Angkor Wat

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Coordenadas: 13°24′45″N 103°52′0″E / 13.41250°N 103.86667°E / 13.41250; 103.86667

Patrimonio da Humanidade - UNESCO
Angkor
Angkor Wat.jpg
Angkor Wat.
Flag of UNESCO.svg Información Flag of UNESCO.svg
Inscrición: 1992 (XVI sesión)
País: Flag of Cambodia.svg Cambodja
Localización: 13°24′45″N 103°52′0″E / 13.41250°N 103.86667°E / 13.41250; 103.86667
Rexión: Asia e Pacífico
Tipo: Cultural
Criterios: i, ii, iii, iv
Descrición UNESCO: fr en
Os templos de Angkor.

Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade de templos ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Cambodja, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamáis construida,[1] e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo. Consonte o Libro Guinness dos Récords é o máis vasto sitio relixioso do mundo. Na actualidade é o lugar do país máis visitado polos turistas.

Ubicado 5,5 km ao norte da actual Siem Riep, na provincia homónima de Cambodja, Angkor Wat forma parte do complexo de templos construidos na zona de Angkor, a antiga capital do Imperio khmer durante a súa época de esplendor, entre os séculos IX e XV. Angkor abrangue unha extensión en torno a 200 km², aínda que recentes investigación falan dunha posible extensión de 3 000 km² e unha poboación de ata medio millón de habitantes.[2] O templo ten a forma dun rectángulo, cunha lonxitude aproximada de 1,5 km de oeste a leste e 1,3 km de norte a sur. No interior do foxo que circunda completamente o muro perimetral de 3,6 km hai tres galerías rectangulares, construídas unha sobre outra. No centro do templo levántanse cinco torres. Angkor Wat contén dúas principais características da arquitectura cambodiana: o templo outeiro que se ergue no interior dun foxo e que simboliza o Meru (a montaña dos deuses na relixión hindú, de feito o templo está consagrado a Visnú), e os sucesivos templos de galería.

Dende a súa construción a principios do século XII e ata o traslado da sede real ao próximo Bayón, a finais do mesmo século, Angkor Wat foi o centro político e relixioso do imperio. O recinto -entre cuxos muros calculouse que vivían 20 000 persoas—,[3] cumpría as funcións de templo principal, e albergaba ademais o palacio real. Se ben a hipótese máis probábel sostén que se trata en realidade dun mausoleo, un lugar onde o rei podería ser venerado despois da morte. De feito, a entrada principal está situada no Oeste, como nos templos funerarios, e non no Leste, como acostuma a suceder nos templos hindús.

Adicado inicialmente ao deus Vishnú,[4] arquitectónicamente o templo combina a tipoloxía hinduísta do templo-monte —representando o Monte Meru, morada dos deuses— coa tipoloxía de galerías propia de períodos posteriores. O templo consta de tres recintos rectangulares concéntricos de altura crecente, rodeados por un lago perimetral de 3,6 km de lonxitude e dunha anchura de 200 m. No recinto interior érguense cinco torres en forma de loto, acadando a torre central unha altura de 42 m sobre o santuario,[5] e 65 m sobre o nivel do chan.[6]

Angkor Wat converteuse nun símbolo de Cambodja, ata o punto de figurar na bandeira do seu país. O 14 de decembro de 1992 foi declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade.[7]

Nome[editar | editar a fonte]

O nome moderno, Angkor Wat, significa "Cidade do templo" ou "Cidade de templos" en lingua khmer. A palabra Angkor vén do cambodjano នគរ Nokor, e esta á súa vez da voz sánscrita नगर Nagara, que significa "capital".[8] Por outra banda, a palabra Wat é de orixe khmer e tradúcese como "templo" ou "terra de templos", derivada da palabra pali vatta (वत्त).[9] O nome de Angkor Wat é en todo caso posterior á súa creación, pois orixinalmente recibiu o nome de Preah Pisnulok (Vara Vishnuloka en sánscrito); nome póstumo do seu fundador Suryavarman II.[4]

Historia[editar | editar a fonte]

Baixorrelevo do rei Suryavarman II en Angkor Wat.

Angkor Wat é o máximo expoñente da arquitectura do Imperio khmer, cuxos primeiros templos remóntanse ao século VI.[10] O xigantesco monte-templo foi feito construir polo monarca Suryavarman II, quen reinou dende o ano 1113 ata o 1150 d. C. Suryavarman II alcanzou o poder logo de asasinar ao daquela rei Dharanindravarman, saltando sobre el mentres o monarca paseaba no seu elefante, polo que algúns historiadores opinan que as colosais dimensións deste templo están motivadas en parte polo desexo de contrarrestar a aparente ilexitimidade do seu reinado.[11]

Segundo conta a lenda, o rei quixo ubicar o templo nun lugar do agrado dos deuses, polo cal soltou un boi na chaira e decidiu construir o templo no lugar onde se deitase.[1] Sexa certa a lenda ou non, Suryavarman II estableceu o templo xunto á antiga cidade de Yashodharapura[12] (que en sánscrito significa "cidade sagrada"),[13] ubicada a escasos kilómetros da actual cidade de Siem Riep, e ao igual que os seus predecesores, dispuxo o palacio dentro do recinto amurallado do complexo. Os traballos no templo interrompéronse á morte do rei e non foron continuados, polo que a construción do complexo durou unicamente 37 anos.[10]

En 1177 Angkor foi saqueada polos Cham, un pobo ubicado no actual Vietnam[14] e inimigo tradicional dos khmer. Poucos anos despois, co advenimento do rei Jayavarman VII expulsouse aos invasores e ampliáronse as fronteiras do imperio. Este importante rei, cuxo reinado extendeuse desde o 1181 ata o 1220 d. C.,[15] abandonou o hinduísmo e converteuse ao budismo da rama Mahāyāna,[14] establecendo a nova capital no cercano Angkor Thom, con Bayón como novo templo.

A finais do século XIII, o rei Jayavarman VIII retornou ás crenzas hinduístas, destruíndo parte do legado de Jayavarman VII e mellorando algúns templos hinduístas, incluído Angkor Wat.[16] A Jayavarman VIII sucedeulle Srindravarman en 1295: este novo rei, que nos anos anteriores fora ordenado monxe budista en Sri Lanka, cambou novamente a relixión do imperio cara o budismo, aínda que adoptando esta vez as crenzas da rama Theravāda.[17] Entre os séculos XIV e XV, o Imperio khmer viu chegar dende Sri Lanka llegar aos primeiros monxes budistas Theravadas, que transformarían os templos para a nova relixión. Foi nese tempo cando o templo de Angkor Wat remodelouse para adaptarse a culto budista Theravāda,[16] feitos que sucederon pouco antes do abandono final de Angkor.

Os monxes de Angkor Wat foron os únicos que permaneceron durante os séculos do abandono.

A pesar da decadencia do imperio e o abandono dos templos durante os séculos seguintes, os monxes budistas permaneceron en Angkor Wat ata que os franceses o redescubriron. Nas galerías do Preah Poan —unha galería cruciforme que serve de entrada ao terceiro recinto do templo— encontráronse estatuas de Buda de madeira, pedra e metal. Algunhas destas esculturas están datadas entre os séculos XVI e XVIII, o que confirma que o templo de Angkor, ao contrario que outros da zona, nunca foi abandoado. Tamén a aparición de inscricións en linguas como a birmana ou a xaponesa[4] permiten inferir a repercusión que tivo o templo fora das fronteiras cambodjanas.

Non se coñecen con certeza as razóns polas que Angkor foi abandoada: unha das máis probables foi a decadencia do Imperio khmer, principalmente a causa das incursións mongolas (1283)[14] e siamesas (entre 1369 e 1431),[18] que evidenciaron a excesiva cercanía da capital respecto aos invasores, polo que os gobernantes puideron determinar a búsqueda dun sitio máis seguro ao sur do lago Tonlé Sap, nas zonas cercanas ás actuais cidades de Nom Pen e Udong. Ademais, a cercanía destes novos emprazamentos ao delta e ao Mar da China Meridional os dotaba dunha mellor situación estratéxica para o comercio e o intercambio marítimo, tan importante nunha rexión onde o transporte por terra practicamente se interrompía na época de choivas. Arguméntase tamén a posibilidade de epidemias ou fames (motivadas quizais pola pequena Idade do xeo experimentada na Idade Media),[19] que obrigaran á monarquía a mover o seu trono cara ao sur. En cualquier caso, Angkor foi abandoada no ano 1432, e a nova capital establecida en Lovek, cerca da actual Phnom Penh.

Non obstante, Angkor foi novamente habitada na segunda metade do século XVI: no ano 1550, o rei Ang Chan (1516–1566) trasladouse a Angkor Thom, aínda que mantivo a capital en Lovek, e uns anos despois, en 1576, o rei Satha trasladou de novo a corte a Angkor. Como consecuencia delo realizáronse diversas tarefas de restauración Angkor Wat, das que queda constancia nunha inscrición do ano 1577.[20] Non obstante, esta nova ocupación de Angkor durou pouco, pois en 1594 os siameses conquistaron o feble imperio cambodjano, e Angkor foi abandoada definitivamente.[14]

Descubrimento en occidente[editar | editar a fonte]

Fotografía de Angkor, tomada en 1866 por Emile Gsell.

Logo do seu abandono a finais do século XVI, Angkor foi sepultada pola selva, coa única excepción do templo de Angkor Wat, que permaneceu habitado por monxes budistas.

Aínda persiste a lenda de que Angkor Wat caeu no esquecemento ata que foi redescuberto a finais do século XIX polo naturalista francés Henri Mouhot, quien se topou co templo accidentalmente mentres cazaba bolboretas.[21][1] Esta historia é un mito, pois Mouhot non foi o primeiro occidental en visitar o templo, e este nunca foi completamente abandoado, permanecendo na memoria colectiva do pobo khmer e mesmo trascendendo as fronteiras do seu imperio. A primeira visita documentada dun occidental a Angkor Wat tivo lugar no ano 1586, e foi realizada polo frade capuchino portugués António da Madalena.[22] As impresións do frade foron recollidas por un funcionario e historiador portugués chamado Diogo do Couto,[23][24] quen as deixaría por escrito:[22][25]

...unha construción de tal modo extraordinaria que non é posible describila por escrito, especialmente é diferente de calquer outro edificio no mundo. Posúe torres, decoración e todos os refinamentos que o xenio humano pode concebir.

—Diogo do Couto

O plano máis antigo conservado de Angkor Wat (siglo XVII).

Tras esta visita, outros pioneiros europeos, especialmente españois e portugueses,[23] continuaron a visitar as ruinas, aínda que sen obter demasiada repercusión pública.[26] Tamén hai constancia dunha carta de 1668 na que un frade francés de nome Chevreul menciona o lugar. O templo tamén recibiu visitas de oriente: o mapa máis antigo de Angkor Wat está datado entre 1623 e 1636, e é obra dun peregrino xaponés[24] de nombre Kenryo Shimano.[27]

En 1857, o misioneiro francés Charles Emile Bouillevaux foi o primeiro en deixar constancia "moderna" da visita dun occidental a Angkor Wat, ao publicar no seu libro Viaxe a Indochina 1848–1856, os Annam e Camboya, unha breve reseña sobre a visita realizada ao templo no ano 1850.[24] Mais non foi senón ata uns anos despois, en 1860, cando un compatriota seu, o naturalista e explorador Henri Mouhot, conseguiu por fin atraer a atención popular cara Angkor. Logo dunha viaxe financiada pola Royal Geographical Society e a Zoological Society of London, os debuxos e a apaixoada descrición do templo rexistrados nos cadernos de viaxe deste naturalista foron publicados póstumamente en París en 1868, co nome de "Voyage dans les royaumes de Siam, de Cambodge et de Laos" (Viaxe aos reinos de Siam, Cambodja e Laos).[1] Nas súas observacións, o francés exaltaba a beleza e magnificencia do templo:

Un deses templos — rival do de Salomón, e erixido por algún antigo Miguel Anxo—, podería ocupar un honorable lugar entre os nosos edificios máis belos. É maior que calquera dos nosos legados de Grecia e Roma, e presenta un triste contraste co estado de barbarie en que agora se encontra sumida a nación.

—Henri Mouhot

No ano 1863, entre a visita de Mouhot e a publicación dos seus cadernos de viaxe, Cambodja converteuse en protectorado francés, e varios grupos de exploradores chegaron a Angkor: un dos primeiros foi o fotógrafo escocés John Thomson, que traballou tamén para a Royal Geographical Society, e que despois de ler as crónicas de Mouhot decidiu visitar Angkor. En 1866 realizou unha serie de cincuenta fotografías, especialmente de Angkor Wat, que se publicaron un ano despois.[28] Estas fotos, xunto co libro de Mouhot, lanzaron definitivamente á fama ao templo de Angkor Wat, mentres o número de viaxeiros e exploradores que chegaban a Angkor seguiu en aumento.

Restauración[editar | editar a fonte]

Vista aérea do complexo na actualidade.

En 1898 fundouse a École Française d'Extrême-Orient co propósito de estudar o patrimonio artístico da Indochina baixo dominio francés. En 1907 Siam (actual Tailandia) cedeu varios territorios a Cambodja, entre os que se encontra a zona de Angkor. A raiz deste feito a conservación dos monumentos pasou a ser responsabilidade da École, que tan só un ano despois iniciou os labores de conservación.[26] A tarefa foille encomendada a un militar e administrativo francés chamado Jean Commaille, quen entre 1908 e 1910 decidiu concentrar os esfuerzos en Angkor Wat.[29] Logo do asasinato de Commaille en 1916, sucedeulle no posto o arquitecto Henri Marchal, xa un verdadeiro técnico, que levou a Angkor o método da anastilose, aprendido dos neerlandeses durante unha viaxe a Xava nos anos 30. Marchal foi sucedido por Maurice Glaize en 1937 e por outros máis tarde,[30] ata que os traballos de restauración da École foron interrompidos nos anos 70 pola devastadora revolución dos Khmers Vermellos.[14]

En 1993, un ano despois da declaración de Angkor como Patrimonio da humanidade, e a raiz dunha conferencia intergobernamental en Toquio, estableceuse un Comité de Coordinación Internacional para restaurar e preservar o patrimonio de Angkor, presidido por xaponeses e franceses. Paralelamente, o goberno cambodjano creou a APSARA (Autoridade para a xestión e protección de Angkor e a rexión de Siem Reap) co obxectivo de obter o status permanente de Patrimonio da humanidade por parte da UNESCO; un status que se conseguiu no ano 1995.[31]

Diversos equipos de varios países teñen participado ou participan aínda nos labores de restauración no templo: un equipo alemán encargouse de restaurar os relevos de apsaras; un equipo italiano encargouse do lago, e varios equipos xaponeses teñen realizado distintas intervencións, destacando as restauracións da esquina norte do muro oeste (iniciada en 1995)[32] e da biblioteca norte.[33]

Do mesmo xeito que en outros templos de Angkor, a maioría dos labores de restauración lévanse a cabo mediante o método da "reitegración" ou anastilose;[18] un proceso de reconstrución consistente en reubicar as pezas orixinies derruídas, ou nalgúns casos mesmo en elaborar de novo as pezas faltantes —sempre e cando exista información suficiente para facelo fielmente—. Outra técnica empregada consiste en desmontar peza por peza o monumento para proceder á súa limpeza e/ou a súa consolidación, para posteriormente restituilo ao seu estado orixinal.

Unha das bibliotecas. A pesar do seu nome, non hai certeza sobre a función orixinal destes edificios.

Mais os labores de restauración non sempre foron os máis axeitados: entre 1986 e 1992 o Servizo Arqueolóxico da India mantivo un proxecto para retirar toda a vexetación, musgo e liques hachados nas pedras. Nesta limpeza o equipo indio empregou algúns produtos químicos daninos a medio prazo para a pedra, o que lles valeu críticas de varios arqueólogos occidentais.[34] Nos anos seguintes, o equipo alemán encargado das apsarās encontrou mostras deste deterioro nalgúns dos baixorrelevos.[35] Amais, recentemente alertouse sobre a presenza dunha bacteria que podería estar acelerando a degradación da superficie das pedras, e cuxa proliferación podería deberse á ausencia duns minúsculos liques eliminados durante os labores de limpeza e restauración.[36]

Tampouco as primeiras intervencións francesas no templo estiveron exentas de críticas: varias das actuacións máis antigas, efectuadas sobre monumentos cuxa integridade estrutural estaba ameazada, resolvéronse de xeito apresurado e sen os medios axeitados. Como resultado, hoxe en día poden verse piares reforzados con abrazaderas metálicas oxidadas, emplastes de formigón rellenado ou mesmo rodeando piares danados, ou barras de aceiro embutidas na pedra;[34] unhas intervencións procedentes da época de Henri Marchal, e xeralmente disculpadas como un "mal menor".[30] Non obstante, unha das intervencións francesas máis criticadas foi a reconstrución dun antigo artesonado de madeira empregando formigón en lugar do material orixinal, unha obra realizada na galería sur do templo en tempos máis recentes. Ao parecer, o teito de madeira orixinal desapareceu na década de 1970, empregado polas guerrillas dos Khmers Vermellos para facer lume. Non foron estes os únicos danos contemporáneos que sufriu o templo: tamén un proxectil perdido estadounidense destruíu accidentalmente un dos pavillóns.[34] Non obstante, os maiores danos proceden do pillaxe e o contrabando de antigüidades que padeceu o templo nas últimas décadas, especialmente durante a década de 1990.[37] Afortunadamente, a concienciación popular e a crecente vixilancia, tanto por parte gobernamental como pola UNESCO, parecen estar mellorando ostensiblemente a situación.[38]

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Maqueta do templo central.

Dende un punto de vista estilístico, o templo está encadrado dentro do chamado "estilo angkoriano",[39] que é a etapa artística máis madura e refinada na evolución da arquitectura khmer, así como a última de influencia hisduísta.

Os templos khmeres non se concebían como lugares para a reunión dos fieis, senón que servían de morada para os deuses, polo que tan só a elite relixiosa e política do país tiña acceso aos recintos centrais.[18] Angkor Wat presenta amais a particularidade de ser un templo cuxa finalidade última era a de servir de tumba para o rei. Este plantexamento dos templos khmeres provoca que as súas zonas máis sagradas carezan de grandes entradas ou espacios cerimoniais, e que por contra céntrese a atención na percepción exterior do templo. Tanto as terrazas como as torres de Angkor Wat están deseñadas para ser percibidas harmoniosamente dende o exterior, e as súas alturas e modulación teñen en conta os efectos da perspectiva. Nos prasat emprégane estratexias como a de reducir paulatinamente a altura das sucesivas terrazas ou o tamaño dos detalles na torre a medida que a construción se eleva: isto produce que no observador a sensación de encontrarse ante unha construción máis alta do que realmente é.[40] Tamén a relación entre a distancia e a altura das torres de Angkor Wat está calculada para presentar unha escenificación homoxénea dende a entrada do templo, sen que os elementos máis cercanos cheguen a ocultar aos máis lonxanos.[41]

Angkor Wat materializa o esquema "clasico" do templo-monte khmer da etapa angkoriana, consistente nun prasat (templo piramidal) central, rodeado de varios patios concéntricos de altura descendente e forma cadrangular (pois o cadrado simbolizaba a perfección),[42] e rematados nas súas esquinas con novos templos menores. Completan o conxunto dúas bibliotecas exentas en simetría co eixo central, sendo todo elo finalmente circunvalado por un novo muro e un lago.[43] Esta configuración recrea un microcosmos do universo hindú: o seu gran lago perimetral evoca os océanos, mentres que os distintos recintos concéntricos simbolizan as distintas alturas do monte Meru. Os prasats ou torres piramidais simulan os picos das montañas, sendo o prasat central o propio monte Meru, e os demais as montañas que o circundan.[44] O propio percorrido, coas súas sucesivas subidas a través de empinadísimas escaleiras, representa a ascensión ao monte.[45]

A construción, de 1 500 x 1 300 m de lado, ocupa unha extensión rectangular de aproximadamente 200 hectáreas, incluíndo un lago perimetral de 190 m de ancho. O complexo pode dividirse en dúas zonas diferenciadas: o gran recinto exterior delimitado polo muro perimetral, e a plataforma central sobre a que se elevan o conxunto de tres recintos concéntricos, e que constitúen o "templo" en si.

Características[editar | editar a fonte]

Recinto exterior[editar | editar a fonte]

Planta xeral de Angkor Wat.

O recinto exterior, rodeado polo lago, ten unhas dimensións de 1 025 x 800 m, ocupando 82 hectáreas. O perímetro do lago, que ten unha lonxitude total de 5,5 km, está escalonado con varias ringleiras de pedra.[4] Dúas pasarelas de 12 m de ancho e adornadas cunha balaustrada coa típica forma de Naga (serpe mítica con aspecto de cobra e 5 ou 7 cabezas),[46] cruzan o lago ao leste e ao oeste, permitindo a entrada e a salía ao templo.

O recinto está pechado por un muro de laterita de 5 m de altura[6] sobre o que se asenta un pórtico de 235 m de lonxitude que posúe un corredor columnado na súa parte exterior. No pórtico destacan tres torres marcando sendas entradas: a principal consiste nunha gopura ou pavillón de entrada, precedida por un pequeno porche, flanqueada por dúas entradas menores, habilitadas ao parecer para permitir eo paso dos elefantes e carruaxes.[4][47]

Quizáis por ser un templo funerario para o rei, ou quizáis por estar adicado ao deus Vishnú (asociado ao cadrante oeste do universo),[12] Angkor Wat, ao contrario que o resto de templos, oriéntase cara ao oeste.[6] Por este motivo, a dirección das historias narradas nos relevos do templo han de lerse no sentido contrario ás agullas do reloxo.[4]

Dende a entrada oeste ata os tres recintos concéntricos do templo centra desenvólvese un camiño elevado de 10 m de ancho e 352 m de lonxitude,[10] tamén flanqueado con nagas. Cada 50 m a balaustrada interrómpese con dúas escaleiras simétricas que permiten descender o metro e medio que separa ao camiño do chan. No amplo terreo deste primeiro recinto ubicábase o palacio real e aloxábase a poboación permanente do templo, mais debido ao perecedeiro das estruturas nas que habitaban, hoxe en día case non quedan vestixios, aparte dos dos edificios de pedra exentos que cumprían a función de bibliotecas, situados tamén de xeito simétrico ao camiño central. Os dous grandes lagos rectangulares de aproximadamente 50 m de anchura que aparecen ao final deste percorrido central foron construidos con data posterior ao templo orixinal.[48] Actualmente o terreo alberga amais un pequeno asentamento de monxes budistas e outro pequeno poboado no lado oposto do templo, todos eles de construción moito máis recente e sen interese arquitectónico.

O camiño desemboca nunha terraza de planta cruciforme con dous niveis, e esta á súa vez conduce á gran plataforma de 258 x 332 m sobre a que se asenta o templo central.

Templo central[editar | editar a fonte]

Templo central ou Bakan.

O núcleo de Angkor Wat, ou o templo principal, denomínase Bakan. Este templo sufriu unha transformación a finais do século XVI para acomodarse aos requisitos das estupas budistas.[4] O templo apoiase sobre unha gran plataforma, e está dividido en tres recintos de altura crecente, delimitados por corredores columnados e con pavillóns nos extremos: o terceiro recinto, ou recinto exterior, carece de torres, e os seus relevos están adicados ao rei construtor do templo, Suryavarman II. Os recintos segundo e terceiro si pusúen torres sobre os seus pavillóns. O recinto segundo carece de baixorrelevos, mentres que os relevos do primeiro están adicados ao deus Vishnú.[10]

Aínda que os recintos son concéntricos, non son totalmente simétricos: entrando polo leste existe máis espazo entre o segundo e o terceiro recinto (o máis exterior). Neste lado abríronse tres entradas en lugar da única entrada practicada no resto de orientacións. Tres galerías comunican o terceiro recinto co segundo, continuando cada unha das tres entradas do lado leste. Unha galería conecta perpendicularmente as tres galerías polo seu punto medio, creando unha estrutura cruciforme denominada Preah Poan.[4] Entre as galerías de Preah Poan aparecen catro foxos que orixinalmente estaban inundados e que eran empregados con fins rituais. Nos séculos posteriores, esta zona do templo adquiriu especial relevancia, ao servir como lugar de almacenamento para multitude de estatuas de buda, recibindo o nome de "galería dos mil budas".[49] A gran maioría destas estatuas foron saqueadas, ou retiradas por motivos de seguridade a principios da década de 1970.[50] Ao norte e sur do Preah Poan aparecen dúas novas bibliotecas exentas.

Escaleiras de acceso ao primeiro recinto.

Accédese ao segundo recinto subindo unhas empinadas escaleiras, que segundo a iconografía hindú simbolizan o ascenso á montaña dos deuses. No segundo recinto, de 115 x 100 m, tamén aparecen dúas novas bibliotecas máis pequenas. Este segundo recinto ou nivel xa non era accesible para o pobo, polo que a súa arquitectura cambia: os muros exteriores son cegos, e a galería só se abre ao interior mediante fiestras atravesadas por columnas de complexo relevo. Dentro do segundo recinto aparece a plataforma do recinto central, elevada entre 11 e 13 metros segundo as distintas fontes, e á que se accede mediante empinadísimas escaleiras con pendentes en torno aos 70º,[51] salvo no lado oeste, seguindo a dirección principal, onde a pendiente é de 50º.[5]

O primeiro recinto, accesible só para o rei e o sumo sacerdote, é un cadrado de 60 metros de lado que contén, dispostos en quincuncio, os 5 prasat ou templos piramidais que representan os picos do monte Meru.[52] Os cinco templetes están conectados entre sí mediante novos corredores que xeran catro patios, similares aos do Preah Poan. O prasat central é maior que os demáis, e na súa base alberga un amplo nicho de 4,6 m de lado onde se aloxaba unha estatua de Vishnú.[53] O nicho dispuña orixinalmente de aperturas aos catro puntos cardinais, mais logo da reconversión a culto budista, trasladouse a estatua e cegáronse as puertas para esculpir nelas imaxes de Buda.

En 1908 abriuse unha das catro entradas do prasat central, e en 1934 descubriuse un foxo de 25 m de profundidade, baixo o lugar onde debía ter descansado a estatua de Vishnú. O foxo gardaba únicamente dúas follas de ouro e catro máis pequenas xunto con dous zafiros brancos,[52] polo que se cre que o tesouro foi saqueado con anterioridade.[54]

Decoración[editar | editar a fonte]

Devas esculpidas nunha das bibliotecas.

A maior parte das paredes do templo están decoradas con frisos en baixorrelevos de gran tamaño e moi boa factura.

Os baixorrelevos do recinto exterior, que adornan o corredor columnado perimetral (ou quizáis, mellor dito, para cuxo visionado habilitouse o corredor perimetral), teñen dous metros de altura e ocupan unha extensión total de máis de 1.000 m2.[4][55] A parte nordés do recinto exterior quedou sen esculpir á morte de Suryavarman II, sendo finalizado no século XVI con baixorrelevos de inferior calidade artística.[4] Coa excepción do muro sur, adicado ao rei, os relevos narran historias dos libros épicos hindúes Ramayana e Mahabharata, e alo menos dende o século XVI estiveron policromados, e mesmo puideron recibir algún tipo de barniz protector.[56] Actualmente só se aprecian restos parciais de cor en zonas puntuais: coñécese a existencia de canto menos tres colores: vermello, negro e dourado.[57]

Entre os motivos esculpidos destaca a abundancia de figuras femininas: algunhas fontes falan de devatas, ou deusas femininas hindúes, das que contabilizan 1.500 en todo o templo,[48] e outras de apsaras ou bailarinas celestiais, contabilizando unhas 2.000.[58]

Practicamente toda a superficie do templo está ornamentada: nas zonas onde non aparecen baixorrelevos escúlpense formas e adornos arquitectónicos e xeométricos de gran complexidade, e do mesmo xeito que sucedeu noutros lugares do mundo, o tallado en pedra importou parte do seu repertorio formal dos materiais tradicionais: é común observar cómo nos tellados das galerías, a pedra escúlpese imitando tellas cerámicas,[59] e tamén as portas e fiestras de pedra imitaban as formas xeradas polos seus equivalentes en madeira. No repertorio formal do templo aparecen tamén motivos florais, limitados a decorar esquinas.[60]

Baixorreievos exteriores[editar | editar a fonte]

Galería dun dos frisos exteriores.
Ravana loitando na batalla de Lanka.

Os baixorrelevos do recinto exterior divídense en oito enormes escenas principais (dúas escenas por muro) e varias escenas menores, ubicadas nos pavillóns das esquinas. Recorridas dende a entrada principal e en sentido antihorario, as escenas principais denomínanse:[61]

  • Batalla de Kurukshetra.
Este friso de 49 m describe unha pasaxe do libro Mahábharata, no que se narra a terrible batalla final de Kurukshetra entre os clans rivais Pandavas e Kauravas. O exército Kaurava avanza dende a esquerda e o Pandava pola dereita, e a medida que se encontran no centro empézase a desenvolver a batalla.
  • Procesión histórica.
Friso de 94 m que mostra un desfile do rei construtor do templo, Suryavarman II, xunto coas súas tropas. Crese que este relevo foi esculpido pouco despois da súa morte.[4]
  • Ceos e infernos.
Nos seus 64 m, mostra a escena do xuízo de Yama, o deos da morte hindú, separando aos merecedores do ceo e do inferno, así como escenas dos 37 ces e os 32 infernos da relixión hindú.[4]
  • Batido do océano de leite.
Un friso de 49 m que escenifica a exótica pasaxe do samudra manthana; unha escena do Bhagavata-Purana na que os deuses e os asuras únense para batir o mítico "océano de leite" (kshirodadhi), empregando para elo unha montaña e a Vasuki, a raíña das nagas, como corda para faela xirar. O relevo mostra cómo unha vez que, logo de batir o ecéano durante milleiros de anos, aparece unha copa chea de amrita ou néctar da inmortalidade, os deuses e os asuras comezan a pelexar por ela.
Mostra a Vishnú loitando contra un exército de asuras. É un relevo máis tardío e de inferior calidade artística.
  • Vitoria de Krishna sobre o asura Bana.
Escena de 66 m, e tamén de inferior calidade, que mostra a batalla de Krishna e un asura de mil brazos chamado Bana, ao que Krishna corta todos menos dous.
  • Batalla de devas e asuras.
Friso de 94 metros onde figuran case todos os douses do panteón hindú loitando contra un exército de asuras nunha batalla sen determinar.
  • Batalla de Lanka.
Mostra o clímax do libro Ramayana, no que o deus Rama (encarnación de Vishnú), axudado por un exército de monos, derrota ao demo Ravana e rescata á súa esposa Sita.

Construcción[editar | editar a fonte]

Caixeado labrado en pedra no templo de Phimeanakas.

Aínda que o muro exterior foi construido con laterita,[12] e algunhas fontes falan tamén de usos esporádicos de limonita,[60] o templo está edificado case na súa totalidade en pedra arenisca. Os bloques, que chegaban a pesar 4 toneladas,[62] eran transportados por canles dende unha canteira situada a 40 km ao nordeste do templo. Calcúlase que o volume de pedra empregado (5 millóns de toneladas) é equivalente ao empregado para a construción da pirámide de Kefrén, en Guiza, o que tivo que requerir de milleiros de traballadores. Un enxeñeiro contemporáneo estimou que a construción de Angkor Wat na actualidade requeriría de 300 anos,[63] mentres que o templo real foi construido en menos de 40.

As pezas de arenisca eran coidadosamente labradas para encaixar perfectamente, xa que na maior parte da construción non se empregou ningún tipo de argamasa,[6] empregándose en ocasións mesmo sistemas de machihembrado do tipo caixa e espiga para mellorar a trabazón entre as pezas. Nos puntos onde se fixo uso de pastas de unión puideron terse empregado resinas.[18] Os khmeres coñecían as argamasas, que confeccionaban cunha mestura de cal, azucre de palma, e savia de lianas;[62] unha técnica herdada de séculos anteriores, cando empragaban ladrillos para construir os seus templos. Non obstante as argamasas caeron en desuso a partir do século X, e apenas se empregaron en Angkor Wat.

Empregouse laterita nos cimentos, plataformas e nos muros exteriores de cerramento. Estas pedras cortábanse en tamaños que oscilaban entre os 30 x 40 x 60 cm e os 40 x 50 x 80 cm, se ben encontráronse pezas de ata 2 m de lonxitude.[62] Posto que o acabado da laterita é excesivamente tosco, os hocos practicados en muros deste material rematábanse con arenisca. Moitos arqueólogos están convencidos de que os paramentos de laterita que hoxe están ao descuberto deberon estar guarnecidos con estuco, e probablemente tamén pintados.[64]

Tamén se documentou o emprego de madeira nalgúns teitos do templo, así como tellas cerámicas e de chumbo.[64]

Como norma habitual, os baixorrelevos que decoran as paredes do templo non se engadían con posterioridade, senón que se esculpían in situ directamente sobre a rocha do templo, como testemuña o templo inacabado de Ta Keo, onde se aprecia a volumetría xa rematada das torres, aínda que nunca chegaron a ser esculpidas.

Cuberta en falsa bóveda na zona de Angkor.

A morfología dos templos khmeres está indubidablemente condicionada polo seu descoñecemento da técnica do arco. Como consecuencia desta desvantaxe, o khmeres non puideron construir espazos interiores suficientemente amplos, e a súa arquitectura componse de espazos exteriores e galerías. Tanto as bóvedas como as cúpulas, con forma de flor de loto, construíanse mediante o sistema de falsa bóveda, aproximando lixeiramente de forma escalonada as sucesivas ringleiras dos muros, ata conseguir un falso arco, mais con doelas horizontais. As galerías máis estreitas, debido ao seu reducido tamaño, non precisaban de contrafortes. Debido tamén á súa pequena dimensión, nestes corredores era habitual esculpir as pedras con forma curva para conseguir o efecto de bóveda. Non ocorría así nas galerías máis grandes, que deixaban as pezas con forma prismática. Estas galerías de maior dimensión evitaban o emprego de contrafortes dispoñendo corredores paralelos máis baixos, teitados cunha media bóveda que conseguía un efecto similar aos sistemas de arbotantes e contrafortes das igrexas pétreas occidentais. No caso das cúpulas, moi verticais, é o propio peso das mesmas o que consigue evitar o emprego de contrafortes, ao verticalizar a suma de tensións directamente cara o chan.

Segundo investigacións modernas, o gran lago perimetral cumpría tamén unha función estrutural: el clima monzónico da zona, cunha marcada época de choivas e unha época seca, xeraba grandes movementos no solo, que a medida que avanzaba a estación seca ía contraéndose pola perda de auga. Estes movementos anuais terminaban por arruinar os alicerces dos templos, provocando afundimientos e colapsos nas estruturas. A presencia dun gran lago, que nunca chega a secar na estación seca, permite que o solo do templo permaneza estable durante todo o ano, evitando así os problemas coa cimentación.[11]

Turismo[editar | editar a fonte]

Vista do templo central dende o interior do recinto exterior.

Despois da relativa normalización da situación política de Cambodja, Angkor e o seu templo principal, Angkor Wat, convertéronse nun importante destino turístico: o complexo recibiu 561 000 turistas en 2004, 677 000 en 2005, e cerca dun millón de turistas en 2008.[1] Para evitar o desgaste producido pola masiva afluencia de turistas, e tamén con obxecto de previr o vandalismo, estanse comezando a protexer e a acondicionar algunhas zonas do templo especialmente delicadas. Aínda así, poucos monumentos na actualidade poden ser observados tan libremente coma os de Angkor. Entre as iniciativas que permiten diminuír a presión de visitantes no templo estánse a barallar opcións como establecer distintos percorridos alternativos, ou iluminar o templo con luz artificial para poder prolongar o horario de visita despois da posta do sol.[65]

A causa do incremento na afluencia de turistas a Angkor Wat durante as últimas décadas, a UNESCO e o seu Comité Internacional para a Defensa e o Desenvolvemento do Lugar Histórico de Angkor (ICC), xunto con representantes do Goberno Real e do APSARA, organizaran seminarios para debatir o concepto de «turismo cultural». Co obxectivo de evitar o turismo comercial masivo, os seminarios enfatizaron a importancia de proveer aos visitantes de aloxamento e servizos de alta calidade para que o goberno cambodjano se puidera beneficiar económicamente, sen deixar de lado a presenza da cultura do país. En 2001, todo isto deu como resultado o concepto da "Cidade Turística de Angkor", que habería de ser desenvolvida seguindo as características da arquitectura tradicional khmer, debería contar con instalacións de ocio e turísticas, así como hoteis de luxo nos que se puideran aloxar grandes cantidades de turistas.[66] No Foro de Turismo ASEAN de 2012, chegouse a un acordo para declarar Borobudur e Angkor Wat como lugares irmandados, e as súas respectivas provincias como provincias irmás. Dúas aeroliñas indonesias están a considerar inaugurar un voo directo dende Yogyakarta (Indonesia) a Siem Reap.[67]

Aínda que o 28% dos ingresos por turismo revirten en labores de conservación e restauración, aínda a maior parte dos traballos de mantemento son financiados con fondos extranxeiros.[68]

O templo de Angkor Wat tamén ten servido de escenario para varios filmes, como Lara Croft: Tomb Raider (2001), In the mood for love (2000), a francesa Deux frères (2004) ou a serie coreana Iris 2 (2013).

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Toledano, Ruth (23 de marzo de 2008). «Camboya, templos de esperanza» (en español). El País. Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  2. «Map reveals ancient urban sprawl» (en inglés). BBC. Consultado o 4 de xullo de 2015. 
  3. (Albanese, 2006, p. 150)
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 «Angkor Vat» (en inglés). APSARA. Consultado o 4 de xullo de 2015. 
  5. 5,0 5,1 {{Cita Harvard|Freeman|2003|p=52
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 «Angkor Wat History» (en inglés). OurWorldWonders.com. Consultado o 4 de xullo de 2015. 
  7. Cambodian-Canadian Community in Calgary, ed. (2005). «Brief_Presentation» (PDF) (en inglés). Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  8. Instituto Budista, ed. (1966). Chuon Nath Khmer Dictionary (en inglés). Phnom Penh. 
  9. Headley, Robert K. et al. (1977). Catholic University Press, ed. Cambodian-English Dictionary (en inglés). 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 huntingtonarchive.osu.edu (ed.). «Angkor Wat» (en inglés). Consultado o 19 de xuño de 2015. 
  11. 11,0 11,1 Kelly Mcclughan, Sally Aitken, James Wilkes (2008). Angkor Wat (docmental). Estados Unidos1EE.UU.: National Geographic. 
  12. 12,0 12,1 12,2 (Albanese, 2006, p. 151)
  13. (Behnke, 2008, p. 20)
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 «Cambodia, Siem Reap The Kingdom Of Angkor» (en inglés). Bayon Pearnik. Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  15. (Freeman, 2003, p. 12)
  16. 16,0 16,1 (Freeman, 2003, p. 13)
  17. (Freeman, 2003, pp. 8-13)
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 «Angkor Wat: la octava maravilla» (en español). moleskinearquitectonico.blogspot.com. 12 de decembro de 2007. Consultado o 19 de xuño de 2015. 
  19. «Angkor “killed by climate change”» (en inglés). The Southeast Asian Archaeology Newsblog. 7 de marzo de 2010. Consultado o 19 de xuño de 2015. 
  20. Dumarçay, Jacques; Royère, Pascal (2001). Cambodian architecture: eighth to thirteenth centuries (en inglés). 12 (parte 3). Leiden. p. 149. ISBN 90-04-11346-0. Consultado o 19 de xuño de 2015. 
  21. «Angkor Wat, Angkor Thom y Ta Prohm» (en español). viajeros.com. 4 de novembro de 2009. Consultado o 19 de xuño de 2015. 
  22. 22,0 22,1 Indochina Mon Amour, ed. (17 de agosto de 2009). «Os primeiros a chegar a Angkor Wat» (en portugués). Consultado o 19 de xuño de 2015. 
  23. 23,0 23,1 Behnke, Alison (2009). Twenty-First Century Books, ed. Angkor Wat. Unearthing Ancient Worlds (en inglés). Minneapolis. ISBN 978-0-8225-7585-6. Consultado o 19 de xuño de 2015. 
  24. 24,0 24,1 24,2 (Albanese, 2006, p. 70)
  25. (Higham, 2001, pp. 1-2)
  26. 26,0 26,1 (Freeman, 2003, p. 40)
  27. (2008,, p. 12)
  28. (Behnke, 2008, p. 13)
  29. «Jean COMMAILLE» (en francés). angkor.wat.online.fr. Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  30. 30,0 30,1 (Freeman, 2003, p. 41)
  31. «APSARA. Authority for the Protection and Management of Angkor and the Region of Siem Reap» (en inglés). APSARA. Consultado o 20 de xaneiro de 2015. 
  32. «Sophia Asia Center for Research and Human Development Projects» (en inglés). APSARA. Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  33. (Freeman, 2003, p. 42)
  34. 34,0 34,1 34,2 Ciochon, Russell; James, Jamie (14 de outubro de 1989). «The battle of Angkor Wat: Cambodia's national symbol» (en inglés). New Scientist. Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  35. «German Apsara Conservation Project» (en inglés). LonelyPlanet.com. Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  36. «Conservation: The war on the microbiological front» (en inglés). The Southeast Asian Archaeology Newsblog. Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  37. (2003,, pp. 42-43)
  38. «Heritage: Angkor's role in the search for a lost unity» (en inglés). UNESCO. 28 de maio de 2002. Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  39. (Freeman, 2003, p. 31)
  40. (Freeman, 2003, p. 25)
  41. (Albanese, 2006, p. 54)
  42. (Albanese, 2006, p. 42)
  43. (Freeman, 2003, pp. 23-24, 31)
  44. (Freeman, 2003, p. 23)
  45. (Freeman, 2003, p. 48)
  46. (Freeman, 2003, p. 235)
  47. (Albanese, 2006, p. 152)
  48. 48,0 48,1 (Albanese, 2006, p. 155)
  49. (Albanese, 2006, p. 168)
  50. (Freeman, 2003, p. 51)
  51. (Albanese, 2006, p. 170)
  52. 52,0 52,1 (Albanese, 2006, p. 172)
  53. (Freeman, 2003, p. 22)
  54. (Freeman, 2003, p. 54)
  55. (Freeman, 2003, p. 28)
  56. (Albanese, 2006, pp. 156-157)
  57. (Albanese, 2006, p. 157)
  58. (Freeman, 2003, p. 50)
  59. (Freeman, 2003, p. 27)
  60. 60,0 60,1 Varios. «Angkor». Encyclopaedia Britannica (en inglés). 2 (Parte 1) (11ª ed.). Project Gutenberg. Consultado o 4 de xullo de 2015. 
  61. (Freeman, 2003, pp. 54-67)
  62. 62,0 62,1 62,2 (Albanese, 2006, p. 52)
  63. Time Life Lost Civilizations series: Southeast Asia: A Past Regained. 1995. pp. 67–99,116,117,132,133. 
  64. 64,0 64,1 (Freeman, 2003, p. 29)
  65. «Angkor y la factura de la luz». El País (en español). 5 de setembro de 2009. Consultado o 14 de enero de 2010. 
  66. Winter, Tim (2007). «Rethinking tourism in asia». Annals of Tourism Research 34: 27. 
  67. «Borobudur, Angkor Wat to become sister sites». Jakarta Post (en inglés). 13 de xaneiro de 2012. Consultado o 4 de xullo de 2015. 
  68. Choulean, Ang (13 de outubro de 2000). Preserving Angkor (en inglés). (Entrevista). Consultado o 4 de xullo de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Angkor Wat

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Albanese, Marilia (2006). White Star Publishers, ed. The treasures of Angkor (en inglés). Vercelli. p. 287. ISBN 88-544-0117-X. 
  • Behnke, Alison (2008). Twenty-First Century Books, ed. Angkor Wat (Unearthing Ancient Worlds) (en inglés). Minneapolis. p. 80. ISBN 978-0822575856. 
  • Briggs, Lawrence Robert (1951 (reimpresión de 1999)). White Lotus, ed. The Ancient Khmer Empire (en inglés). ISBN 974-8434-93-1. 
  • Forbes, Andrew; Henley, David (2011). Cognoscenti Books, ed. Angkor, Eighth Wonder of the World (en inglés). Chiang Mai. ASIN B0085RYW0O. 
  • Freeman, Michael (2003). River Books, ed. Ancient Angkor (en inglés). Bangkok. p. 240. ISBN 974 8225 27 5. 
  • Higham, Charles (2001). The Civilization of Angkor (en inglés). Phoenix. ISBN 1-84212-584-2. 
  • Higham, Charles (2003). Art Media Resources, ed. Early Cultures of Mainland Southeast Asia (en inglés). ISBN 1-58886-028-0. 
  • Hing Thoraxy. Achievement of "APSARA": Problems and Resolutions in the Management of the Angkor Area.
  • Jessup, Helen Ibbitson; Brukoff, Barry (2011). River Books, ed. Temples of Cambodia - The Heart of Angkor (Hardback) (en inglés). Bangkok. ISBN 978-616-7339-10-8. 
  • Petrotchenko, Michel (2011). Amarin Printing and Publishing, ed. Focusing on the Angkor Temples: The Guidebook (en inglés) (2ª ed.). p. 383. ISBN 978 616 305 096 0. 
  • Ray, Nick (2002). Lonely Planet guide to Cambodia (en inglés) (4ª ed.). ISBN 1-74059-111-9. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Modelo:Patrimonio da Humanidade en Cambodja