Limón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Limón: froito e flor.

O limón é o froito do limoeiro (Citrus limon L.), da familia das Rutáceas. Orixinario do Sueste Asiático e descoñecido para os antigos gregos e romanos, o limoeiro estendeuse pola zona mediterránea introducido polos árabes entre os anos 1000 e 1200. A primeira referencia sobre este citrino atópase no libro de Nabathae sobre agricultura, datando do século III ou IV.

Hai relatos de limoeiros cultivados en Xénova a mediados do século XV, así como referencias á súa existencia nos Azores en 1494.

Séculos máis tarde, os limóns utilizáronse pola mariña británica para combater o escorbuto, xa que proporcionaban unha gran cantidade de vitamina C: o sumo do limón contén aproximadamente 500 miligramos de vitamina C e 50 gramos de ácido cítrico por litro. Actualmente é unha das froitas máis coñecidas e utilizadas no mundo.

As súas aplicacións na vida doméstica son innúmeras. Co suco da froita, prepáranse refrixerantes, sorbetes, mollos e aperitivos, ben como remedios, xaropes e produtos de limpeza. Da casca, extráese unha esencia aromática usada en perfumaría e no preparo de licores e xabóns.

Características[editar | editar a fonte]

Híbrido cultivado, as árbores son pequenas (non atinxe máis de 6 metros de altura), espinescentes, moi ramificadas, de caule e ramos castaño claros; as follas son alternas, oblóngoelípticas, con puntuacións translúcidas; as inflorescencias son de flores axilares, albas ou violetas, en cacho. Reprodúcese por estacas de gallos, en solo areoso e ben estercado, de preferencia en rexións de clima quente ou temperado. Propágase tamén por sementes, que requiren solo leve e fértil, en lugar soleado e protexido dos ventos.

Frutifica durante todo o ano, en innúmeras variedades, que aínda que muden no tamaño e na textura da casca, que pode ser lisa ou enrugada, canto á cor, varían do verde escuro ao amarelo claro, excepto unha das especies, que se asemella a unha tanxerina.

Fisicamente o limón caracterízase por ser de forma ovalada con picos nos extremos da diagonal superior e ter unha pel de grosor moi variable (duns poucos milímetros a case un centímetro). Cando está madura, a pel é de cor marela polo exterior e case branca polo interior.

Limón, froito do limoeiro.
Molécula do ácido cítrico.

Contén ácido cítrico, hesperidina e entre as vitaminas: a vitamina C (ácido ascórbico) -uns 30mg en 100g-, e as vitaminas A, B1 (tiamina), B2 (riboflavina), B3 (ácido nicotínico), B5 (ácido pantoténico) e B6. Minerais: calcio, cobre, cloro, ferro, fósforo, magnesio, manganeso, potasio, sodio e xofre.

Utilización[editar | editar a fonte]

Úsanse as follas, a casca do froito e mais o suco do froito. Aínda que é comestíbel, non é habitual comelo tal como se colle da árbore por ter un sabor moi ácido. Os que teñen cor amarela ou amarelo-esverdeada, cultívanse sobre todo polo sumo, aínda que a polpa e a casca tamén se utilicen en culinaria. Os limóns conteñen unha gran cantidade de ácido cítrico, o que lles confire un gusto ácido.

Os limóns e as limas sérvense regularmente como limoada (sumo de limón natural con auga e azucre), ou como adorno para as bebidas tales como Coca-cola cunha rodela dentro ou na borda do copo.

É moi apreciado en repostería por potenciar o sabor e o seu zume por ser refrescante. Ademais, é amplamente utilizado como desinfectante e desengraxante tanto só como combinado con outros produtos de limpeza.

Produción e exportacións[editar | editar a fonte]

As variedades mais abundantes no mercado son: Lisbon, Eureka, Primofiori e Verna. España é o maior exportador de Europa e México o maior produtor do mundo.

Produción de limóns e limas ( toneladas ). Fonte FAO.
País Ano 2004 Ano 2002
México 1 824 890 1 725 090
India 1 420 000 1 440 000
Irán 1 100 000 1 040 000
España 1 050 000   919.700
Arxentina   950.000 1 313 266
Brasil   950.000   984.551
Estados Unidos de América   732.000   733.001
China   618.300   520.568
Italia   550.000   486.410
Turquía   535.000   525.000



Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Limón