Do ermo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Do ermo
Autor/aAntonio Noriega Varela
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Poesía
Data de pub.1920
editar datos en Wikidata ]

Do ermo é un libro de poesía de Antonio Noriega Varela, publicado en 1920, que recolle textos do anterior libro Montañesas e tivo posteriores edicións.

Mesmo se pode considerar que Montañesas e Do ermo son sucesivas versións do mesmo libro.

Edicións[editar | editar a fonte]

  • En 1904 publícase Montañesas (que leva un prólogo de Leopoldo Pedreira). Son 16 poemas.
  • En 1910 sae unha segunda edición corrixida e aumentada. Son 53 composicións, doce da anterior edición, da que tamén foron suprimidas catro por non as considerar o autor adecuadas ou decorosas.[1].
  • En 1920, da Imprenta de Antonio Otero sae Do ermo, con dezaoito poemas de Montañesas e trinta novos, en total corenta e oito. Nese mesmo 1920 faise unha reimpresión da obra.
  • En 1929 a Tipografía Centro de Acción Social de Mondoñedo fai unha "Novísima edición aumentada" incorporándose a serie de 21 sonetos.
  • En 1946, pouco antes de morrer Noriega Varela, sae Do ermo. Cuarta edición (a luguesa) aumentada, Imprenta La Voz de la Verdad, que vén sendo como a obra completa do autor. Nesta edición diferenciáronse tres partes: A virxen y-a paisanaxe, Montañesas e Do ermo. A edición inclúe un fragmento dun poema de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, unha carta do poeta saudosista portugués Teixeira de Pascoaes, unhas notas para a interpretación do poeta da autoría de Francisco Leal Insua. Do ermo son agora 102 poemas.
Do ermo na edición da Biblioteca Básica da Cultura Galega.

Fernández del Riego e Carballo Calero consideraron que Noriega Varela é autor dunha única obra, corrixida e aumentada varias veces. Pola contra, Otero Pedrayo e Freixeiro Mato diferencian entre Montañesas e Do ermo tal e como era a intención do autor.[3] Dolores Vilavedra e Xosé Ramón Pena tamén consideran que Montañesas e Do ermo son dous libros de seu, que responden a unha evolución da súa poesía.

Análise[editar | editar a fonte]

Das dúas obras poéticas de Noriega Varela, Montañesas representa o realismo costumista decimónico, con poemas onde louva as tradicións populares e composicións longas de carácter narrativo-descritivo. Do Ermo representa unha liña poética máis depurada, lírica e persoal.[4]

A poesía de Do ermo serve de ponte entre o legado do século XIX e a literatura do século XX. A modernización do código estético vén dada polo coñecemento da poesía portuguesa, por emparentarse co modernismo europeo de Jammes ou Mistral e por ter raíces na poesía clásica de Virxilio, Horacio e Ovidio. Aínda que para Méndez Ferrín Noriega é un poeta mediocre, moitas veces apegado a unha sinxeleza que adoita ser virtude dos poetas misérrimos.[5] Para Freixeiro Mato o libro ten un carácter unitario, potenciado pola constante presenza da montaña e pola actitude lírica do poeta, nunha posición de humildade franciscana, ademais de pola relixiosidade. Hai unha estrutura cronolóxica clara, en paralelo coa biografía de Noriega, como o tránsito da vida á morte.[5]

Hai moitos temas, o lirismo persoal que acolle a morte da nai ou dun fillo. O desprezo da gloria mundana relacionado co menosprezo da vida urbana e o eloxio da vida retirada. Tamén o “tempus fugit” nalgúns sonetos asociado á saudade da mocidade perdida. E a metamorfose (Ovidio) do orballo que se converte en alfaias.[6] Tamén está presente a saudade con citas a Rosalía de Castro. Mesmo hai algúns poemas humorísticos e satíricos dos recollidos despois.

Os dous temas máis citados son o costumismo e o lirismo da natureza.

O Costumismo[editar | editar a fonte]

Hai versos tirados da tradición popular, con indicación ou non da súa procedencia. Están presentes as circunstancias da vida dos labregos, na liña do XIX. O poeta adopta o punto de vista mental dun labrego para enxergar a vida. O poeta fala como labrego, expresando as ideas do montañés na lingua do montañés. Con vizoso realismo son pintadas as troulas da mocidade, as burlas, os rebuldeos e tolemias da xente nova [7]. Hai poemas agrarios que describen a vida rural sen adoptar unha liña revolucionaria ou reformista, senón máis conservadora e reaccionaria. Hai tamén algúns exemplos de poesía social de corte agrarista e anticaciquil, finalmente repudiados polo propio autor que os retirou de sucesivas edicións, poemas que serviron á causa das reivindicacións agrarias.

Moitos dos poemas recollen a relixiosidade dos brañegos, a tradición relixiosa do mundo rural, o cristianismo sinxelo da xente da aldea, coas súas romarías e as súas devocións.

O poeta canta na lingua do montañés as mágoas da súa vida: o pobre que non ten leña para o lume, os cativos que levan o gando ao monte, o vello que garda a vaca que só ten toxo para pacer, a cega que anda polas portas... De aí o seu uso dunha lingua popular de acordo coa súa ideoloxía conservadora e tradicionalista.

O lirismo da natureza[editar | editar a fonte]

Canta os aspectos máis humildes da natureza, contemplada con tenrura polo poeta. Estes poemas caracterízanse pola ausencia de anécdota, neles atópanse sós o poeta e a natureza; Noriega identificábase coa soidade do ermo e denominábaa como unha actitude de tenrura polas cousas máis humildes da paisaxe de montaña. A súa soidade interior non é total, porque ten unha compañeira, a paisaxe do ermo, montañesa, que é o seu agarimo e o seu consolo. O poeta foxe da sociedade humana e refúxiase na natureza da montaña, a soidade do ermo é para el un paraíso. As criaturas máis sinxelas da paisaxe son para el as súas irmás: a chorima, a neve, a carriza, a pucharquiña, a xesta, o orballo. Estes humildes seres convértense en símbolos dunha piedade e tenrura que é, para o autor, o símbolo da verdadeira Galicia.

Son poemas "franciscanos", a súa achega máis orixinal, onde o eu do poeta aparece só, mergullado no medio da paisaxe na procura da estética do máis sinxelo da natureza, na que os seres máis pequenos espertan sentimentos de amor e solidariedade. Mais non están tan achegados ao sentimento da caridade como os de San Francisco. Poemas a un penedo, ao orballo, á flor do toxo están moi próximos a unha lírica franciscana de fraternidade coa natureza [8]. A louvanza da montaña é un verdadeiro “locus amoenus”, onde a súa alma busca refuxio, na liña do “beatus ille” de Horacio. Para Aquilino Iglesia Alvariño Noriega é máis poeta franciscano ca poeta da montaña.[6]

Nestes poemas franciscanos hai versión ao galego ou adaptacións de poetas en español ou doutras linguas, como Teixeira de Pacoaes ou Lamartine. Para Xosé Ramón Pena:

En Noriega Varela o franciscanismo supón a evolución da súa propia poética ou, mellor, do seu cosmo poético-ideolóxico cara a unha percepción máis depurada, cara a unha estilización do mesmo, sen por iso dar en ningún caso nas fileiras da renovación irmandiña ou, moito menos, nesoutras que deseñaban os mozos vangardistas.[9]

Nos poemas posteriores cando escribe para unha minoría ilustrada a lingua que usa xa non é tan rural e colorista, é máis culta e abstracta no que ten moito que ver o seu achegamento ao portugués.

Sonetos[editar | editar a fonte]

Para Carballo Calero os sonetos representan a culminación da lírica de Noriega [10]. Segundo Dolores Vilavedra son o chanzo máis importante da súa produción xa que se combinan moi ben os motivos de inspiración clásica coas da montaña e a súa xente [6]. A súa métrica é algo novo na poesía galega ao romper as combinacións de rimas clásicas. Cambia ás veces as rimas dos cuartetos afastándose da tradición española de esquema uniforme nos dous cuartetos e achegándose aos italianos Dante e Petrarca.

Na edición de 1929 hai 22 sonetos, na edición de 1920 só eran dous. Foron escritos en Trasalba e na Graña de Vilarente baixo a influencia das lecturas de poetas portugueses. É a súa poesía máis literaria e máis culta que nos lembra a Camões, Guerra Junqueiro, Teixeira de Pascoaes ou Eugénio de Castro. A lingua está lonxe da fala rústica de poemas anteriores, o poeta achégase á lingua culta portuguesa e colle moitos cultismos na forma grecolatina, é unha lingua máis culta.

Son franciscanos, inciden na temática anterior pero enmarcándoa dentro do molde métrico do soneto e engadíndolle pinceladas de influencia lusa. Predominantemente son lírica da natureza, franciscanos, o poeta sitúase fronte ao mundo bucólico, do ermo, e exprésao personificándoo en canto, personificación que avanza ás veces en humanización dos elementos.

Contido[editar | editar a fonte]

Edición de 1982.[11]

  • Fale meu bisavó. Longo poema no que se crítica a perda das tradicións galegas.
...
Quezáis alguén non me crea:
os sombreiros de Sevilla
están de moda na aldea,
e non hai bonita nin fea,
que non chufe coa toquilla.
...
A lengua de Rosalía,
rico caudal de harmonía
que prendou a Castelar,
moitos na saben falar,
e os máis non lle teñen pía.[12]
  • Teño amores na montaña. Datado en Trasalba en 1924.
Teño amores na montaña,
teño moza montañesa
que ma deparou un santo
no turreiro dunha festa.[13]
  • De ruada. Poema premiado nun certame literario en Mondoñedo en 1895. Poema longo en tres partes.
  • Déitoos comigo na cama. 8 versos sobre os ranchiños (porquiños).
  • Prás canónigas.
Montañesas, boa sorte
eu adiós non volo digo,
que sempre fun voso amigo,
heivos de olvidar coa morte[14]
  • Á montaña.
...
Non me namora o mar fero,
que a moitos tanto lles gusta,
a ti, montaña, che eu quero,
e non morro, porque espero
gozar da tua paz augusta[15]
  • O demo.
  • Sal dus pomares. 10 versos curtos.
  • Soa a gaita.
  • Pouca mamoria. Sobre Rosenda de Cadeivido e Carmiña de Sisalda, dúas mozas pobres.
  • Caso imprevisto.
  • No enterro de Curros. 10 versos lembrando a morte do poeta.
¡Mala morte mate á morte!
Veu por Curros, viña tola,
e Galicia queda sola
e o Estro Viril sin norte;
...[16]
  • Un vinculeiro. O vinculeiro ten riqueza mais vive coma un pobre.
  • Neniño chamou o gado. 10 versos para a vida dun home que aos dez anos xa chamaba o gando.
  • Esforzadas mulleres. Canto ás mulleres que traballan.
  • Porque é de tan mala entraña... 9 versos.
  • Con ferreñas e pandeiro. Cinco cantares de dúas estrofas cada un.
  • O boi solto... Oito versos sobre o refrán O boi solto ben se lambe.
  • Díxenlle a unha xirifeira... Só 5 versos.
  • Cadro conforme, amigo.... Hai moitas portas cerradas para a pobreza, mais non as do prebiterio nin as da igrexa.
  • Torneo. Dedicado a Nazario Abel Corredoira. Oito versos.
  • Calvos de Randín. Glosa do cantar popular:
Dicen que Calvos é vila
e el é un triste lugar:
coitadiña da meniña
que a Calvos se vai casar[17]
  • Do San Juan de Romariz. Fragmento. Poema longo sobre a romaría do santo en dúas partes.
  • Unha ofrendiña abrileña. Dedicado a María Clotilde Pulpeiro, xentil moza ribeirana.
  • E porque é tan lugués.... Soneto.
  • ¿Luguesas? Tres versos:
¡Luguesas deben de ser:
onde elas lavan a cara
calquera pode beber![18]
  • Cousa bonita. Dúas partes.
  • Pasa un vermiño. Dedicado a Enrique Chao Espina. Seis versos.
  • As froliñas dos toxos. Un dos poemas máis coñecidos do lirismo da natureza en Noriega Varela.
¡Nin rosiñas blancas, nin claveles roxos!
Eu venero as froliñas dos toxos.

Dos toxales as tenues froliñas,
que sorrín a medo entre espiñas.

Entres espiñas que o ceio agasalla
con diamantes as noites que orballa.

¡Oh, do ermo preciado tesouro:
as froliñas dos toxos son de ouro!

De ouro vello son, mai, as froliñas
dos bravos toxales, ¡das devocións miñas!...[19]
  • Pedriña que fala. Os primeiros versos son cita en castelán.
  • Montouto. Tres versos.
  • Diante dos que aturuxan forte.
Diante dos que aturuxan forte
me pranto, e en verso escribo
pra manifestar que vivo
contento coa miña sorte
... [20]
  • Jauja. Cinco versos.
  • Alegría, Madalena... Tres versos.
  • Nosa fala. O brañego eloxia a lingua galega.
  • Pastoriña e reina.
  • Galernazo. Sete versos sobre a galerna en Corme .
  • Prá ufanía das olas. Sete versos.
  • Laberquiña. Canto ao paxaro, á laverca (Alauda arvensis).
  • Brancura. Fala a musa dos píncaros. (píncaro: cume, parte máis alta)
  • Oubea o lobo....
Oubea o lobo xunto á cruz de pedra,
e o Cristo non se arredra,
que xa ó sol posto non está soliño:
dunha luz, luz de verme, se acompaña,
porque aínda hai na montaña
quen lle colma de aceite o faroliño...[21]
  • No carro.
  • Por ser contigo. De Alonso de Bonilla. Poema dialogado.
  • Fresca rosa. Á señora de Belén, en Galdo. Lembra a Nicomedes Pastor Díaz.
  • Desde un esquivo lugar.
  • Cantar montañés. Á señora dos Remedios. Glosa da cantiga popular:
O cantar que a Virxen canta
cando arrola ó seu meniño,
meu carvel, miña rosa,
meu bico de paxariño.[22]
  • Pra que a inerme probeza.
  • En vela. Oito versos.
  • Onda unha fonte. Do P. Vicente Rigueiros.
  • O trono da paz. Dedicado a Ramón Otero Pedrayo.
  • Prá probeza.
  • Selvosos lugares. Seis versos.
  • Festa no monte. Seis versos.
  • Toda humilde belleza. Dedicado a don Purificación de Cora Sabater. Un dos poemas máis coñecidos do libro e representivo do lirismo da natureza.[23]
Vago xirón de brétema, atavío
soberbio da irta xesta, reidora,
fulgurante doíña de rocío
(pazo do sol e lágrima da aurora);

raiola de lunar que bica o río,
flor mareliña que entre espiñas chora,
ou das redes da araña un tenue fío,
toda humilde belleza me namora.

É un vermiño de luz o amigo caro
do meu nume saudoso... Antes reparo
na nudez adorable dunha estrela

que nas rosas dos vales, que sorríen,
que nos mantos dos pinos, que se engríen,
que nas blondas do mar, que se rebela.[24]

Poema comentado en ogalego.eu.

...
A devoción e a delor
sean sempre o seu favor;
O ódio é simplesmente humano
Eu moito venero, e creio
que solamente no ceio
pode haber fala mellor[25]
  • Nus farrapos.
  • Bendito sea Dios.
  • Canción humilde. De Teixeira de Pascoaes.
  • Saben as ilusiós miñas....
Saben as ilusiós miñas
dun carreiriño brañego,
entre orballadas espiñas.[26]
  • Soberbio pazo. Oito versos.
  • O sol e o mar. Catro versos.
  • Ora é unha abedoeira...
  • Na cruz de aquel rosario. Seis versos. Xesús na cruz do rosario.
  • Rarezas.
...
Mais que o secular carballo
prácenme as doas do orballo
e o bico dun paxariño;
un insecto me embelesa,
e aprendo coa montañesa
xente a falar de mansiño...[27]
  • Pombiña brava.
  • Fillo do corazón. Este soneto está composto a imitación dun soneto de Camoens (Alma minha gentil que te partiste) e chora a morte dun fillo. Presenta moitas semellanzas formais con el. É o soneto formalmente máis ortodoxo e tradicional.
  • ¿E no haberá unha rafiña?... Breve poema protagonizado por unha cega que pide esmola.
  • Viveiro, vila alegre. Poema longo que glosa os versos populares:
Santa Marta, vila farta;
vila de Viveiro alegre[28]
  • A miña terra. O poeta declara que a súa terra é a montaña.
  • A xente da montaña. Dedicado a Xulio Lemos. A xente da montaña é a súa xente.
  • Onde a morta. Un vello e unha neta rezan coas mans en cruz no cemiterio.
  • Almiña del Señor... Dedicado á súa filla Carmen. Soneto.
  • É torpe o mar... Catro versos.
  • ¡Bendita sea a luz do día! De Aquilino Ribeiro.
  • É de prata a folerpiña. Catro versos en galego e logo os mesmos parellos en castelán.
É de prata a folerpiña,
de ouro vello a frol da xesta:
ben pode rumbar o monte,
señor de tanta riqueza.[29]
  • En nome de Xesús. No nome de Xesús libera un paxaro dunha gaiola. Oito versos.
  • A saudade. Nota: Tortura, con punzante delicia.
Sol a queima, auga a molla,
e anda a probiña sen guía
buscando quen a recolla
desque morreu Rosalía
...
Ven, de mansiño coa lua...
Dios sabe de onde chega,
Portugal dice que é sua,
e as brétemas que é gallega[30]
  • In conspectu maris. Dedicado a Xulio Sigüenza.
  • A brétema. Dedicado á súa filla Cándida. Soneto.
  • Deixa os armiños de Helvecia... Seis versos.
  • Escalvada montaña... Dedicatoria: Bóveda, Xavier caro...
  • A espiña do verde toxo. Subtitulada: Navideña. Dedicatoria: Pra Xulia Minguillón de Leal Insua, espiritualísima pintora gallega.
  • Popularis aura.
  • O teu ánxel de luz.... Que Deus bendiga a natureza.
  • O musgo. Dedicado a Carlos de Passos. Canto ao musgo que enfeita o nacemento de Xesús.
  • O inverno. Poema longo que relata os problemas do inverno.
  • Primavera. Soneto dedicado ao tempo primaveral.
  • Unha breve pucharquiña... Exemplo de lirismo da natureza.
É unha breve pucharquiña
sobre un enorme penedo
... [31]
  • Pra que un neno serodio... Seis versos.
  • Qué alegre... Dedicado a Xulio Francisco Ogando. Poema protagonizado por un raio de sol.
  • Tua divisa. Soneto. A paisaxe e a relixión.
  • Abrileña. O tempo de abril.
  • Airiños, aires...
  • Levántate, nebra... Seis versos.
Levántate nebra
do bico da serra!
... [32]
  • Auguiña fresca. Soneto.
  • Tanto te escondiche, sol... Seis versos.
Tanto te escondiche, sol,
que a duras penas te vexo
... [33]
  • Musa queiroguenta. Un dos máis coñecidos sonetos do tema do lirismo da natureza.
Pra arredala do seu huraño sino
debalde foi que se xuntase o medo
coa imponente mudez do ermo penedo,
coa queixa vaga do harmonioso pino

A musa queiroguenta que me asiste
da rixidez dos montes está ó cabo,
e ama a flor mareliña, porque é triste
e a presencia do toxo, porque é bravo...

¿Mellor que a lus phebea? ¡Ceio torvo!
¿Antes que o pintasilgo? ¡Negro corvo!
Entre seixos a auguiña que ela bebe,

son breñosos os cimbros donde inverna,
e é unha moza, descalza de pé e perna,
tripando cardos, encarando a neve [34]
  • As casas dos brañegos. Seis versos
  • Como chove miudiño... Soneto.
  • Non sabe a fror... Seis versos. De Lamartine.
  • Exemplares froliñas. Soneto.
  • Na montaña bravía, pai do ceio... Soneto.
...
aló na terra virxen, terra esquiva
donde nunca apareza unha alma viva
(tanto aborrezo tropezar coa xente.[35]
  • Buele, bule. Dedicado: ó meu señor don Antonio Díaz Carreira.
  • Festiña dos breñales. Soneto. A natureza de Trasalba.
  • Teresa Feroo Boo. Tres estrofas de homenaxe.
  • Campeón ferido. Un pobriño enfermo tirado lembra un campeón ferido.
  • A luz que é tua. Soneto. A luz que é túa vén dos ermos inhóspitos da lúa.
  • Elas cantan. Tres versos. As nenas das Coruxeiras.
  • Lembranzas. Soneto. Noites de lúa das Coruxeiras e fiandeiros de Cesuras.
  • Si o filliño chora... A Virxe e o Neno, os rapaciños da aldea.
  • Fastuoso carballo... Soneto. Á súa sombra bailaron as brañegas todo o día.
  • Estrelas. Glosa duns versos en castelán.
  • Ría o pecado...... prenda, querida, nai, miña nai!
  • Santiña... A Virxe dos Remedios.
  • ¿Qué dirán? Que dirán as lindas mozas de Romariz?
  • Remedio caseiro. Dedicatoria: a X. Trapero Pardo, pectore toto. Poemiña dialogado no que aparece Pelúdez, o personaxe criado por Trapero Pardo para as festas do San Froilán de Lugo.
  • San Pedro de Mezonzo e Rosalía. A tenrura saudosa de Rosalía e a vida e dulzura de San Pedro de Mezonzo.
  • Lamas Carvajal. Só cinco versos dedicados a Lamas Carvajal.
"Non enxergaba", dicen... ¡Tolería!
Comparade unha miña poesía
cos versos meigos do Inmortal Labrego,
e habedes confesar que Lamas vía,
e habedes de notar que eu son o cego.[36]
  • Regina pacis. Dedicado a Clotilde Paz López. Composto despois de ler o autor o poema En busca da Paz de Clotilde Paz.
  • Señardá. Escrito despois de publicar Aquilino Iglesia Alvariño un libro co mesmo título.
  • Porque non son profano. Pide que o fausto da virxe natureza sexa pompa fúnebre no seu enterro.
  • O amor que ha de ser meu. Dedicatoria: pra Francisco Leal Insua, meu dilectísimo benfeitor e cofrade. Glosa dun cantar poupular.
  • Ben pola alma.
  • Leite fresco. O poema longo do libro: a natureza, abril, a leiteira, diálogos...
  • Primavera. Dedicatoria: pra Carmiña Prieto Rouco, a enmeigadora poetisa villalbesa. Soneto.
  • Mística. As raioliñas da lúa que entran na ermida.
  • Abrulas. Datado en Trasalba en 1924. (as abrulas son os estralotes ou dedaleiras, digitalis purpurea)
...
non rexeites a grinalda
de coloradas abrulas
que ahí van, pingando a rosada![37]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pena, Xosé Ramón, ed. (2016). Historia da Literatura Galega. De 1916 a 1936 III. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. p. 115. ISBN 978-84-9121--107-5. 
  2. crebas. "Unha lectura de Do Ermo, de Antonio Noriega Varela". crebas.gal. Consultado o 2020-02-07. 
  3. Vilavedra 2000.
  4. "Enciclopedia Historia Literatura Galega". literaturagalega.as-pg.gal. Consultado o 2020-02-07. 
  5. 5,0 5,1 Vilavedra 2000, p. 143.
  6. 6,0 6,1 6,2 Vilavedra 2000, p. 144.
  7. Carballo Calero, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. p. 532. ISBN 84-7154-227-7. 
  8. Carballo Calero 1975, p. 534.
  9. Pena 2016, p. 119.
  10. Carballo Calero 1975, p. 532.
  11. Noriega Varela, A (1982). Do ermo. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Galaxia. ISBN 84-7154-408-3. 
  12. Noriega Varela 1982, p. 7-11.
  13. Noriega Varela 1982, p. 13.
  14. Noriega Varela 1982, p. 24.
  15. Noriega Varela 1982, p. 27.
  16. Noriega Varela 1982, p. 38.
  17. Noriega Varela 1982, p. 50.
  18. Noriega Varela 1982, p. 61.
  19. Noriega Varela 1982, p. 65.
  20. Noriega Varela 1982, p. 68.
  21. Noriega Varela 1982, p. 79.
  22. Noriega Varela 1982, p. 85.
  23. Gutiérrez Izquierdo, Ramón (2000). Lecturas de Nós. Introdución á literatura galega. Xerais. p. 238. 
  24. Noriega Varela 1982, p. 93.
  25. Noriega Varela 1982, p. 73.
  26. Noriega Varela 1982, p. 99.
  27. Noriega Varela 1982, p. 104-105.
  28. Noriega Varela 1982, p. 109.
  29. Noriega Varela 1982, p. 121.
  30. Noriega Varela 1982, p. 123.
  31. Noriega Varela 1982, p. 140.
  32. Noriega Varela 1982, p. 147.
  33. Noriega Varela 1982, p. 149.
  34. Noriega Varela 1982, p. 150.
  35. Noriega Varela 1982, p. 156.
  36. Noriega Varela 1982, p. 173.
  37. Noriega Varela 1982, p. 190.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]