OU-636

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
OU-636
Mapa
Estrada OU-636
Caseta de legoeiros e fito na estrada OU-636 xunto á ponte Bibei
Identificador
TipoloxíaEstrada da Rede Primaria Complementaria
RedeRede de estradas de Galicia
Titular da vía
Xunta de Galicia

Dimensións
Lonxitude21,14 km
Formato1 carril por sentido
Localización
Inicio OU-536  A Pobra de Trives
Fin OU-533  Freixido

A OU-636[1][2] (na provincia de Ourense), é unha estrada da Rede Primaria Complementaria da Xunta de Galicia que une as localidades da Pobra de Trives e Freixido (Petín); atravesa os concellos da Pobra de Trives, Quiroga, Larouco e Petín. Ten unha lonxitude de 21,14 quilómetros e iníciase nun cruzamento coa OU-536 na Pobra de Trives e finaliza nun cruzamento coa OU-533 en Freixido (Petín).

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha estrada cun trazado moi sinuoso que segue o antigo camiño romano XVIII do itinerario de Antonino, a Vía Nova (Bracara Augusta-Asturica Augusta). A súa velocidade de percorrido recomendada é de 40 km/h.

É unha estrada desde a que podemos observar grandes paisaxes, coma os Codos de Larouco e o intricado val do río Bibei coa súa falla homónima e a formación xeolóxica do ollo de sapo. A saída do concello da Pobra de Trives realízase a través da Ponte do Bibei, unha das poucas pontes romanas abertas á circulación en España. É unha ponte de arco de tres luces, realizado con cantaría no ano 71, na época do emperador hispalense Traxano.

Ao longo da estrada podemos ver métodos de protección xa escasos noutras estradas desta categoría como antepeitos de cantaría unidos por morteiro. Moitos muros de contención e obras de fábrica da estrada están feitos de cantaría desde a década de 1870, cando se construíu a estrada de primeira orde Ponferrada-Ourense, e existen numerosos pasos estreitos con curvas con radios menores cós estándares de construción actual de estradas.

É a única vía de comunicación da comarca de Terra de Trives co principal núcleo administrativo, O Barco de Valdeorras e co resto de España. Ata 1987 discorría a N-120 (Logroño-Vigo) por este retorto trazado. A posíbel construción da autovía do Acceso Centro a Galicia, a A-76 evitaría a circulación por ela.

Traballos de mellora[editar | editar a fonte]

En 130 anos de vía aberta á circulación só se procedeu na década de 1960 a eliminar unhas curvas na baixada desde Trives ata a depresión do río Bibei, á estabilización de noiros e á ocupación de terreos lindantes para variar a traza lixeiramente; e á ampliación da estrada para permitir a dobre circulación instantánea (agás nos pasos de abas de montaña e na Ponte do Bibei). Desde que a estrada depende da Xunta de Galicia só se procedeu nunha ocasión ao seu asfaltado integral desde Larouco ata Trives e desde Larouco a Freixido. En 2006 foi aplicada unha nova capa de rodaxe formada por coada bituminosa (slurry) nos seus primeiros 5 km. A sinalización vertical é a mínima necesaria, e non ten sinalización quilométrica de lugares na maior parte do seu trazado.

A Consellería de Política Territorial elaborou un proxecto de acondicionamento xeométrico en planta e en alzado da estrada na década de 1980; pero nunca foi levado a cabo argüíndo escasa intensidade media diaria de vehículos (IMD) na estrada.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "CATÁLOGO DE ESTRADAS DA REDE AUTONÓMICA DE ESTRADAS DE GALICIA (RAEGA) -XUÑO 2021-" (PDF). Consultado o xuño de 2021. 
  2. "Listado RAEGA" (PDF). Consultado o xuño de 2023. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]