Simón Bolívar
Simón José Antonio de la Santísima Trinidad Bolívar y Palacios, coñecido como Simón Bolívar ( pronunciación (axuda · info)), e tamén coloquialmente por El Libertador,[1] nado en Caracas o 24 de xullo de 1783[2] e finado en Santa Marta (Colombia) o 17 de decembro de 1830, foi un líder político e militar suramericano que levou aos que hoxe son os estados de Venezuela, Colombia, Ecuador, o Perú, Panamá e Bolivia, a independizarse do Imperio español.
Bolívar naceu no seo dunha acomodada familia crioula e, como era habitual entre os herdeiros das familias de clase alta da época, cando tiña 16 anos foi enviado a España para completar a súa educación, trasladándose posteriormente a Francia. Durante a súa estadía en Europa coñeceu as ideas da Ilustración, que máis tarde o motivaron para derrocar o reinado colonial español en Suramérica. Aproveitando a desorde provocada pola Guerra da Independencia española, Bolívar comezou a súa campaña pola independencia en 1808.[3] Despois da vitoria na batalla de Boyacá o 7 de agosto de 1819, o vicerreinado de Nova Granada deixou de ser efectivo, instaurando Bolívar a República da Gran Colombia nos territorios dos actuais estados de Colombia e Venezuela. A pesar de varios atrancos, incluída a chegada dunha forza expedicionaria española sen precedentes, a nova república quedou definitivamente consolidada despois do triunfo dos revolucionarios na Batalla de Carabobo en 1821. Nese mesmo ano incorpórase Panamá, e no ano seguinte a provincia de Quito, en maio, e a Provincia Libre de Guayaquil, en xullo. Bolívar foi presidente da Gran Colombia de 1819 a 1830.
En posteriores campañas, Bolívar liberou Perú e Bolivia, esta última nomeada así na súa honra. Foi simultaneamente presidente da Gran Colombia (formada polos actuais países de Venezuela, Colombia, Panamá e Ecuador), Perú e Bolivia, aínda que pouco despois o seu segundo ao mando, Antonio José de Sucre, foi nomeado presidente de Bolivia. Bolívar tiña como obxectivo unha América hispana forte e unida capaz de facer fronte non só ás ameazas que emanaban de España e da Santa Alianza europea, senón tamén do poder emerxente dos Estados Unidos. No punto álxido do seu poder, Bolívar gobernou un amplo territorio desde a fronteira arxentina ata o Caribe.
Bolívar loitou en 472 batallas, 79 das cales foron importantes; e durante as súas campañas montou a cabalo unha distancia de 123 000 quilómetros, que é dez veces máis que o percorrido por Aníbal, tres veces máis que Napoleón, e o dobre que Alexandre o Grande.[4] Bolívar é visto coma unha icona nacional na maioría da Suramérica moderna, e está considerado un dos grandes heroes dos movementos de independencia da América Latina de comezos do século XIX, xunto con José de San Martín, Francisco de Miranda e outros. Cara a fin da súa vida, Bolívar amosou unha certa decepción. Atribúeselle a frase "arei no mar e sembrei no vento" cando se desmembrou a Gran Colombia;[5] e nun discurso ao Congreso Constituínte da República de Colombia, Bolívar declarou: "Compañeiros cidadáns! Abofé en dicir isto: a independencia é o único beneficio que obtivemos, en detrimento de todo o resto".[6]
Historia familiar
[editar | editar a fonte]Devanceiros
[editar | editar a fonte]O apelido paterno Bolívar procede da vila biscaína de Ziortza-Bolibar no País Vasco.[7] Por liña materna, Bolívar descende de familias das Illas Canarias.[8]
En 1589, procedente de Santo Domingo, onde estaba servindo ao noble e militar español Diego de Osorio[9], chegou a Venezuela o primeiro Bolívar,[10] o contador Simón Otxoa de Bolíbar y la Rentería, coñecido como Simón de Bolíbar “o Vello”. Ía acompañando a Diego de Osorio cando este foi nomeado Gobernador e Capitán Xeneral de Venezuela, para desempeñar o cargo de Secretario de Residencia.[11] Chegou a Venezuela co seu fillo, nado en Santo Domingo, Simón de Bolíbar "o Mozo".[11]
O mozo Simón seguiu os pasos do seu pai e chegou a ser auditor da tesourería real. En 1593 recibiu unha encomienda polos seus servizos, sendo recompensado cunhas terras de labor no val de San Mateo, e casou coa filla doutro encomendero. Seguindo os costumes da época, o fillo do mozo Simón, Antonio, casou cunha muller doutra familia de encomenderos. O fillo de Antonio, Juan de Bolívar de Villegas (avó do Libertador) casou con María Petronila de Ponte y Marín. Con esta unión, Juan chegou a ser un dos homes máis ricos de Venezuela.[9] Cómpre destacar a ascendencia galega do Libertador por parte da súa avoa, xa que o avó materno desta, Jacinto de Ponte y Andrade, era oriúndo de Santiago de Compostela.[12]
Simón Bolívar era fillo de Juan Vicente Bolívar y Ponte e de María de la Concepción Palacios y Blanco, que eran membros destacados da aristocracia de Caracas. Cando casaron, en 1773, había entre eles unha gran diferenza de idade pois Juan Vicente, daquela, contaba con 47 anos e María de la Concepción, 15.[13] Ademais de Simón, tiveron catro fillos máis: tres maiores que Simón -Juan vicente, María Antonia e Juana Nepomucena- e unha irmá máis pequena, María del Carmen, quen morreu aos poucos de nacer.[14]
Árbore xenealóxica ascendente de Simón Bolívar
[editar | editar a fonte]16. Antonio Bolívar y Díaz de Rojas | ||||||||||||||||
8. Capitán Luis Bolívar Rebolledo | ||||||||||||||||
17. Leonor Rebolledo Argumedo | ||||||||||||||||
4. Juan de Bolívar y Martínez de Villegas | ||||||||||||||||
18. Lorenzo Martínez de Villegas | ||||||||||||||||
9. Ana María Martínez de Villegas y Ladrón de Guevara | ||||||||||||||||
19. Magdalena Ladrón de Guevara y Rojas | ||||||||||||||||
2. Juan Vicente Bolívar y Ponte-Andrade | ||||||||||||||||
20. Jacinto Ponte-Andrade | ||||||||||||||||
10. Pedro Ponte-Andrade y Jaspe de Montenegro | ||||||||||||||||
21. María Jaspe de Montenegro | ||||||||||||||||
5. María Petronila Ponte-Andrade y Marín de Narváez | ||||||||||||||||
22. Francisco Marín de Narváez y Vílchez | ||||||||||||||||
11. María Josefa Marín de Narváez | ||||||||||||||||
23. Josefa María de Narvaéz | ||||||||||||||||
1. Simón José Antonio de la Santísima Trinidad Bolívar y Palacios Ponte-Andrade y Blanco | ||||||||||||||||
24. José Palacios de Aguirre y Ariztía-Sojo y Ortiz de Zárate | ||||||||||||||||
12. Feliciano Palacios de Aguirre y Ariztía-Sojo y Gedler | ||||||||||||||||
25. Isabel María Gedler Rivilla | ||||||||||||||||
6. Feliciano Palacios de Aguirre y Ariztía-Sojo y Gil de Arratia | ||||||||||||||||
26. Francisco Gil de Arratia | ||||||||||||||||
13. Isabel María Gil de Arratia y Aguirre-Villela | ||||||||||||||||
27. María Rosa Aguirre-Villela y Laya-Mojica | ||||||||||||||||
3. María de la Concepción Palacios y Blanco Marquesa de San Luis | ||||||||||||||||
28. Mateo Blanco Infante | ||||||||||||||||
14. Mateo José Blanco y Fernández de Araújo | ||||||||||||||||
29. Josefa Fernández de Araújo y Rivilla | ||||||||||||||||
7. Francisca Blanco Herrera | ||||||||||||||||
30. Juan Ascencio de Herrera y Ascanio | ||||||||||||||||
15. Isabel Clara de Herrera y Liendo | ||||||||||||||||
31. Paula Rosa de Liendo y Ochoa | ||||||||||||||||
Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Infancia
[editar | editar a fonte]Simón Bolívar naceu en Caracas, Capitanía Xeneral de Venezuela, o 24 de xullo de 1783. Foi bautizado como Simón José Antonio de la Santísima Trinidad Bolívar y Palacios.[2]
Sendo Bolívar un neno, foi criado por dona Inés Manceba de Miyares e pola escrava da familia, Hipólita. Aínda que un par de anos máis tarde volveu aos coidados dos seus pais, esta experiencia tivo unha gran transcendencia na súa vida. Seu pai morreu de tuberculose antes de que Bolívar cumprira os tres anos,[15] e súa nai finou cando estaba a piques de cumprir os nove anos.
Despois da morte da súa nai, Bolívar quedou baixo a custodia do instrutor Miguel José Sanz, pero non conxeniaron e foi enviado de volta ao seu fogar. Recibiu educación privada dos renomeados profesores Andrés Bello, Guillermo Pelgrón, José Antonio Negrete, Fernando Vides, o pai Andújar, e Simón Rodríguez, anteriormente coñecido como Simón Carreño. Simón Rodríguez converteuse en profesor, amigo e mentor de Simón Bolívar. Apredendeulle a nadar e cabalgar, así como nocións de liberdade, dereitos humanos, política, historia e socioloxía.[16] Posteriormente, Rodríguez foi fundamental na decisión de Bolívar de comezar a revolución, inculcando nel as ideas de independencia, iluminación e liberdade.[16] Mentres tanto, Bolívar foi coidado principalmente pola súa neneira, a escrava Hipólita, á que despois chamou "a única nai que coñecín".[17]
Mocidade
[editar | editar a fonte]Cando Bolívar tiña catorce anos, viuse forzado a deixar Venezuela despois de ser acusado de estar implicado nunha conspiración contra o goberno español en Caracas. Bolívar entrou entón na academia militar das Milicias de Aragua.[16] Trala morte dos seus pais, en 1800 foi enviado a España para completar a súa educación e continuar cos seus estudos militares en Madrid.[18] Alí coñeceu a María Teresa Rodríguez del Toro y Alaysa con quen casou en Madrid en maio de 1802,[19] e tras un breve paso pola Coruña marchan a Venezuela e instálanse na facenda de san Mateo, onde ela enferma e morre por mor da febre amarela en 1803, oito meses despois do casamento[19]. En 1804, Bolívar volta á Europa, chegando a Cádiz a finais de 1803 e, a seguir, marcha a Francia instalándose en París[20] e viaxando a diferentes países europeos. Encontrándose en Milán, foi testemuña da coroación de Napoleón Bonaparte como rei de Italia (un reino no norte da Italia moderna unido a Francia a través da súa persoa), un evento que lle deixou unha profunda impresión. Aínda que en desacordo coa coroación, quedou moi sensibilizado pola veneración popular inspirada polo heroe.[16]
Carreira política e militar
[editar | editar a fonte]Esta sección precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada. Por favor, axude mellorando esta sección. (Desde maio de 2020.) |
O libertador
[editar | editar a fonte]Bolívar volveu para Venezuela en 1807. Cando Napoleón converte a Xosé rei de España e das súas colonias en 1808, Bolívar pasa a participar nas xuntas de resistencia na América. A xunta de Caracas declara a independencia en 1810, e Bolívar marcha para a Inglaterra nunha misión diplomática.
Volve á Venezuela en 1811. En xullo de 1812, o líder da xunta, Francisco de Miranda réndese, e Bolívar ten que fuxir para Cartaxena de Indias. É aquí que Bolívar escribe o Manifesto de Cartagena .
En 1813 lidera a invasión da Venezuela. Entra en Mérida o 23 de maio, sendo proclamado El Libertador ("o libertador"), recaptura Caracas o 6 de agosto e proclama a segunda república Venezolana. Pasa, entón, a comandar as forzas nacionalistas da Colombia , capturando Bogotá en 1814. Entre tanto, despois dalgúns contratempos militares, Bolívar é obrigado a fuxir, en 1815, para a Xamaica onde pide axuda ó líder Haitíano Alexander Sabes Petión.
En 1816, concedida esa axuda, Bolívar regresa os combates, desembarcando na Venezuela e capturando Angostura (hoxe, Ciudad Bolívar).
El Integrador
[editar | editar a fonte]En 1826, Bolívar tenta promover a integración continental ao convocar o Congreso do Panamá. Compareceron ao congreso representantes da Colombia, da Guatemala, de México, do Perú e dos Estados Unidos. Será o principio das Conferencias Panamericas.
Bolívar tivo moitas dificultades para administrar a chamada Gran Colombia. Durante o ano 1826 varias revoltas ocorreron en Venezuela, e, a pesar da amnistía e do arranxo de goberno coa participación dos rebeldes, creceu a disidencia política na rexión de Nova Granada.
Bolívar proclamouse ditador en 1828, a pesar de crer que sería unha medida provisoria. Sufriu unha tentativa de asasinato en setembro de 1828 e, aínda que frustrado, este acontecemento afectou o resto da súa vida.
Últimos días e morte
[editar | editar a fonte]Bolívar renunciou á presidencia o 27 de abril de 1830, coa intención de deixar o país e exiliarse en Europa.[21] Xa enviara a Europa varios vultos contendo as súas pertenzas e escritos[22], pero morreu antes de poder embarcar en Cartaxena.
O 17 de decembro, á idade de 47 anos, Bolívar morreu de tuberculose na Quinta de San Pedro Alejandrino en Santa Marta, Gran Colombia (hoxe Colombia).[23] No seu leito de morte, Bolívar pediulle ao seu axudante de campo, Xeneral O'Leary, que queimara o que quedaba do seu extenso arquivo de escritos, cartas e discursos. O'Leary desobedeceuno e os seus escritos sobreviviron, provendo aos historiadores de abundante información sobre a filosofía liberal e o pensamento de Bolívar, así como de detalles da súa vida privada, como a súa longa relación amorosa con Manuela Sáenz. Pouco antes da súa morte en 1856, Sáenz aumentou esta colección entregándolle a O'Leary as cartas que recibira de Bolívar.[22]
Bolívar foi sepultado na catedral de Santa Marta. Doce anos máis tarde, en 1842, e atendendo unha petición do presidente venezolano José Antonio Páez, os seus restos foron trasladados a Caracas, onde foi soterrado na catedral ao carón da súa dona e os seus pais. En 1876, foi novamente movido ao Panteón Nacional de Venezuela. A Quinta onde morreu preservouse coma un museo con numerosas referencias á súa vida. En 2010, os "restos simbólicos" da súa amante nos últimos anos, Manuela Sáenz, foron tamén soterrados no Panteón Nacional[24]
En xaneiro de 2008, o daquela presidente de Venezuela, Hugo Chávez, estableceu unha comisión para investigar a teoría de que Bolívar fora vítima dun asasinato.[25] Nalgunhas ocasións, Chávez manifestara que Bolívar fora en realidade envelenado polos "traidores de Nova Granada".[26] En abril de 2010, o especialista en enfermidades infecciosas Paul Auwaerter estudou os rexistros dos síntomas da doenza de Bolívar e concluíu que podería ter sufrido intoxicación por arsénico, pero que tanto o envelenamento coma o asasinato eran improbables.[27][28] En xullo de 2010 foi exhumado o corpo de Bolívar para avanzar na investigación.[29] En xullo de 2011 o comité internacional de expertos forenses fixo público o seu informe, alegando que non había probas de que Bolívar fose envelenado ou morrera por calquera outra causa que non fose natural.[30]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Simón Bolívar aos 17 anos, en 1800 ou 1801.
-
Retrato de Bolivar no ano 1812.
-
Cadro de Simón Bolivar.
-
Escudo de Armas dos Bolivar, que hoxe ostenta Ciudad Bolivar.
-
Estatua a Simón Bolivar en Belgrave Square, Londres.
-
Bandeira de guerra a morte de Bolívar.
-
Mapa da Gran Colombia.
-
Batalla de Ayacucho.
-
Bolívar no anverso dun cóndor ecuatoroano de 1928.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ David Bushnell, ed. (2003). El Libertador: Writings of Simón Bolívar (en inglés). Nova York: Oxford University Press. ISBN 0-19-514481-3.
- ↑ 2,0 2,1 Lynch 2010, p. 2
- ↑ Riggs, Thomas (2013). The literature of propaganda (en inglés). Detroit: St. James Press. pp. 153–155. ISBN 978-1-55862-859-5.
- ↑ Toro Hardy, Alfredo (2017). Understanding Latin America (en inglés). New Jersey: World Scientific. p. 47. ISBN 978-981-3229-94-5. doi:10.1142/10709.
- ↑ "He arado en el mar y he sembrado en el viento" (en castelán). Consultado o 25 de marzo de 2020.
- ↑ Adelman, Jeremy (2011). "5: Independence in Latin America". En Moya, José C. The Oxford Handbook of Latin American History (en inglés). Oxford University Press. p. 153. ISBN 978-0-19-516620-0.
- ↑ Guía Bizcaia (ed.). "Museo Simón Bolívar" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29 de xaneiro de 2022. Consultado o 26 de marzo de 2020.
- ↑ Almudena Cruz (29 de xullo de 2012). "Simón Bolívar tenía sangre guanche". La Provincia. Diario de Las Palmas (en castelán). Consultado o 26 de marzo de 2020.
- ↑ 9,0 9,1 Slatta 2003, p. 10
- ↑ Lynch 2010, p. 3
- ↑ 11,0 11,1 Federación de Centros Vascos de Venezuela (ed.). "Antecedentes familiares de Simón Bolívar, el Libertador" (en castelán). Consultado o 26 de marzo de 2020.
- ↑ Saavedra Rodríguez, José (18 de maio de 2009). "Genealogía gallega de Simón Bolivar" (blog) (en castelán). Consultado o 25-2-2020.
- ↑ Slatta 2003, p. 11
- ↑ Manuel Pérez Vila. cervantesvitual.com, ed. "Bigrafía de Simón Bolívar" (en castelán). Consultado o 26 de marzo de 2020.
- ↑ Arismendi 1983, p. 9
- ↑ 16,0 16,1 16,2 16,3 Arismendi 1983, p. 10
- ↑ Lynch 2010, p. 21
- ↑ Bushnell (2002), p. 16
- ↑ 19,0 19,1 Bushnell (2002), p. 17
- ↑ Bushnell (2002), p. 18
- ↑ Arana 2014, p. 435
- ↑ 22,0 22,1 Salcedo Bastardo, José Luis (1983). The hope of the Universe, Simón Bolívar (en inglés). UNESCO. ISBN 9231021036.
- ↑ Arismendi 1983, p. 19
- ↑ Grant, Will (5 de xullo de 2010). BBC News, ed. "Venezuela honours Simon Bolivar's lover Manuela Saenz" (en inglés). Consultado o 6 de abril de 2020.
- ↑ Forero, Juan (23 de febreiro de 2008). "Chávez, Assailed on Many Fronts, Is Riveted by 19th-Century Idol". The Washington Post (en inglés). Consultado o 6 de abril de 2020.
- ↑ Bratzel, Amy (11 de agosto de 2011). Council on Hemispheric Affairs, ed. "Bolívar and Chávez: A Worthy Comparison?" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2012. Consultado o 6 de abril de 2020.
- ↑ University of Maryland Medical Center (29 de abril de 2010). "Doctors reconsider health and death of 'El Libertador,' general who freed South America". Science Daily (en inglés). Consultado o 6 de abril de 2020.
- ↑ Allen, Nick (7 de maio de 2010). "Simon Bolivar died of arsenic poisoning". The Telegraph (en inglés). Consultado o 6 de abril de 2020.
- ↑ James, Ian (17 de xullo de 2010). MSNBC, ed. "Venezuela opens Bolivar's tomb to examine remains" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2010. Consultado o 6 de abril de 2010.
- ↑ Gupta, Girish (26 de xullo de 2011). "Venezuela unable to determine cause of Bolivar's death. And that's how the story ends.". Christian Science Monitor (en inglés). Consultado o 6 de abril de 2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Simón Bolívar |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arana, Marie (2014). Bolívar: American Liberator (en inglés). Simon and Schuster. ISBN 1439110204.
- Arismendi Posada, Ignacio (1983). Gobernantes colombianos 1819-1983 (en castelán) (2ª ed.). Bogotá: Interprint.
- Bushnell, David (2002). Simón Bolívar: hombre de Caracas, proyecto de América : una biografía (en castelán). Bos Aires: Editorial Biblos. ISBN 950-786-315-X.
- García Bacca, Juan David (1981). Simón Rodríguez, pensador para América. Colección: El libro menor, nº 19 (en castelán). Caracas (Venezuela): Academia Nacional de la Historia.
- Lynch, John (2006). Simón Bolívar. A Life (en inglés). New Haven (Connecticut): Yale University Press. ISBN 0-300-11062-6.
- Lynch, John (2010). Simón Bolívar (en castelán). Barcelona: Críitica. ISBN 978-84-9892-072-7.
- Rehrmann, Norbert (2009). Simón Bolívar: Die Lebensgeschichte des Mannes, der Lateinamerika befreite (en alemán). Berlín: Klaus Wagenbach. ISBN 978-3-8031-3630-5.
- Slatta, Richard W.; De Grummond, Jane Lucas (2003). Simón Bolívar's Quest for Glory (en inglés). Texas A&M University Press. ISBN 1-58544-239-9.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Archivo del libertador Arquivos orixinais de Simón Bolívar dixitalizados. (en castelán)