Martin Soarez
Martin Soarez foi un trobador portugués, que estivo activo entre 1230/1235-1270.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Foi amigo de Johan Perez de Aboim, frecuentou a corte de Afonso X e tivo contacto con moitos poetas como Pero da Ponte ou Johan Soarez Coelho. É autor de 45 textos: 27 cantigas de amor, entre as que destaca a famosa cantiga da garvaia, de difícil adscrición xenérica, mais con trazos da cantiga de amor, 17 cantigas de escarnio e maldicir, 1 tenzón, contra Pai Soarez de Taveirós.
Tamén son coñecidas as súas cantigas de maldicir co xograr Lopo, por exemplo a que comeza Foi a citola temprar, na cal critica o xograr por tocar mal a citola e recoméndalle calar. Vexamos outra cantiga de maldicir na que volve a cargar contra Lopo:
- Foi un dia Lopo jograr
- á cas d'un infançón cantar:
- e mandoull’ele por don dar
- tres couces na garganta;
- e foill'escass’, a meu cuidar,
- segundo com’el canta.
- Escasso foi o infançón
- en seus couces partir en don,
- ca non deu a Lopo entón
- mais de tres na garganta;
- e mais merece o jograrón
- segundo com’el canta.