Talo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Caule»)
O talo dunha planta.

O talo[1] ou caule[2] é, entre as plantas con flores, o eixe, xeralmente aéreo, que prolonga a raíz e no que se penduran as xemas e as follas. Ramifícase xeralmente en diversas pólas.

Diferénciase da raíz pola presenza de entrenós nos que se penduran as xemas auxiliares e as follas, pola ausencia de cofia terminal e pola súa estrutura anatómica. A transición entre raíz e talo faise no "pescozo". Poden existir talos subterráneos como existen raíces aéreas.

Polo seu xeito de crecemento e de ramificación, o talo determina o porte da planta; tamén ten unha función de sostén da planta e de transporte dos elementos nutritivos entre as raíces e as follas.

Un sinónimo usado ás veces, para diferencialo do talo das plantas inferiores ou talófitas, é o cultismo caule.[3]

Arquitectura do talo[editar | editar a fonte]

Como se ve na ilustración, o talo componse de:

Estrutura anatómica[editar | editar a fonte]

O talo é a parte da planta que medra no sentido contrario da raíz. Del saen as pólas ou talos secundarios, as follas, as flores e os froitos.

Os talos pódense observar no microscopio electrónico grazas a uns cortes transversais finos de talo ou de pedúnculos florais. Estes cortes poden ser coloreados para permitir diferenciar as células e os seus constituíntes grazas á dobre coloración: carmín-verde (colorante de Miranda).

Este colorante colorea de rosa as estruturas celulósicas (como os parénquimas, o floema (4) primario e secundario e os colénquimas ) e en verde as estruturas que conteñen moléculas emparentadas cos lípidos ( tecidos suberizados ou lignificados como os parénquimas lignificados, os esclerénquimas, o xilema ( 2, 3 ) primario e secundario e en amarelado o súber (chamado tamén codia)

Un talo está composto por dúas zonas principais:

Corte transversal dun talo de liño. 1-medula 2-protoxilema 3-xilema primario 4-floema primario 5-fibras de esclerénquima 6-codia 7-epiderme.
  • A codia ( 6 )

A codia está constituída por un tecido de revestimento de orixe primaria: a epiderme (7). Este último componse dunha soa capa de células aliñadas unha á beira doutra; pódense ver os estomas de cando en cando para permitir os intercambios gaseosos entre o medio exterior e o talo.

Baixo a epiderme atópase o parénquima cortical, un tecido composto de células máis grosas e menos organizadas. É o lugar onde se realiza a fotosíntese e pode servir de reserva á planta. A miúdo atópase debaixo un parénquima lignificado (aparece verde no corte) que serve de sostén á planta, é o esclerénquima (5).

  • O cilindro central

O límite entre a codia e o cilindro central está delimitado polos feixes condutores. Estes últimos atópanse noutro parénquima chamado parénquima medular. Os feixes están formados por dous tipos de vasos: o xilema (2, 3) e o floema (4). O xilema conduce o zume bruta composta de auga e sales minerais desde as raíces cara aos órganos fotosintéticos onde o zume cárgase de azucre. Transfórmase entón en zume elaborado que é conducida polo floema cara aos órganos que piden enerxía, tales como as xemas, as raíces, os tubérculos , as flores e os froitos.

No centro do talo atópase a medula (1) ou zona medular que contén parénquimas de reserva. Entre as Poáceas (gramíneas), esta zona está substituída por un baleiro central. Isto explica por que o talo de trigo está oco cando se curta.

Ramificación[editar | editar a fonte]

Nas plantas vasculares a ramificación ten lugar a partir dun talo principal, do cal orixínanse os talos laterais. No caso das coníferas en xeral, o talo principal medra indefinidamente pola acción dunha única xema apical que medra ano tras ano. As pólas laterais medran menos co talo principal (abeto).

Outras plantas ramifícanse dun xeito diferente. A xema apical medra tan só durante un ano, e son as xemas máis próximas á apical as encargadas de prolongar o talo (tilo)

Clases de talos[editar | editar a fonte]

Talo de estripeiro (Crataegus monogyna), que sustenta ás follas características e ás espiñas
  • Herbáceos. Teñen consistencia de herba, como o trigo (Triticum vulgare).
  • Leñosos. Teñen consistencia de leña. Neste grupo atópanse as matas, que non superan o metro de altura, como o tomiño ( Thymus vulgaris ), os arbustos, que teñen entre un e cinco metros de altura, como o buxo (Buxus sempervirens) e as árbores que teñen máis de cinco metros de altura, como os piñeiros.
  • Subterráneos:
  • Os rizomas. Talos de lonxitude e grosor variables, que medran horizontalmente a profundidades diversas segundo as especies. Os nós levan follas pequenas, e cada ano producen raíces que penetran no chan e talos aéreos de vida curta, a cana (Arundo donax).
  • Os tubérculos. Máis grosos cós rizomas, diferéncianse en que teñen crecemento limitado, non presentan habitualmente raíces e adoitan durar un só período vexetativo. Moitos tubérculos utilízanse na alimentación humana, como a pataca (Solanum tuberosum).
  • Os bulbos. Na súa formación intervén un talo moi curto e diversas follas carnosas que o recobren, como nas cebolas (Allium).
  • Aéreos. Desenvólvense ao aire. Entre os talos aéreos destacamos os rectos ou ascendentes, que medran de forma vertical. Os rastreiros que medran de xeito horizontal sobre a terra; algúns producen raíces en diversos puntos chamados estolóns, coma o amorodo (Fragaria vesca).

Utilidade do talo[editar | editar a fonte]

A súa utilidade é moi diversa; pode servir para:

  • A alimentación do home.
  • A alimentación dos animais.
  • Diversas industrias: téxtil, carpintería etc.

As madeiras proceden dos troncos e das ramas das árbores. Constitúen a materia prima de varias industrias: mobles, papel, construción... As árbores de crecemento lento dan madeiras duras, de mellor calidade, que se empregan xeralmente na industria do moble. As árbores de crecemento rápido dan madeiras brandas que se usan principalmente para a fabricación de papel. Entre as árbores máis finas de madeira dura podemos atopar a caoba, o ébano, a teca, e o pau rosa empregados para facer mobles de gran calidade, e entre a branda, as coníferas son moi comúns, como o lárice, piñeiro, abeto; e outros como o lamigueiro, faia, bidueiro e o carballo, de aplicación na industria da construción e outras.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para talo.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para caule.
  3. Véxase no VOLG caule m, e tamén caulescente a; caulículo m; cauliforme a; e caulinar a.