Reforma Protestante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Retrato de Martiño Lutero, iniciador da Reforma Protestante en 1517.

A Reforma Protestante foi un movemento de reforma no Sacro Imperio Romano Xermánico que comezou no ano 1517, aínda que a súa orixe é anterior. A Reforma implicou aspectos culturais, económicos políticos e relixiosos. Comezou con Martiño Lutero e finalizou coa Paz de Westfalia no ano 1648. O movemento comezou como unha tentativa de reformar a Igrexa Católica. Moitos católicos de occidente estaban descontentos coas falsas doutrinas e malas prácticas dentro da Igrexa, as cales consideraban impropias, especialmente no caso da venda de indulxencias. Outra controversia importante foi a práctica de compra e venda de posicións de prestixio no seo da Igrexa (simonía), considerado naquel tempo como unha auténtica corrupción na xerarquía eclesiástica. Esta corrupción considerábase sistémica, chegando mesmo á posición do Papa.

O 31 de outubro de 1517, na actual rexión alemana de Saxonia, Martiño Lutero cravou unha copia das súas Noventa e Cinco Teses na porta da igrexa do castelo de Wittenberg, que se empregaba como taboleiro de avisos para a universidade. Nestes noventa e cinco puntos, Lutero expuña as súas criticas á Igrexa e ao Papa. Os puntos máis controvertidos centrábanse nas prácticas de venda de indulxencias e na doutrina da Igrexa no referente ao Purgatorio. Os predecesores espirituais de Lutero foron homes como John Wycliffe e Jan Hus. Outros pastores e teólogos de ideas radicais, como Ulrich Zwingli e John Calvin, seguiron o camiño iniciado por Lutero. As crenzas e prácticas da Igrexa atacadas polos reformistas incluían o Purgatorio, o xuízo particular ás almas, devoción pola Virxe María, a intercesión dos santos, a meirande parte dos sacramentos, o celibato que debían gardar os sacerdotes e os monxes, e mais a autoridade do Papa.

A denominacións cristiás máis importantes que xurdiron directamente da Reforma foron os Luteranos, os Reformados/Calvinistas/Presbiterianos e os Anabaptistas. A Reforma Protestante tamén é coñecida como a Reforma Xermánica, a Revolución Protestante, a Revolta Protestante e, en Alemaña, a Reforma Luterana. O proceso de reforma diferenciouse de forma notábel dos acontecementos de Inglaterra, que levarían á formación da Igrexa Anglicana. Alí, o período de reforma coñécese como a Reforma Inglesa. Asemade, os reformistas tamén aceleraron o proceso de Contra-Reforma na Igrexa Católica.

Historia e orixes[editar | editar a fonte]

Todas as correntes protestantes maioritarias sitúan a súa separación da Igrexa Católica no século XVI. A orixe do protestantismo denomínase Reforma Maxisterial porque o movemento foi apoiado polos maxistrados, a autoridade lexislativa (a diferencia da Reforma Radical, que non tivo apoio da administración). As organizacións protestantes antigas, como a Unitas Fratrum que despois daría lugar á Igrexa de Moravia, sitúan a súa orixe no tempo de Jan Hus, a comezos do século XV. Como estaba dirixida por unha maioría de nobres de Bohemia, esta foi a primeira Reforma Maxisterial en Europa. Deseguido, os protestantes apareceron en moitos lugares de Alemaña, nun tempo no cal o Imperio Otomán ameazaba territorios xermanos. Este feito apartaba a atención dos príncipes xermanos das emerxentes revoltas internas. En parte, a protesta pode explicarse polos acontecementos dos séculos anteriores en Europa e particularmente en Bohemia.

Orixes e precursores: séculos XIV e XV[editar | editar a fonte]

As tensións debidas ao Gran Cisma de Occidente (1378–1416) provocaron guerras entre príncipes, levantamentos campesiños e unha crecente preocupación pola corrupción na Igrexa. O mundo internacionalista da Idade Media tamén foi desafiado por un emerxente nacionalismo.

John Wycliffe, da Universidade de Oxford, e Jan Hus, da Universidade de Praga, foron os primeiros en propoñer unha nova perspectiva eclesiástica. A Igrexa Católica concluíu oficialmente o debate co Concilio de Constanza (1414–1417). O conclave condenou a Jan Hus, que foi queimado na fogueira malia o seu compromiso de boa conduta. Wycliffe tamén foi queimado por herexe despois de morto.

O Concilio de Constanza confirmou e reforzou a concepción medieval da Igrexa e o Imperio. Non se trataron nel as tensións nacionais, nin as tensións teolóxicas que axitaban Europa no século anterior. Porén o concilio non puido previr o cisma e as guerras husitas en Bohemia.

A axitación social provocou reflexións sobre a organización da sociedade, e neste ambiente xurdiu a Reforma Protestante. Coa crise das institucións monásticas e a escolástica, acentuada pola catividade babilónica do papado de Aviñón, o Gran Cisma e o fracaso do conciliarismo, no século XVI comezou o gran debate cultural sobre reformas e, en xeral, sobre os valores relixiosos. Os historiadores asumen que o fracaso da Reforma suporía unha maior axitación ou quizais unha revolución, debido a que o sistema debía axustarse ou desintegrarse, e o fracaso do movemento conciliar favoreceu a Reforma en Europa. A represión os movementos de reforma, xunto coa situación política, económica e demográfica, contribuíu ao descontento da sociedade co poder e a riqueza do alto clero, e sensibilizou ao pobo fronte á corrupción da Igrexa no Renacemento.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]