Yago Iglesias
| Nome orixinal | Santiago Iglesias Estepa |
|---|---|
| Biografía | |
| Nacemento | 6 de outubro de 1982 Palmeira, España |
| Actividade | |
| Ocupación | adestrador de fútbol |
| Deporte | fútbol |
Santiago "Yago" Iglesias Estepa, nado en Palmeira (Ribeira) o 6 de outubro de 1982, é un adestrador de fútbol galego. Actualmente dirixe o Club Deportivo Lugo, na Primeira Federación.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Xogou ao fútbol no Palmeira CF da súa parroquia natal, ata que aos 24 anos decidiu converterse en adestrador.[1] Realizou os cursos de preparador físico e adestrador e traballou como preparador físico no Boiro e na canteira do Pontevedra, nos que exerceu tamén como segundo adestrador de Luis Casais.
Na tempada 2010/11 dirixiu o seu primeiro equipo, o Palmeira, na Terceira Autonómica, mentres que na seguinte foi axudante de Casais no Portonovo. En 2012 marchou para a cidade saudita de Jeddah, tras recibir unha oferta como recuperador físico do Al-Ittihad, adestrado polo tamén galego Raúl Caneda.[2] En decembro, cando se dispoñía a saír de Arabia Saudita para pasar uns días de descanso en Galicia, foi retido durante cinco días polas autoridades sauditas, xunto co fisioterapeuta do club, Carlos Alonso, por problemas cos papeis de residencia.[3]
Xa non regresou ao país asiático, e en xullo de 2013 fichou polo Atlético de Riveira, na Rexional Preferente, onde compartiu o labor de adestrador xunto con Manuel Ángel.[4] Ao ano seguinte dirixiu o equipo xuvenil do Santiago de Compostela CF, na División de Honra, e logo adestrou o Noia, na Terceira División.[5]
O 21 de xuño de 2016 fíxose cargo da SD Compostela, que acababa de descender á Terceira División.[6] Dirixiu o equipo compostelán durante catro anos e, en 2020, despois de disputar tres fases de ascenso consecutivas, logrou finalmente o ascenso a Segunda División B. Renovou o seu contrato para a seguinte tempada, na que clasificou o seu equipo no sexto posto do Subgrupo 1A, formado por 10 equipos, e no que destacaron as vitorias contra o Deportivo da Coruña en Riazor e contra o Pontevedra en Pasarón.[7] Deixou o club branquiazul ao remate da tempada.
En novembro de 2021 asinou co Zamora, penúltimo clasificado do Grupo I da Primeira División RFEF, onde substituíu ao cesado David Movilla.[8] Aínda que conseguiu sacar o equipo da zona de descenso a metade de tempada, acabou perdendo a categoría ao rematar na 17ª posición. Dirixiu o Zamora durante toda a tempada 2022/23, conseguindo meterse na promoción de ascenso, onde o seu equipo caeu na primeira rolda ante o Alavés B adestrado polo berciano José Manuel Aira.[9]
En xuño de 2023 fichou polo Pontevedra CF, da mesma categoría. Cun grupo de xogadores entre os que destacaban nomes como Edu Sousa, Garay, Álex González, Dalisson, Yelko Pino, Rufo ou Charly, os granates ocuparon o liderado durante varias semanas e chegaron líderes á decisiva 32ª xornada, na que se enfrontaron en Pasarón ao segundo clasificado, o Ourense CF de Rubén Domínguez.[10] A derrota por 0-2 nese partido afastou ao equipo do ascenso directo e obrigouno a disputar unha promoción de ascenso na que eliminaron ao Deportivo Aragón antes de caer na final ante o Betis B por un global de 2-1, sendo os dous goles béticos obra de Jesús Rodríguez.[10]
A pesar da desilusión, a directiva confiou nel para unha segunda campaña, na que se mantivo practicamente inalterado o núcleo de xogadores titulares.[10] A nova tempada traduciuse nun man a man pola primeira posición entre o Pontevedra e o Numancia, club con case o dobre de orzamento que os granates.[10] O conxunto de Yago Iglesias asentouse no liderado na xornada 14ª e xa non o abandonou ata obter o ascenso a Primeira Federación a falta de dúas xornadas.[10][11]
O 19 de xuño de 2025 asinou contrato co Club Deportivo Lugo para dirixir o equipo na campaña 2025/26 da Primeira Federación.[12]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Compostela
- Terceira División (1): 2019/20.
- Pontevedra
- Segunda Federación (1): 2024/25.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Yago Iglesias: El palmeirense que fusionó su vida con el balón". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de agosto de 2009. Consultado o 12 de decembro de 2021.
- ↑ "El pobrense Yago Iglesias será el recuperador del Al Ittihad". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de xullo de 2012. Consultado o 12 de decembro de 2021.
- ↑ "Yago Iglesias: No me arrepiento de haber fichado por el Al-Ittihad". El Correo Gallego (en castelán). 3 de xaneiro de 2013. Consultado o 12 de decembro de 2021.
- ↑ Jamardo, José Manuel (10 de xullo de 2013). "Yago Iglesias se incorpora al cuerpo técnico del Ribeira". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 12 de decembro de 2021.
- ↑ Jamardo, José Manuel (25 de xuño de 2015). "Yago Iglesias se hace cargo de la primera plantilla del Noia". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 12 de decembro de 2021.
- ↑ "Yago Iglesias Estepa, nuevo entrenador de la SD Compostela" (en castelán). 21 de xuño de 2016. Consultado o 12 de decembro de 2021.
- ↑ "Ya es oficial: Yago Iglesias deja de ser el entrenador del Compostela después de cinco años". El Correo Gallego (en castelán). 14 de maio de 2021. Consultado o 12 de decembro de 2021.
- ↑ "El entrenador gallego Yago Iglesias ficha por el Zamora". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de novembro de 2021. Consultado o 27 de novembro de 2021.
- ↑ "El Zamora le pone la alfombra roja a un Alavés B que golea 4-0" (en castelán). 28 de maio de 2023. Consultado o 22 de abril de 2025.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Gómez, Xurxo (20 de abril de 2025). "Yago Iglesias y el triunfo contra el constante recelo". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 22 de abril de 2025.
- ↑ "O Pontevedra golea ao Laredo (4-2) e asegura o ascenso á 1.ª RFEF a falta de dúas xornadas". Televisión de Galicia. 20 de abril de 2025. Consultado o 22 de abril de 2025.
- ↑ "Yago Iglesias, nuevo entrenador del CD Lugo" (en castelán). CD Lugo. 19 de xuño de 2025. Consultado o 19 de xuño de 2025.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do adestrador en BDFutbol (en castelán).