Atleta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xavier Gómez Noya, atleta de tríatlon, logo de vencer na Copa do Mundo de Madrid de 2006

O significado máis habitual de atleta (do grego antigo ἆθλος athlos, que significaba "competición") é o dunha persoa que posúe unha capacidade física, forza, axilidade ou resistencia superior á media e, en consecuencia, é apto para actividades físicas, especialmente para as competitivas.

En contextos máis específicos, un atleta é quen practica o atletismo, ou participa nos Xogos Olímpicos e outras manifestacións deportivas como os deportes profesionais.

Pódense considerar moitas cousas para elixir ao mellor atleta, xa que os catro alicerces dun atleta son a resistencia, a forza, a velocidade e a axilidade, e moitos atletas destácanse en distintas disciplinas (ex. Ben Johnson como velocista e Jouko Ahola como atleta de forza).

Historia[editar | editar a fonte]

Apoxiomenos, estatua romana copia dunha grega en bronce

Atleta era o nome entre os gregos que se lle daba aos homes robustos e valorosos que exercitaban o seu corpo para obter o premio en probas físicas e, tamén, aos poetas, historiadores e músicos que competían públicamente para alcanzar o premio outorgado aos vencedores nos certames. En Roma coñecíase como atletas aos loitadores e aos púxiles, xa que todos os demais tiñan nomes específicos.

A institución dos combates atléticos é antiquísima. Crese que Licaón foi o primeiro que estableceu os de Arcadia, e Hércules aqueles que fixeron soado a Olimpia. Segundo o testemuño de Homero parece que antes da guerra de Troia celebráronse xa para facer máis solemnes os funerais dos grandes homes. Pero é de crer que entón non sería unha profesión diferente, senón parte dos exercicios militares como sucedeu despois un século antes de Platón cando a frecuencia dos mesmos xogos e a esperanza do premio e da fama puxo en sumo crédito a ximnástica dos atletas.

En Grecia, os atletas eran de condición libre, en tanto que os romanos eran escravos ou libertos.

Estes xogos, inventados polo valor e a virtude, dexeneraron en vicio e vanidade. O oficial que presidía os exercicios chamábase agonistarco, nome derivado da voz grega agon, combate ou pelexa, polo que se chama agonística[1] -a ciencia dos combates ou arte dos atletas e tamén gimnástica por pelexar espidos.

Preparación[editar | editar a fonte]

Boxeador en repouso, escultura grega, S. III a.C.

Os atletas observaban un réxime de vida particular. Nos primeiros tempos, se creemos a Plinio e a Pausanias de Lidia, non se mantiñan senón de figos secos, noces e queixo tenro. Segundo Plinio, un famoso mestre de palestra chamado Pitágoras, contemporáneo do filósofo do mesmo nome, foi o primeiro que lles permitiu o uso da carne e o primeiro atleta que a comeu chamábase Eutímenes. En tempo de Hipócrates comíana efectivamente, como se deduce do seu Epidemia. Con todo, non comían indistintamente de calquera especie de carne: a máis sólida e por conseguinte a máis propia para fornecer forza e un alimento máis nutritivo era preferida a todas as outras. O boi e o touciño condimentados con vinagre, cunha especie de pan sen lévedo moi pesado, cuberto con queixo tenro chamado coliphium, eran os seus manxares; e estas carnes eran máis ben asadas que fervidas ou guisadas, modo de alimentarse chamado por algúns autores gerophagia, isto é, nutrimento seco. Ordinariamente comían os atletas con exceso semellantes alimentos. Galeno conta que un atleta cría facer unha comida moi frugal cando non comera máis que dúas minas ou dúas libras de carne e o pan proporcionado. Milon de Crotona apenas estaba saciado con vinte minas de carne, outras tantas de pan e quince pintas de viño.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para agonístico.

Vexase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Atleta Modificar a ligazón no Wikidata