Medio soberano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio soberano inglés
Henrique VIII (1509-1547) [1]
A/: Henrique VIII coroado de fronte no trono, con orbe e cetro.

Lenda: HENRIC. 8. DI. GRA. AGL FRNCIE Z. HIBERNIE REX

R/: Armas coroadas.

Lenda: HENRIC. 8. DI. GRA. AGL FRNCIE Z. HIBERNIE REX

O medio soberano é unha moeda de ouro británica cun valor equivalente a media libra esterlina. Emitiuse por primeira vez na súa forma actual en 1817, como moeda circulante, e desde 1980 a Royal Mint cuñouna case todos os anos xa como moeda de coleccionismo ou de investimento.

O medio soberano e o soberano británicos teñen a súa orixe nunha moeda inglesa do mesmo nome introducida orixinalmente en 1544 por Henrique VIII, cuxa emisión se interrompera en 1604. En 1817, como parte da Gran Recuñaxe, Xurxo III introduciu os novos soberanos, xunto cos seus múltiplos e divisores.

O medio soberano moderno cuñouse na maioría dos anos e circulou amplamente ata 1926. A partir deste ano, á parte das emisións especiais para os anos de coroación, a produción ordinaria suspendeuse ata 1980. Desde entón, a Royal Mint segue a emitir medios soberanos exclusivamente para o coleccionismo numismático e para investimento, mais non para a circulación.

A tipoloxía desta moeda baséase nunha imaxe do monarca reinante no anverso e, no reverso, ou ben as armas reais do Reino Unido ou ben o clásico deseño de San Xurxo e o Dragón, creado por Benedetto Pistrucci e utilizado por primeira vez no soberano en 1817 e no medio soberano en 1893.

Ademais de cuñarse en Londres, produciuse tamén nas cecas coloniais australianas e surafricana.

Moeda inglesa (1544-1604)[editar | editar a fonte]

Henrique VII (1485-1509) revitalizou a economía de Inglaterra logo da Guerra das Dúas Rosas.[2] En 1489, introduciu o soberano como moeda de ouro, que valorou en vinte xilins.[3] Antes desta nova moeda, as únicas de ouro que se emitían eran o angel e o medio angel.[4]

Hnrique VII deixoulle un gran tesouro —o equivalente moderno duns 375 millóns de libras— ao seu sucesor Henrique VIII (1509-1547). A riqueza herdada esvaeuse por mor do extravagante estilo de vida de Henrique VIII e aos gastos de guerra que supuña manter unha reivindicación sobre Francia.[5] Estes gastos conduciron á repetida desvalorización da moeda durante o reinado de Henrique.[6]

O medio soberano inglés introduciuse como parte da terceira emisión de moedas de Henrique VIII, en 1544,[7] degradando aínda máis a moeda. No seu anverso representouse o rei coroado, sentado no seu trono e sostendo o seu orbe e o seu cetro, en tanto que no reverso aparece un escudo real coas armas de Francia e de Inglaterra, sostido por un león e un dragón. Os títulos de Henrique como rei rodean os deseños en ambas as faces, e HR (por HENRICUS REX, "Henrique o Rei") aparece no exergo do reverso.[8]

A nova moeda continuou cuñándose durante o reinado do fillo e sucesor de Henrique VIII, Eduardo VI (1547-1553), inicialmente cos deseños do reinado anterior e máis tarde cunha nova representación de Eduardo sentado no trono.[9]

O medio soberano inglés cuñouse novamente baixo Xacobe I (1603-1625 en Inglaterra) a partir de 1603, e presenta un retrato do rei no anverso e un escudo coroado no reverso.[10] O escudo de armas que aparece na cuñaxe de Xacobe I presenta os leóns de Inglaterra no primeiro cuartel, o de Escocia no segundo, a arpa de Irlanda no terceiro e as flores de lis de Francia no cuarto. A lenda da moeda proclama a Xacobe como rei de Inglaterra, Escocia, Irlanda e Francia, en tanto que a lenda do reverso reza EXVRGAT DEVS DISSIPENTVR INIMICI ("Que Deus se erga e os seus inimigos sexan dispersados"), do salmo 68:1.[11] As letras I e R, de IACOBIS REX ("Xacobe rei") flanquean o escudo.[12] Estes medios soberanos emitíronse en moi pequenas cantidades.[13]

En 1604, Xacobe I reduciu o peso da moeda de ouro e, en consecuencia, cesou a cuñaxe dos dos medios soberanos,[7] que foron renomeados como unite e medio unite, na honra da unión dos dous reinos da illa de Gran Bretaña.[14] O medio soberano rebautizado foi substituído despois pola media guinea.[9]

Moeda británica (desde 1817)[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Soberano (moeda)
Caracterización xeral do medio soberano
País Valor Peso Diámetro Aliaxe Cecas
Reino Unido ½
soberano
3,99
g
19
mm
Au
917 ‰
Londres, Melbourne, Perth, Sydney, Suráfrica.

Orixe[editar | editar a fonte]

Durante as guerras napoleónicas saíron de Gran Bretaña grandes cantidades de ouro, e utilizáronse como moeda no comercio moedas gastadas dunha guinea e tamén billetes de banco.[15] Logo da derrota final de Napoleón na batalla de Waterloo (1815), o Parlamento do Reino Unido, mediante a Lei da Moeda de 1816, situou oficialmente a Gran Bretaña no padrón ouro, polo que se definiu a libra como unha cantidade determinada dese metal. Case todos os oradores que interviñeron no debate parlamentario apoiaron a creación dunha moeda de vinte xilins, no canto de seguir utilizando a guinea, valorada en vinte e un xilins.[16] Unha das razóns para a introdución da moeda de ouro baseada no soberano foi que o valor deste, igual a unha libra esterlina, era máis conveniente que o da guinea.[17] No entanto, a Lei da Moeda non especificaba que moedas específicas debía cuñar a Casa da Moeda.[18]

Xurxo III (1760-1820)[editar | editar a fonte]

Medio soberano británico
Xurxo III (1760-1820) [19]
A/: Retrato laureado de Xurxo III cara á dereita. Data.

Lenda: GEORGIUS III DEI GRATIA

R/: Escudo de armas coroado.

Lenda: BRITANNIARUM REX FID: DEF:

Un comité do Consello Privado recomendou a emisión de moedas de ouro de dez xilins (medio soberano), vinte xilins (soberano), dúas libras e cinco libras, o que foi aceptado o 3 de agosto de 1816 por Xurxo —que actuaba como príncipe rexente, ante a incapacidade mental do seu pai, Xurxo III (1760-1820)—.[7][15] A peza de vinte xilins denominouse soberano, unha resurrección do nome da antiga moeda inglesa, probablemente promovida por anticuarios con intereses numismáticos.[20] O soberano moderno, co coñecido deseño do escultor italiano Benedetto Pistrucci do San Xurxo matando o dragón, foi proclamado como moeda en 1817, e a súa cuñaxe comenzou ese mesmo ano.[21] Pola súa banda, o seu divisor, a moeda de medio soberano, no canto do deseño de Pistrucci levaba no seu reverso un escudo das armas reais, gravado por William Wyon, probablemente baseado nun deseño anterior de Pistrucci,[22] aínda que o numismático Howard Linecar afirmou que Wyon tamén era responsable da modelaxe.[23]

O escudo desta primeira emisión do medio soberano era unha nova versión do escudo real,[17] coas armas acuarteladas de Inglaterra, Escocia e Irlanda, e as armas hanoverianas coroadas por unha coroa real.[24] Os reis de Gran Bretaña tamén gobernaron Hannover entre 1714 e 1837; as armas de Hannover representaban os escudos de armas de Brunswick, Luneburgo e Celle.[25]

Segundo o historiador da Royal Mint Kevin Clancy, no seu libro sobre a historia do soberano:[26]

Os primeiros medios soberanos emitidos en máis de 200 anos terían un destino moito máis tradicional. Todas as forzas da exuberancia se gastaran claramente no deseño da moeda máis grande, e o que saíu á circulación en setembro de 1817 foi un escudo angular das armas reais [...] Garantir que houbese un elemento fraccionario na moeda de ouro demostrou visión de futuro, pero, igual que a súa compañeira de maior valor, achou os primeiros anos de vida inzados de problemas.

O medio soberano, proclamado moeda de curso legal o 10 de outubro de 1817,[27] converteuse na moeda de ouro máis pequena de uso ordinario.[22] As primeiras emisións do medio soberano, co busto de Xurxo III, emitíronse con datas de 1817, 1818 e 1820, e ningunha con data de 1819, ano no que se cuñaron tamén poucos soberanos.[19][28] En 1819 emitíronse poucas moedas de ouro por mor da proposta de que o ouro se retivese no Banco de Inglaterra e só se emitise en lingotes por valor de 233 libras, plan que non prosperou.[29]

Xurxo IV (1820-1830)[editar | editar a fonte]

Xurxo IV (1820-1830) [30]
A/: Retrato laureado de Xurxo IV cara á esquerda. Marca de gravador (B.P.).

Lenda: GEORGIUS IIII D:G: BRITANNIAR: REX F:D:

R/: Escudo de armas coroado e adornado.

Lenda: ANNO 1821

O primeiro tipo do medio soberano cuñado durante o reinado de Xurxo IV (1820-1830) presenta no anverso o seu retrato gravado por Pistrucci, cunha coroa de loureiro, e un escudo coroado adornado no reverso, deseñado por Johann B. Merlen.[30] Este reverso inicial, emitido en 1821, retirouse de camiño debido á súa similitude en tamaño e aparencia co da moeda de seis peniques de prata,[31] o que facilitaba que os defraudadores bañasen en ouro este último para o facer pasar doadamente polo medio soberano.[32]

A seguinte vez que se cuñou o medio soberano, en 1823, presentaba xa unha versión máis sinxela do escudo no reverso, deseñada tamén por Merlen, emparellada no anverso co retrato de Xurxo realizado por Pistrucci. Esta segunda versión cuñouse tamén en 1824 e 1825.[33] Mais o monarca non estaba satisfeito co seu retrato, e o deseño do busto de Pistrucci foi substituído a partir dalgunhas moedas de 1825 por un gravado por William Wyon, baseado nunha obra de Francis Chantrey. Pistrucci negárase a copiar a obra de Chantrey e non volveu participar no deseño de moedas da serie do soberano. Introducíronse tamén cambios no reverso, cunha versión máis ornamentada do escudo, que se cuñou todos os anos ata 1829,[34] aínda que os cuñados este último ano amosan a data de 1828.[35] Con todo, coñécese un medio soberano con data de 1829, na colección do Museo Ashmolean; trátase dunha das varias moedas recuñadas pola Royal Mint en 1891 a partir dos seus cuños orixinais, para subministrar á Biblioteca Bodleian pezas coas que encher as lagoas da súa colección numismática.[36]

Guillerme IV (1830-1837)[editar | editar a fonte]

Guillerme IV (1830-1837) [37][38]
A/: Guillerme IV sen coroa cara á dereita.

Lenda: GULIELMUS IIII D: G: BRITANNIAR: REX F: D:

R/: Escudo de armas e manto.

Lenda: ANNO (data)

  • Datas: 1831, 1834-1837
  • Gravador: William Wyon (A/) e J. B. Merlen (R/).
  • Nota: os dous primeiros anos cuñouse con só 17,9 mm, aínda que co peso ordinario.

Os medios soberanos non se emitiron para a circulación durante o reinado de Guillerme IV (1830-1837) ata 1834, aínda que se cuñaron algunhas moedas de proba en 1831 —con acabamento especial proof—. Tamén se emitiron en 1835, 1836 e 1837.[39] O anverso presenta un busto de Guillerme IV coa cabeza descuberta, que foi gravado por William Wyon a partir dun modelo de Chantrey. O reverso é similar ás emisións posteriores de Xurxo IV,[40] cun escudo coroado e un manto no reverso que foi modelado e gravado por Jean Baptise Merlen.[38] A emisión de proba de 1831 e a ordinaria de 1834 cuñáronse cun diámetro reducido, de só 17,9 mm —o diámetro habitual dos medios soberanos é 19,4 mm—, aínda que non se fixo ningún cambio no peso nin na lei.[37][41] É probable que o diámetro se reducise para que as ferramentas e os cuños para a moeda de catro peniques da serie Maundy puidesen utilizarse tamén para o medio soberano.[42]

Os libros da Royal Mint deste reinado rexistran que se retiraron da circulación 120.000 exemplares do medio soberano de 1834, xa que o seu reducido tamaño facía que fose moi similar ao da antiga peza de sete xilins ou un terzo de guinea de Xurxo III, de inferior valor e que xa non era de curso legal.[43][41]

Coñécense algúns medios soberanos de 1836 e de 1837 cun anverso lixeiramente diferente, aparentemente tomado dos cuños de anverso da moeda de seis peniques. Isto puido deberse a un erro da Royal Mint.[44] Por outra parte, ao ser unha fraude común bañar en ouro as pezas de seis peniques para os facer pasar por medio soberano, a partir do reinado de Guillerme os seis peniques pasaron a levar expreso o seu valor facial —nesta época ningunha outra moeda británica amosaba o seu valor facial—.[45][46]

Vitoria (1837-1901)[editar | editar a fonte]

A primeira emisión do medio soberano da raíña Vitoria (1837-1901) foi en 1838. A primeira serie de medios soberanos vitorianos, de 1838 a 1885, presenta no anverso un retrato xuvenil de vitoria realizado por William Wyon, emparellado no reverso cun reverso un escudo gravado por Merlen coas armas de Hanover omitidas, xa que Vitoria, como muller, non podía converterse en monarca de Hannover. Este primeiro modelo cuñouse na Royal Mint de Londres todos os anos desde 1838 ata 1885, agás en 1881 e 1882, por mor das obras de renovación da ceca londiniense. Nesta serie hai algunhas variantes derivadas de lixeiras oscilacións no tamaño da cabeza de Vitoria, así como na posición e no tamaño das lendas e a data na moeda. Nas moedas cuñadas entre 1863 e 1880 engadiuse un número de cuño no reverso, para que a Casa da Moeda puidese facer un seguimento do desgaste dos cuños.[47][48][49] Segundo John Craig, no seu libro sobre a historia da Royal Mint, algunhas das variantes foron introducidas intencionadamente pola propia ceca, "para animar os numismáticos".[50][51]

Vitoria (1837-1901) [52]
A/: Retrato xuvenil de Vitoria sen coroa cara á esquerda.

Lenda: VICTORIA D:G: BRITANNIAR: REGINA F:D:

R/: A palabra "Australia" coroada, rodeada por coroa vexetal.

Lenda: SYDNEY MINT / AUSTRALIA / HALF SOVEREIGN

En 1851 descubriuse ouro en Australia, polo que os gobernantes e altos funcionarios coloniais solicitaron que se establecese alí unha ceca sucursal da Royal Mint. Logo da apertura da Casa da Moeda de Sydney en 1855, cuñáronse nela moedas de medio soberano a partir dese mesmo ano. Os medios soberanos de Sydney de 1855 a 1866 non tiñan o mesmo deseño que os producidos en Londres e, como a Royal Mint temía que non se cuñasen coa mesma pureza do ouro, indicaban como parte do seu deseño a súa orixe na Casa da Moeda de Sydney coa inscrición SYDNEY MINT, e carecían de curso legal en Gran Bretaña.[52] Con todo, á medida que foi crecendo a confianza nelas, as moedas australianas comezaron a ser aceptadas na metrópole como moedas de curso legal,[53] e a partir de 1871 a ceca de Sydney pasou a utilizar nos seus reversos o mesmo deseño do escudo que se utilizaba en Londres.[54][55][56]

Pola súa banda, en 1873 inaugurouse, tamén como sucursal da Royal Mint, a Casa da Moeda de Melbourne, que cuñou medios soberanos xa ese mesmo ano.[54] E en 1899 abriu as súas portas a Casa da Moeda de Perth, que cuñou os primeiros medios soberanos en 1900.[57] Todas as cecas coloniais utilizaron cuños preparados en Londres e que logo eran transportados por barco ata as cecas sucursais,[58][59] que incluían no reverso as correspondentes marcas de ceca —"S" de Sydney, "M" de Melbourne e "P" de Perth— como única diferenza, xa que as moedas eran exactamente iguais ás cuñadas en Londres.[60]

A pesar de que o medio soberano se utilizaba máis na circulación que o soberano,[44] na década de 1880 intentouse abolilo e substituílo por moedas de prata. Mentres que o soberano era unha moeda de comercio mundial, o uso do medio soberano limitábase sobre todo en Gran Bretaña e algúns dos seus territorios, e tiña que cuñarse segundo normas moi exixentes, o que provocaba que o 45 % dos medios soberanos acabados de cuñar tivesen que ser fundidos novamente na casa da moeda. Isto encarecía a súa cuñaxe, sobre todo porque o Goberno non se beneficiaba da señoriaxe das moedas de ouro, como facía coas de prata, polo que este desalentaba o uso do medio soberano. En 1884, o Goberno de William Ewart Gladstone propuxo reducir o contido de ouro do medio soberano nunha décima parte, mais este intento fracasou.[61] Un posterior ministro de Facenda, Randolph Churchill, describiu o medio soberano como "esa pequena moeda malgastadora".[62] Malia todo, o subdirector da Royal Mint na época, Charles Fremantle, declarou en 1874 que o medio soberano era o máis conveniente como parte do cambio dado polo pagamento cun soberano".[63]

Vitoria [64]
R/: Cabeza do xubileu de Vitoria.

Lenda: VICTORIA DEI GRATIA

R/: Escudo de armas.

Lenda: BRITANIARUM REGINA FID: DEF:

A idea de utilizar prata no canto de ouro deu como resultado a introdución en 1887 do dobre florín, en competencia co medio soberano e máis barato de cuñar,[65] mais esa moeda só durou catro anos.[66] Tamén en 1887, déuselles un novo anverso ás moedas de prata e de ouro, incluído o medio soberano. Este cambio introduciuse co gallo da celebración do ano do Xubileu de Ouro da raíña, e a serie de moedas resultantes deuse en coñecer co nome de "moedas do Xubileu de Vitoria". O novo anverso, no que se colocou un segundo retrato da raíña, esta vez toucada por unha pequena coroa, foi deseñado por Joseph Edgar Boehm.[67] O reverso presentaba outra versión do escudo de armas do Reino Unido, adornado e coroado,[68] obra de Leonard Charles Wyon. [64][69]

Repetíndose o mesmo problema de épocas anteriores, como a moeda de seis peniques de prata da serie do Xubileu non levaba ningunha indicación escrita do seu valor e tiña o mesmo tamaño que o medio soberano, e bastante semellanza no deseño, produciuse unha ondada de fraudes por parte de quen douraba as moedas de prata para as facer pasar por medios soberanos; como consecuencia, xa durante o primeiro ano de emisión, 1887, aos seis peniques cambióuselles o reverso para facer que indicasen o seu valor, algo que se mantivo ata o cambio de modelo en 1893.[70][71][72]

O sucesor de Churchill como responsable de Facenda, George Goschen, tardou en decidir se suspender a emisión do medio soberano, e finalmente decidiuse en contra. Non obstante, Goschen non era partidario do medio soberano, e non se cuñou ningún exemplar nas instalacións da Royal Mint en Tower Hill entre xuño de 1887 e febreiro de 1890. Non se cuñaron medios soberanos en ningunha ceca en 1888, e só Sydney os cuñou en 1889. En febreiro de 1890, Goschen, na súa declaración orzamentaria, gabouse de ter reducido temporalmente o que describiu como "a moeda máis cara do mundo".[73][74]

O deseño do anverso de Boehm, que amosaba a Vitoria cunha coroa que se considerou demasiado pequena, resultou controvertido, e a Real Casa da Moeda estaba decidida a substituílo o antes posible.[75] Para iso, nomeouse un comité asesor sobre o deseño de moedas, que recomendou utilizar tamén no medio soberano o deseño de Xurxo e o Dragón de Pistrucci que ata entón se utilizara no reverso dos soberanos.[76] Para o anverso, utilizouse un novo deseño que representaba o terceiro retrato de Vitoria na moeda británica, un busto velado da raíña xa anciá, obra de Thomas Brock.[77] As iniciais de Pistrucci, BP, que habitualmente se amosaban nos soberanos, non se achan neste novo medio soberano; Richard Lobel, no seu Standard Catalogue of English and UK Coins de Coincraft, comentou: "Como tería odiado isto o egoísta italiano, que escribiu o seu nome completo na coroa de 1818!". Os medios soberanos co anverso de Brock e o reverso de Pistrucci seguiron cuñándose ata 1901, ano da morte da raíña.[44][78]

Eduardo VII (1901-1910)[editar | editar a fonte]

Eduardo VII (1901-1910) [79]
R/: Cabeza sen coroa de Eduardo VII cara á dereita.

Lenda: EDWARDVS VII D: G: BRITT: OMN: REX F: D: IND: IMP:

R/: San Xurxo e ou Dragón.

Lenda: anepigráfica.

Os primeiros medios soberanos do reinado de Eduardo VII (1901-1910) emitíronse en 1902 e a serie continuou ata 1910. No anverso da moeda figura o busto de Eduardo VII coa cabeza descuberta, obra de George William de Saulles, e no reverso, o Xurxo e o Dragón de Pistrucci. As moedas cuñáronse en Londres, e tamén nas cecas australianas de Melbourne, Perth e Sydney, coas marcas de ceca "M", "P" e "S", respectivamente..[79] O reverso inicial modificouse durante 1904 para restaurar as iniciais de Pistrucci no seu deseño e introducir lixeiras modificacións noutras partes, aínda que sen alterar substancialmente o modelo. Os medios soberanos datados en 1904 co primeiro deseño cuñáronse en Londres e en Perth; o segundo utilizouse nas catro cecas durante ese ano.[80]

A partir de 1908, a Casa da Moeda de Otava —máis tarde reconvertida en Casa da Moeda do Canadá, mais daquela aínda sucursal da Royal Mint— cuñou tamén moedas dun soberano, con marca de ceca "C",[81] principalmente destinados á exportación, xa que alí non gozaban de aceptación para a circulación. Porén, nesta ceca non se cuñou a moeda de medio soberano.[82]

Xurxo V (1910-1936) [83]
R/: Busto sen coroa de Xurxo V cara á esquerda.

Lenda: GEORGIVS V D. G. BRITT: OMN: REX F. D. IND: IMP:

R/: San Xurxo e ou Dragón.

Lenda: anepigráfica.

Xurxo V (1910-1936)[editar | editar a fonte]

Tras a morte de Eduardo VII en 1910, en 1911 emitíronse por primeira vez os medios soberanos coa efixie do novo rei, Xurxo V (1910-1936), con anverso deseñado por Bertram Mackennal e o reverso de Pistrucci, e a súa produción continuou ata 1915 en Londres, cando se interrompeu a súa cuñaxe.[7][83][84][85]

Os derradeiros anos antes do comezo da primeira guerra mundial en 1914 foron testemuña dunha gran circulación de soberanos e medios soberanos, e durante os derradeiros días da crise de xullo que conduciu á guerra, moitos cidadáns cambiaron papel moeda por ouro. Ao que se iniciou a guerra, emitiuse decontado papel moeda con valores faciais de dez xilins e dunha libra para substituír as dúas moedas de ouro —o medio soberano e o soberano—, e malia non haber unha suspensión formal dos pagamentos en ouro, o Goberno promoveu a opinión de que solicitar o pagamento en ouro era antipatriótico. Malia todo, a produción de moedas de ouro nas cecas coloniais continuou, principalmente para a exportación. A produción de medios soberanos nas cecas australianas mantívose ata 1920, aínda que unicamente se cuñaron uns poucos despois de 1916, todos en Perth.[84][85][86]

Ao comenzar a guerra en 1914, os medios soberanos foron substituídos por notas do Tesouro.

Os medios soberanos que se coñecen de 1918-P provocan desconcerto, xa que non hai rexistros que dean conta da súa cuñaxe en Perth ese ano: o máis probable é que se producisen en 1919 e en 1920, e logo se exportasen cun destino incerto, xa que se coñecen relativamente poucos exemplares.[87]

Durante o reinado de Xurxo V houbo tamén cuñaxe de medios soberanos en Suráfrica, na Casa da Moeda de Pretoriamarca de ceca SA—. As únicas emisións do medio soberano alí producíronse en 1923, 1925 e 1926. A cuñaxe do primeiro ano foi de proba, mais a Ceca de Pretoria produciu as emisións de 1925 e 1926 para a circulación local —con tiraxes próximas ao millón de exemplares cada ano—,[88] xa que os propietarios das minas insistiran en facer en ouro os pagamentos aos seus traballadores.[84][85]

Estas emisións co retrato de Xurxo V foron as derradeiras realizadas para a súa posta en circulación; todas as seguintes tiveron por destino o coleccionismo, o investimento e a conmemoración das coroacións dos novos monarcas.[89]

Eduardo VIII (1936) e Xurxo VI (1936-1952)[editar | editar a fonte]

O medio soberano foi a única moeda de ouro que non se incluíu nos conxuntos de moedas de presentación con acabamento especial proof preparados en 1936 para o reinado de Eduardo VIII (1936-1936), xa que o soberano, o dobre soberano e o quíntuplo soberano si que figuraban.[90]

Con data de 1937 cuñáronse os medios soberanos a nome do seu sucesor, Xurxo VI (1936-1952), coa cabeza descuberta do monarca no anverso, obra de Humphrey Paget e con San Xurxo e o Dragón no reverso, cumprindo así a tradición de cuñar todos os valores na serie de moedas de presentación dun novo monarca.[91][92] Cuñáronse 5.5600 exemplares, todos eles con canto liso e en condición proof.[93]

Isabel II (1952-2022)[editar | editar a fonte]

Co mesmo propósito cuñouse o medio soberano novamente en 1953 para a filla e sucesora de Xurxo VI, Isabel II (1952-2022), cun retrato creado por Mary Gillick no anverso e o deseño clásico de Pistrucci no reverso, co gallo de coroación da raíña.[94] Esta emisión non estaba concibida para a súa comercialización, senón que só se destinou ás coleccións reais e nacionais.[91][92][95]

Isabel II (1952-2022) [96]
R/: Segundo retrato de Isabel II. Marca de gravador (RDM).

Lenda:

R/: San Xurxo e o Dragón.

Lenda: anepigráfica.

Aínda que xa non estaba en circulación, a moeda dun soberano emitírase en proba desde 1957, con acabamento especial proof para o coleccionismo,[97] e desde 1979 para o investimento.[98][99] Os responsables da Royal Mint decatáronse de que había un mercado para as moedas da serie dos soberanos e comezou a vendelas a coleccionistas a un prezo moi superior ao seu nominal e tamén ao do valor intrínseco do seu metal.[100] Neste contexto, en 1980 emitíronse as primeiras pezas do seu divisor, o medio soberano, dispoñibles para o público a nome de Isabel II, con acabamento proof, e en 1982 empezaron a comercializarse como moedas de investimento.[7] Ambas as versións levaban no anverso o segundo retrato cuñado de Isabel II, obra de Arnold Machin, mantendo o deseño de Pistrucci no reverso.[96][101]

De 1985 a 1997, excepto en 1989, cuñáronse medios soberanos en condición proof co terceiro retrato de Isabel II, creado por Raphael Maklouf. Moitos destes exemplares formaron parte dos xogos de presentación das moedas de ouro da serie do soberano.[102] En 1989, cuñouse toda a serie de valores cun deseño especial de Bernard Sindall para conmemorar o 500 aniversario da moeda dun soberano.[103] Sindall adaptou un deseño que amosa a raíña Isabel II entronizada, que el propuxera orixinalmente para o anverso da moeda dunha coroa do Xubileu de Prata de 1977,[104] e colocou un escudo coroado encima dunha rosa dobre no reverso.[105][106]

O cuarto retrato cuñado de Isabel, realizado por Ian Rank-Broadley, apareceu no medio soberano emitido de 1998 a 2015, emparellado na serie ordinaria co reverso do San Xurxo e o Dragón de Pistrucci. Inicialmente, as moedas cuñáronse unicamente en versión proof para coleccionistas, mais a partir do ano 2000 tamén estiveron dispoñibles con acabamento estándar, a modo de moedas de investimento.[107][108]

Os reverso estándar de Pistrucci foi substituído en varias ocasións por outros especiais, con ocasión de diversas conmemoracións; a primeira vez en 2002, para celebrar o Xubileu de Ouro de Isabel II, consistente nun escudo de armas coroado no interior dunha coroa vexetal, creado por Timothy Noad;[109] novamente en 2005, cunha reinterpretación máis moderna de Xurxo e o Dragón, tamén de Noad;[110] e finalmente en 2012, con ocasión do Xubileu de Diamante de Isabel II, con outra interpretación moderna de Xurxo e o Dragón, creada por Paul Day.[108][111]

Isabel II [109]
A/: Cuarto retrato de Isabel II. Marca de gravador (IRB).

Lenda: ELIZABETH·II·DEI·GRA REGINA·FID·DEF

R/: Escudo de armas rodeado por coroa vexetal. Data. Marca de gravador (TN).

Lenda: anepigráfico.

Dentro da serie ordinaria, en 2009, nun intento de aproximar o máximo posible o deseño de San Xurxo e o Dragón ao aparecido por primeira vez no medio soberano en 1893,[7] fixéronselle uns leves axustes que levaron consigo, ademais, a eliminación das iniciais de Pistrucci como deseñador,[112] que permaneceron ausentes ata 2010,[113][114] aínda que finalmente foron restauradas en 2011.[115][116]

Con este cuarto retrato da raíña vixente nas moedas e o reverso de Pistrucci, a Royal Mint deu permiso para que en 2014 se producise na India unha emisión de moedas de medio soberano, con marca de ceca "I".[117] Esta cuñaxe extraordinaria —a única ata a data que tivo lugar na India— levouse a cabo na compañía MMTC-PAMP, en Delhi, aínda que suxeita ao control de calidade da Royal Mint, e tivo unha tiraxe de 62.000 exemplares.[118][119]

Por outra banda, en conmemoración dos antigos soberanos da época vitoriana cuñados na ceca australiana de Perth cando esta era unha ceca sucursal da Royal Mint, a moderna Casa da Moeda de Perth emitiu entre 2015 e 2017 moedas de investimento cun valor facial dobremente expresado como medio soberano e 15 dólares australianos, utilizando no deseño do reverso unha reinterpretación das primitivas moedas coloniais, aínda que coa inscrición PERTH MINT, e no anverso o cuarto retrato de Isabel II, creado por Ian Rank-Broadley.[120][121]

Comezando coa emisión en versión proof de 2015 e continuando coa versión estándar de investimento de 2016, substituíuse novamente o busto real no anverso por outro cun quinto retrato de Isabel II, realizado por Jody Clark.[122] Porén, os medios soberanos proof datados en 2016 presentaban un anverso cun retrato diferente da raíña Isabel realizado por James Butler, en conmemoración do 90 aniversario da raíña.[123] Ademais, co gallo do 200º aniversario do soberano moderno en 2017, os medios soberanos proof dese ano presentaban un deseño evocador do soberano orixinario de 1817, co quinto retrato de Clark no anverso e o deseño de Pistrucci contido dentro dunha fita co lema da Orde da Xarreteira HONI SOIT QUI MAL Y PENSE no reverso,[124] e a emisión estándar de investimento levaba unha marca privada co número 200, en lembranza do aniversario.[125]

En 2022, a Royal Mint cuñou medios soberanos cun deseño de Noad no reverso que amosa unha interpretación das armas reais. Este deseño, utilizado tamén para o soberano e os seus múltiplos, utilizouse para conmemorar o Xubileu de Platino ou, o que é o mesmo, os 70 anos da ascensión ao trono de Isabel II. Esta foi a derradeira emisión do medio soberano en vida da raíña.[7][126][127]

Carlos III (desde 2002)[editar | editar a fonte]

Nese mesmo 2022, logo do falecemento de Isabel II, a Royal Mint emitiu moedas conmemorativas da serie do soberano, entre as que figura a de medio soberano, que conta nos seus anversos co primeiro retrato na moeda do seu fillo e sucesor, Carlos III, que se amosa sen coroa, creado por Martin Jennings, e nos reversos cunha interpretación das armas reais obra de Clark.[128][129]

En 2023 emitíronse medios soberanos en conmemoración da coroación de Carlos III, cun busto coroado do rei no anverso tamén realizado por Jennings, e co deseño de Pistrucci no reverso.[130][131]

En 2024, o retrato sen coroa de Carlos creado por Jennings combinouse co reverso de Pistrucci en cada un dos cinco valores faciais da serie do soberano cuñadas en versión proof, desde o cuarto de soberano ata a moeda de cinco libras ou quíntuplo soberano, constituíndo a primeira emisión da serie ordinaria a nome de Carlos III.[132][133]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Henry VIII. Half sovereign. Obverse / Reverse. The Cleveland Museum of Art.
  2. Whittington, B. (2017). Páxina 1.253.
  3. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxina 1.
  4. Seaby, P. (1985). Páxina 81.
  5. Whittington, B. (2017). Páxina 1.265-1.294.
  6. Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxinas 78, 80.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 "The History of the Half-Sovereign". Royalmint.com
  8. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 108-109.
  9. 9,0 9,1 Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxina 109.
  10. Spink & Son (2004). Páxina 247.
  11. Seaby, P. (1985). Páxinas 100-101.
  12. Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxina 127.
  13. Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxina 126.
  14. Seaby, P. (1985). Páxina 102.
  15. 15,0 15,1 Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxina 7.
  16. Clancy, K. (2017) [2015]. Páxinas 52-55.
  17. 17,0 17,1 Seaby, P. (1985). Páxina 47.
  18. Seaby, P. (1985). Páxinas 116-117.
  19. 19,0 19,1 "½ Sovereign - George III". Numista.com
  20. Clancy, K. (2017) [2015]. Páxina 57.
  21. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 7-8.
  22. 22,0 22,1 Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxina 467.
  23. Linecar, H. W. A. (1977). Páxinas 92-93.
  24. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxina 112.
  25. Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxina 99.
  26. Clancy, K. (2017) [2015]. Páxina 63.
  27. Marsh, M. A. (1982). Páxina 1.
  28. Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxinas 453,467.
  29. Clancy, K. (2017) [2015]. Páxinas 65-66.
  30. 30,0 30,1 "½ Sovereign - George IV 1st reverse": Numista.com
  31. "6 Pence - George IIII 1st reverse". Numista.com
  32. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxina 113
  33. "½ Sovereign - George IV 2nd reverse". Numista.com
  34. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 113-117.
  35. "½ Sovereign - George IV". Numista.com
  36. Bull, M. (2023). Páxina 68.
  37. 37,0 37,1 "½ Sovereign - William IV small type". Numista.com
  38. 38,0 38,1 "½ Sovereign - William IV large type". Numista.com
  39. Spink & Son (2004). Páxina 400.
  40. Seaby, P. (1985). Páxina 151.
  41. 41,0 41,1 Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 118-119.
  42. Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxinas 467-468.
  43. "? Guinea - George III". Numista.com
  44. 44,0 44,1 44,2 Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxina 468.
  45. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxina 219.
  46. "6 Pence - William IV". Numista.com
  47. "½ Sovereign - Victoria 1st portrait". Numista.com
  48. Spink & Son (2004). Páxinas 403, 407-408.
  49. Seaby, P. (1985). Páxinas 153-157.
  50. Craig, J. (2010) [1953]. Páxina 294.
  51. Marsh, M. A. (1982). Páxina 13.
  52. 52,0 52,1 "Australia: ½ Sovereign - Victoria (1855-1856)". Numista.com
  53. Clancy, K. (2017) [2015]. Páxinas 79-80.
  54. 54,0 54,1 "Australia: ½ Sovereign - Victoria (1871-1887)". Numista.com
  55. Marsh, M. A. (1982). Páxinas 19-20, 26.
  56. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 133-134.
  57. "Australia: ½ Sovereign - Victoria (crowned bust)". Numista.com
  58. Marsh, M. A. (1982). Páxinas 19-20, 26.
  59. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 133-134.
  60. Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxina 469.
  61. Dyer, G. P. (1997). Páxinas 116-117.
  62. Churchill, W. (1906). Páxina 187.
  63. Dyer, G. P. (1997). Páxina 119 n. 31.
  64. 64,0 64,1 "½ Sovereign - Victoria 2nd portrait". Numista.com
  65. Dyer, G. P. (1997). Páxina 125.
  66. Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxina 495.
  67. Lant, J. L. (1973). Páxina 132.
  68. Lant, J. L. (1973). Páxina 134.
  69. Linecar, H. W. A. (1977). Páxinas 109-110.
  70. "6 Pence - Victoria 2nd portrait; 1st reverse". Numista.com
  71. "6 Pence - Victoria 2nd portrait; 2nd reverse". Numista.com
  72. Lant, J. L. (1973). Páxinas 137-138.
  73. Dyer, G. P. (1997). Páxinas 118-121.
  74. Bull, M. (2023). Páxina 261.
  75. Stocker, M. (1996). Páxina 67.
  76. Stocker, M. (1996). Páxina 71.
  77. Linecar, H. W. A. (1977). Páxinas 121-122.
  78. "½ Sovereign - Victoria 3rd portrait". Numista.com
  79. 79,0 79,1 "½ Sovereign - Edward VII". Numista.com
  80. Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxina 471.
  81. "1 Sovereign - Edward VII Ottawa mint". Numista.com
  82. Cross, W. K., ed. (2008). Páxinas 146-147.
  83. 83,0 83,1 "½ Sovereign - George V". Numista.com
  84. 84,0 84,1 84,2 Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Páxinas 470-471.
  85. 85,0 85,1 85,2 Clancy, K. (2017) [2015]. Páxinas 87-92.
  86. "Australia: ½ Sovereign - George V". Numista.com
  87. "History of the rare 1918 Perth half sovereign". The Perth Mint (Perthmint.com).
  88. "South Africa: ½ Sovereign - George V". Numista.com
  89. Marsh, M. A. (1982). Páxina 52.
  90. "Edward VIII pattern sovereign 1937". Royal Collection Trust (RCT.UK).
  91. 91,0 91,1 Clancy, K. (2017) [2015]. Páxina 97.
  92. 92,0 92,1 Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxina 163.
  93. "½ Sovereign - George VI". Numista.com
  94. "The First Coins Struck for Queen Elizabeth". The Royal Mint (Royalmint.com).
  95. "Elizabeth II Pattern half sovereign 1953". Royal Collection Trust.
  96. 96,0 96,1 "½ Sovereign - Elizabeth II 2nd portrait". Numista.com
  97. "1 Sovereign - Elizabeth II 1st". Numista.com
  98. "1 Sovereign - Elizabeth II 2nd portrait". Numista.com
  99. Clancy, K. (2017) [2015]. Páxina 99.
  100. Bull, M. (2023). Páxina 305.
  101. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 163, 166.
  102. "½ Sovereign - Elizabeth II 3rd portrait". Numista.com
  103. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 163-167.
  104. "25 New Pence - Elizabeth II Silver Jubilee; Sindall pattern". Numista.com
  105. "½ Sovereign - Elizabeth II Gold Sovereign Anniversary". Numista.com
  106. Clancy, K. (2017) [2015]. Páxinas 100-101.
  107. "½ Sovereign - Elizabeth II (4th portrait) ". Numista.com
  108. 108,0 108,1 Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 163-172.
  109. 109,0 109,1 "1 Sovereign - Elizabeth II 4th portrait; Golden Jubilee". Numista.com
  110. "½ Sovereign - Elizabeth II 4th portrait". Numista.com
  111. "½ Sovereign - Elizabeth II 4th portrait; Diamond Jubilee". Numista.com
  112. Clancy, K. (2017) [2015]. Páxina 102.
  113. "½ Sovereign - Elizabeth II 4th portrait; modified reverse, no BP. Numista.com
  114. "2010 Elizabeth II Half Sovereign". Royal Mint (Royalmint.com).
  115. " ½ Sovereign - Elizabeth II 4th portrait; modified reverse, with BP". Numista.com
  116. "The Half-Sovereign 2011". Royal Mint (Royalmint.com).
  117. "The Half Sovereign 2014 Gold Coin Struck in India". Royal Mint (Royalmint.com).
  118. "½ Sovereign - Elizabeth II 4th portrait; Delhi mint". Numista.com
  119. "Sovereign". Mmtcpamp.com. Arquivado do orixinal o 26 de decembro de 2014.
  120. O'Donnell, J. (2015). "Limited edition Perth Mint gold coin available". En Coin World. 29 de xuño.
  121. "15 Dollars - Elizabeth II 4th Portrait - Half Sovereign - Gold Bullion Coin". Numista.com
  122. "½ Sovereign - Elizabeth II 5th portrait". Numista.com
  123. "¼ Sovereign - Elizabeth II Butler effigy". Numista.com
  124. "½ Sovereign - Elizabeth II 5th portrait.200 years of the modern Sovereign". Numista.com
  125. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 164, 170, 173.
  126. "½ Sovereign - Elizabeth II 5th portrait; Platinum Jubilee". Numista.com
  127. "The Royal Mint unveils the 2022 Sovereign - the first coin in its Platinum Jubilee collection". Royal Mint (Royalmint.com).
  128. "½ Sovereign - Charles III Queen Elizabeth II Memorial". Numista.com
  129. "The Memorial Half Sovereign 2022 Gold Bullion Coin". Royal Mint (Royalmint.com).
  130. "½ Sovereign - Charles III Coronation". Numista.com
  131. "The Coronation of His Majesty King Charles III Sovereign 2023 Four-Coin Gold Proof Set". Royal Mint (Royalmint.com).
  132. "½ Sovereign - Charles III". Numista.com
  133. "The Sovereign 2024 Five-Coin Gold Proof Set". Royal Mint (Royalmint.com).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]