Macías o Namorado
Biografía | |
---|---|
Nacemento | Vida: século XIV (c. 1340 e 1370) probablemente en Padrón |
Morte | p. século XV Suponse que está enterrado en Arjonilla (Xaén) |
Actividade | |
Ocupación | compositor, poeta |
Xénero artístico | cantigas de amor |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Meyers Konversations-Lexikon, 4ª edición (1885–1890) |
Macías, chamado o Namorado, foi un trobador galego do século XIV (aproximadamente entre 1340 e 1370), probablemente orixinario de Padrón.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como da maior parte dos poetas galegos medievais, pouco se sabe de Macías o Namorado. A partir dunha carta do Marqués de Santillana de 1449 sitúase a súa vida ao mesmo tempo cá dos portugueses Basco Pérez de Camões e Ferrant Casquiçio, que viviron no terceiro cuartel do século XIV. Nese tempo, entre 1350 e 1369, produciuse o reinado de Pedro I de Castela e unha rúbrica no Cancioneiro de Baena informa de que “esta cantiga fizo Maçias contra el amor, enpero algunos trobadores dizen que la fizo contra el rrey don Pedro”.[1] Con todo, existe un documento de compra-venda duns terreos en Beluso (Bueu), con data de 1262, no que figura un xograr Macías (grafado Mascia) como testemuña. É posible que sexa o mesmo.
Lenda
[editar | editar a fonte]A tradición sinala que xa de novo destacou polo seu talento poético, motivo polo que foi nomeado xentilhome ao servizo de Henrique de Villena, mestre da Orde de Calatrava, o que situaría a súa vida algunhas décadas despois do devandito marco temporal. No seu palacio coñeceu a dona Elvira, coa que mantivo namoros en segredo. Quixo a desgraza que Macías tivese que se ausentar para facer parte das forzas que ían loitar a Granada. Entrementres, don Henrique dispuxo que Elvira casase con Hernán Pérez de Vadillo, marqués de Porcuna. En regresando, Macías soubo do matrimonio e tornou a súa desolación en poesías nas que proclamaba o seu atormentado amor. Consciente de que os sentimentos de Macías por Elvira eran recíprocos, Don Hernán denunciouno ante o seu señor, quen esixiu ao trobador que esquecese tales amores imposibles. Mais Macías non obedeceu e seguiu cortexando a Elvira, polo que o mestre ordenou encarceralo no castelo de Arjonilla, en Xaén. Malia estar prisioneiro, a súa paixón non arrefriou e, para desgusto do marqués, botaba o tempo cantando o seu amor por Elvira. Finalmente, o trobador Macías o Namorado morreu vítima dos celos ao atravesarlle o corazón un venabre guindado por Hernán a través da ventá da cela. O corpo do malfadado foi soterrado na ermida de santa Catarina de Arjonilla, á que seica inda agora se achega algunhas noites a sombra dunha muller.[2]
Obra
[editar | editar a fonte]
Cativo da miña tristura, |
Macías o Namorado. Cancionero de Baena 306 |
É autor dalgunhas das últimas cantigas de amor en lingua galega, na época dos cancioneiros galego-casteláns (Cancioneiro de Baena) durante a Baixa Idade Media. Consérvanse del 21 cantigas, que incorporan elementos de amor cortés.
Influencia
[editar | editar a fonte]Existen versións dispares da historia do trobador, aínda que todas coinciden no feito de que adicou as súas composicións a unha muller casada, motivo polo que foi apresado e posteriormente asasinado polo home dela. A atraente figura do trobador e a lenda que se xerou ao seu redor, desencadearon, segundo Carlos Martínez-Barbeito "unha especie de furor historicista ou irreflexiva e obcecada debilidade polos mitos".[3]
Para autores como Sainz de Robles ou Menéndez Pidal, Macías destaca, antes que pola súa obra, por encarnar un paradigma de poeta amador que serviu de inspiración para moitos autores.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Macías | Real Academia de la Historia". dbe.rah.es. Consultado o 2020-03-27.
- ↑ "Macias El Enamorado". www.redjaen.es (en castelán). Consultado o 26/3/2020.
- ↑ Martinón Sánchez, Federico (17/8/2014). "El trovador Macías, un amor imposible". Faro de Vigo (en castelán).
- ↑ Cardeña Jalón, Juan (2011). "Macías el trovador a través de la literatura". Iberian (en castelán) (0): 22–25. ISSN 2174-5633.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Macías o Namorado". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) II. Bibliófilos Gallegos. pp. 355–357.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 256. ISBN 84-7492-465-0.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. p. 359. ISBN 84-8288-019-5.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Macías o Namorado |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Cancioneiro galego-castelán de Henry Lang, con poemas de Macías Arquivado 17 de xullo de 2011 en Wayback Machine.