Follas novas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Follas novas
Follas novas 1880 Rosalía Castro de Murguía.pdf
Texto completo, en pdf.
Título orixinal Follas novas
Autor/a Rosalía Castro de Murguía
Orixe A Habana, Cuba
Lingua galego
Xénero(s) poesía
Editorial La Propaganda Literaria
Data de pub. 1880
Páxinas 272
Precedido por El caballero de las botas azules
Seguido por El primer loco

Follas novas é un poemario en lingua galega de Rosalía de Castro, publicado por vez primeira en 1880, editado por La Propaganda Literaria de Alejandro Chao na Habana, Cuba, e impreso en Madrid.[1]

Rosalía concibiu nun comezo este poemario como unha continuación de Cantares gallegos: O 50% dos poemas de Follas novas teñen afinidade co texto publicado en 1863,[Cómpre referencia] mentres que o resto das composicións presentan un diferente espírito poético motivado polo afastamento da terra, as desgrazas familiares e as doenzas físicas e morais. Estamos, xa que logo, ante unha poética que afonda nos sentimentos, na saudade e que ten frecuentemente, por horizonte, a fronteira do propio ser:

En todo estás e ti es todo
pra min e en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.

Estrutura[editar | editar a fonte]

Dedicatoria.

É unha compilación de poemas ordenados sen un criterio claro. O libro preséntasenos estruturado en cinco seccións:

  • Vaguedás.
  • Do íntimo.
  • Varia.
  • Da terra.
  • As viúdas dos vivos e dos mortos.

A obra ten unha organización formal pouco elaborada ó comparala con Cantares gallegos, se ben a súa amplitude temática e a diversidade dos seus textos lle confire maior universalidade. A colección de poemas resulta sumamente irregular desde unha perspectiva estrutural porque:

  • En Vagedás e Do íntimo, e en parte de Varia achamos textos intimistas de índole subxectiva mentres que, no resto, os poemas, sen perder autenticidade, sen esquecer unha actitude persoal, vivencial e reflexiva denuncian a inxustiza social e analiza as súas causas.
  • Varia, que participa dos dous grupos, está composta por poesía subxectiva e obxectiva ou colectiva.
  • A extensión de cada parte do libro é diferente: Da terra consiste só en nove poemas, así a todo, Varia achega máis de corenta.

Poesía subxectiva[editar | editar a fonte]

Imaxe alegórica de Rosalía, cun exemplar de Follas novas.

Os textos subxectivos de Follas novas poderían pertencer á escola xermánica (composicións breves, de estilo sinxelo, espontáneas, impresionistas, intimistas e suxerentes), da cal é representante Bécquer. Mais a lírica de Rosalía é diferente da becqueriana, Rosalía afástase do sentimentalismo para facilitarnos, mediante a introspección, a súa vida radical, angustiada e pesimista; a procura do sentido da existencia.

Vaguedás vén ser unha "Arte poética" relativa ós vencellos entre poesía e vida:

Follas novas, risa dáme
ese nome que levás,
[...]
Non "follas novas"; ramallo
de toxos e silvas sós:
irta, como as miñas penas;
feras como a miña dor.
Sen ulido nin frescura,
bravas magoás e ferís...

En Do íntimo e nos poemas subxectivos de Varia predomina a saudade e a alienación:

...xa non sentín máis tormentos
nin soupen qué era delor;
soupen só que non sei qué me faltaba
en donde o cravo faltou,
e seica, seica tiven soidades
daquela pena... ¡Bon Dios!

Poesía obxectiva[editar | editar a fonte]

Libro II "¡Do íntimo!" nun monumento en Lugo.

Nace co precedente de Cantares Gallegos, pero o feito de seren poemas e non glosas, xunto coa presenza dunha Rosalía máis madura, provoca un eu poético moito máis reflexivo que afonda na inxustiza social procurando penetrar no corazón dos seus semellantes dun xeito vivencial.

Estamos ante poesía comprometida, cívica; mais nunca panfletaria. A denuncia xorde como sentimento, é pura sensibilidade. O mundo que rodea a Rosalía é unha extensión do seu propio corpo.

Libro III "Varia": N'a tomba d'o xeneral ingles Sir John Moore na Coruña.

Libro III: Varia[editar | editar a fonte]

Existen diferentes tipos de composicións:

  • En primeiro lugar, as que están na liña de Cantares. Inda que algunhas ("Vamos bebendo") acadan unha tan perfecta caracterización de tipos que, a pesar de nos presentar aparentemente simples escenas populares, provocan que o lector se sinta afectivamente afectado polas penurias duns seres tridimensionais de enorme actualidade.
  • Logo, as composicións subxectivas que parecen partir dun desexo de lirismo puro e dunha introversión por veces agoniante.
  • Por último, os poemas de denuncia, de abandono social, que Rosalía declara preferir:
...aquelas outras que [...] espresan as tribulaciós dos que, uns tras outros, e de distintos modos, vin durante largo tempo sofrir ó meu arredore. E ¡sófrese tanto nesta querida terra galega! Libros enteiros poideran escribirse falando do eterno infortunio que afrixe ós nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente de traballo no noso país.

Era unha ousadía dicir isto en 1880. E inda máis se pensamos que o contido deste prólogo (no seguinte apartado extraemos un anaco) perfila o problema social de Galicia que Rosalía consideraba máis grave: a emigración.

Libro IV: D'a terra[editar | editar a fonte]

Algúns poemas de "Da terra", como "Miña casiña, meu lar", "Tanto e tanto nos odiamos", "A probiña que está xorda", "Xan" ou "Soberba", son unha prolongación de Cantares. Composicións que, desbordando ledicia, sen ser glosas, achegan costumes populares.

Os demais dos textos desta sección, aínda que podendo ser narrativos ("O encanto da pedra chan") e a pesar de teren o cerne da paisaxe e da cultura, están marcados cun evidente lirismo subxectivo.

Libro V: "As viudas d'os vivos e as viudas d'os mortos", epígrafe V, en Padrón.

Libro V: As viudas d'os vivos e as viudas d'os mortos[editar | editar a fonte]

"As viudas d'os vivos e as viudas d'os mortos" é unha plasmación panorámica da emigración galega desde a perspectiva da muller:

Cando nas súas confianzas estas pobres mártires se astreven a decirnos os seus secretos, a chorar os seus amores, sempre vivos; a doerse das súas penas, descóbrese nelas tal delicadeza de sentimentos, tan grandes tesouros de tenrura (que a inteireza do seu carácter n'é bastante a mermar), unha abnegación tan grande, que sin querer sentímonos inferiores a aquelas oscuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos maravillosos por sempre iñorados, pero cheos de milagres de amor e de abismos de perdón. Historias dinas de ser contadas por millores poetas do que eu son, e cuias santas armonías deberan ser expresadas cunha soia nota e nunha soia corda: na corda do subrime e na nota do delor. Anque sin forzas pra tanto, tentéi algo deso, sobre todo no libro "As viudas dos vivos e as viudas dos mortos"; mais eu mesma conoso que non acertéi a decir as cousas que era menester.

Rosalía sufriu as mesmas dores que sufriron as súas mulleres galegas. Rosalía falou por todas. Unha muller introvertida, que se ve atravesada por unha longa e negra sombra de saudade, ten valor para apartar da súa vista o seu íntimo horror e mirar para o pavor vital, para a escasa calidade de vida que teñen os demais nese país esquecido da man dos homes que é Galicia.

Métrica[editar | editar a fonte]

En Follas Novas conflúen tres tendencias métricas:

  • A romántica (caracterizada pola polimetría e as combinacións múltiplas).
  • A popular
  • A de experimentación persoal: Follas Novas distínguese pola innovación métrica, por unhas combinacións métricas inusitadas ("Unha vez tiven un cravo", "Cada noite eu chorando pensaba"...), formas estróficas flexibles, asonancia irregular, agrupacións libres de versos e combinacións varias: de octosílabos e hendecasílabos, de octosílabos e alexandrinos, de decasílabos con dodecasílabos,...

Just when I think you have fled,
black shadow that overshadows me,
you return to my bedside
to mock me.

Just when a think you are gone,
I see you in the very sun-
you are the lustrous star,
you are the mormouring wind.

—O principio da "Negra sombra" de Follas
Novas na versión de Anna-Marie Aldaz.[2]

en Follas novas vese:

  • A predilección de Rosalía pola asonancia.
  • O romance (case a metade das poesías de Follas Novas utilizan o romance: "Foi a Pascoa enxoita")
  • A silva arromanzada
  • A seguidilla ("Vamos bebendo")
  • O ritmo de muiñeira ("A xustiza pola man").
  • A combinación de hendecasílabo e heptasílabos, que tamén adoita a formar unha silva arromanzada. Aparece en máis da cuarta parte dos poemas ("Ca pena ó lombo", "Terra a nosa"...). Por último,

Significación[editar | editar a fonte]

A pesar de ser Follas novas unha obra de inaudito valor literario e humano, o verdadeiramente insólito é que Rosalía compuxese os seus sentimentos e reflexións sociais nunha lingua tida por dialectal, por flagrante exemplo da incultura dun pobo. Se Rosalía consagrara en Cantares gallegos o galego para a lírica popular, elabora neste poemario unha poesía universal, sen fronteiras, pero galega, e na lingua dun país daquela recóndito. Carvalho Calero, en Historia da literatura galega contemporánea (p. 145), di:

[Con Rosalía] a viabilidade da poesía galega ficaba experimentalmente demostrada [...] é Rosalía a figura máis representativa da nosa literatura.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Neira Vilas (2013), p. 189: "Como é sabido, Follas novas foi editado na Habana por Chao, co selo editorial de La Propaganda Literaria. Imprimiuse en Madrid e por iso algúns críticos sinalan que alí foi onde se editou. Erróneo. Hai anos polemizamos a distancia ó redor disto. A cuestión é sinxela: a casa matriz editora radicaba na capital de Cuba; tiña unha sucursal en Madrid que se ocupaba, fundamentalmente, de publica-la mencionada revista, dirixida por Murguía. Por razóns técnicas (prezo de impresións, condicións de pagamento ou o que fose), Chao encargoulle o traballo a unha imprenta madrileña, como podería encargarlla a calquera outra de calquera lugar, o que non modifica en absoluto o nome nin a sede da editorial…"
  2. Aldaz, Anna-Marie et al. (1991). Poems / Rosalía de Castro. State University of New York Press. p. 216. ISBN 0-7914-0582-6. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]