Cuarto de soberano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cuarto soberano de Isabel II [1]
A/: Cuarto retrato de Isabel II. Marca de gravador (IRB).

Lenda: ELIZABETH·II·DEI·GRA REGINA·FID·DEF

R/: San Xurxo e ou Dragón. Marca de gravador (BP).

Lenda: anepigráfica.

O cuarto de soberano é unha moeda británica de ouro emitida pola Royal Mint desde 2009, non destinada á circulación senón para o coleccionismo numismático e o investimento. É a moeda máis pequena da serie do soberano e ten un valor nominal equivalente a 25 peniques.[2]

En 1853, a Royal Mint xa producira dous modelos de proba para a moedas circulantes dun cuarto de soberano, unha delas expresada co valor equivalente de cinco xilins, mais estas moedas nunca chegaron a emitirse, en parte debido á preocupación polo seu pequeno tamaño e o probable desgaste en circulación.

En 2009, cando o ouro xa non tiña presenza nas moedas en circulación, introduciuse a moeda dun cuarto de soberano como ampliación da serie xa existente, que anteriormente abranguía desde o medio soberano ata o quíntuplo soberano ou moeda de cinco libras. O cuarto de soberano ten o mesmo deseño xeral que as moedas máis grandes: o busto real no anverso e a representación de San Xurxo e o Dragón, creada por Benedetto Pistrucci, no reverso, que se utilizou por primeira vez no soberano de 1817. Así e todo, hai algunhas emisións do cuarto de soberano de carácter conmemorativo cunha tipoloxía diferente.

Probas vitorianas[editar | editar a fonte]

Na reforma da moeda levada a cabo por Xurxo III (1760-1820), pola que se creou o soberano, así como os seus múltiplos e divisores, non se prevía a moeda dun cuarto de soberano, xa que o seu valor sería equivalente a cinco xilins e xa estaba ben cuberto no sistema mediante a gran moeda de prata dunha coroa.[2]

Anverso (esquerda) e os dous reversos das cuñaxes en proba de senllos modelos para unha moeda dun cuarto de soberano en 1853.[3][4]

No entanto, en 1853 percibiuse a necesidade dunha moeda de cinco xilins dun tamaño máis conveniente. A Royal Mint propúxose reconsiderar que moedas do sistema debían ser cuñadas en prata e cales en ouro, e nese mesmo ano chegaron a cuñarse como proba algúns exemplares de moedas de ouro dun cuarto de soberano (cinco xilins), deseñadas polo gravador William Wyon.[2][3][4][5]

Naquel momento, a Casa da Moeda non podía procesar simultaneamente ouro e prata, e unha moeda deste tipo en ouro considerábase unha alternativa ás moedas de prata de maior valor.[5] En 1853, houbo unha gran demanda de moedas de ambos os metais, mais a Royal Mint deulle prioridade á cuñaxe de moeda de ouro, de valores altos. O 7 de marzo, o ministro de Facenda, William Ewart Gladstone, explicou na Cámara dos Comúns que a demanda de ouro era tan forte que non había posibilidade de satisfacer a demanda de prata.[6]

O 18 de abril de 1853, o exchanceler Benjamin Disraeli preguntou nos Comúns ao secretario financeiro do Tesouro, James Wilson, se se considerara a posibilidade de cuñar un cuarto de soberano, ao que Wilson respondeu que o Goberno ordenara a preparación dun cuño de modo experimental. Wilson sinalou tamén que unha das dificultades de tal moeda era que se tardaría catro veces máis en cuñar o mesmo ouro que cunha peza dun soberano,[7] e declarou que o cuarto de soberano tería que ser dun tamaño moi pequeno, aproximadamente igual que a moeda estadounidense dun dólar de ouro, que sostiña na súa man e amosaba no momento da súa declaración.[8]

A finais de mes, o mestre de ceca da Royal Mint, John Herschel, estivo en disposición de presentar ao Tesouro dúas cuñaxes de proba con modelos dun cuarto de soberano, pero no seu informe adxunto sinalaba que resultaría moi custoso cuñar tales moedas para a circulación, xa que terían que cumprir normas exixentes, e que se desgastarían axiña co uso, tendo en conta que ao teren un valor facial máis pequeno terían unha circulación moito máis intensa que o soberano. Tamén indicou que o tamaño tan pequeno faría que a moeda se perdese con facilidade, e o seu escaso peso dificultaría a detección de falsificacións. Herschel calculou que a perda de ouro para a poboación —por extravío das moedas ou por desgaste— sería quince veces superior á dun valor equivalente en moedas dun soberano.[8]

Daquela, un comité parlamentario estaba a estudar a posibilidade de cuñar moedas decimais, e tanto Herschel como Thomson Hankey —antigo gobernador do Banco de Inglaterra— testificaron ante ese comité. Tamén testificou William Miller, do Banco de Inglaterra. Todos se opuxeron aos cuartos de soberano por mor aos gastos de cuñaxe e de mantemento, e o comité non recomendou a súa produción. O escritor numismático G. P. Dyer suxeriu que Herschel non tería falado tan negativamente sobre o cuarto de soberano ao comité a non ser que soubese que a proposta estaba xa condenada.[9]

O novo mestre de ceca da Royal Mint Thomas Graham propuxo novamente en 1859 a emisión dunha moeda dun cuarto de soberano, mais a súa proposta foi rexeitada por Gladstone.[10]

Algunhas pezas que aparentan ser cuartos de soberano datadas en 1911 e en 1922 non son auténticas, senón simples fantasías ou invencións modernas.[11]

Emisións do século XXI[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Soberano (moeda)
Caracterización xeral do cuarto de soberano
País Monarcas Valor Peso Diámetro Aliaxe Canto Cecas
Reino Unido Isabel II
Carlos III
¼
soberano
2,00
g
13,50
mm
Au
917 ‰
Estriado Royal Mint, Londres

Na primeira década do século XXI, a Royal Mint cuñou, para a súa venda a coleccionistas e a investidores, soberanos, medios soberanos, dobres soberanos e quíntuplos soberanos, e en 2009 engadiu á serie os cuartos de soberano. Estas pezas non se emitiron para a súa posta en circulación, polo que non se aplican as obxeccións que xurdiran na década de 1850.[12][13] As especificacións e o deseño da moeda foron establecidas nunha proclamación de Isabel II datada o 10 de decembro de 2008, e efectiva o día seguinte.[14]

O cuarto de soberano non ten un deseño propio, senón que comparte o das demais moedas da serie do soberano. Como norma xeral, no reverso figura a representación de San Xurxo e o Dragón creada por Benedetto Pistrucci, que aparecera por primeira vez no soberano en 1817, e no anverso amósase a efixie do monarca reinante.[5][15] Os autores dos retratos de Isabel II nos anversos da serie ordinaria foron Ian Rank-Broadley (2009-2015)[16] e Jody Clark (2015-2022).[17] En 2016 emitiuse cun anverso extraordinario, creado por James Butler, para conmemorar o 90 aniversario da raíña.[18]

Ademais desta tipoloxía da serie ordinaria, nalgúns anos utilizáronse deseños alternativos para o reverso, como é o caso dunha interpretación persoal de Xurxo e o Dragón, creada por Paul Day,[19] para conmemorar o Xubileu de Diamante de Isabel II en 2012.[20][21][22] En 2017, cuñouse unha versión co deseño orixinal do reverso do soberano de 1817, con motivo do 200 aniversario do soberano moderno.[23][24][25]

En 2022, a Royal Mint cuñou cuartos de soberano cun reverso deseñado por Timothy Noad que amosaba unha interpretación das armas reais. Este deseño, utilizado tamén para o soberano e os seus múltiplos e fraccións, tivo como motivo a conmemoración do Xubileu de Platino de Isabel II.[26][27]

Ese mesmo ano, logo do falecemento de Isabel II, a Royal Mint emitiu moedas conmemorativas na serie do soberano, incluído o cuarto de soberano, cunha nova interpretación das armas reais no reverso realizada por Jody Clark, en tanto que no anverso se presentaba o primeiro retrato cuñado do fillo e sucesor de Isabel, Carlos III, realizado por Martin Jennings.[28][29]

En 2023, cuñouse un cuarto de soberano conmemorativo da coroación de Carlos III, cun retrato coroado do rei no anverso, tamén realizado por Jennings, e co deseño do Xurxo e o Dragón de Pistrucci no reverso,[30][31] e a partir de 2024 comeza a serie ordinaria de Carlos III, co seu retrato de Jennings sen coroa no anverso e o clásico deseño de Pistrucci no reverso.[32]

A maior parte destas emisións lévanse a cabo en dúas versións, unha con acabamento normal, concibidas como obxecto de investimento, e outra cun acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate— dedicadas ao comercio do coleccionismo numismático.[33]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "¼ Sovereign - Elizabeth II 4th portrait". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 Chard, L. (2019). "British Quarter Sovereigns & Technical Specifications". Chards.co.ul. 26 de setembro de 2019 [actualizado: 24/12/2022]
  3. 3,0 3,1 "¼ Sovereign - Victoria Young head; Pattern". Numista.com
  4. 4,0 4,1 "Gold 5 shillings of Victoria, United Kingdom, 1853. 2009.44.4". American Numismatic Society (Numismatics.org).
  5. 5,0 5,1 5,2 Clancy, K. (2017) [2015]. Páxinas 75, 102.
  6. Dyer, G. P. (1997). Páxinas 75-76.
  7. "House of Commons. Monday". En The Morning Post. 19 de abril de 1853. Páxina 3.
  8. 8,0 8,1 Dyer, G. P. (1997). Páxinas 76-78.
  9. Dyer, G. P. (1997). Páxinas 78-79.
  10. Dyer, G. P. (1997). Páxinas 78-80.
  11. Dyer, G. P. (1997). Páxina 79, nº 25.
  12. Clancy, K. (2017) [2015]. Páxina 102.
  13. "Quarter Sovereigns". Goldsovereigns.co.uk.
  14. "Nº 58910". En The London Gazette. 10 de decembro de 2008. Páxina 19.468.
  15. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 10, 174.
  16. "¼ Sovereign - Elizabeth II 4th portrait". Numista.con
  17. "¼ Sovereign - Elizabeth II 5th portrait". Numista.com
  18. "¼ Sovereign - Elizabeth II Butler effigy". Numista.com
  19. "Paul Day - Sovereign 2012 Reverse Designer". The Royal Mint (Royalmint.com).
  20. "¼ Sovereign - Elizabeth II 4th portrait; Diamond Jubilee". Numista.com
  21. Spink & Son (2022). Páxina 156.
  22. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxina 1176.
  23. "¼ Sovereign - Elizabeth II 5th portrait; Garter type". Numista.com
  24. Spink & Son (2022). Páxinas 156-157.
  25. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 174-176.
  26. "¼ Sovereign - Elizabeth II 5th portrait; Platinum Jubilee". Numista.com
  27. "The Royal Mint unveils the 2022 Sovereign - the first coin in its Platinum Jubilee collection". The Royal Mint (Royalmint.com).
  28. "¼ Sovereign - Charles III Queen Elizabeth II Memorial". Numista.com
  29. "The Memorial Quarter Sovereign 2022 Gold Bullion Coin". The Royal Mint (Royalmint.com).
  30. "¼ Sovereign - Charles III Coronation". Numista.com
  31. "The Coronation Quarter Sovereign 2023 Gold Bullion Coin". The Royal Mint (Royalmint.com).
  32. "¼ Sovereign - Charles III". Numista.com
  33. Marsh, M. A. (2017) [1980]. Páxinas 175-176.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]