Xerardo Álvarez Gallego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Álvarez Gallego")

Xerardo Álvarez Gallego, nado en Ourense o 29 de novembro de 1899 e finado en Miami o 4 de abril de 1986, foi un escritor e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Xerardo Álvarez Limeses, cursou o bacharelato en Ourense e rematou o último curso en Pontevedra, onde tamén obtivo o título de mestre. Licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e exerceu como procurador en Vigo. Colaborou nos xornais Galicia, El Pueblo Gallego, onde foi redactor xefe, e El País. Foi militante do Partido Galeguista, do que foi secretario, e onde traballou co seu cuñado Alexandre Bóveda, foi un dos cinco candidatos galeguistas propostos polo PG para concorrer nas eleccións xerais coa Fronte Popular. Logo da sublevación do 18 de xullo de 1936 logrou chegar a Portugal disfrazado de mendigo e exiliouse en Cuba, onde desempeñou o cargo de secretario da Presidencia. Co golpe de estado de Fulgencio Batista renunciou a este posto e dedicouse de cheo a escribir na prensa. En agosto de 1938 fundou Hermandad Gallega, organización política antifascista do Centro Galego, que presidiu ata 1941. Tamén en 1938 asumiu a dirección das revistas antifascistas Nosotros, Crónica de España e Voz de España. Foi vicepresidente do Congreso da emigración galega celebrado en Buenos Aires en xullo de 1956. Tentou volver do exilio desembarcando na Coruña, pero un día despois foi detido en Pontevedra e obrigado a abandonar o país. Despois de reiterados esforzos por establecerse definitivamente en Galicia, onde chegou a pasar uns meses, viuse forzado a un novo exilio e instalouse en Miami, onde permaneceu ata a súa morte.

As súas colaboracións xornalísticas están espalladas por numerosas publicacións, como as revistas cubanas Carteles e Bohemia, as dos centros galegos da Habana, Buenos Aires, México etc. Durante os meses de estancia en Galicia gañou o premio convocado pola Asociación da Prensa de Vigo por unha biografía crítica da obra de Luís Taboada. No terreo da crítica literaria destacan os seus artigos sobre Rosalía de Castro cos que obtivo os dous primeiros premios do concurso convocado polo Centro Galego da Habana con motivo do centenario de Rosalía, publicados en 1937 na revista Cultura Gallega.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Los Pazos, 1963.
  • Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, 1972.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]