Cristina Peri Rossi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaCristina Peri Rossi

(1986) Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento12 de novembro de 1941 Editar o valor em Wikidata (82 anos)
Montevideo, Uruguai Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña (1975–)
Uruguai Editar o valor em Wikidata
EducaciónInstituto de Profesores Artigas Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoPoesía Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónlingüista , escritora , xornalista , novelista , poeta , tradutora , activista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Participou en
20 de xuño de 1998For a new model of Catalonia (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Obra
Arquivos en
Premios

Páxina webcristinaperirossi.es Editar o valor em Wikidata
IMDB: nm1719378 Dialnet: 131235 Editar o valor em Wikidata

Cristina Peri Rossi, nada en Montevideo, Uruguai, o 12 de novembro de 1941, é unha escritora, tradutora e activista política uruguaia. Exiliada en España desde 1972, reside en Barcelona, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira literaria.

Segundo o crítico Seymour Menton, foi unha das contistas contemporáneas máis destacadas do Uruguai a partir da década de 1950. Os editores da revista Confluencia din que «é considerada unha das escritoras máis importantes de fala castelá, traducida a máis de vinte linguas, incluídas o yiddish e coreano».[1][2] Foi censurada durante a ditadura militar que gobernou Uruguai de 1973 a 1985. A súa obra foi prohibida no país, así como a mención do seu nome nos medios de comunicación. Malia o seu exilio no Estado Español, baixo o réxime de Franco, e tamén despois en París, a autora seguiu publicando obras de alto contido político e non deixou de involucrarse en labores de activismo fóra do Uruguai.

Peri Rossi foi unha autora pioneira[3] e é a única escritora feminina vinculada ao boom latinoamericano, un movemento xeralmente asociado con autores como Gabriel García Márquez, Mario Vargas Llosa e Carlos Fuentes.[4] Traduciu ao español obras de Clarice Lispector e Monique Wittig, e colaborou en medios de comunicación españois como Diario 16, El Periódico e a Axencia EFE.[5][6]

En 2021 foi galardoada co Premio Cervantes.[7]

Biografía[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e educación[editar | editar a fonte]

Peri Rossi naceu o 12 de novembro de 1941, en Montevideo, Uruguai, a primeira de dúas fillas nunha familia de inmigrantes italianos,[8] aínda que na casa só falaban español.[9] O seu pai, Ambrosio Peri, un traballador téxtil, morreu cando ela era nova, aínda que este falecemento non parece influír na vida da súa filla. A súa nai, Julieta Rossi, que era mestra, recoñeceu moi pronto o talento que a súa filla posuía para a escritura e foi unha inspiración na súa carreira.[10] Peri Rossi tamén tiña unha estreita relación co seu tío, solteiro, comunista e dono dunha biblioteca.[11] De feito, dependía en gran medida das bibliotecas para a lectura, debido á situación económica da súa familia. Nunha entrevista revela que adoitaba ler nas bibliotecas, porque non podía comprar os libros nas librarías. Cando tiña dezaseis anos foi á Biblioteca Nacional, onde leu O segundo sexo, de Simone de Beauvoir.[9]

Asistiu a unha escola primaria pública e despois ao liceo público Rodó, onde tamén completou estudos preuniversitarios entre 1958 e 1960. Neste mesmo ano foi aceptada no Instituto de Profesores Artigas, unha institución terciaria de educación na que se forman profesores para o ensino. Alí dedicouse á literatura comparada, ademais de ensinar no preuniversitario. Gañou a cátedra en 1964 e a continuación deu cursos en varias institucións durante o seguintes once anos, até o seu exilio.

O Instituto de Profesores Artigas, onde Peri Rossi realizou os seus estudos na docencia.

De forma paralela á súa carreira na docencia, desenvolvíase como escritora. Publicou a súa primeira obra en 1963, Viviendo, unha recompilación de contos. A segunda deste mesmo xénero, Los museos abandonados, publicouse en 1969. A saída da súa primeira novela, El libro de mis primos, foi nese mesmo ano. Tras estas publicacións empezou a ser recoñecida como unha das máis importantes escritoras da súa xeración,[12] con galardóns tales como o Premio de los Jóvenes de Arca (1968) para Los museos abandonados e o Premio Marcha para El Libro de mis primos (1969). Estas obras, e outras que se publicaron até o seu exilio en 1972, foron incorporando progresivamente unha carga máis ideolóxica, relacionada coa gravidade da situación política en vésperas do golpe militar.

Mentres tanto, Peri Rossi adheríase á coalición esquerdista Fronte Ampla como membro independente. Esta relación xunto coa súa participación na revista liberal Marcha, pechada polos militares en 1970,[13] e no entón diario comunista El Popular resultaron en ameazas á súa vida. Aos trinta e un anos, o seu activismo político incitouna a fuxir a España, onde fixou residencia.

Exilio[editar | editar a fonte]

O 4 de outubro de 1972 exiliouse en España, onde reside desde entón. Con todo, fuxiu a París coa axuda do seu amigo Julio Cortázar cando, en 1974, o Goberno español colaborou co do Uruguai para negarse a autorizar de novo o seu pasaporte español; alí permanecería un par de anos. Ao regresar a España obtivo a nacionalidade española, en 1975, aínda que lle concederon cidadanía uruguaia outra vez en 1985. Neste momento mantén ambas as nacionalidades.[14] Coa chegada da democracia no Uruguai, considerou regresar ao seu país pero escolleu quedar en España, a pesar de que nunca se sentía cómoda alí. Con todo insiste en que unha escritora debe sentirse incómoda para escribir ben.[5] O exilio influíu non só na súa escritura, senón tamén nas súas relacións con outras escritoras. En Barcelona coñeceu a escritoras como Ana María Moix, Montserrat Roig e Esther Tusquets.[5]

O exilio é unha experiencia persoal para ela, xa que tivo que abandonar o país por mor da situación política. Nunha entrevista realizada en 2005, dixo que non tiña de que vivir no Uruguai:[15]

«Cando caeu a ditadura, decateime de que vivira catorce anos con nostalxia de Montevideo –unha nostalxia horrorosa– e agora non tiña ganas de ter nostalxia de Barcelona. Para ter nostalxia, sigo tendo sempre a mesma. Ademais, un non se exilia porque quere, exíliase porque ten que salvar o pelello, e creo que, dentro desa insensata xeometría que é a vida, un acto involuntario non ten que ser respondido cun acto voluntario como é volver. Estritamente non se pode volver porque é un tempo que xa non existe.»
Cristina Peri Rossi

Con todo, sufriu moito por causa deste exilio e varias veces contemplou suicidarse. Hoxe en día a escritora parece terse afeito a unha vida fóra da súa patria —pasou por Francia, España e Alemaña—; con todo considérase a si mesma unha cidadá do mundo. Segundo Peri Rossi, os países cos que sente afinidade son aqueles nos que hai xustiza e se defenden os dereitos humanos e animais. Na súa opinión esa é a verdadeira patria.[9]

Carreira literaria[editar | editar a fonte]

A súa carreira literaria comezou no Uruguai nos anos 60. Escritora da esquerda máis radical, Peri Rossi publicaba os seus primeiros libros baixo este motivo. Nunha entrevista dixo: "eu era unha escritora moi comprometida e a voz pública da esquerda."[16] Despois dalgún tempo, comezou a escribir libros cuxos protagonistas eran principalmente nenos. Continuou escribindo estando no exilio, onde posteriormente abordou temas como o erotismo e a homosexualidade. Aínda que o tema do lesbianismo é máis popular na súa escritura posterior, hai aínda unha distinción entre a súa escritura lesbiana e non lesbiana. A súa escritura anterior, por exemplo Viviendo, «consiste en historias impregnadas dun lesbianismo mergullado», mentres que a maior parte das súas ficcións posteriores teñen protagonistas femininas que exploran as súas atraccións sexuais cara a outras mulleres.[17]

Primeiras publicacións[editar | editar a fonte]

A propia autora confesa que non tivo unha infancia feliz, mais a través da escritura e a imaxinación foi quen de afirmar a súa identidade e loitar contra a manipulación. Considérase a si mesma escritora desde moi nova, porque sostén que a actividade de escribir non se limita a fixar un texto, senón tamén inclúe o acto de "imaxinalo, soñalo [e] intuílo". Afirma que escribía poemas e contos desde "os albores da infancia".[18] De feito, aos seis anos, Peri Rossi revelou a toda a súa familia o seu desexo de converterse en escritora. A reacción da súa familia foi de risa e de incredulidade, á marxe da súa nai, que era consciente do talento da súa filla desde a súa nenez. A pesar desta desaprobación, Peri Rossi comezou a publicar; os seus primeiros traballos foron dúas coleccións de relatos, Viviendo (1963) e Los museos abandonados (1968), e unha novela, El libro de mis primos (1969).[19]

Viviendo[editar | editar a fonte]

A súa primeira obra foi publicada en 1963, aínda que foi escrita moito antes. O libro consta de tres historias realistas, «Viviendo», «El baile» e «No sé que;» tres narrativas con protagonistas femininas.[20] Cada historia ofrece unha visión escura do mundo, representan un lugar restrinxido para as mulleres que o habitan. A primeira trata dunha muller que se ve condenada a unha vida de solteira. As últimas contan unha historia semellante: a da vida cotiá dunha muller, sen ser capaz de cambiar o seu destino. Ambas as historias abordan implicitamente o tema de relacións lesbianas.[11]

Los museos abandonados[editar | editar a fonte]

Los museos abandonados é unha colección de contos, aínda que algúns críticos consideran que é unha breve novela.[20] Publicouse esta obra no ano 1968, e case inmediatamente despois foi aclamada por críticos e recoñecida con premios literarios como o Premio de los Jóvenes de Arca. Un destes críticos, Julio Cortázar, escribiulle para dicirlle que despois de ler Los museos tiña que tirar a primeira versión da súa propia novela, Manual para Manuel, porque había moitas similitudes entre os dous libros. Ambas abordaban os principais conflitos políticos da guerrilla — as súas orixes burguesas, o seu odio polos intelectuais, a humillación das mulleres. Peri Rossi explica que eses temas eran correntes entre os membros da xeración do 68 e formaban parte da vida cotiá das persoas en lugares tan diversos como París, A Habana ou Montevideo. De feito, a primeira edición de Los museos abandonados foi dedicada á guerrilla, aínda que máis tarde Peri Rossi corrixiuna.[9] Mario Benedetti valorou moi positivamente Los museos abandonados: eloxiou o texto na revista Marcha e logo dedicoulle á obra un capítulo enteiro da súa Literatura uruguaya del siglo XX.[21]

La nave de los locos[editar | editar a fonte]

Tapiz románico da Creación, (Século XI) da catedral de Xirona, que figura na trama de ‘’La nave de los locos’’.

Unha das súas obras máis destacadas é La nave de los locos (1984). É considerada a novela hispanoamericana máis importante despois do boom latinoamericano.[22] La nave é unha alegoría do exilio que vai máis aló da política para desafiar tamén nocións de inclusión e exclusión a calquera nivel da experiencia humana, especialmente os do xénero e a sexualidade.[5] A novela consta de dous planos narrativos, o primeiro deles a representación do tapiz románico da Creación (o que representa a creación do mundo segundo o libro da Xénese). Neste mundo (e, por conseguinte, neste plano da historia) todo é harmonioso e estruturalmente ordenado.[23] Doutra banda, o segundo plano narrativo trata da vida de Equis, o protagonista exiliado, e outros personaxes ficticios. Este mundo oponse ao do tapiz porque é caótico, fragmentado e disperso da realidade. No canto da harmonía que experimentan as figuras da Creación, os personaxes como Equis experimentan a soidade e a alienación do mundo social configurado pola experiencia do exilio.

Segundo a revista Confluencia, «é considerada a mellor novela do posboom latinoamericano».[24] A obra trata de temas como a viaxe, a loucura e a creación. Os temas da viaxe son evidentes na novela xa que están conectados coa idea do exilio, como o estado da vida de Peri Rossi.[25] Con todo non é a súa intención a de desenvolver a súa historia persoal, senón a de reflectir a traxedia dos exilios e as desaparicións relacionadas con «os crimes das ditaduras militares no Cono Sur de América Latina».[26] Na novela, as persoas na profundidade das augas fan referencia aos desaparecidos durante estes réximes militares, como os do Brasil, a Arxentina, Chile e o Uruguai.[27] «La nave de los locos abre un espazo na literatura que permite a exploración de articulacións conceptuais alternativas do concepto do exilio, á vez que experimenta coas posibilidades estéticas e ideolóxicas da súa incorporación á ficción».[28]

Traballos desde o ano 2000[editar | editar a fonte]

Peri Rossi dedicando o seu poemario "Estrategias del deseo".

No século XXI Peri Rossi escribiu coleccións de poesía como Estado del Exilio (2003), Estrategias del deseo (2004), Mi casa es la escritura (2006) e Habitación del hotel (2007). O poemario Estrategias del deseo (2004) é unha intensa historia de amor desde os albores do desexo até a ameaza do esquecemento. Cada poema é a secuencia dun relato trepidante, entreverado de coidado erotismo, esplendor, nostalxia e soño. Os escenarios do amor, as palabras, a memoria ou o corpo son os elementos cos que a autora constrúe a trama verbal deste poemario.

Playstation (2009) é outra colección de poesía, que gañou o Premio Loewe. Segundo a propia autora é un libro moi duro, e completamente urbano. É a desmitificación de todos os rituais da vida urbana e trata dunha gran soidade. A escritora indica que é un libro completamente autobiográfico. Cada un dos poemas trata unha experiencia da súa vida. Por exemplo, un poema describe un malentendido que ocorreu despois de que Peri Rossi saíu na televisión. Estaba recentemente exiliada en Barcelona, unha habitante dun barrio de emigrantes pobres por San Andrés. Os seus veciños, ao ver o seu retrato na televisión, tratábana mal porque supuñan que se saía na televisión tiña que ser rica e famosa. Outros poemas teñen que ver co mundo literario, coa experiencia de ter que vivir da literatura. Un dos poemas máis aclamado “Punto de encontro”, fala dunha experiencia que tivo nun sex shop. Neste poema xorde outra vez o tema do erotismo. Outro, “Formar una familia”, trata da(s) noción(s) do que é unha familia.[29]

En 2012 publicouse a colección de relatos Habitaciones privadas, gañadora do Premio Mario Vargas Llosa NH de Relato.[30] Todos os relatos comparten un escenario urbano e cada unha das tramas desenvólvese en espazos pechados: un after hours, un cuarto de hotel, un estudio de televisión ou unha oficina. Os pequenos dramas cotiáns e a procura de amizade, amor ou sexo mostran os aspectos máis conflitivos do capitalismo tardío e ofrecen unha visión sutil e irónica dos desexos, conflitos e ilusións do ser humano de hoxe.

A fins de 2014 volve publicar Julio Cortázar y Cris, un traballo autobiográfico que narra a súa intensa amizade amorosa con Julio Cortázar. É unha homenaxe publicada trinta anos despois da morte do afamado escritor arxentino. Do mesmo xeito, Cortázar tamén lle dedicou unha obra a Peri Rossi: Quince poemas de amor a Cris. Julio Cortázar y Cris é unha colección de poemas, relatos, diálogos, cartas e viaxes que celebra o centenario do nacemento de Cortázar. Aínda que os dous tiñan unha relación amábel xa desde os primeiros anos da carreira da escritora uruguaia, case sempre foi unha relación a distancia. Xa na última década da vida de Córtazar, ambos se atoparon e viviron unha relación intensa, chea de complicidades, humor e amor, literatura e sedución entre dúas cidades: París e Barcelona.

Traballou como columnista para os xornais españois Diario 16 e El Periódico e colaborado coa Axencia EFE, unha axencia de noticias.[6]

No ano 2015 publicouse a súa última colección de contos Los Amores Equivocados. Nesta a escritora abarca o tema da prostitución, a que denunciou nas súas escrituras xornalísticas e nos seus poemas.[31] A 'equivocación' do amor nestes contos pode asumir varias formas, un desquilibrio nas idades dos amantes, nos seus conceptos do amor ou na falta inevitábel da reciprocidade. A cidade de Montevideo aparece no conto epónimo da colección.

Estilo[editar | editar a fonte]

A súa escritura está marcada por un estilo experimental, tanto na poesía como nas súas novelas. Indicios Pánicos, unha colección de contos colocados nun sistema poético, é unha alegoría que desafía o xénero da poesía, a que escribe con verso libre e un estilo innovador.[32] Esta colección contén 46 fragmentos, case inclasificábeis, de contos, poemas, ensaios ou aforismos. A crítica afirma que emprega unha linguaxe "ora efusiva e lúdica, ora contida e intensa: poesía en prosa e/ou verso".[33] Igualmente, as súas narrativas caracterízanse por cambios do punto de vista, narradores múltiples e unha trama non cronolóxica.[34] A obra El libro de mis primos é característica deste estilo, dado que mestura prosa e verso, ten unha voz polifónica, cambia frecuentemente o punto de vista e emprega diversos recursos retóricos e tipográficos.[35] O crítico literario uruguaio Hugo Verani fai fincapé no estilo experimental de Peri Rossi, aínda que asegura que a súa escritura é unificada por unha visión lírica do mundo.[36] Tamén, o seu estilo foi caracterizado como enxeñoso, irónico e metafísico. Doutra banda, a propia autora rexeitou a noción dun estilo xeral que caracteriza a súa escritura —unha ambición, segundo Peri Rossi, dos escritores do século XIV e a primeira metade do século XX— e en cambio tenta escribir cada nova obra cun estilo diferente. Peri Rossi cre que isto é o epítome de liberdade para unha autora.[9]

A súa escritura combina o fantástico, o erótico e o político, segundo os críticos Kohut e Vilella, para suxerir a posibilidade de que escaparse da lóxica pode ser en si mesmo un escape da liberdade individual.[13] O seu traballo é incluído xunto ao de Silvina Ocampo, Griselda Gambaro, Luisa Valenzuela, e outras, dentro daquelas escritoras que abordan o «insólito-absurdo-estraño».[37]

Temáticas[editar | editar a fonte]

O erotismo[editar | editar a fonte]

Peri Rossi usa a súa escritura como vehículo para explorar o desexo sexual, como é o caso do seu relato Una pasión prohibida (1986) e o seu ensaio Fantasías eróticas (1991). Con Fantasías eróticas, tentou liberar o erotismo da dominación masculina.[38] O libro discute detalles do erotismo como o mundo das bonecas inflábeis, a prostitución, as fantasías de violación, fetichismo e sadomasoquismo.[39] Peri Rossi examina como a imaxinación e as fantasías eróticas están excluídas da vida matrimonial e explora a idea de usar unha prostituta para cumprir as fantasías eróticas co fin de evitar a mestura de fantasía e realidade.[40] En Fantasías eróticas, sostén que o erotismo masculino utiliza o sexo como poder, dominación e humillación mentres o erotismo feminino é sempre humanizado.[41] A miúdo esta exploración é tan explícita que algunhas historias poden ser clasificadas como semipornográficas. Ela dános a propia definición do erótico «unha actividade cultural, a satisfacción elaborada dunha necesidade instintiva».[42]

Nunha entrevista, explicou que o seu lesbianismo (outra fonte de desaprobación por parte da súa familia, ata o punto de ser sometida a terapia psicanalítica) está intimamente relacionado coa súa escritura. Por exemplo, en 1971 publicou unha colección de poesía baixo o título grego Evohé, que trata da paixón erótica e a transgresión do suxeito feminino.[43] A linguaxe de paixón e desexo nesta obra, na que palabra se converte en sinónimo para «muller,» clasificouse como subversivo.[44] Unha boa parte da súa narrativa e da súa obra poética trata desde diversos puntos de vista o tema do desexo. Segundo ela «o desexo é o motor da existencia» e «unha das maneiras de estar vivo é ser deseante».[45]

Identidade sexual[editar | editar a fonte]

Segundo o crítico David William Foster, a totalidade da súa obra afirma a necesidade da persoa de asumir a identidade sexual como algo separado das imposicións tanto biolóxicas como sociais.[46]

No libro Fantasías eróticas, Peri Rossi discute varios temas relacionados co lesbianismo.[47] Segundo a súa resposta nunha entrevista, o lesbianismo é unha conduta sexual que leva a cabo por propia vontade como unha elección, e ela quere que todas as persoas poidan ter os mesmos dereitos e obrigacións.[48] Con todo, a autora non é considerada explicitamente unha 'escritora lesbiana', porque este tema non caracteriza cada unha das súas obras. Xeralmente identificouse este tema na súa escritura a partir do seu exilio, ou sexa, o momento en que se atopou nun contexto internacional.[49] A pesar de que o lesbianismo é un tema común na súa escritura posexilio, a autora mantén unha posición ambigua fronte á súa relación persoal e literaria co lesbianismo, sen referirse ao tema nas súas entrevistas persoais.[50]

Á parte do lesbianismo, desafiou unha conceptualización estábel do xénero e a sexualidade en xeral tamén. A través de moitos personaxes nas súas novelas a autora tenta desafiar a categorización ríxida dunha identidade sexual. En A nave de los locos, o protagonista Equis e a personaxe Lucía demostran unha multiplicidade de preferencias sexuais e tendencias do xénero. Do mesmo xeito, Aída e o seu namorado en Solitario de amor dificilmente encaixan dentro de concepcións estábeis de identidade xenérico-sexual.[51]

O político[editar | editar a fonte]

Como activista política e escritora, a escritura de Peri Rossi está cargada de temas políticos. É este aspecto da súa vida o que deu pé ao seu exilio en 1972. Indicios pánicos (1970), por exemplo, é un eloxio da liberdade tan evocador que o goberno do Uruguai prohibiu a publicación e distribución desta obra en 1972. O que seguiu foi o seu exilio voluntario, aínda que necesario, para salvar a súa vida.[52] Tendo en conta a súa experiencia persoal, non é sorprendente que o tema de exilio sexa un dos que caracterizan a súa escritura, aínda que se trata dun exilio «interior». É dicir, a autora non usa o termo «exilio» de maneira explícita na súa escritura, senón os seus textos aluden a tales efectos do exilio como o proceso de alienación, os xestos de disidencia e de transgresión.[53] No entanto, hai algúns textos de Peri Rossi que si tratan da noción do exilio de maneira explícita. Un destes é a súa colección de poesía Estadio del exilio (1979). Igualmente, varios relatos tratan este tema, como La influencia de Edgar A. Poe en la poesía de Raimundo Arias en La tarde del dinosaurio, e La ciudad ou Las estatuas o la condición del estranjero en El museo de los esfuerzos inútiles. Tamén o tema do exilio está reflectido de forma explícita nas liñas dalgúns dos seus poemarios, como Diálogo de exiliados en Europa después de la lluvia e Te conocí en septiembre en Lingüística xeral. É máis, Peri Rossi escribiu dúas novelas sobre o exilio: La nave de los locos (1984) e Solitario de amor (1988).[54]

Igualmente, algunhas obras son comentarios sobre a sociedade patriarcal. A crítica Ana Corbalán, por exemplo, analiza os relatos Primer amor e La destrucción o el amor para mostrar como revelan que a familia tradicional nunca funciona; en cambio, di Corbalán, Peri Rossi propón outros tipos de modelos de familia, por exemplo as parellas non heterosexuais.[55] Ataca a institución do matrimonio e rexeita a autoridade masculina, estas obras destacan as transgresións sexuais e familiares.[56] «Primer amor» está escrito en primeira persoa, a través dun narrador masculino. O texto explora outros tipos de sexualidades alternativas e presenta o incesto como un tema tabú na nosa sociedade.[56] En La destrucción o el amor están presentes a comunicación e o romance. Peri Rossi rexeita calquera aproximación ao convencionalismo na parella, crendo que non hai ningunha necesidade de comunicación verbal entre unha parella de home e muller, se se trata dun romance apaixonado.[57] En Primer amor e La destrución o el amor fala da diversidade sexual, o desexo homoerótico, e explora outros tipos de sexualidades alternativas. Cuestiona a validez de certas estruturas sociais, oponse aos roles de xénero e as unidades familiares tradicionais.[58]

Desprazamento espacial, ou viaxe[editar | editar a fonte]

«A crítica indicou que a existencia dun grupo pequeno de textos desta autora organizados en torno ao motivo de desprazamento espacial ou da viaxe. Estes textos foron estudados como variantes do exilio, aínda que tampouco o termo "exilio" se manifesta de maneira explícita.»[59] Por exemplo, unha gran parte dos poemas na colección de poesía Habitación de hotel tratan as cidades como espazos transitorios.[3]

Influencias literarias[editar | editar a fonte]

Julio Cortázar, cuxa amizade foi integral á súa carreira literaria.

Peri Rossi citou a Ángel Rama, director da casa editorial Arca e con quen tiña unha relación distante aínda que cordial, como unha figura decisiva na súa carreira literaria. Este conferiulle o apelativo «La Rimbaudcita» porque vía na súa escritura un estilo semellante ao poeta francés Arthur Rimbaud.[9] Efectuou traducións principalmente da brasileira Clarice Lispector. Díxose que Juan Carlos Onetti e Felisberto Hernández tiñan moitas influencias na narrativa uruguaia e Peri Rossi considerábaos como conselleiros ou mentores a ela; aínda que, é evidente que tivo unha influencia na carreira de Hernández tamén, para quen editou unha selección española de contos.[33] Outros escritores coñecidos que a guiaban tamén eran Jorge Luis Borges, Julio Cortázar, Ray Bradbury e Dino Buzzati.[60] Foi a forma contemporánea en que escribiu Cortázar, por exemplo, o que inspirou o estilo experimental de Peri Rossi.[34] Incluíu a Cortázar entre as súas preferencias literarias como lectora, xunto co estadounidense J.D. Salinger e o irlandés Jonathan Swift.[61]

Premios[editar | editar a fonte]

Desde o principio da súa educación e a súa carreira, Peri Rossi foi recoñecida pola súa escritura. O crítico literario uruguaio Ángel Rama aclamouna como unha das escritoras novas máis importantes da súa xeración.[43] Máis recentemente, a Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas elixiuna como a escritora que máis contribuíra á loita pola paz e a xustiza no ámbito castelán (2008). O goberno do Uruguai concedeulle a Medalla Delmira Agustini a la Actividad Cultural (2013).[22]

  • Premio de los Jóvenes de Arca (1968) - Los museos abandonados
  • Premio Marcha – El Libro de mis primos (1969)
  • Premio Inventarios Provisionales de Poesía – Exactamente como los argelinos en París(1973)
  • Premio de Ciudad de Palma – Diáspora (1976)
  • Premio Gabriel Miro del relato (1979)
  • Premio de Relatos Puerta de Oro - El ángel caído (1986)
  • Finalista para o Premio Extraordinario da Poesía Iberoamericana da Fundación Banco de España (1987) - Europa después de la lluvia
  • Premio Ciudad de Barcelona – Babel bárbara (1990)
  • Premio Award Book de Poesía (1992)
  • Premio Award Book de Relato (1994)
  • Bolsa Guggenheim (1994)
  • Premio Internacional de poesía Rafael Alberti (2000)
  • Premio Internacional de Poesía Ciudad de Torrevieja – Habitación de hotel (2007)
  • Premio Loewe (2008) – Playstation
  • Premio Internacional de Relatos Mario Vargas Llosa - Habitaciones privadas (2010)
  • Finalista do III Premio de narrativa breve Ribera del Duero - Los amores equivocados (2013)
  • Premio Don Quijote de Poesía - Estrategias del deseo (2013)
  • Premio Cervantes (2021)

Obra[editar | editar a fonte]

Relatos[editar | editar a fonte]

Novelas[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Peri Rossi, Cristina (1971). Evohé: peomas eróticos. Montevideo: Girón. OCLC 4738720. 
  • Peri Rossi, Cristina (1974). Descripción de un naufragio. Barcelona: Lumen. OCLC 253965957. 
  • Peri Rossi, Cristina (1976). Diáspora. Barcelona: Lumen. ISBN 9788426429650. 
  • Peri Rossi, Cristina (1979). Lingüística general. Valencia: Prometeo. ISBN 9788471990808. 
  • Peri Rossi, Cristina (1987). Europa después de la lluvia. Madrid: Fundación Banco Exterior. ISBN 9788439888369. 
  • Peri Rossi, Cristina (1990). Babel bárbara. Caracas: Angria. ISBN 9789800701133. 
  • Peri Rossi, Cristina (1994). Otra vez Eros. Barcelona: Lumen. ISBN 9788426427830. 
  • Peri Rossi, Cristina (1996). Aquella noche. Barcelona: Lumen. ISBN 9788426427908. 
  • Peri Rossi, Cristina (1997). Inmovilidad de los barcos. Vitoria-Gasteiz: Bassarai. ISBN 9788492128297. 
  • Peri Rossi, Cristina (1998). Poemas de amor y desamor. Barcelona: Plaza & Janés. ISBN 9788401590269. 
  • Peri Rossi, Cristina (1999). Las musas inquietantes. Barcelona: Lumen. ISBN 9788426428134. 
  • Peri Rossi, Cristina (2003). Estado de exilio. Madrid: Visor. ISBN 9788475225159. 
  • Peri Rossi, Cristina (2004). Estrategias del deseo. Barcelona: Lumen. ISBN 9788426414649. 
  • Peri Rossi, Cristina (2005). Poesía reunida. Barcelona: Lumen. ISBN 9788426415189.  Reúne todos os libros de poemas (agás Las musas inquietantes).
  • Peri Rossi, Cristina (2006). Mi casa es la escritura. Montevideo: Linardi y Risso. OCLC 608201699.  Editado por María Ángeles Sánchez.
  • Peri Rossi, Cristina (2007). Habitación de hotel. Barcelona: Plaza & Janés. ISBN 9788401379789. 
  • Peri Rossi, Cristina (2009). Playstation. Madrid: Visor. ISBN 9788498957143. 
  • Peri Rossi, Cristina (2014). La noche y su artificio. Palencia: Cálamo. ISBN 9788496932890. 
  • Peri Rossi, Cristina (2016). Las replicantes. Palencia: Cálamo. ISBN 9788416742004. 

Ensaios[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Menton 2005, p. 596
  2. Anon 2014, pp. 223-224
  3. 3,0 3,1 Ulrike, Prinz (2010). "Entrevista a Cristina Peri Rossi". Matices: ????. 
  4. Boullosa 2009, p. 78
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Pérez-Sánchez 2000, p. 226
  6. 6,0 6,1 González Echevarría 1997, p. 438
  7. Marcos, Javier Rodríguez (2021-11-10). "La uruguaya Cristina Peri Rossi, ganadora del Premio Cervantes 2021". El País (en castelán). Consultado o 2021-11-10. 
  8. Dejbord 1998, pp. 52-3
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 Boullosa 2009, p. ??
  10. Pérez-Sánchez 2000, p. 223
  11. 11,0 11,1 Mora 1990, p. 436
  12. Pinto, Magdalena Garcia (2008). "Peri Rossi, Cristina (1941–)." In Encyclopedia of Latin American History and Culture (2 ed.). Detroit: Charles Scribner's Sons. p. 159. 
  13. 13,0 13,1 Kohut, David; Vilella, Olga (2010). Historical Dictionary of the Dirty Wars (2 ed.). Plymouth, UK: Scare Crow Press. p. 252. ISBN 9780810858398. 
  14. Pérez-Sánchez 2000, p. 225
  15. Pérez Fondevila 2005, p. 191
  16. Pérez Fondevila 2005, p. 188
  17. "consists of stories pervaded by a submerged lesbianism" Kaminsky 1992, p. 130
  18. Deredita, John (1978). "Desde la Diáspora: entrevista con Cristina Peri Rossi". Centro de Investigaciones Lingüístico-Literarias. Universidade Veracruzana (9): 131-132. 
  19. Olivera-Williams 1986, p. 81
  20. 20,0 20,1 González Echevarría, Roberto. ""Cristina Peri Rossi".". Encyclopædia Britannica. Encyclopædia Britannica Online. Consultado o 1 de abril de 2015. 
  21. Deredita, John (1978). "Desde la Diáspora: entrevista con Cristina Peri Rossi". Centro de Investigaciones Lingüístico-Literarias. Universidade Veracruzana (9): 133. 
  22. 22,0 22,1 Pérez, Claudia (2014). "Allá, en Barcelona. Unha entrevista a Cristina Peri Rossi". Revista arbitrada de la Asociación de Profesores de Literatura del Uruguay18 (8): 19. 
  23. Dejbord 1998, p. 129
  24. Anon 2014, p. 224
  25. Blanco-Arnejo 1997, p. 442
  26. Olivera-Williams 1986, p. 86
  27. Olivera-Williams 1986, p. 87
  28. Dejbord 1998, p. 126
  29. Ulrike, Prinz (2010). "Literatura es libertad: Entrevista a Cristina Peri Rossi". Matices: ????. 
  30. "Una forma de volver". Brecha. 28 de novembro de 2014. 
  31. "Peri Rossi denuncia la prostitucion con sus versos en las replicantes". 
  32. Rowinksy-Guerts & Borrás 2000, p. xi
  33. 33,0 33,1 Deredita, John (1978). "Desde la Diáspora: entrevista con Cristina Peri Rossi". Centro de Investigaciones Lingüístico-Literarias. Universidade Veracruzana (9): 131. 
  34. 34,0 34,1 Mora 1990, p. 440
  35. Mora 1990, pp. 436-7
  36. Verani 1982, p. ???
  37. Cantero Rosales 2004, p. ??
  38. Geisdorfer Feal 1995, p. 216
  39. Geisdorfer Feal 1995, p. 217
  40. Geisdorfer Feal 1995, pp. 220, 221
  41. Geisdorfer Feal 1995, p. 218
  42. Corbalán 2008, p. 11
  43. 43,0 43,1 Pérez-Sánchez 2000, p. 224
  44. Mora 1990, p. 437
  45. Pérez Fondevila 2005, p. 182
  46. Foster, David William (1994). Latin American Writers on Gay and Lesbian Themes: A Bio-Critical Sourcebook. Westport, CT: Greenwood Press. p. 318. ISBN 0313284792. 
  47. Geisdorfer Feal 1995, p. 219
  48. Pérez-Sánchez & Peri Rossi 1995, p. 59
  49. Dejbord 1998, p. 70
  50. Dejbord 1998, p. 68
  51. Dejbord 1998, p. 72
  52. Rowinksy-Guerts & Borrás 2000, p. xii
  53. Dejbord 1998, p. 117
  54. Dejbord 1998, p. 119
  55. Corbalán 2008, p. 3
  56. 56,0 56,1 Corbalán 2008, p. 10
  57. Corbalán 2008, p. 9
  58. Corbalán 2008, p. 13
  59. Dejbord 1998, p. 118
  60. García Pinto 2008, p. 159
  61. Mora 1990, p. 442
  62. «El XIII Premio Setenil al Mejor Libro de Relatos ya tiene los diez finalistas de la edición de 2016», Murcia.com, 6 de setembro de 2016.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]