Casa da Moeda de Perth

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 31°57′25.58″S 115°52′9.42″L / -31.9571056, -115.8692833

Casa da Moeda de Perth
Perth Mint
Perth Mint.jpg
Edificio da
Casa da Moeda de Perth


TipoCompañía estatal.
Fundación20 de xuño de 1899.
MatrizCoat of arms of Western Australia.svg Goberno de Australia Occidental.
Localización310 Hay Street, East Perth.
Perth COA.jpg Perth
Australia Australia
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas de investimento e lingotes.
Notas
Marca de ceca: P
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda de Perth (en inglés: Perth Mint) é unha ceca propiedade do Goberno de Australia Occidental dedicada á cuñaxe e á comercialización de moedas e lingotes de investimento en metais preciosos.[1][2][3][4]

A compañía fundouse en 1899, como unha das tres filiais australianas da ceca real da metrópole, a Royal Mint de Londres (xunto coas extintas Sydney Mint e a Melbourne Mint), para se encargar da cuñaxe de soberanos e medios soberanos para o Imperio Británico.[2][3][4][5][6]

A Casa de Moeda de Perth actúa en paralelo á Real Casa da Moeda de Australia, con sede en Camberra, que desde 1965 se encarga da cuñaxe da moeda circulante no país, do sistema do dólar australiano.[7]

Historia[editar | editar a fonte]

Primeira pedra da filial da Royal Mint en Perth (actual Casa da Moeda de Perth), colocada en 1896.

Logo da colocación da primeira pedra en 1896 por parte do primeiro gobernador da Australia Occidental, John Forrest, o edificio da casa de moeda, obra do arquitecto George Temple Poole, inaugurouse o día 20 de xuño de 1899, dous anos antes do establecemento da Federación de Australia, en 1901.[4][6][8]

Naquel momento, a poboación da Australia Occidental estaba a crecer rapidamente (de 23.000 en 1869 a 180.000 en 1900) debido en gran parte á descuberta de diversas veas de ouro naquela zona, sinaladamente en Coolgardie e Kalgoorlie.[6] Ao haber pouca moeda en circulación en Perth, os buscadores de ouro debían acudir á casa da moeda para converter o mineral bruto en moeda cuñada coa que adquiriren os bens que precisaban.[4]

Aínda que a proclamación da Federación Australiana se produciu en 1901, a casa de moeda mantívose baixo xurisdición británica ata o 1 de xullo de 1970, cando pasou a constituírse como unha compañía dependente do Goberno de Australia Occidental.[4][6]

Entre 1899 e 1931, a Casa da Moeda de Perth cuñou máis de 106 millóns de soberanos de ouro e arredor de 735.000 moedas de medio soberano (estas de xeito intermitente entre 1900 e 1920), para a súa circulación non só en Australia, senón en todo o Imperio Británico.[6] En 1931 cesou a cuñaxe de soberanos cando o Reino Unido abandonou o padrón ouro e, a partir dese momento, a actividade da ceca seguiu centrada nos labores de refinaxe e na elaboración de barras e lingotes de ouro. Mais a partir de 1940, logo do inicio da segunda guerra mundial, a ceca retomou a cuñaxe de moeda e, ata 1973, produciu unha gran parte das moedas circulantes en Australia en metais básicos, correspondentes aos valores faciais máis baixos.[4][6]

Lingote de ouro puro da Casa da Moeda de Perth.

A Perth Mint acadou en 1957 o que se considerou como o ouro máis puro posible, cando fabricou unha placa de 13 onzas troy (400 gramos) con seis noves de pureza, é dicir 999,999 partes de ouro por cada mil.[9] Esta consecución foi moi recoñecida pola Royal Mint, ata o punto de que solicitou unha parte deste ouro como referencia para o establecemento dos seus propios padróns.[6]


En 1987, unha lei estatal aprobada polo Parlamento creou a compañía pública Gold Corporation, que, en virtude dun acordo co Departamento do Tesouro da Commonwealth de Australia, autorizaba a Casa da Moeda de Perth a cuñar e a comercializar moedas de prata, de ouro e de platino destinadas ao coleccionismo numismático e ao investimento.[10]

Ese mesmo ano de 1987 emitiuse a serie de moedas de ouro coñecida como Australian Gold Nugget, substituída en anos posteriores pola Australian Gold Kangaroo[11]. Estas series foron seguidas por outras tan populares como a Australian Silver Kookaburra[12], de moedas de prata, ou a Australian Lunar,[13][14] con moedas de ambos os metais.[6]

Ata 2000, a produción de ouro refinado da Perth Mint ascendía a 4.500 toneladas, o que representaba o 3,25 % do total de ouro refinado no mundo. Isto supuña aproximadamente as existencias de lingotes de ouro do depósito dos Estados Unidos en Fort Knox naquel momento.[4]

En 2003, a compañía inaugurou unhas modernas instalacións de produción de 8.400 metros cadrados ao pé do orixinal edificio de pedra calcaria sede da corporación.[6]

En outubro de 2011 a ceca anunciou a creación da moeda máis grande, máis pesada e máis valiosa do mundo, co que rachaba co anterior récord acadado en 2007 pola Real Casa da Moeda do Canadá.[15][16] A moeda australiana, que amosa a data de 2012, mide aproximadamente 80 centímetros de diámetro e 12 de grosor, pesa máis dunha tonelada (1.012 quilogramos) e está feita en ouro puro, de 99,99 milésimas. No seu anverso amosa o busto da Raíña Isabel II e no reverso un canguro vermello, animal característico de Australia. Consonte a lei, a moeda é de curso legal en Australia, cun valor facial dun millón de dólares, aínda que no momento da súa emisión xa estaba valorada en 53 millóns e medio.[17]

Moeda con valor facial dun millón de dólares e máis dunha tonelada de peso, fabricada en 2012 pola Casa da Moeda de Perth.[18]

A Casa da Moeda de Perth continúa a ofrecer servizos de refinaxe e outros relacionados coa produción de ouro, e fabrica unha diversidade de artigos numismáticos, coa mirada posta tanto nos coleccionistas como nos investidores. É a responsable da manufactura e da comercialización da maioría das moedas australianas cuñadas en metais preciosos, entre as que destacan as actuais series Australian Gold Nugget[11], Australian Platinum Koala[19], Australian Silver Kookaburra[20] e Australian Swan (en ouro e prata)[21], así como de lingotes deses metais.[4] En novembro de 2019, a ceca refinaba aproximadamente o 79 % da produción de ouro do mercado australiano e o 30 % da prata, nunhas instalacións dotadas de grandes medidas de seguridade situadas na periferia da cidade.[22] A orixe do ouro manufacturado non só está en Australia, senón en diversos países do mundo, e supón un 10 % da produción mundial. En 2018 vendeu moedas e lingotes de prata, de ouro e de platino por un valor de arredor de 19.000 millóns de dólares.[23]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Group structure". Sitio web da Perth Mint.
  2. 2,0 2,1 Athol, T. (1989).
  3. 3,0 3,1 McIlwraith, J. et al. (1999).
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 "The Perth Mint". Gold Net Australia Online Magazine.
  5. Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). The Sovereign and its Golden Antecedents. Oslo. Monetarius. Páxinas 131-132. ISBN 978-82-996755-6-7
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 "History". Sitio web de Perth Mint.
  7. "Royal Australian Mint". Australian Government.
  8. "The Perth Mint". Heritage Council. Government of Western Australia.
  9. Athol, T. (1989). Páxina 38.
  10. "Gold Corporation Act 1987". Government of Western Australia.
  11. 11,0 11,1 "The Australian Nugget / Kangaroo Gold Bullion Coin Series 1987-2019". Sitio web de Perth Mint.
  12. "The Australian Kookaburra Silver Bullion Coin Series 1990-2020". Sitio web de Perth Mint.
  13. "[http://www.perthmint.com/documents/Mintages/Bullion/The%20Australian%20Lunar%20Gold%20Bullion%20Series%20Two%202008%20-%202019.pdf The Australian Lunar Gold B ullion Coin 2008-2019]". Sitio web de Perth Mint.
  14. "The Australian Lunar Silver Bullion Coin 2008-2019". Perth Mint.
  15. "Australia unveils world's largest gold coin in Perth". En BBC News. 27 de outubro de 2011.
  16. "World Record: Guinness recognizes 100-kg gold coin". En Canadian Mining Journal. 24 de outubro de 2007.
  17. "The one tonne gold coin". Sitio web de Perth Mint.
  18. "The one tonne gold coin". The Perth Mint. Australia.
  19. "The Australian Koala Platinum Bullion Coin Series". Sitio web de Perth Mint.
  20. "[https://www.perthmint.com/documents/The_Australian_Kookaburra_Silver_Bullion_Coin_Series_1990_-_2015.pdf The Australian Kookaburra Silver Bullion Coin Series 199 0-2015]". Sitio web de Perth Mint.
  21. "Australian gold and silver coins of the Swan series". Knowledge base. GoldAdvert.
  22. Alexander, C. (1019). "ABC Refinery – A new emerging force in the Australian precious metal refining landscape". 26 de novembro.
  23. Barton, S. (2019). "The Perth Mint Has Recast This Gold Bar More Than 65,000 Times". En Bloomberg. 15 de febreiro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Athol, T. (1989). 90 golden years: The story of the Perth Mint. Gold Corporation, Perth.
  • McIlwraith, J. et al. (1999). Striking Gold: 100 Years of the Perth Mint. Gold Corporation, Perth. ISBN 978-0646369853

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]