Simone de Beauvoir
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Simone de Beauvoir (París, 9 de xaneiro de 1908- 14 de abril de 1986) novelista francesa filósofa existencialista e feminista.
Naceu nunha familia burguesa, sendo educada baixo unha forte moral cristiá, pero na súa mocidade decidiu desligarse das súas orixes. En 1929, despois de coñecer a Jean-Paul Sartre na Sorbona, onde ambos estudaban filosofía, uníuse estreitamente ó filósofo e ó seu círculo, creando entre eles unha relación que lles permitiu compatibiliza-la súa liberdade individual coa súa vida en conxunto. Foi profesora de filosofía ata 1943 en escolas de diferentes lugares de Francia, como Rúan e Marsella, ata que a ocupación alemá en París, a causa da Segunda Guerra Mundial, afastouna da ensinanza. Durante ese período viviu na cidade tomada, formando parte do movemento da Resistencia Francesa. Na súa primeira novela, A convidada (1943), explorou os dilemas existencialistas da liberdade, a acción e a responsabilidade individual, temas que aborda igualmente en novelas posteriores como O sangue dos outros (1944) e Os mandarís (1954), novela pola que recibiu o Premio Goncourt; a cal se considera a máis importante de tódalas súas obras. As teses existencialistas, segundo as cales cada un é responsable de si mesmo, introdúcense tamén nunha serie de obras autobiográficas, catro en total, entre as que destacan Memorias dunha moza de boa familia (tamén coñecida como Memorias dunha moza formal) (1958) e Final de contas (1972). As súas obras ofrecen unha visión sumamente reveladora da súa vida e o seu tempo. Entre os seus ensaios escritos cabe destacar O segundo sexo (1949), unha profunda análise sobre o papel das mulleres na sociedade; A vellez (1970), sobre o proceso de envellecemento, nesta obra critica apaixonadamente a actitude da sociedade cara os anciáns, e A cerimonia do adeus (1981), na cal evoca a figura do seu compañeiro de tantos anos, Jean-Paul Sartre.

