Mesquita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mesquita no Afganistán, destacando a cúpula e o minarete.
Mesquita de Solimán en Istambul

A mesquita é un lugar de culto para os seguidores da fe islámica. Os musulmáns con frecuencia refírense á mesquita con o seu nome árabe: masjid (pl. masajid) (en caracteres árabes: مسجد — pronunciado mæsʤıd). O termo mesquita, na maioría das linguas occidentais, acostuma designar calquera tipo de edificación dedicada polo islam ao culto, aínda que en árabe distínguese entre a mesquita menor, de propiedade privada a miúdo, e a grande mesquita, ou "colectiva": jami ou masjid jami (جامع), que posúe espazos comunais e sociais.

Un dos seus elementos é o minarete, unha torre elevada, no cume da cal o sacerdote exhorta os fieis da comunidade ás oracións, cinco veces ao día, voltados na dirección de Meca, conforme os preceptos do Alcorán.

A primeira mesquita foi a casa do profeta Mahoma en Medina, unha cidade ao norte da Meca, na cal os seguidores de Mahoma realizaron un retiro en 622.

O propósito da mesquita é servir como lugar onde os musulmáns poden reunirse para o rezo ou azalá (salat). Mais, as mesquitas son coñecidas hoxe en todo o mundo pola súa importancia xeral para a comunidade islámica (ummah), tanto como polo seu papel como edificio emblemático da arquitectura islámica. Desenvolvéronse na península arábiga a partir dos espazos ao aire libre que eran a Mesquita de Quba e a Mesquita al-Nabawi no século VII. Actualmente, a maioría das mesquitas posúen traballadas cúpulas, minaretes ou torres, e salas de oración. Non son só o lugar de rezo, senón tamén lugares para aprender sobre o islam ou encontrarse con os compañeiros de fe.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra árabe masjid significa lugar de culto e é un nome derivado do verbo sajada (da raíz "s-j-d," que significa arquearse ou axeonllarse), en referencia á prostración que se realiza durante o rezo (salat). Por outra parte, o vocábulo masjid mesmo, ou polo menos o verbo de que deriva, é un empréstamo do arameo. A voz "m-s-g-d" está atestada en arameo desde o século V a.C., e a mesma palabra rexístrase máis tarde en inscricións nabateas, co significado de "lugar de culto". En aparencia, a palabra aramea significa en orixe "estela; piar sagrado". [1]

Historia[editar | editar a fonte]

Tradición islámica[editar | editar a fonte]

Mesquita en Moshi, Tanzania

Segundo un dito atribuído a Mahoma: "toda a terra é unha mesquita, salvo os cemiterios e os lugares de aseo". Outro dito afirma que "a terra foime doada como lugar de rezo e pura; quenquera entre os homes de miña comunidade, chegada a hora da oración, terá un lugar de rezo e de pureza". Segundo a crenza islámica, a primeira mesquita do mundo foi a Masjid al-Haram, tamén coñecida co nome da Kaaba na Meca, que tería sido edificada por Adán, logo reconstruída por Abraham e o seu primeiro fillo Ismael, por mandato de Deus. A segunda mesquita máis antiga é a mesquita de al-Aqsa, en Xerusalén. Consonte a tradición islámica foi tamén construída por Abraám, pero 40 anos despois; é o terceiro lugar santo do islam, pois cando a viaxe nocturna do profeta, este foi levado primeiro á sagrada mesquita da Meca, e desde aí á mesquita al-Aqsa. Esta indicou primitivamente a dirección da qibla.

A primeira construída no islam foi a mesquita de Quba, en Medina, que debeu ser edificada cando a Héxira ("fuxida") de Mahoma e os seus compañeiros desde A Meca a Medina. Varios días despois de ter comezado a construción da mesquita de Quba, Mahoma tería iniciado a edificación dunha segunda mesquita na mesma Medina, coñecida hoxe como « Masjid al-Nabawi » ou "mesquita do profeta". Segundo a tradición, o emprazamento foi o do lugar da primeira oración do venres efectuada en Medina. Segundo a mesma tradición, rogado polos medinenses para que aceptase varios terreos, Mahoma, para non despezar a ninguén, deixou a súa cabalgadura, Qoçoua, o coidado de determinar o sitio, para o que lle soltou a brida. Foi así como, o animal logo de bastantes voltas, detívose sobre un amplo terreo baleiro sobre o cal se axeonllou. Ese foi o soar no que se ergueu a mesquita de Medina.

Durante a súa estadía na Meca, Mahoma realizou na Kaaba as cinco oracións decote xuntos con os discípulos islámicos e como os árabes non musulmáns efectuaban igualmente os seus ritos. A tribo de Quraych, dominante na Meca, que era responsábel da Kaaba, tentou excluír aos discípulos de Mahoma do santuario. Cando Mahoma regresou á Meca en 630, rompeu os ídolos que había no templo e converteu a Kaaba nunha mesquita. Desde entón foi coñecida como Masjid al-Haram, ou "mesquita sagrada".

A Masjid al-Haram foi sensibelmente agrandada no curso dos séculos para facilitar o Hajj, ou peregrinación que todo musulmán debe realizar se ten capacidade para facela. A primeira ampliación foi acometida nos inicios do islam, so o goberno do califa Umar ibn al-Khattab, adquirindo a súa forma actual en 1577, durante o reinado do sultán Selim II. Ampliación máis modernas foron executadas durante o reinado da actual familia real saudí Al-Saud.

Difusión[editar | editar a fonte]

Foron construídas mesquitas fora da península arábiga ao compás dos desprazamentos dos musulmáns, a través das conquistas, do comezo e das fluxos migratorios.

A primeira mesquita coñecida de China foi construída baixo a dinastía Tang, durante o século VIII, en Xi’an. A mesquita de Xi'an, ao contrario das do Leste do país, segue modelos da arquitectura chinesa tradicional das pagodes, carecendo de certos elementos propios das mesquitas do resto do mundo e, mesmo, dos da China occidental.

O grande espallamento das mesquitas na India remonta ao período do Imperio mogol, nos séculos XVI e XVII. Os mogois introduciron o seu propio estilo arquitectónico, salientando as cúpulas aguzadas de forma estirada, como na Jama Masjid de New Delhi. Mais a primeira mesquita edificada na India foi a mesquita Qûtb Minâr en 1193[2]

As primeiras mesquitas do imperio Otomán, como a Hagia Sophia de Istanbul, orixináronse en igrexas ou catedrais do Imperio bizantino. Mais os otomanos crearon unha nova arquitectura para as mesquitas. Grandes cúpulas centrais, minaretes múltiples e fachadas abertas. Os arquitectos otomanos refinaron a concepción das columnas, os teitos foron elevados máis, mesmo aínda conservando os elementos tradicionais como o mihrab. Encóntranse até hoxe en Turquía mesquitas que testemuñan o modelo otomano.

Comezouse a construír mesquitas en Europa despois da islamización de gran parte da Península Ibérica a comezos do século VIII; e moito máis tarde, desde o século XIV, nos Balcáns, a raíz da expansión otomana. Máis o maior impulso aconteceu nas décadas recentes debido ao acrecentamento do fluxo migratorio procedente de países musulmáns. As principais cidades europeas, como Roma, Londres, París ou Madrid, contan hoxe con mesquitas dotadas dos elementos tradicionais, tal cúpulas e minaretes, ademais de servir como centros sociais, relixiosos e comunitarios para os numerosos musulmáns que habitan nelas. Así mesmo atópanse mesquitas máis pequenas en zonas suburbanas e rurais naquelas rexións europeas nas que viven comunidades islámicas. A primeira mesquita levantada en solo francés foi a mesquita Noor-e-Islam, sita en Saint-Denis de la Réunion, inaugurada en 1905; a seguinte foi a Grande Mosquée (Grande Mesquita) de París en 1922. Porén, en Bélxica, até 1975 non se organizaron as primeiras mesquitas.

Nos Estados Unidos de América, as primeiras mesquitas non apareceron até inicios do século XX, sendo a primeira das construídas á de Cedar Rapids, a fins dos anos 1920. A metade das existentes na actualidade fórono desde 1980.

Reconversión de lugares de culto[editar | editar a fonte]

A reconversión dun lugar de culto dunha relixión en lugar sagrado para outra é algo ben coñecido historicamente, o que tamén aconteceu na historia do islam, ao longo da cal diversos sitios, onde se practicaban cultos doutras relixións, foron convertidos en mesquitas.

Un dos máis antigos exemplos é o da Kaaba, que era un lugar de culto pagán, no que figuraban 360 ídolos, que Mahoma fixo desaparecer, converténdoa no lugar máis sagrado do islam. Fora de Arabia, a mesquita Al-Aqsa, o terceiro dos lugares santos do islam, foi edificada sobre o Monte do Templo, sitio onde se erguía o Segundo Templo de Xerusalén, que é, aínda hoxe, considerado polos xudeus un lugar sagrado. Varios séculos máis tarde, cando os otomanos tomaron Constantinopla, en 1453, reconverteron case todas as igrexas, mosteiros e capelas da cidade, incluíndo a basílica de Hagia Sophia, na que ocultaron con xeso os mosaicos, que contiñan representacións figuradas, que o islam prohibe, e mesmo engadiron catro grandes minaretes. Varias décadas logo, en 1528, o soberano mogol Babur fixo construír unha mesquita en Ayodhya, na India, sobre o lugar no que, segundo o hinduísmo, tivera lugar o nacemento do deus Rāma. Ameazas de extremistas hindús levaron ao derrubamento desa mesquita en 1992.

Por contra, tamén as mesquitas pasaran a ser reconvertidas en santuarios doutras relixións, como foi o caso da Península Ibérica ao longo da Reconquista. Así a catedral de Sevilla levántase sobre o emprazamento da anterior mesquita almohade, conservándose o seu minarete, con diversos engadidos, como campanario: é a Giralda. Casos semellantes sucederan na Europa suroriental e máis na India.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hillenbrand, R. Masdjid. I. In the central Islamic lands. P.J. Bearman, Th. Bianquis, C.E. Bosworth, E. van Donzel and W.P. Heinrichs. ISSN 1573-3912. 
  2. Indian mosques: From vandalism to architectural marvels ,New Kerala (consulté le 2 décembre 2006)