José Caeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Caeiro
Información persoal
Nome José Valentín Caeiro Igós
Nacemento 14 de febreiro de 1925
Lugar de nacemento Hondarribia
Falecemento 14 de xaneiro de 1981
Lugar de falecemento Vilagarcía de Arousa
Altura 1,71 m.
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
Real Unión
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1944–1948 Racing de Ferrol 92 (85)
1948–1951 Real Sociedad 73 (53)
1951–1952 Valencia 9 (0)
1952–1953 Hércules 23 (16)
1953–1957 Stade Rennais 114 (72)
1957–1958 AS Brestoise
1958–1959 Racing de Ferrol 8 (2)
Total 319 (228)
Adestrador
1966–1967 Brigantium
1967 Lugo
1968–1969 Numancia
1969–1971 Racing de Ferrol
1972–1973 Pontevedra
1975 Jaén
1976–1977 Racing de Ferrol
1977–1980 Ponferradina
1980–1981 Arousa
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

José Valentín Caeiro Igós, nado en Hondarribia o 14 de febreiro de 1925 e finado en Vilagarcía de Arousa o 14 de xaneiro de 1981, foi un futbolista e adestrador español. Como futbolista destacou principalmente no Racing de Ferrol e no Stade Rennais, sendo o cuarto máximo goleador histórico de ámbolos dous clubs. Tamén rendiu a gran nivel na Real Sociedad, coa que marcou 56 goles en 86 encontros. Durante a súa carreira como adestrador dirixiu a varios equipos, a maioría galegos, entre eles o propio Racing, o Lugo, o Pontevedra ou o Arousa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Como futbolista[editar | editar a fonte]

Nacido en Hondarribia,[1] xogou no Real Unión antes de fichar en 1944 polo Racing de Ferrol, que militaba na Segunda División. Debutou co club departamental o 19 de xuño, nun partido da Copa Galicia contra o Deportivo da Coruña no Inferniño. Marcou naquel partido dous dos cinco goles do seu equipo, que venceu por 5-3.[2]

Excelente goleador, en só catro tempadas en Ferrol marcou 70 goles en liga e Copa do Xeneralísimo, converténdose no máximo anotador da historia do club naquel momento. Destacou especialmente na tempada 1947/48, na que marcou 26 goles en 25 partidos de liga, sendo o terceiro máximo goleador da competición (só por detrás de Serratusell e Bazán), e seis en Copa. Durante esa tempada logrou ata en tres ocasións marcar catro goles nun mesmo partido, contra Valencia Mestalla, Real Murcia e Sporting de Gijón, sendo o segundo deles contra o Murcia a maior goleada da historia do club (9-0).[3]

En agosto de 1948 foi traspasado á Real Sociedad por 425.000 pesetas.[4] Na súa primeira campaña no club donostiarra marcou 23 goles, contribuíndo a que o equipo se proclamase campión e ascendese á Primeira División. Debutou na máxima categoría na primeira xornada da tempada 1948/49 contra o Espanyol en Sarrià, marcando o gol que colocaba o empate no marcador preto do final do partido (2-2). Na novena xornada fixo o seu primeiro triplete, na goleada por 7-0 contra o Oviedo, e marcou un total de 13 goles en liga. Na seguinte tempada conseguiu 17 goles en liga, ademais de dous na Copa, incluído un nas semifinais contra o Real Madrid. Disputou ademais a final contra o Barcelona en Chamartín, no que a vitoria foi para o equipo catalán

En 1951 asinou co Valencia, club no que militou un ano e no que non conseguiu ningún gol, lastrado polas lesións e pola competencia de Badenes.[5] Ao ano seguinte regresou á Segunda División, fichando polo Hércules, onde recuperou os seus bos números goleadores, anotando 17 tantos na súa única tempada no club. A continuación marchou a Francia, convencido por Salvador Artigas para xogar no Stade Rennais, na segunda división francesa.[6] Marcou 31 goles en cada unha das dúas primeiras tempadas, e 21 na terceira, na que o club conseguiu proclamarse campión da categoría e ascender á máxima división.[6] Non puido repetir os bos números na súa cuarta e derradeira tempada no Rennais, pero os seus 83 goles colocárono naquel momento como o segundo máximo goleador da historia do club (na actualidade ocupa o cuarto lugar).[7] Rematou o seu paso polo fútbol francés cunha última tempada no AS Brestoise, equipo afeccionado.[6]

A continuación regresou a Ferrol para disputar co Racing a tempada 1958/59 de Segunda División, onde sumou dous goles máis antes de retirarse.[1]

Como adestrador[editar | editar a fonte]

Obtivo o título de adestrador nacional en 1966 e o primeiro equipo que dirixiu foi o Brigantium de Betanzos, co que logrou a permanencia na Terceira División.[1] A continuación foi contratado polo Lugo, da mesma categoría, e que viña de rematar subcampión con Ricardo Badás no banco.[1] Con todo, a súa estancia no club vermello e branco durou só uns meses, pois foi despedido en outubro de 1967, despois de denunciar no xornal El Progreso que nin el nin varios xogadores cobraran os salarios correspondentes e de afirmar que non se sentaría no banco no seguinte partido contra o Atlético Ourense no Estadio José Antonio.[8][9]

Na tempada 1968/69 adestrou o Numancia na Terceira División e en outubro de 1969 asinou como novo técnico do Racing de Ferrol, en substitución do cesado Ernesto Pons.[10] Permaneceu dúas tempadas á fronte do equipo verde, obtendo un 10º e un 8º posto na Segunda División. En marzo de 1972 converteuse no novo adestrador do Pontevedra, o terceiro da tempada, despois dos despedimentos de José Juncosa e Simón Herrería.[11] O equipo estaba na parte baixa da táboa de Segunda, só tres puntos por riba do derradeiro clasificado, pero trala chegada de Caeiro obtivo varias vitorias e subiu ata a 11ª praza final. Caeiro continuou como adestrador granate na tempada 1972/73, pero foi destituído tras 20 xornadas, co equipo en postos de descenso directo, ocupando o seu lugar Martín Esperanza.[12]

En xaneiro de 1975 firmou como novo adestrador do Real Jaén, en Terceira, substituíndo a Martín Vences, que fichou polo Gimnàstic.[13] Ao ano seguinte regresou ao Racing de Ferrol, agora na Terceira División, pero non chegou a completar a tempada, sendo cesado en febreiro de 1977.[14] En xullo de 1977 fíxose cargo da Ponferradina, equipo que dirixiu durante as seguintes tres tempadas en Terceira.[15]

Para a tempada 1980/81 asinou como técnico do Arousa, tamén en Terceira División.[16] Nos seis meses que estivo á fronte do club arlequinado realizou un importante labor na promoción da canteira e levou equipo á terceira praza. O 14 de xaneiro de 1981 faleceu dun infarto de miocardio, cando se dispoñía a traladarse ao estadio da Lomba para dirixir un adestramento do equipo.[17]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casado coa ferrolá Carmen Rodríguez, coa que tivo dous fillos, María José e José María.[18][17]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Real Sociedad

Stade Rennais

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Caeiro, nuevo entrenador del Club Deportivo Lugo". El Progreso (en castelán). 21 de xullo de 1967. p. 6. Consultado o 5 de decembro de 2021. 
  2. "Un buen triunfo del Ferrol sobre el Deportivo". El Correo Gallego (en castelán) (22553). 20 de xuño de 1944. p. 3. Consultado o 5 de decembro de 2021. 
  3. "Aplastante victoria del Club Ferrol sobre el Murcia (9-0)". El Correo Gallego (en castelán) (23673). 24 de febreiro de 1948. p. 4. Consultado o 5 de decembro de 2021. 
  4. "Ferrol deportivo". El Correo Gallego (en castelán) (23828). 22 de agosto de 1948. p. 2. Consultado o 5 de decembro de 2021. 
  5. "Ficha de José Caeiro". ciberche.net (en castelán). Consultado o 5 de decembro de 2021. 
  6. 6,0 6,1 6,2 "José Caeiro". stade-rennais-online.com (en francés). Consultado o 5 de decembro de 2021. 
  7. "Top 50 des buteurs" (en francés). Consultado o 5 de decembro de 2021. 
  8. "Caeiro no se desplaza hoy con el C. D. Lugo a Orense". El Progreso (en castelán) (18725). 15 de outubro de 1967. Consultado o 6 de decembro de 2021. 
  9. "Caeiro, separado del C. D. Lugo". La Noche (en castelán) (14333). 17 de outubro de 1967. p. 15. Consultado o 6 de decembro de 2021. 
  10. "Caeiro firmó como entrenador por un año". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de outubro de 1969. p. 20. 
  11. "Cesó Herrería. Caeiro, sustituto". El Pueblo Gallego (en castelán) (17749). 12 de marzo de 1972. p. 13. Consultado o 7 de decembro de 2021. 
  12. "Pepe Caeiro cesó como entrenador del Pontevedra". El Pueblo Gallego (en castelán) (18010). 24 de xaneiro de 1973. p. 13. Consultado o 7 de decembro de 2021. 
  13. "Caeiro, nuevo entrenador del Real Jaèn". El Pueblo Gallego (en castelán) (18617). 12 de xaneiro de 1975. p. 20. Consultado o 7 de decembro de 2021. 
  14. "Caeiro, cesado". El Pueblo Gallego (en castelán) (19958). 11 de febreiro de 1977. p. 24. Consultado o 7 de decembro de 2021. 
  15. "Caeiro, de la Ponferradina". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xullo de 1977. 
  16. "Presentación de la plantilla del Arosa". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de xullo de 1980. p. 25. 
  17. 17,0 17,1 "Caeiro murió cuando se dirigía a entrenar al Arosa". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de xaneiro de 1981. p. 53. 
  18. "Caeiro, entrenador de la última promoción". El Pueblo Gallego (en castelán). 18 de maio de 1966. p. 13. Consultado o 7 de decembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]