Portal:A Coruña/Lugar de interese/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todos os artigos destacados no portal A Coruña:

1[editar a fonte]

A Torre de Hércules é unha torre e faro situado na península da cidade da Coruña, que ten o privilexio de ser o único faro de orixe romana en funcionamento no mundo. A planta é cadrada (10 m de lado), cunha altura total de 68 metros. Está localizada nun cabo.

A Torre de Hércules foi construída polos romanos como faro de navegación a finais do século I ou comezos do II d.C. durante a época de Traxano. No reinado de Carlos IV realizouse unha reconstrución completa que durou entre xullo de 1788 e decembro de 1790, dirixida por Eustaquio Giannini no estilo neoclásico. Desde entón non se volveu mudar a aparencia da torre e só se modificou a lanterna coa instalación dun fanal xiratorio e o acceso a este. No interior fixéronse falsos teitos e cubríronse as paredes de papel. En 1993 elimináronse todos os engadidos interiores..

O 27 de xuño de 2009 foi proclamada Patrimonio da Humanidade en Sevilla pola Comisión do Patrimonio Mundial da UNESCO. Deste xeito converteuse no cuarto recoñecemento da UNESCO en Galicia xunto co Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e o Casco Vello de Santiago de Compostela.


2[editar a fonte]

O castelo de Santo Antón é un castelo construído no século XVI que formaba parte, xunto co Castelo de Santa Cruz (en Liáns) e o Castelo de San Diego (en Oza, hoxe desaparecido), dunha rede estratéxica de castelos e baterías para a defensa da cidade da Coruña. Foi declarado Monumento Histórico Artístico en 1949 e desde o ano 1994 pasou a ter a consideración de Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento. Dende a súa inauguración no ano 1968 alberga o Museo arqueolóxico e histórico da Coruña.

No lugar que hoxe ocupa o castelo, e que era un illote próximo ao porto da Coruña, existía a finais da Idade Media unha capela dedicada a Santo Antón e nela se confinaban aos navegantes co mal coñecido como lume de Santo Antón, sendo tamén utilizado con posterioridade como lazareto.

Trátase dunha fortaleza construída no século XVI na entrada da baía da Coruña. Os seus antecedentes formais atópanse nos castelos italianos de inicios do século XVI, construídos por enxeñeiros ás ordes de Carlos I, e co Castelo de San Telmo en Nápoles como un dos exemplos máis achegados. Posúe unha estrutura alongada adaptándose ao promontorio coa entrada orientada cara o porto.


3[editar a fonte]

O Paseo marítimo da Coruña é o paseo marítimo urbano máis longo de Europa, cos seus máis de 13 quilómetros continuos á beira do mar, percorrendo toda a faixa costeira do concello exceptuando as zonas das Xubias e a zona portuaria. A apertura do último tramo do Paseo Marítimo revelou unha cara descoñecida da cidade, que permite admirar camiñando a forza e inmensidade do Océano Atlántico.

As orixes do actual paseo marítimo remóntanse aos proxectos de principios do século XX dun paseo, vía de circunvalación da península coruñesa. No Plan Cort de 1945 propúxose unha estrada dende San Roque pola costa pasando pola Torre de Hércules ata o Porto, mais non se chegou a realizar este proxecto. En 1948 no Planeamento de Alineacións volve falarse deste proxecto. En 1956 xa en vigor a Lei do Solo apróbase o Plan Xeral de 1967 concretando un vial sen prioridade peonil. O Plan de Ordenación Urbana de 1985 fixaba plans de protección, conservación e mellora na zona do actual paseo. Nos inicios dos anos 1990 comeza o coñecido como "proxecto Bofill" baseado principalmente en intervencións na zona portuaria.

O paseo foi construído polo Porto da Coruña, Concello da Coruña, Demarcación de Costas do Estado e Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Obras Públicas e Medio Ambiente (Ministerio de Fomento). O paseo fíxose por partes inconexas entre elas.


4[editar a fonte]

A Casa do Home, máis coñecida como DOMUS, é un museo coruñés, o único interactivo conceptual e monográfico sobre o ser humano. Algunhas das súas montaxes máis interesantes son un colaxe representando a Gioconda realizado con 10.062 fotografías de persoas de todo o mundo, imaxes dun parto, elaborar un menú e comprobar se é equilibrado ou ver os latidos do propio corazón. Foi inaugurado en abril de 1995 e é obra de César Portela e Arata Isozaki.

Conta con 1.500 m² de exposicións, 300 deles na sala Severo Ochoa, de exposicións temporais, e unha sala de proxeccións (chamada Leonardo da Vinci) de cinema en grande formato. As exposicións oferecen uns 200 módulos interactivos. Ademais de fornecer información, esixen ser accionados mediante algún mecanismo, frecuentemente en forma de xogos sinxelos, para entender o seu funcionamento. En 2015 inaugurouse a sala Maker, dedicada á robótica.

Como lembranza da Real Expedición Filantrópica da Vacina, expedición científica que levou a vacina da varíola a América, inaugurouse un monumento na balconada do museo.


5[editar a fonte]

O Castro de Elviña é un castro galaico, posteriormente romanizado pertencente á coñecida como Cultura castrexa do noroeste peninsular. Está situado na parroquia de San Vicenzo de Elviña, próximo ao actual Campus de Elviña da Universidade da Coruña, nunha pequena elevación que domina as terras dos vales de Elviña e Mesoiro, no concello da Coruña.

As primeiras escavacións datan de finais dos anos 1940 e foron dirixidas por José María Luengo e Luis Monteagudo. Na primeira metade da década de 1980 realizouse unha segunda etapa de excavacións dirixida por Felipe Senén López na que se realizaron traballos de recuperación das zonas anteriormente escavadas, e sondaxes no interior do recinto amurallado.. En 2002 comezou a terceira etapa, dirixindo as escavacións Xosé María Bello enmarcadas dentro do Proxecto Artabria de posta en valor do sitio.

É de salientar que o actual director das escavacións e os seus predecesores, exerce e exerceron o mesmo cargo no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón.


6[editar a fonte]

A praza de María Pita é o centro neurálxico da cidade da Coruña, e nela atópase a casa consistorial no palacio de María Pita. Trátase dunha praza porticada de planta rectangular cunha superficie de máis 10 000 . Nunha das súas frontes atópase o palacio do concello, rodeado polas outras tres partes por edificios porticados e culminados cunhas espléndidas galerías, típicas da arquitectura galega.

A praza foi proxectada polo arquitecto Juan de Ciórraga en 1877 tralo derrubamento da muralla co fin de resolver o paso da cidade vella á Pescadería.Ao longo da súa historia recibiu o nome de praza de Alesón, Liberdade e Derribo.

Baixo os soportais dos edificios atópanse diferentes locais de hostalería coma bares, cafeterías e restaurantes.


7[editar a fonte]

A Real Colexiata de Santa María do Campo é un templo católico de estilo románico da cidade da Coruña, declarada Ben de Interese Cultural o 3 de xuño de 1931. Tamén foi coñecida cos apelativos do Mar e do Portal. Chámaselle "do Campo" porque primitivamente estaba fóra dos muros da cidade. Desde moi antigo foi igrexa dos gremios do mar e do comercio.

Existe constancia documental da existencia dun templo románico en 1208 dedicado á Asunción da Virxe. Deste edificio só se conserva a capela maior. Segundo as inscricións que se conservan, a igrexa actual debeu construírse a finais do século XIII e principios do XIV, quedando constituída en parroquia no 1302. Porén non foi ata o ano 1441 cando o arcebispo de Santiago Lope de Mendoza erixiu a igrexa como colexiata, pasando o reitor e os capeláns a constituír un cabido colexial formado por un prior e catro cóengos en 1476. O 24 de marzo de 1494 o papa Alexandre VI concedeulle o título de abadía mediante unha bula. Ao longo da súa historia foi obxecto de numerosas intervencións, finalizando as últimas obras no ano 1899.


8[editar a fonte]

O Cemiterio de Santo Amaro, tamén coñecido como Cemiterio de San Amaro é un camposanto situado na Coruña. Ten unha superficie de máis de 26 000 m² e está composto por tres áreas: a relixiosa, a civil e a británica (esta última está pechada e é propiedade do Reino Unido). Nel están enterrados personaxes ilustres como o compositor Marcial del Adalid, Francisca Herrera Garrido, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal ou Manuel Murguía.

Se ben os primeiros enterramentos da zona datan de 1781, en 1812 fíxose efectiva na Coruña a lei que prohibía os enterramentos nas igrexas e na súa contorna, o que impulsou a construción do cemiterio de Santo Amaro. As obras tiveron lugar entre maio de 1812 e a súa inauguración o 9 de novembro do mesmo ano. Non foi ata 1833 cando se levantou a capela neoclásica da entrada, aínda que a súa construción estaba prevista no proxecto inicial e non puido construirse por falta de fondos.

En 2012 o cemiterio ingresou na Asociación Europea de Cemiterios Significativos (ASCE), e no ano seguinte entrou na Rede de Cemiterios Europea.


9[editar a fonte]

O Monte de San Pedro é un lugar da parroquia de Visma no concello da Coruña. Dende 1933 albergou unha batería de costa do exército, pero tralo abandono da mesma en 1996, o lugar foi convertido nun parque, aínda que se conservaron moitos elementos da antiga instalación militar, coma os canóns, algúns deles antiaéreos. Pódese acceder ao parque mediante un ascensor panorámico.

No monte de San Pedro existe unha duna fósil de 28 000 anos de antigüidade, e separadas do monte por unha canle de apenas 1 km atópanse as illas de San Pedro.

O parque ten unha superficie de 78 339 m2 e foi inaugurado 1999 sobre a antiga área militar inaugurouse en 1999 un parque de 78 339 m2. No parque hai un estanque de parrulos, un labirinto vexetal e o Centro de Interpretación da batería. A Cúpula Atlántica é un miradoiro de 360º cuberto, inaugurado en 2010, localizado sobre un antigo depósito de auga.


10[editar a fonte]

O coñecido como Xardín de San Carlos, situado na cidade vella da Coruña, foi construído coma castelo defensivo fóra das murallas no século XIV e quedaría unido á cidade no XVI. Foi declarado xardín histórico o 9 de novembro de 1944.

Pouco a pouco foi perdendo importancia coma baluarte ou "Fortaleza vella" e, tras estalar a polvoreira que contiña, foi abandonado até que xa no século XVIII é recuperado coma xardín por Don Carlos Francisco de Croix. Con todo, o aspecto actual do Xardín de San Carlos débese ao gobernador en 1834 Francisco de Mazarredo, e presenta unhas características de xardín romántico. Foi declarado Conxunto Histórico-Artístico xunto coas murallas da cidade.

O seu valor radica na súa privilexiada situación dende a que se observa, grazas ao seu miradoiro, todo o porto da Coruña, na súa vexetación, e na tumba, un sepulcro proxectado coma monumento funerario, do xeneral inglés Sir John Moore, morto na Batalla de Elviña en 1809. No xardín atópase tamén o Arquivo do Reino de Galicia.


11[editar a fonte]

Os Xardíns de Méndez Núñez son uns xardíns da cidade da Coruña situados entre Os Cantóns e o porto. Están dedicados ao mariño Casto Méndez Núñez, heroe da Primeira Guerra do Pacífico.

En 1868 creouse a alameda pública, que o 8 de maio de 1871 recibiu o nome de Méndez Núñez. O xardín foise mellorando grazas ás doazóns de capitalistas, cidadáns e persoeiros ilustres como Modesta Goicouría. Durante o século XIX instaláronse tamén quioscos de refrescos e para a celebración de feiras, sendo o primeiro o deseñado por Faustino Domínguez Domínguez en 1877. Para poder levar a cabo bailes inaugurouse en 1884 un palco da música e a partir de 1896 colocáronse estatuas para recoñecer a algunhas personaxes públicas.

Os xardíns acollen especies moi diversas entre as que destacan os dous grupos de palmeiras canarias recoñecidos como árbores senlleiras de Galicia.