Las literatas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Las literatas
Las literatas. Rosalía Castro de Murguía 1865. Almanaque de Galicia para 1866.pdf
Almanaque de Galicia para 1866, Lugo.
Título orixinal"Las literatas"
Autor/aRosalía de Castro
OrixeGalicia
LinguaLingua castelá
Tema(s)as mulleres escritoras
Xénero(s)ensaio epistolar
EditorialImprenta de Soto Freire
Data de pub.1865
Formatoartigo
Páxinas3
Precedido por"El cadiceño"
Seguido porRuínas

"Las literatas" é un artigo escrito en 1865 por Rosalía de Castro e publicado en Lugo dentro do Almanaque de Galicia para uso de la juventud elegante y de buen tono para 1866.[1] O texto é un ensaio en forma de carta ficticia escrita en nome de Nicanora que vai dirixida a outro personaxe de nome Eduarda, tal e como indica o subtítulo "Carta a Eduarda". A autora publica esta carta cunha nota ao final explicando que cando paseaba polas aforas da cidade atopou un maletín que contiña esta carta e dada a analoxía que hai entre quen a escribiu e ela, decidiu publicala. O máis probable é que optase por esta solución de distanciamento para non verse inmersa nunha polémica por defender que unha muller puidese ser escritora. Ademais escolle o xénero epistolar, que fai aumentar o realismo, xa que era común que se escribisen entre mulleres acomodadas e cultivadas para compartir e debater os seus coñecementos e preocupacións.

Contido[editar | editar a fonte]

A carta, escrita en nome de Nicanora, aconsella á súa amiga Eduarda que abandone o seu afán de escribir e publicar alegando certos aspectos da vida social da época que impiden o bo ver das mulleres lectoras e escritoras. O primeiro punto a observar é o feito de que hai tantos escritores que non fan falta máis. Isto pode ser polo contexto social do século XIX, unha época na que as mulleres empezan a escribir, creando unha explosión de literatura escrita por mulleres, tendo en conta a gran cantidade que xa supuñan as publicacións masculinas. Con todo, as mulleres non tiveron a posibilidade de escribir sen censura, xa que se esperaba delas sobre todo literatura sentimental e, en ningún caso, literatura social ou política.[2] Aínda que houbo moitas mulleres románticas que escribían, moitas delas tiveron problemas ao non ser aceptadas pola sociedade, pola mala fama que tiña.

Obras completas, da ed. Aguilar.

O texto continua cunha anécdota que lle ocorreu a Nicanora na que fala do barbeiro do seu marido a quen a cociñeira gaba sen ser máis que un parvo que se atreve a escribir un libro e polo ao mesmo nivel da boa literatura. Isto leva á autora da carta a romper as súas obras pola perda da fe que tiña posta na escritura. Máis tarde utiliza esta mesma anécdota para sinalar que para ser un escritor mediocre como o barbeiro non fai falta ser escritor en absoluto, aínda que só sexa para ter un pouco de respecto ao orgullo literario. Aquí introduce que a idea de ser muller no mundo literario só serve para que se burlen dunha mesma, xa que nada do que faga unha muller escritora pode resultarlle beneficioso. Se cala, acúsaselle de tímida e mediocre conversadora. Se fala, só busca chamar a atención. Se tenta pasar desapercibida, seguramente a tomen por tola. A marxinación das mulleres literatas vén, principalmente, da idea de que unha muller ten que servir para contentar o home e a muller intelectual non pode satisfacer esta demanda porque a muller que escribe descoida as súas obrigacións domésticas, que son a súa principal responsabilidade. Esta é unha razón máis para impedir a culturización das mulleres, pero realmente o problema é que o home sente que os campos intelectuais que durante séculos foron exclusivos del, agora sofren unha intrusión que ameaza con roubarlle esa posición de superioridade. Isto repercute, non soamente na muller escritora senón tamén na lectora, á que se lle veta a admisión en bibliotecas co pretexto de que a muller cre todo aquilo que le e iso podería levala a facer cousas que non son moralmente aceptables e até poden chegar a converterse en libertarias.[3]

Nicanora continua explicando que se un marido valora o talento da súa esposa e respéctalle o desexo de escribir, entón nada do que ela escriba seralle recoñecido da súa pluma, e marido e muller terán que soportar burlas e insultos, o por querer presumir de ter unha muller poetisa ou novelista, e ela por ser egoísta e obrigar ao seu marido a escribirlle cousas que a farán “inmortal”. A autora conclúe que estes agravios son provocados pola crúa envexa daqueles que non poden soportar que unha muller demostre ter o mesmo ou mesmo superior capacidade intelectual que eles. Finalmente, pide a Eduarda que reflexione sobre o desexo de ser escritora porque esta non pode vivir humanamente en paz sobre a terra. Se unha escritora casa cun home vulgar, aínda que sexa el quen a atormente e oprima, para o resto da xente será ela a que o ten sometido e humillado, e o menosprezo que crecerá nel contra ela a ferira e a fara indigna por fallar no deber da muller de honrar e facer digna a vida do seu marido que á vez é a súa.

Amantine Lucile Aurore Dupin, máis coñecida polo pseudónimo de George Sand.

Case todos os termos que se utilizaban para nomear á muller escritora eran despectivos, ou aínda que non o fosen, collían ese sentido. É o caso de “literatas”, “poetisas”, “bachilleras” e “novelistas”. Castro fai seu o alcuño despectivo “literatas” nun xogo parecido ao que atopamos en "Lieders" no que facendo uso da ironía sitúase ao mesmo nivel que os seus iguais masculinos e cando rin dela, ela tamén ri con eles, como estratexia para descolocalos e desvergonzarse. Toda a "Carta a Eduarda" está expresada de forma irónica. Esta ferramenta sérvelle, ademais de para reivindicar as escritoras dunha forma moito máis interesante, para facelo de maneira máis sutil, xa que desde unha lectura recta non se lle pode acusar de incentivar ás mulleres a escribir.

O nome de Jorge Sand aparece dúas veces con funcións diferentes: como referencia á alta literatura e como excepción de escritora feminina.[4] Para Rosalía de Castro, George Sand é unha escritora que non ten que soportar as críticas que habitualmente reciben as mulleres letradas ou poetisas. Trátase dunha excepcionalidade o feito de que esta muller obteña o status de autor, á beira de Victor Hugo, Honoré de Balzac ou Walter Scott e, por tanto, é un dos seus grandes referentes. Sabémolo, tamén, porque aparece o seu nome unhas cantas veces en La hija del mar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Obras completas II. Aguilar. 
  2. Lama 2017.
  3. Mill & Mill 2000.
  4. Masó 2012, p. 69.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]