Saltar ao contido

Picho Suárez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaPicho Suárez
Nome orixinalVictoriano Suárez Montero
Biografía
Nacemento29 de setembro de 1930 Editar o valor en Wikidata (94 anos)
Redondela, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDianteiro

Victoriano Suárez Montero, coñecido como Picho, nado en Redondela o 29 de setembro de 1930 e finado no Brasil en 2015, foi un futbolista e adestrador galego que xogaba como interior dereito.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Como futbolista

[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol en varios equipos modestos de Vigo, como o Rápido de Bouzas,[1] o Deportivo Castro,[2] o Deportivo Bouzas ou o Casablanca.[3][4] Na tempada 1949/50 xogou co Berbés na Terceira División.[5]

En 1950 fichou polo Celta de Vigo, que o cedeu á Ximnástica Lucense, club que iniciaba a súa segunda tempada na Segunda División.[6] Debutou na categoría de prata nun encontro fronte ao Zaragoza, formando na dianteira xunto a Borbolla, Benito, Herráez e Roig.[7] Foi titular durante a maior parte da tempada, sumando 23 partidos e 5 goles. De regreso ao Celta, este volveuno ceder para a tempada 1951/52, desta vez ao Pontevedra adestrado por Yayo, que militaba na Terceira División. No club pontevedrés marcou 10 goles en 21 partidos.

A continuación realizou o servizo militar e ao rematar militou no Atlético Guardés, da Serie A rexional, e no Turista.[6] En xaneiro de 1954 fichou polo Racing de Ferrol, regresando así á Segunda División. Debutou con dous goles contra o Avilés no Inferniño e disputou de 13 partidos ata o final da tempada, marcando un total de 5 goles.[8] En 1954 asinou co Hércules, da Primeira División. Debutou na máxima categoría nun encontro ante o Celta de Vigo en Balaídos,[9] e xogou un total de 7 encontros de Primeira, marcándolle un gol ao Espanyol en Sarrià. Marcoulle tamén un gol a Carmelo Cedrún nos cuartos de final da Copa do Xeneralísimo, nos que o seu equipo caeu eliminado contra o Athletic Club.

En 1955 marchou a Portugal, onde ingresou nas filas do Covilhã. Alí realizou a mellor tempada da súa carreira deportiva, anotando 21 goles en 24 partidos, e rematando na terceira posición na táboa de máximos goleadores da liga portuguesa, só por detrás de José Águas e Jaburú.[10] O equipo rematou a liga na quinta posición. Na seguinte tempada conseguiu 18 goles, o que o colocou no cuarto posto dos máximos goleadores da liga, pero o equipo acabou descendendo á Segunda División. Disputou ademais a final da Copa de Portugal, onde perdeu contra o Benfica de José Águas e Mário Coluna.

Para a tempada 1957/58 fichou polo Belenenses,[11] onde tivo como adestrador ao célebre Helenio Herrera. Marcou 4 goles en 10 partidos, nun equipo no que xogaban entre outros os mozambicanos Vicente Lucas e Matateu, e acabou a liga no cuarto lugar. En marzo regresou a Galicia para fichar polo Ourense,[12] co que debutou con dous tantos nunha goleada por 6-0 fronte ao Lemos no Couto.[13] Disputou os restantes partidos da tempada e a fase de ascenso a Segunda, onde o equipo se enfrontou ao Deportivo da Coruña, caendo eliminado por un global de 4-1, sendo Picho o autor do único gol ourensán.[14]

A continuación volveu ao Covilhã, de novo en Primeira, onde realizou dúas destacadas tempadas, con 15 goles en cada unha delas, e finalmente unha terceira tempada con números máis baixos debido a unha lesión.[15] Tralo remate da tempada 1960/61, realizou unha proba para entrar no Lugo, pero foi insatisfactoria e regresou a Portugal, onde foi xogador-adestrador no CD Beja, da Segunda División. Máis tarde estableceuse definitivamente en Galicia, onde xogou durante uns anos ao fútbol praia antes de dedicarse plenamente á labor de adestrador.

Como adestrador

[editar | editar a fonte]

En 1971 comezou a adestrar o Lemos, na Terceira División, ao que dirixiu durante dous anos, conseguindo en ambos a permanencia. En 1974 fichou como novo adestrador da SD Compostela, que militaba na Serie A rexional.[16] Estivo á fronte do equipo durante 9 meses ata que en marzo de 1975 foi destituído, o que provocou unha crise no club e a dimisión de membros da directiva, que non estaban de acordo co seu despedimento.[17][18]

A continuación regresou ao Lemos, ao que dirixiu durante a tempada 1975/76, antes de recalar no Estradense.[19] Na tempada 1977/78 adestrou o Turista en Terceira,[20] aínda que non conseguiu rematar a campaña, sendo cesado en marzo de 1978.[21] En novembro do mesmo ano colleu as rendas do Sporting Celanova, tamén de Terceira, en substitución de Luis Soria, pero non conseguiu salvar a categoría.[22]

Pouco despois emigrou ao Brasil, onde faleceu en 2015.[23]

  1. "El Rápido de Bouzas, contará con un excelente equipo en la temporada próxima" (en castelán) (7977). 17 de setembro de 1946. p. 5. Consultado o 15 de febreiro de 2022. 
  2. "Deportivo Castro C. de F.". El Pueblo Gallego (en castelán) (7706). 6 de marzo de 1948. p. 3. Consultado o 15 de febreiro de 2022. 
  3. "Aviso del Deportivo Bouzas". El Pueblo Gallego (en castelán) (8005). 26 de febreiro de 1949. p. 3. Consultado o 15 de febreiro de 2022. 
  4. "Gran triunfo del Casablanca". El Pueblo Gallego (en castelán) (8094). 11 de xuño de 1949. p. 3. Consultado o 15 de febreiro de 2022. 
  5. "El Berbés se reorganiza con jugadores de los modestos". El Pueblo Gallego (en castelán) (8135). 30 de xullo de 1949. p. 3. Consultado o 15 de febreiro de 2022. 
  6. 6,0 6,1 "Picho, nuevo jugador del Club Ferrol". El Correo Gallego (en castelán) (25497). 16 de xaneiro de 1954. p. 4. Consultado o 15 de febreiro de 2022. 
  7. "Por 4-0 ganó el Zaragoza a la Lucense". La Región (en castelán) (10316). 12 de setembro de 1950. p. 3. Consultado o 15 de febreiro de 2022. 
  8. "El C. Ferrol realizó un gran partido frente el Avilés, al que derrotó por 3-0". El Correo Gallego (en castelán) (25499). 19 de xaneiro de 1954. p. 5. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  9. "Frente al Hércules el empate puede considerarse el mal menor". El Pueblo Gallego (en castelán) (10206). 2 de novembro de 1954. p. 6. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  10. "Táboa de máximos goleadores da liga portuguesa 1955/56". zerozero.pt (en portugués). Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  11. "Un vigués que se hace rico". El Pueblo Gallego (en castelán) (10967). 16 de maio de 1957. p. 6. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  12. "Ha fichado Suárez, delantero centro, del Belenenses". El Pueblo Gallego (en castelán) (11217). 15 de marzo de 1958. p. 11. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  13. "Ourense, 6 Lemos, 0". El Pueblo Gallego (en castelán) (11225). 25 de marzo de 1958. p. 9. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  14. "Deportivo, 2 - Orense, 1". La Noche (en castelán) (11634). 30 de xuño de 1958. p. 8. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  15. "El fútbol portugués a través de Victoriano Suárez (Picho)". El Pueblo Gallego (en castelán) (12399). 3 de agosto de 1961. p. 10. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  16. "Picho Suárez fichó por el Compostela". El Pueblo Gallego (en castelán) (18450). 28 de xuño de 1974. p. 14. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  17. "¡Sono la gaita!". El Pueblo Gallego (en castelán) (18667). 13 de marzo de 1975. p. 17. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  18. "Y... polvareda". El Pueblo Gallego (en castelán) (18675). 22 de marzo de 1975. p. 20. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  19. "Picho Suarez ficho por el Estradense". El Pueblo Gallego (en castelán) (18803). 8 de agosto de 1976. p. 23. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  20. "Picho Suárez, nuevo entrenador del Turista". El Pueblo Gallego (en castelán) (20032). 10 de maio de 1977. p. 20. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  21. "Ceso Picho Suarez". El Pueblo Gallego (en castelán) (20295). 16 de marzo de 1978. p. 24. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  22. "Alondras, 2; Sporting Celanova, 0". El Pueblo Gallego (en castelán) (20482). 14 de novembro de 1978. p. 18. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 
  23. "Picho Suarez" (en castelán). 14 de febreiro de 2016. Consultado o 16 de febreiro de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]