Ville Ritola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ville Ritola
Ville Ritola2.jpg
Nacemento18 de xaneiro de 1896
 Peräseinäjoki
Falecemento24 de abril de 1982
 Helsinqui
NacionalidadeFinlandia
Ocupaciónfondista e atleta
editar datos en Wikidata ]
Cadro de medallas
Atletismo masculino
Xogos Olímpicos
Ouro París 1924 10.000 m
Ouro París 1924 3.000 m valados
Ouro París 1924 Campo a través por equipos
Ouro París 1924 3.000 m por equipos
Ouro Amsterdam 1928 5.000 m
Prata París 1924 5.000 m
Prata París 1924 Campo a través individual
Prata Amsterdam 1928 10.000 m

Vilho "Ville" Eino Ritola, nado o 18 de xaneiro de 1896 en Peräseinäjoki e finado o 24 de abril de 1982 en Helsinqui, foi un atleta finlandés especializado en carreiras de longa distancia. Integrante do fabuloso grupo de atletas de Finlandia coñecido como Flying Finns (Finlandeses Voadores), con Paavo Nurmi, Hannes Kolehmainen, Albin Stenroos e o propio Ritola, quen era coñecido co alcume "O lobo de Peräseinäjoki", que durante os anos 20 do século XX dominaran os eventos de medio fondo e fondo no atletismo dos Xogos Olímpicos.

Ritola emigrou para os Estados Unidos aos 17 anos, para unirse a sete irmás que emigraran anos antes e alá uniuse ao "Club de Atletismo Finlandés-Americano", onde comezou a adestrar xunto ao grande campión finlandés Hannes Kolehmainen, que se mudara para os Estados Unidos logo dos Xogos Olímpicos de 1912. Kolehmainen tentou convencelo de que se integrara no equipo finlandés para os Xogos de Antuerpen de 1920, mais Ville non aceptou, acreditando que aínda non estaba preparado para disputar con éxito unha competición do nivel dunha Olimpíada.

En 1924, participou brillantemente nos Xogos Olímpicos de París, conquistando catro medallas de ouro e dúas de prata. Tendo como sombra no equipo o grande Paavo Nurmi, Ritola venceu nos 10.000 m (Nurmi non participou) con media volta de vantaxe sobre os adversarios e superando en 12s o seu propio record mundial. Tres días despois vencería nos 3.000m obstáculos chegando 75 m por diante do segundo clasificado. Ó día seguinte competiu co seu compatriota Nurmi nos 5.000 m conquistando a medalla de prata e nos seguintes días conquistaría xunto co seu equipo dúas medallas de ouro no campo a través e nos 3.000 m por equipos.

Nos Xogos Olímpicos de Amsterdam 1928, Ritola volvería a brillar xunto con Nurmi, derrotando ó lendario Home do Reloxo na proba dos 5.000 m e perdendo nos 10.000 m, ficando coa prata. Con estes resultados, Ritola rematou a súa carreira olímpica cun total de catro medallas de ouro e tres de prata.

Nas súas dúas participacións olímpicas Ritola sumara cinco medallas de ouro e tres de prata. Como curiosidade, nunca participou nos campionatos de Finlandia, pola contra si o fixo nos dos Estados Unidos, país onde residía, e onde acadou numerosos títulos ao longo dos anos 20. Logo dos Xogos de Amsterdam, Ville Ritola abandonou o atletismo e volveu ao seu país natal en 1971, morrendo en Helsinqui o 24 de abril de 1982, aos 86 anos de idade.

A súa carreira e a fantástica aceleración que tiña no final das carreiras deixando subitamente atrasados aos seus rivais, inspirou unha expresión coloquial usada en finlandés, "Ottaa ritolat", é dicir, "facer un Ritola", que significa, saír abruptamente e rapidamente dalgún lugar.