Ian Rank-Broadley

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaIan Rank-Broadley
Biografía
Nacemento1952 Editar o valor em Wikidata (71/72 anos)
Walton-on-Thames, Reino Unido (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor , medallista , modeler (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata

Ian Rank-Broadley, nado en Walton-on-Thames, Surrey, en 1952, é un escultor e deseñador de moedas británico, coñecido por unha estatua de Diana de Gales erixida no palacio de Kensington, en Kensington e Chelsea, e pola efixie de Isabel II característica da moeda británica e da Commonwealth, de 1998 a 2015.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado en Walton-on-Thames, Surrey, Ian Rank-Broadley estudou na Epsom School of Art entre 1970 e 1974, e logo na Slade School of Fine Art, da University College London, entre 1974 e 1976, onde acadou a bolsa de estudos Boise Travelling Scholarship. Durante o curso 1976-1977 completou a súa formación artística na Escola Británica de Roma,[1][2] e visitou Nápoles, Florencia, Venecia e París.[3][4]

Logo do seu regreso ao Reino Unido iniciouse como escultor profesional e especializouse en escultura de baixorrelevo. Foi axudante dos escultores Reg Butler (1977) e Ralph Brown (1982).[1]

En 1989 ingresou como membro asociado na Real Sociedade Británica de Escultores, e en 1994 acadou a condición de membro de pleno dereito. En 1990 foi elixido membro da Sociedade de Artistas e Deseñadores Numismáticos.[3] En 1995 entrou a formar parte do Gremio de Traballadores da Arte.[2][4]

En 2010 foi nomeado administrador da Prince's School of Traditional Arts. As súas obras forman parte das coleccións permanentes de entidades como o Museo Británico, a Galería Nacional de Retratos de Londres, o Museo Ashmolean, o Museo Fitzwilliam de Cambridge, a Catedral de San Paulo e o Rijksmuseum, entre outros.[5] Entre as institucións que lle fixeron encargas están a Universidade de Surrey (1977), a Sociedade Británica da Medalla de Arte (1989) e a London Library (1990).[1]

Rank-Broadley acadou pola súa traxectoria artística diversos recoñecementos; entre eles, foi nomeado en 1996 membro de honra da Worshipful Company of Goldsmiths,[2] e o mesmo ano concedéronselle as Chaves da Cidade de Londres.[3][4]

Obra[editar | editar a fonte]

Escultura[editar | editar a fonte]

Grupo escultórico de bronce de Ian Rank-Broadley no Memorial das Forzas Armadas, en Alrewas, Staffordshire.[6]

Parte da obra de Rank-Broadley está caracterizada polo espido masculino, algo que foi sinalado polo crítico de arte británico Jonathan Jones.[7] O propio Rank-Broadley escribiu ao respecto:[8]

A elección da figura masculina espida como motivo dominante fíxose bastante axiña, cando me decatei de que o espido feminino fora, en gran medida, despoxado do seu poder polo mundo comercial da publicidade, en tanto que o masculino aínda conservaba un poder que podía excitar, chamar a atención e conmover.

En 1996, Rank-Broadley gañou o premio pola súa maqueta de bronce para as Portas do Infierno de Dante, na XI Bienal Dantesca de Rávena, en Italia.[3][9]

En 2007, inaugurouse o Memorial ás Forzas Armadas no National Memorial Arboretum, en Alrewas, preto de Lichfield, Staffordshire, que contén dous grandes grupos de catorce figuras, todas elas de tamaño natural.[6][10] Por esta obra recibiu o premio Marsh 2008 á Excelencia en Escultura Pública.[9][11]

En 2010 realizou un monumento a Dean Colet, fundador da St Paul's School de Londres, que se pode ver na catedral de San Paulo.[12] Outras obras importantes son o San Mateu da igrexa de San Mateu de Northampton;[13] a raíña Isabel II coa vestimenta da Orde da Xarreteira, no Tribunal Supremo;[14] a estatua de Charles James Fox en Chertsey;[15] e a estatua Machine Gunner ("Metralladora"), no Memorial do Royal Anglian Regiment, no Museo Imperial da Guerra de Duxford.[16]

O editor Felix Dennis converteuse nun importante mecenas para Rank-Broadley; por encarga súa esculpiu, entre outras, a estatua de Josephine Baker,[17] ademais da composición Lord Rochester, his Whore and a Monkey ("Lord Rochester, a súa puta e un mono") para o seu Xardín de Heroes e Viláns".[18]

En 2018, Rank-Broadley completou un busto retrato do poeta galés R. J. Arkhipov. A experiencia de Arkhipov co escultor inspirou o seu poema The Sculptor ("O escultor").[19]

O 10 de decembro de 2017 anunciouse que Rank-Broadley recibira a encarga dos fillos de Diana, a Princesa de Gales, para executar unha estatua na súa memoria. A súa finalización estaba prevista inicialmente para 2019,[20] mais a súa inauguración no Xardín Afundido do Palacio de Kensington demorouse ata o 1 de xullo de 2021.[7][21] Na súa crítica, Jonathan Jones sinalou o seu "horror estético [...] Un realismo plano e cauteloso, suavizado por un vago intento de intimidade, convérteno en algo sen sentido, sen espírito nin carácter".[22]

Moedas e medallas[editar | editar a fonte]

En 1997, Ian Rank-Broadley gañou o concurso convocado pola Royal Mint para a creación dunha nova efixie de Isabel II, en substitución do ata entón vixente, que Raphael Maklouf deseñara en 1985. Esta nova efixie, coñecida como o "cuarto busto" da raíña, estaba destinada a aparecer a partir de 1998 nos anversos das moedas británicas en circulación e conmemorativas, e tamén en moitas das emitidas por outros territorios de soberanía británica e membros da Commonwealth, ata 2015.[3][24][25]

O retrato de Rank-Broadley contrasta co anterior ao ocupar unha gran parte do campo da moeda —ao estilo de Benedetto Pistrucci, a quen admira— e ao presentar unha figura realista da raíña, que amosa a madureza dos 70 anos que tiña daquela.[26] Ademais, Isabel II carece de coroa e, no seu lugar, a monarca porta na súa cabeza a coñecida como "tiara das Rapazas da Gran Bretaña",[27] que a súa avoa, María de Teck, lle entregara como agasallo de casamento.[2]

Ademais, Rank-Broadley foi o gañador de varios concursos da Royal Mint para o deseño de ambas as faces de varias moedas conmemorativas do Reino Unido:

  • 5 libras (2002), conmemorativa do Xubileu de Ouro de Isabel II.[29]
  • 5 libras (2008), conmemorativa do 60º aniversario do Príncipe de Gales.[30]
  • 5 libras (2012), conmemorativa do Xubileu de Diamante de Isabel II.[31]
  • 10 libras (2012), conmemorativa do Xubileu de Diamante de Isabel II.[32]
  • 500 libras (2012), conmemorativa do Xubileu de Diamante de Isabel II.[33]
  • 5 libras (2007), conmemorativa do 60º aniversario de voda de Isabel II e o Príncipe Filipe.[34]
  • 5 libras (2021), conmemorativa do centenario do nacemento do Príncipe Filipe de Edimburgo.[35][36]

Todas as moedas creadas por Ian Rank-Broadley amosan as súas iniciais IRB a modo de marca de gravador, normalmente baixo a efixie de Isabel II.[24][26]

Rank-Broadley foi tamén autor de varias medallas, tanto conmemorativas como de arte.[37] O busto de Isabel II creado por Rank-Broadley incorporouse tamén no anverso da Medalla do Ébola polo Servizo na África Occidental, cun reverso de John Bergdahl.[38]

Por outra banda, a Royal Numismatic Sociaty, de Londres, encargoulle en 1993 a confección do seu máximo galardón, a Medalla da Royal Numismatic Society, co motivo clásico de Heracles e o León de Nemea.[39] Este Deseño estivo vixente ata 2021, cando se cambiou por outro deseñado Robert Elderton.[40]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Ian Rank-Broadley. b.1952". Art.org
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Hopkin, A. (2020). "Ian Rank-Broadley Engraver of Queen Elizabeth II Fourth Portrait". Cgards.co.uk. 9 de xaneiro.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Ian Rank-Broadley". The British Museum (Britishmuseum.org).
  4. 4,0 4,1 4,2 "Curriculuim Vitae". Ianrank-broadley.co.uk
  5. "Collections". Ianrank-broadley.co.uk
  6. 6,0 6,1 "Armed Forces Memorial. The Stretcher Bearers". Ianrank-broadley.co.uk
  7. 7,0 7,1 Davies, C. ( 2021). "Diana Statue to Stand in Redesigned Garden at Kensington Palace". En The Guardian. 1 de xullo.
  8. "About Ian Rank-Broadley". Ianrank-broadley.co.uk
  9. 9,0 9,1 "Awards". Ianrank-broadley.co.uk
  10. Williams, R. (2007). "National Armed Forces Memorial Unveiled". En The Guardian. 13 de outubro.
  11. "Marsh Award for Excellence in Public Sculpture". Marsh Charitable Trust (marshcharitabletrust.org).
  12. "Dean Colet - St Paul's Cathedral". Ianrank-broadley.co.uk
  13. "St Mathew". Ianrank-broadley.co.uk
  14. "HM Queen - The Supreme Court". Ianrank-broadley.co.uk
  15. "Charles James Fox". Ianrank-broadley.co.uk
  16. "Machine Gunner". Ianrank-broadley.co.uk
  17. "Josephine Baker". Ianrank-broadley.co.uk
  18. "Lord Rochester, his whore and a monkey". Ianrank-broadley.co.uk
  19. "RJ Arkhipov". Ianrank-broadley.co.uk
  20. "Princes Announce Ian Rank-Broadley Will Sculpt New Diana Statue". The Guardian. 10 de decembro de 2017.
  21. Henni, J. (2021). "Who Is Ian Rank-Broadley, the Sculptor Behind Princess Diana's Kensington Palace Statue?". En People (People.com). 1 de xullo.
  22. Jones, J. (2021). "An Awkward, Lifeless Shrine. The Diana Statue is a Spiritless Hunk of Nonsense". En The Guardian. 1 de xullo.
  23. "Licoricia of Winchester (d.1277) and Asser". Art.uk
  24. 24,0 24,1 "Royal Efigy". Ianrank-broadley.co.uk
  25. "Rank-Broadley". Numista.com
  26. 26,0 26,1 "The Coinage Portraits of Her Late Majesty Queen Elizabeth II – the Artists’ Stories". Royal Mint (Royalmint.com).
  27. "Queen Mary's Girls of Great Britain and Ireland Tiara". Royal Collection Trust (RCT.uk).
  28. "5 Pounds - Elizabeth II Queen Mother 100th Birthday". Numista.com
  29. "5 Pounds - Elizabeth II Golden Jubilee". Numista.com
  30. "5 Pounds - Elizabeth II Prince Charles 60th Birthday". Numista.com.
  31. "5 Pounds - Elizabeth II Diamond Jubilee". Numista.com
  32. "10 Pounds - Elizabeth II Diamond Jubilee". Numista.com
  33. "500 Pounds - Elizabeth II Diamond Jubilee". Numista.com
  34. "5 Pounds - Elizabeth II 60th Wedding Anniversary". Numista.com
  35. "5 Pounds - Elizabeth II 5th portrait; Prince Philip". Numista.com
  36. "Behind the Design with Ian Rank-Broadley FRBS". Royal Mint (Royalmint.com).
  37. "Medals & Coins". Ianrank-broadley.co.uk
  38. 38,0 38,1 "The Ebola Medal for Service in West Africa". National Archives. ISBN 9781474119146
  39. "Royal Numismatic Society Medal". En Ian Rank-Broadley
  40. Bland, Roger. (2022). "New Royal Numismatic Society Medal". En Coins Weekly. 19 de maio.
  41. "½ Sovereign - Elizabeth II 4th portrait". Numista.com
  42. "50 Cents - Elizabeth II 4th Portrait; Spirit of ANZAC". Numista.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Raphael Maklouf

Moedas da libra esterlina
Autores dos anversos

1998-2015
Sucesor:
Jody Clark