Jacqueline Kennedy Onassis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Jacqueline Kennedy»)
Infotaula de personaJacqueline Kennedy Onassis

(1961) Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(en) Jacqueline Lee Bouvier Kennedy Onassis Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Jacqueline Lee Bouvier Editar o valor em Wikidata
28 de xullo de 1929 Editar o valor em Wikidata
Southampton, Estados Unidos de América (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte19 de maio de 1994 Editar o valor em Wikidata (64 anos)
Nova York, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Linfoma não Hodgkin (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturaCemiterio Nacional de Arlington, Section 45, grave S-45 38°52′54″N 77°04′17″O / 38.881546, -77.071477 Editar o valor em Wikidata
Primeira-dama dos Estados Unidos (pt) Traducir
20 de xaneiro de 1961 – 22 de novembro de 1963
← Mamie Eisenhower (pt) TraducirLady Bird Johnson → Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor em Wikidata
EducaciónVassar College (pt) Traducir
Smith College
Miss Porter's School (en) Traducir
Universidade George Washington (pt) Traducir
Universidade de París
Universidade de Georgetown Editar o valor em Wikidata
Cor do peloCabelo castaño Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónxornalista , escritora , socialité , crítica literaria , modelo Editar o valor em Wikidata
EmpregadorSmith College Editar o valor em Wikidata
Partido políticoPartido Demócrata Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Familia
FamiliaFamília Kennedy (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
CónxuxeAristóteles Onassis (1968–1975), morte do cónxuxe
John F. Kennedy (1953–1963), morte do cónxuxe Editar o valor em Wikidata
ParellaMaurice Tempelsman (en) Traducir (1980–1994) Editar o valor em Wikidata
FillosArabella Kennedy (pt) Traducir, John F. Kennedy (pt) Traducir, Caroline Bouvier Kennedy (pt) Traducir, Patrick Bouvier Kennedy (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaisJohn Vernou Bouvier III (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata  e Janet Norton Lee Editar o valor em Wikidata
IrmánsLee Radziwill, Janet Jennings Auchincloss Rutherfurd (pt) Traducir e James Lee Auchincloss (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
ParentesAlexander Onassis (pt) Traducir (fillastro)
Christina Onassis (fillastra) Editar o valor em Wikidata
Premios
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

IMDB: nm0448080 Allocine: 13459 TV.com: people/jacqueline-kennedy-onassis
Musicbrainz: f1fa18de-d113-4ba7-bf49-85ca49628755 WikiTree: Bouvier-19 Find a Grave: 780 Editar o valor em Wikidata

Jacqueline Lee Kennedy Onassis, de solteira Bouvier, nada en Southampton (Nova York) o 28 de xullo de 1929 e finada en Nova York o 19 de maio de 1994, foi Primeira Dama dos Estados Unidos por ser a esposa do trixésimo quinto Presidente dos Estados Unidos, John F. Kennedy, durante a súa presidencia dende 1961 ata o asasinato do seu esposo en 1963.

Jacqueline era a filla máis vella do corretor de bolsa de Wall Street John Vernou Bouvier III e da socialité Janet Le Bouvier. En 1951, graduouse cunha licenciatura en literatura francesa da Universidade George Washington e foi traballar ao Washington Times-Herald como fotógrafa investigadora.

Jacqueline coñeceu o congresista John F. Kennedy nunha cea en 1952. Ese novembro, foi elixido como senador dos Estados Unidos en Massachusetts, e a parella casou en 1953. Tiveron catro fillos, dos cales dous morreron na infancia.

Como Primeira Dama, foi coñecida pola súa moi publicitada restauración da Casa Branca e a súa énfase nas artes e na cultura. O 22 de novembro de 1963, ela viaxaba co presidente nunha caravana de automóbiles en Dallas, Texas, cando el foi asasinado.

En 1968, casou co armador grego Aristóteles Onassis; permaneceron casados ata a morte de Onassis en 1975. Durante as dúas últimas décadas da súa vida, Jacqueline Kennedy Onassis traballou como editora de libros.

É lembrada pola súa contribución ás artes e á preservación da arquitectura histórica, o seu estilo, elegancia e graza.[1][2] Destacou como icona da moda; o seu famoso traxe rosa Chanel converteuse nun símbolo do asasinato de Kennedy e unha das imaxes perdurables da década de 1960.[3][4]

Figurou en 1999 na lista de Gallup das personalidades máis admiradas nos Estados Unidos do século XX.

Infancia[editar | editar a fonte]

Jacqueline Bouvier en 1935.

Jacqueline Lee naceu en Southampton (Nova York), filla do corredor de bolsa de Wall Street John Vernou Bouvier III e Janet Norton Bouvier. A irmá máis nova de Jackie, Lee Radziwill, naceu en 1933. Os Bouvier divorciáronse en 1940. Janet casou máis tarde co herdeiro da Standard Oil, Hugh Dudley Auchincloss, Jr. en 1942 e tivo dous fillos máis: Janet Jennings Auchincloss e James Lee Auchincloss.

A súa nai tiña ascendencia irlandesa e a do seu pai incluía francesa, escocesa, e inglesa.[5][6] O seu bisavó materno emigrou de Cork, Irlanda, e máis tarde converteuse no superintendente das Escolas Públicas da cidade de Nova York. Michel Bouvier, o tatara-tatara-avó paterno de Jacqueline, naceu en Francia e foi contemporáneo de Xosé Bonaparte e Stephen Girard. El era un ebanista, carpinteiro de ribeira, comerciante e especulador de bens raíces radicado en Filadelfia.[7] A esposa de Michel, Louise Vernou, era filla de John Vernou, un emigrante francés, e Elizabeth Clifford Lindsay, unha muller nada nos Estados Unidos. O avó de Jackie, John Vernou Bouvier Jr., fabricou unha ascendencia máis nobre da súa familia no seu libro de historia familiar, Our Forebears ("Os nosos antepasados"). Os estudos recentes e a investigación realizada polo primo de Jackie, John H. Davis no seu libro The Bouviers: Portrait of an American Family ("Os Bouvier: Retrato dunha familia americana"), refutaron a maioría destas liñaxes de fantasía.[8]

Jackie pasou os seus primeiros anos na cidade de Nova York e East Hampton (Nova York), na leira da familia Bouvier, "Lasata".[9] Tralo divorcio dos seus pais, as irmás Bouvier dividiron o seu tempo entre as casas da súa nai en McLean (Virxinia) e Newport (Rhode Island), e as casas do seu pai na rúa 74 125 (Manhattan) e Long Island.[9][10][11][12] Jackie asistiu á Chapin School na cidade de Nova York.[13]

A unha idade moi temperá, converteuse nunha amazona entusiasta, e montar a cabalo seguiu sendo unha paixón para toda a súa vida.[12][13][14]

Educación e mocidade[editar | editar a fonte]

Jackie asistiu á escola Holton-Arms de Bethesda, Maryland, dende 1942 ata 1944, e á escola de Miss Porter en Farmington, Connecticut, de 1944 a 1947.[5]

Cando fixo o seu debut en sociedade en 1947, o columnista de Hearst, Igor Cassini, alcumouna "debutante do ano".[15]

A partir de 1947, Bouvier pasou os seus dous primeiros anos de universidade no Vassar College en Poughkeepsie, Nova York, e logo pasou o seu primeiro ano (1949-1950) en Francia, na Universidade de Grenoble en Grenoble e na Sorbona de París, nun programa de estudos no estranxeiro a través do Smith College en Northampton (Massachusetts).[16] Ao regresar a casa aos Estados Unidos, trasladouse á Universidade George Washington en Washington, D.C.; graduouse en 1951 cun título de Bachelor of Arts en literatura francesa.[17] A gradación universitaria de Bouvier coincidiu coa graduación de preparatoria da súa irmá, e as dúas pasaron o verán de 1951 nunha viaxe por Europa.[18] Esta viaxe foi o tema do único libro autobiográfico de Jacqueline, One Special Summer ("Un verán especial"), coa súa irmá como coautora; e tamén é a única das publicacións de Jacqueline que contan cos seus debuxos.[19]

Despois da súa graduación, Jackie foi contratada como "fotógrafa indagadora" para The Washington Times-Herald. A posición requiría facer preguntas enxeñosas a individuos escollidos ao azar na rúa e tomar as súas fotos para que fosen publicadas no xornal xunto citas seleccionadas das súas respostas. Durante este tempo, estivo comprometida cun mozo corretor de bolsa, John Husted GW, Jr., durante tres meses.[16] Bouvier máis tarde tomou clases de educación continua de Historia de América na Universidade de Georgetown en Washington D. C.[17]

Matrimonio con Kennedy e familia[editar | editar a fonte]

Jacqueline Kennedy en Hammersmith Farm de Newport, Rhode Island, o día da súa voda, 12 de setembro de 1953.

Jacqueline e o entón representante dos Estados Unidos, John Kennedy pertencían ao mesmo círculo social e asistían a miúdo ás mesmas funcións.[16] Foron presentados formalmente por un amigo en común, o xornalista Charles L. Bartlett, nunha cea en maio de 1952.[16] John Kennedy estaba entón ocupado postulándose para o Senado dos Estados Unidos pero despois da súa elección en novembro, a relación volveuse máis seria e levou ao seu compromiso, anunciado oficialmente o 25 de xuño de 1953.[18]

Casaron o 12 de setembro de 1953, na igrexa St. Mary en Newport, Rhode Island, nunha misa celebrada polo arcebispo de Boston Richard Cushing.[20] A voda foi considerada como o evento social da tempada, cun número estimado de 700 invitados á cerimonia e 1200 na recepción que seguiu en Hammersmith Farm.[21]

O pastel de voda foi creado pola panadaría de Plourde en Fall River, Massachusetts.[22] O vestido de noiva, hoxe conservado na Biblioteca e Museo Presidencial de John F. Kennedy en Boston, Massachusetts, e os vestidos das súas damas de honra foron creados pola deseñadora Ann Lowe da cidade de Nova York.[23]

Os novos casados foron de lúa de mel a Acapulco, México, antes de instalarse no seu novo fogar, Hickory Hill en McLean (Virxinia).[24] Detrás do glamour, a parella enfrontouse a varios reveses persoais. John tiña algúns problemas de saúde serios entón descoñecidos polo público: sufría da enfermidade de Addison e dun crónico e ás veces debilitante dor de costas debidos a unha ferida de guerra. Durante o outono e o inverno de 1954, someteuse a dúas delicadas operacións de columna que case resultaron fatais.[25] Ademais, Jackie sufriu un aborto natural en 1955 e deu a luz unha filla morta chamada Arabella en 1956.[26]

A parella terminou vendendo a súa mansión de Hickory Hill ao irmán de John, Robert Kennedy, a súa esposa Ethel Kennedy e a súa familia en crecemento, e compraron unha casa na rúa N en Georgetown.[5] Jackie posteriormente deu a luz unha segunda filla, Caroline, en 1957, e un fillo, John-John, en 1960, ambos a través de cesárea.[26] Un segundo fillo, Patrick, naceu prematuramente nunha cesárea de emerxencia o 7 de agosto de 1963, e morreu dous días despois.[27]

Primeira dama dos Estados Unidos[editar | editar a fonte]

O presidente de México Adolfo López Mateos xunto á primeira dama Jacqueline Kennedy e o presidente John F. Kennedy, na visita que realizaron a México en 1962.

O 8 de novembro de 1960, o demócrata John F. Kennedy derrotou por pouco o opoñente republicano Richard Nixon nas eleccións presidenciais dos Estados Unidos. Pouco máis de dúas semanas despois, o 25 de novembro, Jacqueline deu a luz o primeiro fillo varón da parella, John F. Kennedy, Jr., a través dunha cesárea. Pasou dúas semanas recuperándose no hospital, durante as cales os medios informaron dos detalles máis minuciosos das condicións dela e do seu fillo no que se considerou a primeira noticia de interese nacional na familia Kennedy.

O seu esposo xurou como presidente o 20 de xaneiro de 1961. Como parella presidencial, os Kennedy diferenciáronse dos Eisenhower pola súa afiliación política, mocidade e a súa máis intensa relación cos medios. O historiador Gil Troy sinalou que, en particular, "salientaban aparencias vagas en lugar de logros específicos ou compromisos apaixonados" e, polo tanto, encaixaban ben na "cultura fría orientada á televisión" de principios do sesenta. Con 31 anos, Jacqueline converteuse na terceira máis nova das primeiras damas da historia estadounidense, despois de Frances Cleveland e Julia Tyler. As opinións sobre as escollas de moda de Jacqueline mantivéronse durante os seus anos na Casa Branca, e coa súa elegancia converteuse nunha icona de moda internacional e nunha pioneira, contratando o deseñador estadounidense Oleg Cassini para deseñar o seu vestiario. Ela foi a primeira esposa presidencial en contratar unha secretaria de prensa, Pamela Turnure, e manexou coidadosamente o seu contacto cos medios de comunicación, xeralmente evitando facer declaracións públicas e controlando estritamente a medida en que os seus fillos foron fotografados. Kennedy foi retratada polos medios como a muller ideal e a académica Maurine Beasley observa que ela "creou unha expectativa pouco realista dos medios para as primeiras damas que desafiaría ás súas sucesoras". Con todo, a Primeira Dama atraeu a atención pública positiva en todo o mundo e gañou aliados para a Casa Branca e o apoio internacional para a administración Kennedy e as súas políticas da guerra fría.

Aínda que Kennedy declarou que a súa prioridade como Primeira Dama era coidar do presidente e dos seus fillos, tamén dedicou o seu tempo á promoción das artes estadounidenses e a conservación da súa historia. A restauración da Casa Branca foi a súa principal contribución, pero tamén promoveu a causa ao organizar eventos sociais que reuniron figuras da elite da política e as artes. Celebrou actos especiais en honra aos gañadores do premio Nobel e transformou as ceas de estado.

Restauración da Casa Branca[editar | editar a fonte]

Jacqueline Kennedy visitara a Casa Branca dúas veces antes de converterse en Primeira Dama, a primeira vez como turista nunha excursión da súa escola primaria en 1941 e novamente como convidada de Mamie Eisenhower pouco antes da investidura do seu esposo. Consternouse ao descubrir que os cuartos da mansión estaban amobladas con pezas pouco distinguidas que mostraban pouca importancia histórica e converteu no seu primeiro gran proxecto como Primeira Dama restaurar o seu carácter histórico. No seu primeiro día na residencia, comezou os seus esforzos coa axuda da decoradora de interiores Sister Parish. Decidiu facer que os aloxamentos familiares fosen atractivos e adecuados para a vida familiar ao engadir unha cociña no piso familiar e novas habitacións para os seus fillos. Os 50 000 que asumiu para este esforzo case se esgotaron de inmediato. Continuando co proxecto, estableceu un comité de belas artes para supervisar e financiar o proceso de restauración e solicitou o asesoramento do primeiro experto estadounidense en mobles Henry du Pont. Para resolver o problema de financiamento, publicouse unha guía da Casa Branca, cuxas vendas se utilizaron para a restauración. Traballando con Rachel Lambert Mellon, Kennedy tamén supervisou o redeseño e a replantación dos xardíns da Casa Branca Rose Garden e East Garden, que pasaron a chamarse Jacqueline Kennedy Garden despois do asasinato do seu esposo. Ademais, Kennedy axudou a deter a destrución de casas históricas en Lafayette Square en Washington, D.C., porque sentiu que estes edificios eran parte importante da capital da nación e desempeñaban un papel esencial na súa historia.

Antes dos anos de Kennedy como Primeira Dama, os presidentes e as súas familias sacaran mobles e outros artigos da Casa Branca cando partiron; isto levou á falta de pezas históricas orixinais na mansión. Para rastrexar estes mobles faltantes e outras pezas históricas de interese, ela persoalmente escribiu a posibles doadores. Tamén iniciou un proxecto de lei do Congreso que establece que os mobles da Casa Branca serán propiedade do Instituto Smithsoniano, en lugar de estar dispoñibles para os expresidentes que os reclamaban como propios, e fundou a Asociación Histórica da Casa Branca, o Comité para a Preservación da Casa Branca, o cargo de conservador permanente da Casa Branca, o Fideicomiso de Dotación da Casa Branca e o Fideicomiso de Adquisición da Casa Branca. Ela foi a primeira esposa presidencial en contratar un comisario da Casa Branca.

O 14 de febreiro de 1962, Jacqueline levou os espectadores estadounidenses nunha xira televisada pola Casa Branca con Charles Collingwood da cadea CBS News. No percorrido, declarou que "sinto con tanta forza que a Casa Branca debería ter unha colección de cadros estadounidenses o mellor posible. É tan importante o escenario no que se presenta a presidencia ao mundo, aos visitantes estranxeiros. Os estadounidenses deberían estar orgullosos diso. Temos unha civilización tan grande. Tantos estranxeiros non se dan conta. Creo que esta casa debería ser o lugar onde o vexamos mellor". O programa foi visto por 56 millóns de televidentes nos Estados Unidos, e logo foi distribuído a 106 países. Kennedy gañou un premio especial da Academia de Artes e Ciencias de Televisión por el nos Premios Emmy en 1962, que Lady Bird Johnson aceptou no seu nome. Kennedy foi a única Primeira Dama en gañar un Emmy.[28]

Viaxes ao estranxeiro[editar | editar a fonte]

Durante a presidencia do seu esposo, Kennedy realizou moitas visitas oficiais a outros países, soa ou co presidente, máis que calquera das Primeiras Damas anteriores. A pesar da preocupación inicial de que ela podería non ter "atractivo político", fíxose popular entre os dignatarios internacionais. Antes da primeira visita oficial dos Kennedy a Francia en 1961, foi rodado un especial de televisión francés coa Primeira Dama no céspede da Casa Branca. Despois de chegar ao país, impresionou o público coa súa habilidade para falar francés, así como o seu amplo coñecemento da historia de Francia. Ao finalizar a visita, a revista Time encomiou a Primeira Dama e sinalou: "Tamén estaba ese tipo que veu con ela". Mesmo o presidente Kennedy chanceou: "Son o home que acompañou a Jacqueline Kennedy a París, e goceino!".

John e Jacqueline Kennedy no Nadal de 1962.

Dende Francia, os Kennedy viaxaron a Viena, Austria, onde se reuniron co primeiro ministro soviético Nikita Khrushchev. Cando se lle pediu que tomase a man do presidente para unha foto, declarou: "Gustaríame estreitarlle a man primeiro". Khrushchev máis tarde envioulle un cadeliño, importante por ser descendente de Strelka, un can que fora ao espazo durante unha misión espacial soviética.

A instancias do embaixador dos Estados Unidos na India, John Kenneth Galbraith, Kennedy realizou unha xira por India e Paquistán coa súa irmá Lee Radziwill en 1962, que foi amplamente documentada polo fotoxornalismo da época, así como nos diarios e memorias de Galbraith. Foille regalado un cabalo chamado Sardar polo presidente de Paquistán, Ayub Khan, xa que descubrira na súa visita á Casa Branca que el e a Primeira Dama tiñan un interese común nos cabalos. A correspondente da revista Life Anne Chamberlin escribiu que Kennedy "comportouse magníficamente" aínda que sinalou que a súa audiencia era máis pequena que a que atraeran o presidente Dwight Eisenhower e a raíña Isabel II cando visitaron previamente estes países. Ademais destas viaxes publicitadas durante o tres anos da administración Kennedy, tamén viaxou a países como Afganistán, Austria, Canadá, Colombia, Inglaterra, Grecia, Italia, México, Marrocos, Turquía e Venezuela. A diferenza do seu esposo, Kennedy falaba o castelán con fluidez, e usábao para dirixirse ao público latinoamericano.

Morte de Patrick B. Kennedy[editar | editar a fonte]

A principios de 1963, Jacqueline estaba novamente embarazada, o que a levou a reducir os seus deberes oficiais. Pasou a maior parte do verán nun fogar que ela e o presidente alugaran en Squaw Island, que estaba preto do complexo Kennedy en Cape Cod, Massachusetts. O 7 de agosto (cinco semanas antes da data programada), púxose de parto e deu a luz un neno, Patrick Bouvier Kennedy, a través dunha cesárea de emerxencia na próxima base da Forza Aérea de Otis. Os pulmóns do bebé non estaban completamente desenvolvidos, e foi transferido de Cape Cod ao Boston Children's Hospital, onde morreu dunha doenza da membrana hialina dous días despois do nacemento. Jacqueline permanecera na base da Forza Aérea Otis para recuperarse despois da cesárea; o seu esposo foi a Boston para estar co seu fillo pequeno e estivo presente cando morreu. O 14 de agosto, o presidente regresou a Otis para levala á súa casa e deu un discurso improvisado para agradecer ás enfermeiras e aviadores que se reuniron no seu cuarto. En agradecemento, presentou ao persoal do hospital litografías enmarcadas e asinadas da Casa Branca.

A Primeira Dama viuse profundamente afectada pola morte do bebé e entrou nun estado depresivo. Con todo, a perda do seu fillo tivo un impacto positivo no matrimonio e achegou a parella na súa dor compartida. Arthur Schlesinger escribiu que mentres o presidente Kennedy sempre "miraba a Jacqueline con xenuíno afecto e orgullo", o seu matrimonio "nunca pareceu máis sólido que nos últimos meses de 1963". Aristóteles Onassis, entón amigo de Jacqueline, era consciente da súa depresión e convidouna ao seu iate a recuperarse. Ao principio, o presidente Kennedy tiña reservas, pero cedeu porque cría que sería "bo para ela". A viaxe foi amplamente desaprobada dentro da administración Kennedy, por gran parte do público en xeral e no Congreso. A Primeira Dama regresou aos Estados Unidos o 17 de outubro de 1963. Máis tarde diría que lamentaba estar lonxe, pero que estivera "melancólica despois da morte do meu bebé".

Asasinato e funeral do presidente John F. Kennedy[editar | editar a fonte]

Jacqueline Kennedy, Robert F. Kennedy, John Jr., Caroline, e Peter Lawford saíndo do capitolio dos Estados Unidos logo do funeral de John F. Kennedy o 28 de novembro de 1963.

O 21 de novembro de 1963, a Primeira Dama e o Presidente saíron da Casa Branca para unha viaxe política a Texas; esta foi a primeira vez que se uniu ao seu marido nunha viaxe como esa nos Estados Unidos. Despois dun almorzo o 22 de novembro, tomaron un voo moi curto no Air Force One dende a base da Forza Aérea Carswell de Fort Worth ata Love Field en Dallas, acompañados polo gobernador de Texas John Connally e a súa esposa Nellie. A Primeira Dama levaba un traxe Chanel de cor rosa brillante e un chapeu redondo tipo fortín, que fora seleccionado persoalmente polo presidente Kennedy. Unha caravana de 15,3 km debía levalos ao Trade Mart, onde o presidente tiña previsto falar nun xantar. A Primeira Dama estaba sentada á beira do seu esposo na limusina presidencial, co gobernador e a súa esposa sentados fronte a eles. O vicepresidente Lyndon B. Johnson e a súa esposa seguíronos noutro automóbil na caravana.

Despois de que a caravana de automóbiles aclamada pola multitude dobrase a esquina cara a Elm Street en Dealey Plaza, a Primeira Dama escoitou o que ela pensou que era unha motocicleta que petardeaba e non se deu conta de que foi un disparo ata que oíu berrar o gobernador Connally. En 8,4 segundos, soaran dous disparos máis e un deles impactou na cabeza do seu esposo. Case de inmediato, ela comezou a rubir á parte traseira do vehículo. O axente do servizo secreto Clint Hill dixo despois á Comisión Warren que pensou que ela, en shock, estivera a buscar sobre a carrocería partes do cranio do seu esposo que saíran voando. Hill correu cara ao automóbil e saltou sobre el, dirixíndoa de volta ao seu asento. Mentres Hill se paraba no parachoques traseiro, o fotógrafo de Associated Press Ike Altgens tomou unha fotografía que apareceu nas primeiras páxinas dos xornais de todo o mundo. Máis tarde Jaqueline testificou que viu as fotos "de min saíndo pola parte traseira. Mais non lembro iso en absoluto".

O presidente foi trasladado ao Hospital Parkland de Dallas. A petición súa, permitiuse á primeira dama estar presente na sala de operacións. Despois de que o seu esposo fose declarado morto, Jacqueline negouse a quitar a roupa manchada de sangue e, segundo os informes, lamentou lavar o sangue da cara e das mans, explicando a Lady Bird Johnson que quería "que visen o que lle fixeron a Jack". Continuou a empregar o traxe manchado de sangue cando chegou ao Air Force One e de pé ao lado de Johnson cando tomou o xuramento como presidente.

Kennedy tomou un papel activo na planificación do funeral de estado do seu esposo, e organizouno á maneira do servizo por Abraham Lincoln. Solicitou un cadaleito pechado, anulando os desexos do seu cuñado, Robert. O servizo fúnebre celebrouse na catedral de San Mateo Apóstolo en Washington, D.C. e o enterro levouse a cabo no Cemiterio Nacional de Arlington. Jacqueline conduciu a procesión a pé e acendeu a chama eterna, creada a petición súa, na tumba. Lady Jeanne Campbell informou a The London Evening Standard: "Jacqueline Kennedy deulle ao pobo estadounidense unha cousa da que sempre careceron: Maxestade".

Unha semana despois do asasinato, o novo presidente Lyndon Baines Johnson estableceu a Comisión Warren, dirixida polo presidente do Tribunal Supremo Earl Warren, para investigar o asasinato. Dez meses despois, a Comisión emitiu o seu informe co achado de que Lee Harvey Oswald actuara só cando asasinou o presidente Kennedy. En privado, á súa viúva importáballe pouco a investigación e afirmaba que, aínda que tivesen o sospeitoso correcto, non recuperaría o seu marido. Con todo, ela deu unha declaración á Comisión Warren.

Tralo asasinato a cobertura dos medios centrouse intensamente nela durante e despois do enterro, mais Jacqueline deu un paso atrás retirándose da vista pública oficial, á parte dunha breve aparición en Washington para honrar o axente do Servizo Secreto, Clint Hill, que escalara a bordo da limusina en Dallas para tratar de protexela a ela e o presidente.

Vida despois do asasinato do presidente[editar | editar a fonte]

Período do loito e aparicións posteriores[editar | editar a fonte]

O 29 de novembro de 1963, unha semana despois do asasinato do seu marido, Kennedy foi entrevistada en Hyannis Port por Theodore H. White para a revista Life. Nesa entrevista, ela comparou os anos de Kennedy na Casa Branca co mítico Camelot do rei Artur, comentando que o presidente a miúdo reproducía a melodía principal do musical de Lerner e Loewe antes de retirarse á cama. Tamén citou a raíña Xenevra do musical, tratando de expresar como sentiu ela coa perda. A era da administración Kennedy a miúdo foi coñecida como a "Era de Camelot", aínda que os historiadores argumentaron posteriormente que a comparación non é apropiada, con Robert Dallek afirmando que "o seu esforzo de glorificar o seu esposo debe proporcionarlle un escudo terapéutico contra a dor inmovilizadora". Kennedy e os seus fillos permaneceron na Casa Branca durante dúas semanas despois do asasinato, ata o 6 de decembro de 1963.

Querendo "facer algo bo por Jackie", o presidente Johnson ofreceulle un posto de embaixadora en Francia, consciente da súa herdanza e afección pola cultura do país, pero rexeitou a oferta, así como as posteriores ofertas da embaixada en México e no Reino Unido. A petición súa, Johnson cambiou o nome do centro espacial de Florida ao de Centro Espacial John F. Kennedy unha semana despois do asasinato. Kennedy logo eloxiou publicamente a Johnson pola súa amabilidade cara a ela.

Kennedy pasou 1964 de loito e fixo poucas aparicións públicas. No inverno seguinte ao asasinato, ela e os nenos quedaron na casa de Averell Harriman en Georgetown. O 14 de xaneiro de 1964, Kennedy fixo unha aparición televisiva dende a oficina do Fiscal Xeral, agradecendo ao público os "centos de miles de mensaxes" que recibira dende o asasinato e dicindo que fora sostida polo afecto dos Estados Unidos cara ao seu defunto esposo.

Comprara unha casa para ela e os seus fillos en Georgetown, mais vendeuna en 1964 e mecou un ático no piso 15 por 250 000 dólares no 1040 Fifth Avenue de Manhattan coa esperanza de ter máis privacidade.

Nos anos seguintes, Kennedy asistiu ás selectas dedicacións conmemorativas ao seu defunto esposo. Tamén supervisou a instauración da Biblioteca e Museo Presidencial John F. Kennedy, que é o depósito dos documentos oficiais da Administración Kennedy. Deseñado polo arquitecto I.M. Pei, está situado xunto ao campus da Universidade de Massachusetts en Boston.

A pesar de encargar ao historiador William Manchester a publicación autorizada do libro sobre a morte do presidente Kennedy, The Death of a President, Jacqueline foi obxecto dunha grande atención por parte dos medios en 1966-1967 cando ela e Robert Kennedy trataron de bloquear a publicación. Demandaron os editores Harper & Row en decembro de 1966; a demanda resolveuse ao ano seguinte cando Manchester eliminou pasaxes que detallaban a vida privada do presidente Kennedy. White viu a proba como unha validación das medidas que a familia Kennedy, en particular Jacqueline, estaba disposta a tomar para preservar a imaxe pública do presidente Kennedy.

Durante a guerra de Vietnam en novembro de 1967, a revista Life alcumou a Kennedy "embaixadora errante non oficial dos Estados Unidos" cando ela e David Ormsby-Gore, ex embaixador británico nos Estados Unidos durante a administración Kennedy, viaxaron a Camboxa, onde visitaron o complexo relixioso de Angkor Wat co Xefe de Estado Norodom Sihanouk. Segundo o historiador Milton Osbourne, a súa visita foi "o comezo da reparación das relacións entre Camboxa e os Estados Unidos, que estivera nun punto moi baixo". Tamén asistiu aos servizos funerarios de Martin Luther King en Atlanta, Xeorxia, en abril de 1968, a pesar da súa renuencia inicial debido ás multitudes e os recordatorios da morte do presidente Kennedy.

Relación con Robert Kennedy[editar | editar a fonte]

Despois do asasinato, Kennedy confiou en gran medida no seu cuñado Robert F. Kennedy; ela observouno como o "menos parecido ao seu pai" dos irmáns Kennedy. El fora unha fonte de apoio despois de que ela sufrira un aborto involuntario ao principio do seu matrimonio; era el, non o seu esposo, quen quedou con ela no hospital. Despois do asasinato, Robert converteuse nun pai substituto dos seus fillos ata as eventuais demandas da súa propia familia numerosa e as súas responsabilidades, xa que o Fiscal Xeral lle esixiu que reducise a atención. Deulle crédito a Jackie por convencelo de que quedase na política, e ela apoiou a súa candidatura de 1964 para senador dos Estados Unidos desde Nova York.

A ofensiva do Tet de xaneiro de 1968 en Vietnam provocou unha caída nas cifras das enquisas de popularidade do presidente Johnson, e os asesores de Robert Kennedy instárono a participar na próxima carreira presidencial. Cando Art Buchwald lle preguntou se tiña intención de declinar, Robert respondeu: "Iso depende do que Jackie queira que faga". Ela reuniuse con el por esa época e animouno a postularse despois de aconsellarlle previamente que non seguise a Jack, senón que "fose el mesmo". En privado, ela estaba preocupada pola súa seguridade; cría que Robert era aínda máis odiado que o seu esposo e que había "tanto odio" nos Estados Unidos. Ela confioulle estes sentimentos, pero pola súa propia conta, el era "fatalista" como ela. A pesar das súas preocupacións, Jacqueline fixo campaña polo seu cuñado e apoiouno, e nun momento mesmo mostrou un absoluto optimismo de que a través da súa vitoria, os membros da familia Kennedy volverían ocupar a Casa Branca.

Pouco despois da medianoite do 5 de xuño de 1968, Robert Kennedy foi ferido de morte por disparos minutos despois de que el e unha multitude dos seus partidarios celebrasen a súa vitoria nas primarias presidenciais demócratas de California. Jacqueline Kennedy trasladouse aos Ánxeles dende Manhattan para reunirse coa súa esposa Ethel Kennedy, o seu cuñado Ted Kennedy e os outros membros da familia Kennedy á beira da súa cama do hospital. Bobby Kennedy nunca recuperou a conciencia e morreu 26 horas despois do tiroteo.

Matrimonio con Aristóteles Onassis[editar | editar a fonte]

Despois da morte de Robert Kennedy, Jacqueline sufriru unha recaída da depresión que sufrira nos días posteriores ao asasinato do seu esposo, case cinco anos antes. Chegou a temer pola súa vida e a dos seus fillos, e dixo: "Se matan os Kennedy, entón os meus fillos son obxectivos. Quero saír deste país".

O 20 de outubro de 1968, Kennedy casou co seu vello amigo Aristóteles Onassis, un adiñeirado magnate do transporte naval grego que puido proporcionar a privacidade e a seguridade que buscaba para ela e os seus fillos. A voda tivo lugar en Skorpios, a illa grega privada de Onassis no mar Xónico. Despois de casar con Ari, tomou o nome legal de Jacqueline Kennedy Onassis (rexeitou perder o apelido Kennedy). O matrimonio tróuxolle unha considerable publicidade adversa. O feito de que Aristóteles estaba divorciado e a súa ex esposa Athina Livanos aínda vivía, levou á especulación de que Jacqueline podería ser excomungada pola igrexa católica, aínda que esa preocupación foi descartada explicitamente polo arcebispo de Boston, o cardeal Richard Cushing, como "parvadas".

Durante o seu matrimonio, a parella habitou seis residencias diferentes: o seu apartamento de quince cuartos na Quinta Avenida en Manhattan, a súa granxa de cabalos en Nova Jersey, o seu apartamento Avenue Foch en París, a súa illa privada Skorpios, a súa casa en Atenas e o seu iate de 99 m Christina O. Kennedy asegurouse de que os seus fillos continuasen en conexión coa familia Kennedy, facendo que Ted Kennedy os visitase a miúdo. Desenvolveu unha relación próxima con Ted e dende entón estivo involucrado nas súas aparicións públicas.

A saúde de Aristóteles Onassis deteriorouse rapidamente despois da morte do seu fillo Alexander nun accidente aéreo en 1973. Morreu de insuficiencia respiratoria aos 69 anos en París o 15 de marzo de 1975. O seu legado financeiro estaba severamente limitado pola lei grega, que ditou canto podería herdar unha cónxuxe sobrevivente non grega. Despois de dous anos de disputas legais, Kennedy finalmente aceptou un acordo de 26 millóns de dólares de parte de Christina Onassis, filla de Aristóteles e única herdeira, e renunciou a todas as demais reclamacións da herdanza de Onassis.

Anos posteriores[editar | editar a fonte]

Despois da morte do seu segundo esposo, Kennedy regresou permanentemente aos Estados Unidos, dividindo o seu tempo entre Manhattan, Martha's Vineyard e o complexo Kennedy en Hyannis Port, Massachusetts. En 1975, converteuse en editora consultora en Viking Press, un posto que ocupou durante dous anos.

Despois de case unha década de evitar participar en eventos políticos, asistiu á Convención Nacional Demócrata de 1976 e asombrou os delegados reunidos cando apareceu na galería de visitantes. Renunciou a Viking Press en 1977 despois da falsa acusación por parte do diario The New York Times de que ela era responsable da publicación da novela de Jeffrey Archer, Shall We Tell the President, a cal se ambienta nunha futura presidencia ficticia de Ted Kennedy e describe un plan de asasinato na súa contra. Dous anos máis tarde, apareceu xunto á súa sogra Rose Kennedy en Faneuil Hall en Boston cando Ted Kennedy anunciou que ía desafiar o actual Presidente Jimmy Carter para o nomeamento demócrata á presidencia. Ela participou na seguinte campaña presidencial, que foi infrutuosa.

Trala súa renuncia a Viking Press, Jacqueline foi contratada por Doubleday, onde traballou como editora asociada cun vello amigo, John Turner Sargent. Entre os libros que editou para a editorial están The Cartoon History of the Universe de Larry Gonick, a tradución ao inglés dos tres volumes de Triloxía do Cairo de Naguib Mahfús (con Martha Levin), e as autobiografías da bailarina Gelsey Kirkland, a cantautora Carly Simon, e a icona da moda Diana Vreeland. Tamén alentou a Dorothy West, a súa veciña en Martha's Vineyard e último membro sobrevivente do Rexurdimento de Harlem, a completar a novela The Wedding (1995), unha historia multixeracional sobre raza, clase, riqueza e poder nos Estados Unidos.

Ademais do seu traballo como editora, Kennedy participou na preservación cultural e arquitectónica. Na década de 1970, dirixiu unha campaña de preservación histórica para salvar da demolición e renovar a estación Grand Central Terminal en Nova York. Unha placa dentro da terminal recoñece o seu papel prominente na súa preservación. Na década de 1980, foi unha figura importante nas protestas contra un rañaceos planificado en Columbus Circle que arroxaría grandes sombras sobre Central Park; o proxecto foi cancelado.

Ronald Reagan e a súa esposa Nancy Reagan con Kennedy en 1985.

Kennedy Onassis continuou a ser obxecto de considerable atención da prensa, máis notoriamente en relación co paparazzis Ron Galella, quen a seguiu e fotografou mentres realizaba as súas actividades cotiás sen o seu permiso. Finalmente obtivo unha orde de restrición na súa contra, e a situación chamou a atención sobre o problema das fotografías dos paparazzis.

Dende 1980 ata a súa morte, Jacqueline mantivo unha relación próxima con Maurice Tempelsman, quen era o seu compañeiro e asesor financeiro persoal; era un empresario e comerciante de diamantes nado en Bélxica que estaba distanciado da súa esposa.

A principios da década de 1990, a ex Primeira Dama apoiou a Bill Clinton e contribuíu con diñeiro á súa campaña presidencial. Despois da elección, atopouse coa Primeira Dama Hillary Clinton e aconselloulle criar un neno na Casa Branca. No seu libro Living History, Clinton escribiu que Jackie Kennedy foi "unha fonte de inspiración e consello para min". A consultora demócrata Ann Lewis observou que Kennedy se comunicou cos Clinton "dunha maneira en que non sempre actuou para liderar os demócratas no pasado".

Enfermidade, morte e funeral[editar | editar a fonte]

Tumba de Jacqueline Lee Kennedy Onassis no Cemiterio de Arlington.

En novembro de 1993, Onassis caeu do seu cabalo mentres participaba nunha cazaría de raposos en Middleburg, Virxinia, e foi levada ao hospital para ser examinada. Descubriuse un ganglio linfático inflamado na ingua, o cal foi inicialmente diagnosticado polo médico como causado pola infección. A caída do cabalo contribuíu a unha deterioración da súa saúde durante os seguintes seis meses. En decembro, Onassis desenvolveu novos síntomas, incluíndo dor de estómago e ganglios linfáticos inflamados no pescozo, e foi diagnosticada co cancro chamado linfoma non hodgkiniano. Comezou a quimioterapia en xaneiro de 1994 e anunciou publicamente o diagnóstico cando declarou que o prognóstico inicial era bo. Continuou a traballar en Doubleday, pero en marzo o cancro estendeuse á medula espiñal e ao cerebro, e en maio ao fígado. Onassis fixo a súa última viaxe a casa dende o hospital presbiteriano de Nova York o 18 de maio de 1994. A noite seguinte ás 10:15 p.m., John F. Kennedy, Jr. anunciou á prensa a morte da súa nai, afirmando que estivera "rodeada dos seus amigos, a súa familia e os seus libros, e da xente e as cousas que amaba". Engadiu que "ela fíxoo á súa maneira e nos seus propios termos, e todos sentímonos afortunados por iso".

O 23 de maio de 1994, a súa misa funeraria celebrouse a pouca distancia do seu apartamento na Igrexa de Santo Ignacio de Loyola, parroquia católica onde foi bautizada en 1929 e realizou a súa confirmación de adolescente. Foi enterrada no Cemiterio Nacional de Arlington en Arlington, Virxinia, xunto co presidente Kennedy, o seu fillo Patrick e a súa filla mortinata Arabella. O presidente Bill Clinton pronunciou un eloxio no seu servizo fúnebre. No momento da súa morte, Onassis foi sobrevivida polos seus fillos Caroline e John Jr, os seus tres netos, a súa irmá Lee Radziwill, o seu xenro Edwin Schlossberg e o seu medio irmán James Lee Auchincloss. Deixou un patrimonio que os seus executores valoraron en 43,7 millóns de dólares.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hall, Mimi. "Jackie Kennedy Onassis: America's Quintessential Icon of Style and Grace'. USA Today. Consultado o 13 de febreiro de 2011.
  2. Circa 1961: The Kennedy White House Interior por Elaine Rice Bachmann. Cita: "A clarividencia das súas palabras é notable dada a influencia que tiña en última instancia na moda, a decoración, e a preservación da arquitectura da década de 1960 ata a súa morte en 1994. Unha visita decepcionante á Casa de Goberno cando tiña 11 anos deixou unha impresión profunda, unha que de inmediato actuou en canto sabía que ía converterse na primeira dama..." Consultado o 13 de febreiro de 2011.
  3. Craughwell-Varda. Looking for Jackie: American Fashion Icons. Hearst Books. ISBN 978-0-688-16726-4. 
  4. Ford; Mitchell. The Makeover in Movies: Before and After in Hollywood Films, 1941–2002. McFarland. ISBN 978-0-7864-1721-6. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Pottker. Janet and Jackie: The Story of a Mother and Her Daughter, Jacqueline Kennedy Onassis. Nueva York: St. Martin's Griffin. ISBN 978-0-312-30281-8. , p. 7.
  6. Flaherty, Tina. What Jackie Taught Us: Lessons from the Remarkable Life of Jacqueline. Nueva York: Penguin Group. ISBN 978-1-101-49427-1. 
  7. Pottker, p. 9.
  8. Davis, John H. (1993). The Bouviers: Portrait of an American family. National Press Books. ISBN 978-1-882605-19-4. 
  9. 9,0 9,1 Bradford, Sarah. America's Queen: The life of Jacqueline Kennedy Onassis. Nueva York: Viking. ISBN 978-0-670-89191-7. Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2007. Consultado o 30 de abril de 2019. 
  10. John H. Davis. Jacqueline Bouvier: An Intimate Memoir. John Wiley & Sons. 
  11. Stephen Birmingham. Jacqueline Bouvier Kennedy Onassis. Pocket Books. 
  12. 12,0 12,1 "Jacqueline Kennedy in the White House". Arquivado dende o orixinal o 03 de agosto de 2009. Consultado o 5 de setembro de 2010. 
  13. 13,0 13,1 "Jacqueline Kennedy Onassis: Equestrienne" (PDF). Consultado o 8 de setembro de 2012. 
  14. Moon (2005). The Private Passion of Jackie Kennedy Onassis: Portrait of a Rider. Harper Design. ISBN 978-0060524111. 
  15. Severo, Richard (9 de xaneiro de 2002). "Igor Cassini, Hearst Columnist, Dies at 86". The New York Times. Consultado o 9 de xaneiro de 2002. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 Harris, Bill; Ross, Laura (2009). The First Ladies Fact Book – The Childhoods, Courtships, Marriages, Campaigns, Accomplishments, and Legacies of Every First Lady from Martha Washington to Michelle Obama. Nueva York: Black Dog and Leventhal Publishers. ISBN 978-1-57912-809-8. 
  17. 17,0 17,1 "First Lady Biography: Jackie Kennedy". Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2017. Consultado o 21 de febreiro de 2012. 
  18. 18,0 18,1 Spoto. Jacqueline Kennedy Onassis: A Life. ISBN 978-0-312-97707-8. 
  19. Onassis, Jacqueline Kennedy; Radziwill, Lee Bouvier. One Special Summer. Nueva York: Delacorte Press. ISBN 978-0-440-06037-6. 
  20. "Jack and Jackie's Wedding". Life. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2009. Consultado o 9 de outubro de 2009. 
  21. jfklibrary.org Arquivado 08 de febreiro de 2009 en Wayback Machine., Special Exhibit Celebrates 50th Anniversary of the Wedding of Jacqueline Bouvier and John F. Kennedy.
  22. Bickelhaup, Susan (2 de xuño de 1997). "Resolving 'Cake-Gate'". The Boston Globe. 
  23. Reed Miller, Rosemary E. (2003). The Threads of Time. ISBN 978-0-9709713-0-2. 
  24. Smith, Sally Bedell (2004). Grace and Power: The Private World of the Kennedy White House. ISBN 978-0-375-50449-5. 
  25. Dallek, Robert. An Unfinished Life: John F. Kennedy, 1917 – 1963. Back Bay Books (2004)
  26. 26,0 26,1 "Big Year for the Clan". Time. 26 de abril de 1963. 
  27. Beschloss, Michael. (2011). Historical Conversations on Life with John F. Kennedy. ISBN 978-1-4013-2425-4. 
  28. "Little-known facts about our First Ladies". Firstladies.org. Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2015. Consultado o 7 de xullo de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]