Xohán Ledo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ricardo García Suárez, coñecido co nome artístico de Xohán Ledo, nado en Ferrol o 15 de outubro de 1917 e finado en Vigo o 10 de xuño de 2006, foi un médico e ilustrador galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun militar de artillería, fixo o bacharelato na Coruña. En 1933 comezou a estudar Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Durante a guerra civil española serviu de sanitario en varias frontes, e rematou a carreira en 1943. Especializouse en cirurxía torácica, e traballou en Bilbao nun hospital antituberculoso. En 1950 instalouse en Vigo e abriu unha consulta privada, que despois abandonou ao entrar a traballar para a Seguridade Social.

En Vigo retomou o contacto co galeguismo, e comezou a colaborar coa Editorial Galaxia e a revista Grial entre 1951 e 1983. Fixo as capas, o deseño interior e as ilustracións de case todas as coleccións da editorial, o que o converteu -con Luís Seoane no exilio- no renovador da imaxe gráfica do libro galego. Fixo as portadas de Á lus do candil (Ánxel Fole, 1954), Si o vello Sinbad volvese ás illas... (Álvaro Cunqueiro, 1961) ou Os biosbardos (Eduardo Blanco Amor, 1962) e ilustrou obras como Terra brava (Ánxel Fole, 1955), As crónicas do sochantre (Á. Cunqueiro, 1956), Dos arquivos do trasno (Rafael Dieste, 1962) ou Xente no rodicio (Xosé Neira Vilas, 1971). Tamén realizou folletos, almanaques e carteis, como os primeiros que se fixeron sobre o Día das Letras Galegas.

Escribiu numerosos textos sobre arte, tanto na vertente pictórica como arquitectónica, que espallou en revistas, prólogos e volumes colectivos. Entre eles cómpre salientar os dedicados a Luís Seoane e Carlos Maside, seus grandes amigos da mocidade, sobre a pintura de Manuel Colmeiro ou a personalidade e obra do arquitecto Manuel Gómez Román.

Logo da súa xubilación retomou a súa faceta de tradutor, vertendo ao galego dous textos de William Shakespeare: Ricardo III (Fundación Otero Pedrayo, 1998; Premio Trasalba), e Xulio César (Ediciós do Castro, 1998).

En 1956 casou con Mimí Alonso da Cuña, coa que tivo tres fillas e un fillo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]