Noceda, Lalín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Noceda
Portada da igrexa de Santa María de Noceda, Lalín.JPG
Igrexa de Santa María de Noceda.
Concello Lalín
Área 5,2 km²
Poboación 275 hab. (2011)
Densidade 52,88 hab./km²
Entidades de poboación 7

Santa María de Noceda é unha parroquia do concello pontevedrés de Lalín, na comarca do Deza. Linda coas parroquias de Madriñán, Prado, Santiso e co concello de Silleda. Segundo o IGE en 2011 tiña 275 habitantes (139 homes e 136 mulleres), o que supón unha diminución respecto do ano 1999, cando tiña 346 habitantes.

Localízase sobre un lugar con terras húmidas (está bañada polas augas do río Deza, o regueiro da Santa Lucía, e o de Faquintas), con agros, carballeiras, e terras de cultivo. A súa altura máxima é de 440 metros.

O nome da parroquia levouno durante moito tempo a Banda de música de Noceda.

Demografía[editar | editar a fonte]

Na parroquia as mulleres son o 51,33% da poboación, fronte ó 48,67% de homes. O grupo entre 0 e 14 anos ocupa o 10,26% da poboación (31 persoas), entre 15 e 64 o 60,28% (203 persoas) e maiores de 65 anos son o 22,52% (68 persoas) [Cómpre referencia].

Historia[editar | editar a fonte]

Noceda é un fitónimo que fai referencia á abundancia de nogueiras.

O castro[editar | editar a fonte]

O castro de Noceda, tamén chamado Coto da Ourela, está no lugar de Eirixe. Ten planta case circular, coas seguintes dimensións: o eixo maio é o SL-NO que mide uns 65 m no interior e 115 m ao exterior. O eixo SO-NL mide 60 m no interior e 100 m no exterior. O recinto está rodeado por un terraplén, con caída entre 3 e 6 metros. Presenta parapeto en case todo o perímetro, salvo no noroeste e nun acceso no sueste. A coroa é moi chá. A entrada estaría pola zona nor-nordés, onde se interrompe o parapeto, que presenta unha rampla en dirección leste-oeste.[1] Sitúase a 300 metros ó nordeste-leste da igrexa, a 440 metros de altitude. Posiblemente estivo habitado entre os séculos II a.C e o I d.C.

No sector occidental existen terras de cultivo xunto con carballeiras, piñeiral, e eucaliptos. A lenda di que vai unha mina de alcatrán e outra de ouro dende o centro do castro ata a porta da igrexa, pero ó intentar explotar unha, arde a outra. Hai uns sesenta anos un veciño propietario dunha leira onda o castro fixo un burato para depositar alí os restos dos animais que mataba na carnicería e atopou moedas, muíños, olas de barro, bólas de cores etc.

Mencións da parroquia[editar | editar a fonte]

A primeira mención da parroquia co nome actual consta no ano 959, nunha doazón feita por dona Elvira Alvítez ao mosteiro de Sobrado. Nun documento de 1019 Adosinda Gudestéiz doa ao mosteiro de San Martiño de Lalín a villa [2] de Noceda. Tamén aparece nunha famosa concordia asinada entre o bispo de Lugo e os cabaleiros templarios o 12 de setembro do 1254.

Igrexa[editar | editar a fonte]

Fiestra da ábsida da igrexa de Noceda.

A igrexa parroquial conserva algúns elementos románicos, como a fiestra da ábsida. No Resumen del diario de excursión de Enrique Campo, (páx.167) di «...En esta iglesia no pudimos entrar por no estar el cura, pero por fuera he visto que está completamente reconstruida, únicamente conserva la ventana del ábside románico, cuyos capiteles son unas aves; sobre una puerta de un corral, cerca del atrio he visto una hermosa cruz de piedra con el cordero debajo, que sin duda fue de la iglesia, (la dibujé)»

Posteriormente, no 1973, Isidro Bango Torviso, visitou a igrexa e non atopou rastro da cruz, pero deixou descrita a ventá: de arco semicircular, arquivolta baquetoneada, na media cana entre os dous baquetóns decoración de botóns; chambrana de catro filas de tacos. Capiteis e bases acaroados, simulando ser entregos, fustes monolíticos; cimacios dunha peza, impostados vinte centímetros. O capitel esquerdo, de aves apicada; o dereito cunha ave frontal na aresta e o resto indescritible. O chafrán recto de ábaco decorado con triángulos invertidos. As bases de perfil ático, moi desgastadas. No centro, a seteira tapiada, sobre ela un arco refundido con botóns.

A cronoloxía illada para unha soa ventá é problemática pero pola identidade de formas coas de Pescoso e Goiás, pódese situar en torno ao 1170.

No 1670 construíuse unha capela lateral, de estilo gótico, con nervios, onde están as sepulturas da casa de Golmar, que preside o sepulcro de don Gonzalo Taboada Ulloa, con escudos coas súas armas, que tamén aparecen no exterior da capela.

No 1923 tivo lugar un roubo na igrexa, desaparecendo unha cruz de prata antiga, un porta viático tamén de prata, a cruz dun pendón, a coroa da Virxe e 25 pesetas que había nos cepillos.

Sobre o 1925 produciuse unha tormenta moi grande e un lóstrego tirou por completo a torre da igrexa, que se arranxou coa axuda dos veciños.

Casa nobres[editar | editar a fonte]

Noceda é un lugar que se caracteriza pola abundancia de pazos e casas grandes.

O Casarío de Golmar ou Pardiñas, con portón de pedra ameado, gran escaleira e solaina, foi fundado nos comezos do século XVII por Gonzalo Taboada Ulloa. Na fachada da construción atópanse os escudos de feitura española con escotaduras na parte alta e rematados en punta. Ambos escudos son partidos, con diferentes armas en cada un deles. O da esquerda presenta o primeiro cuartel tres táboas horizontais superadas de tres oblicuas e surmontadas de tres flores de lis. No segundo cuartel trece roelos, dúas cambas e tres caldeiros. Todas elas armas dos Taboada.

O da dereita amosa no primeiro cuartel unha torre sobre ondas dúas trouçitas nadando entre as augas, e a ambos lados da torre dúas cunchas de vieira, como armas dos Churruchaos. No segundo cuartel unha árbore arrancada que mostra as raíces, tronco recto con dúas ramas primarias cortadas e copa redonda cun león pasante. Este cuartel é semellante ás armas do Pazo de Soutolongo, de onde proviña a nai do fundador da casa, polo que poden corresponder ós apelidos dos Boado ou Ventosa, pola similitude co escudo que existía na casa de San Martiño dos Varelas, en Melide, relacionado por matrimonio co citado Pazo de Soutolongo. Na parte superior unha longa epígrafe reza: ARMAS DE LOS TVOADAS I CHURUCHAOS.

A Casa do Ferreiro, en Noceda de Abaixo, ten os escudos dos Castro, Arias e López de Lemos. Segundo información dos veciños, este escudo non era desta casa senón dunha que está próxima á igrexa en estado ruinoso.

A Casa dos Quiroga é unha casa fidalga situada preto da igrexa cun sinxelo escudo de catro cuarteis. No primeiro ten tres flores de lis, no segundo unha roda, no terceiro unhas táboas en horizontal e no cuarto unhas táboas en diagonal. Pola parte dereita ten como unha especie de cáliz co corpo de Cristo.

Sociedade Cultura e Patria[editar | editar a fonte]

Entre 1932 e 1934 existiu unha sociedade denominada Sociedad Cultura y Patria. Pro construcciones escolares y protección mutua de Noceda, co obxectivo de construír unha escola. Este obxectivo non chegou a cumprirse de todo xa que se esgotaron os fondos e fíxose o edificio dunha única planta. O seu secretario era Manuel Pérez.

Mitin Galeguista[editar | editar a fonte]

O 24 de xullo de 1932 celebrouse en Noceda un mitin galeguista ás once da mañá, con presenza de persoeiros ilustres como Otero Pedrayo, Ramón Suárez Picallo, Alexandre Bóveda, Valentín Paz Andrade, Álvarez Gallego e Antón Alonso Ríos (non se pode confirmar a presenza de todos).

A guerra civil[editar | editar a fonte]

Nos tempos da guerra civil Noceda sufriu as súas consecuencias. Unha placa dos caídos lembra a oito mortos falecidos polo bando nacional. A placa foi a primeira instalada na comarca, o 31 de decembro de 1939. O acto contou coa presenza do xefe local da Falange de Lalín, Mario Fernández Crespo, e o secretario de organización, Jesús Goyanes. Logo dunha misa procedeuse ó descubrimento da placa coa lectura da Oración dos Caídos e concluíuse o acto con berros de "Presentes", habituais nos encontros falanxistas.

Tradicións[editar | editar a fonte]

Festa da Santa Cruz[editar | editar a fonte]

Esta festa celebrase sempre o primeiro domingo despois do 3 de maio. Esta xa é unha tradición moi antiga que comezou cando unha misión construíu unha cruz en 1905, a cen metros da igrexa. Desde entón vaise ata ela en procesión, e alí os rapaces novos recitan oracións á Virxe e a Xesús. Logo regresan a igrexa para recibir a bendición, e logo hai un concerto para a xente que asiste á festa[3].

Capela da Virxe dos Remedios en Lamas.

Festa da Pascuilla de Lamas[editar | editar a fonte]

É unha festa campestre que se celebra na aldea de Lamas cincuenta días despois de Pascua. Hónrase á Virxe dos Remedios nunha capela que leva o seu nome, rehabilitada a principios do século XIX.

Normalmente celébranse misas durante toda a mañá, e á unha é a misa solemne acompañada dunha procesión arredor da capela. Logo da misa hai un concerto a cargo dunha banda, e a continuación a xente come alí e estase toda a tarde agardando a festa da noite.

Bendición dos froitos[editar | editar a fonte]

Unha tradición que se perdeu en Noceda era a da bendición dos froitos que se realizaba todos os anos o día de San Marcos (25 de abril), onde ían os veciños ó redor dun cruceiro para bendicir os produtos do campo e pedir polas colleitas.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Noceda[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Noceda no concello de Lalín (Pontevedra)

Eirixe | Golmar | Lamas | Noceda de Abaixo | A Toxiña | Vilar do Xestal | Xonxil

Parroquias de Lalín[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Lalín

Albarellos (Santa María) | Alemparte (Santa María) | Anseán (Santiago) | Anzo (San Xoán) | Barcia (Santo Estevo) | Bendoiro (San Miguel) | Bermés (Santa María) | Botos (San Xoán) | Busto (San Facundo) | Cadrón (Santo Estevo) | Camposancos (San Cristovo) | Cangas (Santa Mariña) | Castro de Cabras (San Pedro) | Catasós (Santiago) | O Cello (San Martiño) | Cercio (Santiago) | Cristimil (San Xurxo) | Doade (San Pedro) | Donramiro (Santa María) | Donsión (Santa Baia) | Filgueira (Santa María) | Galegos (San Miguel) | Goiás (San Miguel) | Gresande (Santiago) | Lalín (Santa María das Dores) | Lebozán (Santiago) | Lodeiro (San Paio) | Losón (Santa Baia) | Maceira (San Martiño) | Madriñán (Santo Adrao) | Méixome (Santiago) | Moimenta (San Lourenzo) | Moneixas (Santo Adrao) | Noceda (Santa María) | Palmou (San Xoán) | Parada (Santa María) | Prado (San Martiño) | Rodís (San Xiao) | Santiso (San Román) | Sello (Santiago) | Soutolongo (Santa María) | Val do Carrio (Santo André) | A Veiga (San Ramón) | Vilanova (San Xoán) | Vilatuxe (San Lourenzo) | Xaxán (Santa María da Saleta) | A Xesta (San Fiz) | Zobra (Santa Mariña)


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ficha arqueolóxica do castro de Noceda.
  2. En latín unha villa era unha granxa, casarío ou casa de campo.
  3. Unha noticia do 1928 dicía: "Las fiestas que en honor de Santa Cruz se celebran en la rica, fértil y pintoresca parroquia de Noceda (Lalín), el día 20 del actual, estuvieron como desde tiempos lejanos bastante concurridas, a pesar del mal tiempo reinante que impedió que saliera una procesión en la que la habían de tomar parte las niñas de las dos escuelas nacionales con banderitas etc. etc. Fue admirable el orden, disciplina, respecto y buen gusto con que dos niños de las dos escuelas asistieron a estos solemnes actos por lo que felicitamos a los cultos y trabajadores maestros nacionales señorita Mercedes Araujo Conde y don Manuel Busto, cuya labor meritísima hemos tenido el gusto de apreciar más de una vez. Merced a la intervención de estos. Amenizaron la fiesta tres muy aplaudidas y laureadas banda de música Brántega, La lira, de Bendoiro y la de San Jorge.
    De Lalín, Filgueira, Donsión, Sello, Bermés, Santiso, Bendoiro, Prado, San Jorge, Madriñan, Busto, Corpiño, Meijome, Silleda, Tabeada etc. etc., acudieron personas a la famosa fiesta de Noceda."

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Artigos en publicacións periódicas:

  • La Correspondencia Gallega, 16-5-1905, p. 3
  • El Diario de Pontevedra, 4-10-1923, p. 2
  • El Pueblo Gallego, 26-5-1928, p. 13
  • Faro de Vigo, 4-6-1981, p. 30
  • Faro de Vigo, 16-5-1981, p. 25
  • Faro de Vigo, 21-5-1985, p. 13
  • Faro de Vigo, 18- 6-1985, p. 32
  • Faro de Vigo, 4-1-1991, p. 19
  • Faro de Vigo, 11-11-2000, p. 10
  • Faro de Vigo, 9-3-2001, p. 5
  • Faro de Vigo, 9-5-2001, p. 11
  • Faro de Vigo, 14-2-2006, p. 3
  • Faro de Vigo, 15-11-2002, p. 3

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]