Eustaquio Giannini

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Eustaquio Giannini
Nacemento20 de setembro de 1750
 Badaxoz
Falecemento1 de decembro de 1814
 Buenos Aires
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónenxeñeiro
editar datos en Wikidata ]

Eustaquio Antonio Félix Giannini Bentallol, nado en Badaxoz o 20 de setembro de 1750 e finado en Buenos Aires o 1 de decembro de 1814, foi un enxeñeiro militar que realizou a súa labor principalmente nos portos da Coruña e Ferrol.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo do xenovés Pedro Giannini Pallavicini, tenente do Rexemento de Infantería de Milán e autor de diversos libros de matemáticas, e de Magdalena Bentallol, natural de Cartaxena.

O 23 de marzo de 1784 casou con Mariana Hermosilla de Vizcarrondo, filla do tenente coronel de artillería José Hermosilla. En 1791, durante a súa etapa en Ferrol, contraeu segundas nupcias con Xaviera María Azpilicueta y Staford. Durante a súa posterior permanencia en Sudamérica casou en terceiras nupcias con Tomasa Moyano, coa que tivo dous fillos, Prudencio e María Dolores.

Carreira militar[editar | editar a fonte]

En 1762 ingresou no rexemento do seu pai, onde permaneceu ata 1769, ano no que foi ascendido a subtenente de bandeira. Nesta categoría formouse como enxeñeiro da Mariña. Entre 1772 e 1775 ampliou estudos na Real Academia de Matemáticas de Barcelona. En 1776 incorporouse ao Corpo de Enxeñeiros da Mariña, con destino no Departamento de Ferrol, onde obtivo en 1782 o ingreso na Armada Española como alférez de navío e co cargo de enxeñeiro hidráulico extraordinario. Permaneceu en Ferrol ata 1804, data na que foi destinado a Arxentina, realizando a meirande parte dos seus servizos na propia cidade de Ferrol e no veciño porto da Coruña. Durante este período ampliou a súa formación matemática na Academia de Guardias Marinas, probablemente o núcleo científico máis relevante da Galicia do século XVIII.

Despois da etapa pasada na Coruña, Giannini volveu a Ferrol, onde os méritos adquiridos lle permitiron a promoción aos graos de tenente de navío en 1784 e a capitán de fragata en 1792. En 1798 solicitou destino nunha comisión para cortes de madeira para navíos da Mariña, nos montes de Guipúscoa, Burgos e Asturias.

En 1799 Eustaquio Giannini ascendeu a enxeñeiro xefe, coa distinción militar de capitán de navío. En abril de 1804 saíu para Arxentina co encargo de inspeccionar o peirao de Bos Aires. A tal fin realizou medicións da sondaxe do río e levantou dous planos da capital. En 1805 levantou tamén planos dunha nova poboación en San Fernando e da canle e ponte para encanar futuras crecidas.

En 1806 dirixiu as tropas españolas contra a primeira invasión inglesa a Buenos Aires. Dous anos despois marchou a inspeccionar Misiones e Paraguai e entre outubro de 1808 e xuño de 1809 foi nomeado gobernador intendente provisorio de Paraguai, para cubrir a ausencia de Bernardo de Velasco. En 1810 marchou a Montevideo e dirixiu a instalación do fanal no faro da illa de Flores e en Santa Fé levantou planos na construción de balizas, realizou estudios hidrográficos e elaborou en 1811 un plano da cidade.

En 1811 recibiu autorización pra volver a España, pero a súa precaria saúde impediulle realizar a viaxe. En Santa Fé fixérono prisioneiro os independentistas e, aínda que logrou fuxir a Montevideo, ao ano seguinte foi detido de novo e levado a Buenos Aires, onde faleceu

Obras na Coruña[editar | editar a fonte]

Torre de Hércules.
Placa na Torre de Hércules testemuñando a reforma na época de Carlos III.

Giannini foi o principal encargado de deseñar e executar as infraestruturas portuarias necesarias pra dotas a cidade de peiraos e embarcadoiros, e que se consideraban prioritarias para o seu desenvolvemento económico. O Consulado Marítimo confioulle a reforma da Torre de Hércules, das obras do peirao e da construción dunha plataforma de comunicación do castelo de San Antón.

As obras de reforma da Torre de Hércules duraron de 1788 a 1790. O Consulado Marítimo asumiu os gastos da obra e o Departamento Marítimo de Ferrol fíxose cargo do seu mantemento e alumeado e de proporcionar o enxeñeiro. O traballo de restauración consistiu na retirada das partes en peor estado, o seu revestimento con paredes de granito e a creación dunha escaleira de pedra interior. En xuño de 1800 fíxose cargo da instalación dun fanal xiratorio procedente de Londres, obra que tivo que delegar no seu irmán José Giannini, tenente de navío e enxeñeiro ordinario. Ademais, ideou a plataforma que circunda a Torre de Hércules e proxectou o trazado dun camiño que comunicaba a Torre co casco urbano.

En 1789 Giannini elaborou un proxecto de construción dun novo peirao para o comercio nas inmediacións da porta da Torre de Abaixo, situada na fronte de terra do barrio da Pescaría. A obra suspendeuse indefinidamente en 1792 por falta de financiamento. Asemade presentou un proxecto para comunicar a cidade e o castelo de San Antón, que non se chegou a realizar.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]