Mahabharata

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Ilustración da batalla de Kurukshetra.
Krishna e Arjuna en Kurukshetra, pintura do século XVIII-XIX.

O Mahabharata (en sánscrito महाभारत, mahābhārata no sistema AITS) é unha das dúas principais epopeas da literatura sánscrita sobre a Historia da India, xunto co Ramayana. A épica é parte da itihasa (ou "historia") hindú.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Ademais da narración épica da guerra Kurukshetra e do destino dos Kaurava e os Pandava, o Mahabharata contén moito material filosófico e relixioso, como por exemplo unha discusión dos catro "obxectivos da vida" ou purusharthas (12.161). Estes últimos enuméranse como dharma (acción correcta), artha (propósito), kama (pracer) e moksha (liberación). Entre as principais obras e historias do Mahabharata están o Bhagavad-guita, a historia de Damayanti, unha versión abreviada do Ramayana, e o Rishyasringa, adoito considerado como unha obra en si mesmo.

Tradicionalmente, a autoría do Mahabharata atribúese a Vyasa. Houbo moitos intentos de descifrar o seu desenvolvemento histórico e as capas compositivas. As partes máis antigas do texto non son moi anteriores ao 400 a.C.[1] O texto probablemente acadou a súa forma definitiva a principios do período Gupta (arredor do s.IV d.C.).[2] O título pódese traducir como "a grande historia da dinastía Bhārata". Segundo o propio Mahabharata, a historia estende unha versión máis curta de 24.000 versos chamada simplemente Bhārata.[3]

Con arredor de cen mil versos, longas pasaxes en prosa, ou arredor de 1,8 millóns de palabras en total, a extensión do Mahabharata é aproximadamente dez veces a da suma da Ilíada e a Odisea, ou arredor de catro veces a do Ramayana.[4][5]

Curiosidades[editar | editar a fonte]

No Reino Unido emitiuse entre 1988 e 1990 unha serie chamada Mahabharat que acadou gran éxito.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Brockington (1998, p. 26)
  2. Van Buitenen; The Mahabharata - 1; The Book of the Beginning. Introduction (Authorship and Date)
  3. bhārata significa a descendencia de Bharata, o rei lendario a quen se atribúe a fundación do reino Bhāratavarsha.
  4. Spodek, Howard. Richard Mason. The World's History. Pearson Education: 2006, New Jersey. 224, 0-13-177318-6
  5. Amartya Sen, The Argumentative Indian. Writings on Indian Culture, History and Identity, London: Penguin Books, 2005.