Emil Zátopek

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Emil Zátopek
Fotothek df roe-neg 0006305 003 Emil Zátopek.jpg
Nacemento19 de setembro de 1922
Lugar de nacementoKopřivnice
Falecemento22 de novembro de 2000 e 21 de novembro de 2000
Lugar de falecementoPraga
CausaIctus
SoterradoRožnov pod Radhoštěm
NacionalidadeChecoslovaquia e República Checa
EtniaPobo checo
Ocupaciónatleta, career soldier, corredor, desportista olímpico e oficial
CónxuxeDana Zátopková
PremiosCzech Medal of Merit, Medalha Pierre de Coubertin, Honorary citizenship of Třebíč, Jiří Guth-Jarkovský prize, Honorary citizenship of Kopřivnice, Honorary citizenship of Lázně Toušeň e Honorary citizenship of Brandýs nad Labem-Staré Boleslavi
Na rede
IMDB: nm0953685 Discogs: 4628336 IAAF: 198350 Olympic.org: emil-zatopek WikiTree: Zátopek-1 Find a Grave: 22312 Editar o valor em Wikidata
Signatur Emil Zatopek.png
editar datos en Wikidata ]
Cadro de medallas
Atletismo masculino
Xogos Olímpicos
Ouro Londres 1948 10.000 m
Ouro Helsinqui 1952 5.000 m
Ouro Helsinqui 1952 10.000 m
Ouro Helsinqui 1952 Maratón
Prata Londres 1948 5.000 m
Campionato de Europa de Atletismo
Ouro Bruxelas 1950 5.000 m
Ouro Bruxelas 1950 10.000 m
Bronce Berna 1954 5.000 m
Ouro Berna 1954 10.000 m

Emil Zátopek, nado en Kopřivnice o 19 de setembro de 1922 e finado en Praga o 21 de novembro de 2000, coñecido como a "locomotora checa", foi un atleta checo coñecido por gañar tres medallas de ouro en atletismo nos Xogos Olímpicos de Helsinqui. Gañou o ouro en 5.000 m e 10.000 m, pero a terceira medalla conseguiuna de xeito case que incríbel, competindo por primeira vez na súa vida na maratón.

Zátopek foi o primeiro atleta en romper a barreira dos 29 minutos nos 10.000 metros no ano 1954. En 1951 xa correra por baixo da hora nos 20 km. En total conseguiu 18 récords do mundo. Está considerado como un dos mellores corredores do século XX e tamén foi coñecido polos seus brutais métodos de adestramento.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Kopřivnice en 1922, cidade pertencente entón a Checoslovaquia, o mesmo día que Dana Zátopková, que máis tarde se convertería na súa muller.

Aos 16 anos, ingresou na escola profesional, traballando como aprendiz, na fábrica de zapatillas Bata de Zlin, situada a cen quilómetros ao sur de Ostrava.[1] Segundo o propio Zátopek: "un día, o adestrador da fábrica, que era moi estrito, sinalou a catro mozos, incluíndome a min, e mandounos correr nunha carreira. Eu dixen que era feble e que non estaba en forma para correr, pero o adestrador mandoume facer un recoñecemento físico, e o médico dixo que estaba perfectamente ben. Así que tiña que correr, e cando comecei, sentín que quería gañar. Pero só quedei segundo. Ese foi o xeito en que comezou".[2] Dende ese momento, Zátopek comezou a interesarse seriamente en correr.

Catro anos despois, en 1944, bateu os récords checos nos 2.000, 3.000 e 5.000 metros. Foi escollido para formar parte do equipo nacional checo nos Campionatos de Europa de 1946. Terminou quinto nos 5.000 m, batendo o seu propio récord checo de 14:50, marcando 14:25.

Competición[editar | editar a fonte]

Zátopek debutou internacionalmente nos Xogos Olímpicos de Londres, gañando os 10.000 m (a súa segunda carreira nesa distancia) e rematando segundo por detrás de Gaston Reiff nos 5.000 m.

O ano seguinte, Zátopek bateu dúas veces o récord mundial nos 10000 m. Tamén estableceu récords nos 5.000 m (1954), 20 km (en dúas ocasións en 1951), 25 km (1952 e 1955), e 30 km (1952).

Gañou os 5.000 m e os 10.000 m nos Campionatos de Europa de 1950 e os 10.000 m nos seguintes Europeos.

Nos Xogos Olímpicos de Helsinqui Zátopek gañou o ouro en 5000 m e 10000 m, pero a terceira medalla conseguiuna de xeito formidable, competindo por primeira vez na súa vida nunha maratón. Tamén bateu os récords Olímpicos en cadanseu evento. A súa vitoria nos 5000 m chegou despois dunha gran última volta en 57.5 segundos, durante os cales pasou da cuarta praza á primeira mentres Christopher Chataway, que ía segundo despois de ser adiantado por Zátopek tropezou no chan e caeu.

Dúas semanas antes dos Xogos Olímpicos de Melbourne, Zátopek foi operado dunha hernia, aínda así rematou sexto na maratón. Zátopek retirouse despois da seguinte tempada.

Zátopek tiña un estilo característico de correr, moi criticado para o que na época se consideraría un estilo eficaz. Torcía a cabeza a miúdo, coa cara contraida polo esforzo, mentres o seu torso pivotaba de lado a lado. Xemía a miúdo atronadoramente, o que lle valeu o alcume da "locomotora checa". Cando lle preguntaban sobre os seus xestos el respondía: "Non é ximnasia ou patinaxe sobre xeo, xa ves". Ademais adestraba fixera sol ou nevara, e a miúdo usaba botas en troques de zapatillas de deporte.

Sempre estaba disposto a darlles consellos aos outros corredores. Un exemplo que case sempre daba era estar sempre relaxado e mentres corrían tocaba suavemente a punta do seu polgar coa punta dos seus dedos. Só facendo este leve contacto asegurábase de que os ombreiros e os brazos permaneceran relaxados.

Gravado de Emil Zátopek en Rožnov pod Radhoštěm

Derradeiros anos[editar | editar a fonte]

Considerado un heroe no seu país natal, Zátopek foi unha figura influente dentro do Partido Comunista de Checoslovaquia. Apoiou a ala democrática do seu partido, e despois da Primavera de Praga, foi expulsado do exército e do partido. Tras isto conseguiu traballo nunha empresa que realizaba prospeccións en busca de recursos naturais en Bohemia.

Zátopek morreu despois dunha longa enfermidade, en 2000 á idade de 78 anos. Nese mesmo ano, en decembro do 2000 foi premiado postumamente coa Medalla Pierre de Coubertin un importante galardón en recoñecemento ao espírito olímpico.

Vida familiar[editar | editar a fonte]

A súa dona Dana Zátopková (nada o mesmo día que o seu esposo) foi unha atleta excepcional no lanzamento de xavelina. Gañou a medalla de ouro nesta disciplina nos Xogos Olímpicos de Helsinqui e a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Melbourne.

Citas[editar | editar a fonte]

  • "Esencialmente, distinguímonos nós mesmos do resto. Se queres gañar algo, corre os 100 metros. Se queres experimentar algo, corre unha maratón."
  • "Non fun o suficientemente talentoso para correr e sorrir ao mesmo tempo".
  • "Son as fronteiras da dor e o sufrimento as que separan aos homes dos rapaces".
  • Sobre gañar: "Pero foi o esgotamento máis pracenteiro que vivín xamais".

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]