción Católica de Toledo. Tamén foi vocal de propaganda de Acción Católica en Murcia.

Entre 1957 e 1962, ocupou a Dirección Xeral do Instituto de Cultura Hispánica, que se dedicaba, ademais da fomentar as relacións de fraternidade hispanoamericanas, a xestionar bolsas de estudo entre Hispanoamérica e as universidades españolas.

En 1958 fundou en Toledo o Capítulo Hispanoamericano de Cabaleiros do Corpus Christi, cuxo Gran Mestre é o Arcebispo Primado de España e cuxas funcións son axudar a obras benéficas en Suramérica e acompañar ao Santísimo polas rúas de Toledo no día do Corpus Christi. Está formado, na súa maioría, por embaixadores, cónsules e diversos cargos de relevo de embaixadas hispanas.

En 1962, e tras unha viaxe por Hispanoamérica e Filipinas, Blas Piñar escribiu un artigo na terceira do diario ABC, de Madrid, titulado «Hipócritas»,[4] que criticaba con dureza a política exterior dos Estados Unidos. Debido ás boas relacións bilaterais que por aquel entón mantiña España cos Estados Unidos de América -das cales dependía en boa medida o seu recoñecemento internacional- o ministro de Asuntos Exteriores, logo de dar toda clase de explicacións ao embaixador norteamericano, destituíu a Piñar, sen que por iso minguase neste a súa fidelidade ao réxime de Franco.

Foi procurador nas Cortes Españolas e conselleiro nacional do Movemento por designación libre e directa de Franco.

Fuerza Nueva[editar | editar a fonte]

Fundador da editorial Fuerza Nueva como unha especie de «partido» nun réxime sen partidos, así como caixa de resonancia estratéxica dos seus actos e mobilizacións por todo o territorio español, opúxose decididamente á desfiguración interna do réxime e ao seu baleirado ideolóxico, manifestando o seu rexeitamento á Lei Orgánica do Estado de 1967.

Unha vez falecido Franco, como procurador opúxose tanto ao Proxecto de Lei de Asociacións Políticas como á Lei para a Reforma Política de xuño de 1976. Consideraba que aquela operación non era de «reforma», senón de «ruptura», poñendo en grave situación de supervivencia política e institucional aspectos políticos que despois sollaría a Constitución de 1978 e coincidindo nos seus postulados coa corrente denominada O búnker.

Fuerza Nueva constituíse e articulouse finalmente en partido político en outubro de 1976, cun marcado carácter católico e patriótico, defensor dos Principios Fundamentais do Estado do 18 de xullo e cuxo lema era «Deus, Patria e Xustiza».

A Transición[editar | editar a fonte]

Nas eleccións xerais de xuño de 1977, as primeiras trala ditadura, Fuerza Nueva presentouse en coalición xunto á Confederación Nacional de Combatientes, os Círculos Doctrinales José Antonio e a Agrupación de Juventudes Tradicionalistas baixo o nome de Alianza Nacional 18 de Julio, sen obter representación parlamentaria.

En 1979, unha vez aprobada a Constitución e convocadas de novo eleccións xerais, Blas Piñar foi elixido deputado ao Congreso por Madrid na primeira lexislatura ordinaria da Democracia dentro da coalición Unión Nacional obtendo 378.964 votos baixo o lema «España nas túas mans».[5][6] En Madrid obtivo 110.730 votos.[7]

Como parlamentario, votou «non» a todos os estatutos de autonomía, tanto á totalidade, como -cando foi posible- artigo por artigo.

...Durante os catro anos subseguintes á data de hoxe haberá unha política de centro, pero esa política de centro non é posible, e non é posible porque o centro non é unha ideoloxía nin unha doutrina; o centro é, sinxelamente, unha postura, unha postura, ademais, que neste caso precisa, para ser de centro, dunha esquerda e dunha dereita, e a verdade é que hoxe esa dereita nominalmente non existe nesta Cámara, porque unha das tarefas do Goberno da Unión de Centro Democrático foi precisamente auspiciar á esquerda e destruír á dereita, e ao destruír á dereita quedouse sen dereita, a non ser que o centro sexa precisamente a dereita (Rumores) e baixo o término de UCD, término equívoco, atópese a dereita efectiva e real...
Investidura del Presidente del Gobierno, don Adolfo Suárez González. Intervención en el pleno el 30 de marzo de 1979.[8][9]

Trala perda do seu escano nas seguintes eleccións de 1982, nas que se presentou Fuerza Nueva en solitario tendo que competir coa candidatura do golpista Antonio Tejero (chamada Solidaridad Española) decidiu disolver o partido político (aburado por débedas económicas) precisamente o 20 de novembro dese mesmo ano. Non así a editorial do mesmo nome cuxos libros e revistas seguiron publicándose.

Frente Nacional e actualidade[editar | editar a fonte]

En 1986, co apoio da Fronte Nacional francesa de Jean-Marie Le Pen e o Movimento Sociale Italiano (MSI) de Giorgio Almirante, reconstruíu o partido como Frente Nacional e presentouse ás Eleccións ao Parlamento Europeo de 1987 -122.927 votos- e 1989 -60.672- co obxectivo de encadrarse na chamada «Eurodereita» pero sen conseguir finalmente en ningunha das ocasións ningún acta de eurodiputado en Estrasburgo.

Blas Piñar en 2008

En 1990, a Fronte Nacional sufriu no seo das súas mocidades senllas escisións motivadas pola estratexia demasiado dereitista da súa dirección política: o Frente de Alternativa Nacional (FAN) e o grupo Nación Joven (NJ). Disolveu o partido finalmente en 1994, tras non frutificar un acordo de fusión previamente asinado co partido Juntas Españolas, de Juan Peligro. Seguiron manténdose, mentres, as actividades de carácter cultural e social da editorial Forza Nova (conferencias, comidas e ceas de irmandade, edición de libros, publicación da revista quincenal, convocatorias de carácter relixioso e conmemorativo de datas significativas como o 18 de xullo e o 20 de novembro, caseta na Feira do Libro de Madrid etc.).

Pouco despois, entre 1995 e 1996, Blas Piñar mantivo efémeramente relacións cordiais (aínda que non lle mostrase apoio explícito) coa Alianza por la Unidad Nacional de Ricardo Sáenz de Ynestrillas, e entre 2002 e 2004 involucrouse publicamente no fracasado proxecto Frente Española xunto con FE/La Falange, que pretendía unificar á chamada extrema dereita e que non terminou callando.

Desde o verán de 2005, tras sufrir unha operación cirúrxica na que se lle extirpo un tumor benigno na garganta, rebaixou considerablemente as súas aparicións e intervencións en público. O 21 de maio de 2006, con 87 anos de idade e con motivo dos corenta anos da fundación de Fuerza Nova, tributóuselle unha homenaxe que tivo lugar cun acto público celebrado no Palacio Municipal de Congresos de Madrid.

Un ano despois, en 2007, mostrou o seu apoio electoral ao partido político de carácter católico Alternativa Española para os comicios municipais e autonómicos do 27 de maio. Este partido está liderado polo seu xenro Rafael López-Diéguez. Nese mesmo ano produciuse unha famosa anécdota ao atoparse a escasos metros do seu «arque-inimigo» Santiago Carrillo nun hospital da capital española, sen que se producisen incidentes.[10]

Falecemento[editar | editar a fonte]

Finou na madrugada do 28 de xaneiro de 2014 na súa casa de Madrid ao agravarse o seu estado de saúde.[1]

Libros[editar | editar a fonte]

Foi autor de varios libros, principalmente na editorial Fuerza Nueva:

  • Filipinas: país hispánico, Ediciones Cultura Hispánica, 1957.
  • Tres discursos de Blas Piñar, Cáceres, Servicios Culturales Diputación Provincial de Cáceres, 1959.
  • Discurso pronunciado por don Blas Piñar López en la apertura de la Exposición Bibliográfica Simón Bolívar, Diputación Provincial de Vizcaya, 1960.
  • María, madre espiritual de América: Discurso pronunciado en el Congreso Internacional de Santo Domingo, al clausurar la sesión plenaria del día 24 de marzo de 1965, Ediciones Cultura Hispánica, 1965.
  • La España irredenta: Gibraltar, Instituto de Estudios Africanos. Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 1965.
  • Prestación alimenticia en nuestro Derecho civil, Editorial Reus, 1955, ISBN 978-84-290-0274-4.
  • ¿Hacia la IIIª República?, Fuerza Nueva, 1979, ISBN 978-84-7378-024-7.
  • Hacia un Estado nacional, Fuerza Nueva, 1980, ISBN 978-84-7378-028-5.
  • Combate por España, Fuerza Nueva, 1980, ISBN 978-84-7378-006-3; 1982, ISBN 978-84-7378-007-0.
  • Tiempo de ángeles, Arca de la Alianza Cultural, 1987, ISBN 978-84-86593-10-0.
  • El derecho a vivir, Fuerza Nueva, 1987, ISBN 978-84-7378-037-7.
  • Curso breve de formación política, Fuerza Nueva, 1991, ISBN 978-84-7378-038-4.
  • Mi réplica al cardenal Tarancón, Fuerza Nueva, 1998, ISBN 978-84-7378-046-9.
  • Fieles al 18 de Julio, Fuerza Nueva, 2002, ISBN 978-84-7378-054-4.
  • Mis mensajes políticos del 20-N, Fuerza Nueva, 2005, ISBN 978-84-7378-060-5.
  • Tres temas teológicos, Fuerza Nueva, 2008, ISBN 978-84-7378-063-6.
  • La Iglesia y la guerra española de 1936 a 1939, Actas, 2011, ISBN 978-84-9739-114-6.
  • El Alcázar no se rinde: la historia gráfica del asedio más simbólico de la Guerra Civil, La Esfera de los Libros, 2011, ISBN 978-84-9970-089-2.
  • Bendita tú entre las mujeres, Álvarez-Beigbeder Editores y Consultores, 2011, ISBN 978-84-936907-9-3.
  • Escrito para la historia [obra completa], Fuerza Nueva, varios anos, ISBN 978-84-7378-049-0.

Publicou as súas memorias políticas baixo o título xenérico de Escrito para a historia, ao longo de cinco libros entre os anos 2000 e 2004: Escrito para la historia, Por España entera, La pura verdad, Bandera discutida e Así sucedió, traballo que culminou en 2005 co libro Mis mensajes políticos del 20-N, unha recompilación das súas intervencións nos actos conmemorativos dos falecementos de José Antonio Primo de Rivera e Francisco Franco ao longo dos últimos 30 anos. No 2011 publicou La Iglesia y la guerra española de 1936 a 1939 a través da Editorial Actas, S.L.

Condecoracións[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Muere Blas Piñar, el histórico líder de la ultraderecha española", artigo en El Mundo, 28 de xaneiro de 2014 (en castelán).
  2. Infonacional
  3. El País
  4. Artículo «Hipócritas», escrito por Blas Piñar en el diario ABC (19/01/1962).
  5. España en tus manos
  6. "Elecciones para el Congreso de los Diputados, marzo de 1979.". Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2008. Consultado o 10 de febreiro de 2014. 
  7. "Elecciones para el Congreso de los Diputados, marzo de 1979. Provincia: Madrid.". Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2011. Consultado o 10 de febreiro de 2014. 
  8. Pleno.[Ligazón morta] Núm. diario: 3. Data diario: 30/03/1979. Páxinas: 61, 69, 70, 71, 72, 73, 74, 75.
  9. ...Durante los cuatro años subsiguientes a la fecha de hoy habrá una política de centro, pero esa política de centro no es posible, y no es posible porque el centro no es una ideología ni una doctrina; el centro es, sencillamente, una postura, una postura, además, que en este caso precisa, para ser de centro, de una izquierda y de una derecha, y la verdad es que hoy esa derecha nominalmente no existe en esta Cámara, porque una de las tareas del Gobierno de la Unión de Centro Democrático ha sido precisamente auspiciar a la izquierda y destruir a la derecha, y al destruir a la derecha se ha quedado sin derecha, a no ser que el centro sea precisamente la derecha (Rumores) y bajo el término de UCD, término equívoco, se encuentre la derecha efectiva y real...
  10. Aínda que realmente, ambos foron parlamentarios entre 1979 e 1982, e nada sucedeu.
  11. Boletín Oficial del Estado

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]