Luis Carrero Blanco
Luís Carrero Blanco , nado en Santoña, Cantabria, o 4 de marzo de 1903 e finado en Madrid o 20 de decembro de 1973, foi un militar e político español. Ocupou diversos cargos no goberno franquista, e foi asasinado por ETA cando era Presidente do goberno de España durante a etapa final desa ditadura.
Índice |
[editar] Traxectoria
[editar] Formación
Ingresou na Escola Naval en 1918 contando con 14 anos e tomou parte na campaña de Marrocos de 1924-1926.
[editar] A Guerra Civil
Ao iniciarse a Guerra Civil fuxiu ante o temor de ser executado por milicias republicanas e refuxiouse nas embaixadas de México e Francia, ata que en xuño de 1937 conseguiu evadirse á zona nacional. Situado ao mando do destrutor Huesca e, posteriormente, dun submarino, chegou a ser xefe de Operacións do Estado Maior da Mariña.
[editar] Cargos de Goberno
No ano 1940 redactou un informe recomendando a neutralidade española na II Guerra Mundial. Desde entón converteuse no home de confianza de Franco, sendo nomeado subsecretario (1941) e ministro da Presidencia (1951), logo vicepresidente (1967), o que supuxo un incremento crecente do seu peso específico no goberno do Estado. No seu labor procurou limitar a influencia dos falanxistas, promoveu a modernización económica e administrativa do Estado, aínda que sempre dentro do franquismo, e apoiou a planificación da sucesión monárquica do réxime, na figura de Xoán Carlos I.
En xuño de 1973 foi nomeado presidente do goberno, o que facía pensar que se convertería no home forte do Estado á morte do ditador e no alicerce sobre o cal sustentaríase o franquismo sen Franco, pero o seu falecemento o 20 de decembro de 1973 nun atentado perpetrado por ETA en Madrid ("Operación Ogro") abortou esas expectativas.