Golpe de Estado de Pavía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Golpe de Estado de Pavía
Entrada das forzas do xeneral Pavía no congreso dos Deputados.
Contexto do acontecemento
Data3 de xaneiro de 1874
LugarEspaña
ImpulsoresManuel Pavía, Cristino Martos, Francisco Serrano Domínguez
MotivosCrise política na Primeira República e impedir a creación dun goberno republicano federal
Influencias ideolóxicas dos impulsoresConservadorismo, Liberalismo
Goberno previo
GobernanteEmilio Castelar
Forma de gobernoRepública democrática federal
Goberno resultante
GobernanteFrancisco Serrano Domínguez
Forma de gobernoRepública ditatorial unitarista

O golpe de estado de Pavía, ou simplemente golpe de Pavía, foi un golpe de estado que se produciu en España o 3 de xaneiro de 1874, durante a Primeira República e que estivo encabezado polo xeneral Manuel Pavía, capitán xeneral de Castela a Nova cuxa xurisdición incluía Madrid. Consistiu na ocupación do edificio do Congreso dos Deputados por gardas civís e soldados que desaloxaron do mesmo aos deputados cando se estaba procedendo á votación dun novo presidente do Poder Executivo da República en substitución de Emilio Castelar que acababa de perder a moción de censura presentada por Francisco Pi e Margall, Estanislao Figueras e Nicolás Salmerón, líderes do sector do Partido Republicano Federal oposto á política «fóra da órbita republicana» do republicano unitario Castelar. Precisamente o obxectivo do golpe era impedir que Castelar fose desaloxado do goberno, aínda que como este tras o golpe non aceptou seguir no poder por medios antidemocráticos, o xeneral Pavía tivo que reunir aos partidos contrarios á república federal que decidiron pór á fronte do goberno nacional que promovía Pavía ao líder do conservador Partido Constitucional, o xeneral Francisco Serrano. Así se iniciou a segunda etapa da República que se adoita denominar «República Unitaria» ou «Ditadura de Serrano».

O xeneral Pavía nunha intervención parlamentaria do 13 de marzo de 1875, é dicir, despois de se produci-la Restauración borbónica, explicou con detalle o «acto do 3 de xaneiro», como el designou ao golpe de estado que encabezara —explicación que en 1878 publicou en forma de folleto—.[1]

Contexto: a proclamación da República Federal e a rebelión cantonal[editar | editar a fonte]

O 11 de febreiro de 1873, ao día seguinte da abdicación de Amadeu I, o Congreso e o Senado, constituídos na Asemblea Nacional, proclamaron a República por 258 votos contra 32, pero sen definila como unitaria ou federal, aprazando a decisión á futuras Cortes Constituíntes e nomeado presidente do Poder Executivo ao republicano federal Estanislao Figueras.[2]

En maio celebráronse as eleccións ás Cortes Constituíntes, que debido ó retraemento do resto dos partidos supuxeron unha contundente vitoria para o Partido Republicano Federal. Pero esta situación era enganosa xa que en realidade os deputados republicanos federais dos electores estaban divididos en tres grupos:[3]

  • Os "intransixentes" con preto de 60 deputados formaron a esquerda da Cámara e defendían que as Cortes se declarasen en Convención, asumindo todos os poderes do Estado - o lexislativo, o executivo e o xudicial - para construí-la República Federal de abaixo cara a arriba: dende o municipio aos cantóns ou estados e destes ao poder federal; e tamén defenderon a introdución de reformas sociais que mellorasen as condicións de vida do cuarto estado. Este sector dos republicanos federais non tiña un líder claro, aínda que recoñeceron como o seu "patriarca" a José María Orense, o antigo marqués de Albaida. Entre eles destacaron Nicolás Estévanez, Francisco Díaz Quintero, os xenerais Juan Contreras e Blas Pierrad e os escritores Roque Barcia e Manuel Fernández Herrero.
  • Os "centristas" dirixidos por Francesc Pi e Margall coincidiron cos "intransixentes" en que o obxectivo era construír unha república federal pero de arriba abaixo; é dicir, primeiro había que elaborar a Constitución federal e logo proceder á formación dos cantóns o Estados federados. O número de deputados que tiña este sector non era moi grande e en moitas ocasións actuaron divididos nas votacións, aínda que tendían a favorecer as propostas dos "intransixentes".
  • Os "moderados" constituían a dereita da Cámara, estaban dirixidos por Emilio Castelar e Nicolás Salmerón -entre eles destacaban tamén Eleuterio Maisonnave e Buenaventura Abárzuza Ferrer- e defenderon a formación dunha República democrática que acomodase a todas as opcións liberais, polo que rexeitaban a conversión das Cortes nun poder revolucionario como defendían os "intransixentes" e acordaron cos pimargalianos que a prioridade das Cortes era aprobar a nova Constitución. Constituíron o grupo máis numeroso da Cámara, aínda que houbo certas diferenzas entre os seguidores de Castelar, que estaban a favor da conciliación cos radicais e os constitucionalistas para incluílos no novo réxime, e os seguidores de Salmerón que defendían que a República só se debía basear na alianza dos "vellos" republicanos. O seu modelo era a República Francesa, mentres que para os "intransixentes" e os "centristas" pimargalianos eran Suíza e Estados Unidos, dúas repúblicas cunha estrutura federal.

A pesar desta división, non tiveron problemas para proclamar a República Federal o 8 de xuño, unha semana despois de que se abrisen as Cortes Constituíntes baixo a presidencia do veterano republicano "intransixente" José María Orense, por 218 votos a favor e dous.[4]

Artigo único. A forma de goberno da Nación española é a República democrática federal.
Caricatura da revista satírica La Flaca do 3 de marzo de 1873, facendo referencia á loita entre os radicais, que defenden a república unitaria e os republicanos federais que defenden a federal. E tamén as liortas entre os federais "transixentes" e "intransixentes"

Cando o presidente Figueras, que sufriu unha grave depresión pola morte da súa muller, soubo que os xenerais "intransixentes" Juan Contreras e Blas Pierrad preparaban un golpe para iniciar a República federal "desde abaixo", á marxe do goberno e das Cortes, temeu pola súa vida e o 10 de xuño fuxiu a Francia. Foi substituído polo republicano federal "centrista" Francesc Pi i Margall, que fixo prioritario derrotar aos carlistas que xa levaban máis dun ano en armas, na chamada Terceira guerra carlista, e o desenvolvemento e aprobación da nova Constitución da República Federal. Mais, a seguir, o goberno de Pi i Margall atopouse coa oposición dos "intransixentes" republicanos federais porque algunhas das demandas históricas dos federais non foran incluídas no seu programa, como a abolición do estanco de tabaco, da lotaría, das taxas xudiciais e de consumos repostos, de novo, en 1870 por falta de recursos. Pero sobre todo o que demandaban os "intransixentes" era que as Cortes, mentres se elaboraba e aprobaba a nova Constitución da República democrática federal, se constituísen nunha Convención da que emanaría unha Xunta de Saúde Pública que ostentaría o poder executivo, proposta que foi rexeitada por Pi i Margall e pola maioría dos deputados "centristas" e "moderados" que apoiaron o goberno.[5]

A resposta dos "intransixentes" á política de "orde e progreso" do goberno de Pi i Margall foi abandonar as Cortes o 1 de xullo, acusando ao goberno de ter contemporalizado e mesmo renderse fronte aos inimigos da República Federal.[6] Os "intransixentes" pediron entón a formación inmediata e directa de cantóns, que iniciarían a revolta cantonal, formando un Comité de Saúde Pública en Madrid para dirixila, aínda que o que prevaleceu foi a iniciativa dos federais locais, que se fixeron donos da situación nas súas respectivas cidades. Aínda que houbo casos como o de Málaga nos que as autoridades locais foron as que lideraron o levantamento, na maioría formáronse xuntas revolucionarias. Dúas semanas despois da retirada das Cortes, a revolta foi un feito en Murcia, Valencia e Andalucía

Para pór fin á revolta cantonal, Pi i Margall rexeitou aplicar as medidas excepcionais propostas polo sector "moderado" do seu partido, que incluían a suspensión das sesións das Cortes, porque declarou, con toda lóxica, que o rebeldes só seguían a doutrina federalista "pactista" que el mesmo proclamara. Confiaba en que a rápida aprobación da Constitución federal -que non aconteceu- e a forma de diálogo -a "guerra telegráfica" que xa lle funcionara cando a Deputación de Barcelona proclamara o Estado catalán- provocarían que os rebeldes entrasen en razón.[7] Porén, non dubidou en acudir á represión.[8][9] Como a política de persuasión e represión de Pi i Margall, finalmente, non conseguira deter a rebelión cantonal, o sector "moderado" retiroulle o seu apoio o 17 de xullo votando a favor de Nicolás Salmerón. Ao día seguinte, Pi i Margall dimitiu, despois de 37 días no cargo.[7]

O lema do novo goberno de Salmerón era o "imperio da lei", o que significaba que para salvar a República e as institucións liberais era necesario poñer fin aos grupos carlistas e cantonais. Para sufoca-la rebelión cantonal, tomou duras medidas como destituír aos gobernadores civís, alcaldes e soldados que apoiaran dalgún xeito aos cantonalistas e, como a prioridade era o restablecemento da orde, non lle importou nomear a xenerais opostos á República Federal, como Manuel Pavía ou Arsenio Martínez Campos, para que dirixiran as expedicións militares a Andalucía e Valencia, respectivamente. Tamén adoptou un feixe de medidas: mobilizou aos reservistas, aumentou a Garda Civil con 30.000 homes, nomeou delegados do goberno nas provincias cos mesmos poderes que o Executivo, autorizou que os consellos comarcais impuxesen contribucións de guerra e puidesen organiza-las forzas armadas provinciais e, finalmente, decretou que os barcos en poder do cantón de Cartaxena fosen considerados piratas, o que significaba que calquera barco podía afundilos, tanto en augas españolas como en augas exteriores.[10] Grazas a estas medidas, os diferentes cantóns foron sometidos un tras outro, agás o de Cartaxena, que resistiu até o 12 de xaneiro de 1874.

O xeneral José López Domínguez, comandante do exército que sitiou e conseguiu rendi-lo Cantón de Cartaxena, a comezos do século XX.

Nicolás Salmerón renunciou ao seu cargo porque non quería asinar as penas de morte de varios soldados acusados ​​de traizón, xa que estaba absolutamente en contra da pena de morte. Para substituílo, o 7 de setembro, as Cortes elixiron a Emilio Castelar.[11] Castelar obtivo inmediatamente das Cortes a concesión de poderes extraordinarios para lle pór fin á guerra carlista e á rebelión cantonal e, tamén, a suspensión das súas sesións dende o 20 de setembro de 1873 até o 2 de xaneiro de 1874, o que entre outras consecuencias supuxo paralizar o debate e a aprobación do proxecto de Constitución federal.[12]

Os extraordinarios poderes que obtivo Castelar permitiulle gobernar por decreto, facultade que inmediatamente utilizou para reorganizar o corpo de artillaría disolto hai uns meses a finais do reinado de Amadeu I, chamar os reservistas e convocar unha novo leva coa que obtivo un exército de 200.000 homes e o lanzamento dun préstamo de 100 millóns de pesetas para cubrir os gastos de guerra.[13]

A finais de novembro, o goberno de Castelar ordenou ao xeneral Ceballos, quen dirixiu o asedio de Cartaxena tras a renuncia do xeneral Arsenio Martínez Campos, que o iniciara o 15 de agosto, que bombardease Cartaxena para "romper o espírito dos defensores ou polo menos perturbándoos, para non permitirlles permanecer como quedaron, completamente tranquilos". O bombardeo comezou o 26 de novembro de 1873 sen previo aviso e prolongouse ata o último día do cerco, o 12 de xaneiro de 1874, contabilizando un total de 27.189 proxectís, "un auténtico diluvio de lume", causando 800 feridos e doce mortos e danos para a maioría dos edificios pois só 28 casas quedaron sen sufrir danos. Responderon os canóns dos castelos de Cartaxena e das fragatas, pero foron moito menos efectivos dada a dispersión das forzas gobernamentais que asediaron a praza por terra.[14][15] Despois da primeira semana de bombardeo na que os sitiadores se decataron de que as defensas de Cartaxena permanecía, aínda, intactas, o xeneral Ceballos dimitiu e o 10 de decembro foi substituído polo xeneral José López Domínguez, quen tamén era xeneral antirrepublicano e tamén era sobriño do xeneral Serrano, o líder do conservador Partido Constitucional. Na entrevista que mantivo en Madrid con Castelar, insistiu en que debería lograr a rendición de Cartaxena a calquera prezo antes do 2 de xaneiro, data prevista para a reapertura das Cortes.[16]

Preparación do golpe[editar | editar a fonte]

A política de achegamento de Castelar aos constitucionalistas e os radicais, os dous partidos liberais que apoiaran a Monarquía de Amadeu I, atopou a oposición dos "centristas" de Pi i Margall, pero tamén a dos "moderados" que seguiron a Nicolás Salmerón -quen nun principio apoiaran ao goberno- porque crían que a República debía ser construída polos auténticos republicanos e non polos acabados de chegar -estaban en contra de facer unha "política fóra da órbita republicana".[17] Esta oposición aumentou cando Castelar nomeou xenerais de dubidoso apoio á República para os postos máis importantes -como Manuel Pavía, o novo capitán xeneral de Castela a Nova, que incluía Madrid- e cando ocupou os postos vacantes de tres arcebispados a mediados de decembro -Toledo, Tarragona e Santiago de Compostela-, o que indicaba que entrara en negociacións coa Santa Sé, restablecendo de facto as relacións con ela e que se opuña á separación da Igrexa e do Estado defendidos polos republicanos.[18] A isto engadiuse un decreto do 22 de decembro que autorizaba aos gobernadores civís a suspender os xornais sen necesidade de aviso nin multa previa e a supresión arbitraria de deputacións e concellos, como Madrid, cuxos concelleiros foron substituídos por outros máis conservadores.[19]

Xeneral Pavía

O primeiro sinal de que Salmerón deixara de apoiar ao goberno de Castelar produciuse ao mesmo tempo cando os seus partidarios votaron xunto a Pimargalianos e "intransixentes" na Deputación Permanente das Cortes contra a proposta de Castelar de que se celebrasen eleccións para ocupa-los escanos vacantes, polo que foi rexeitada.[20] Esta votación supuxo un serio dilema para Castelar, ao ter que "decidir entre os federais e os conservadores", segundo informou o embaixador británico ao seu goberno.[21]

Como consecuencia da derrota parlamentaria de Castelar, Cristino Martos, líder dos radicais, e o xeneral Serrano, líder dos constitucionalistas, que ata entón andaban a se preparar para as eleccións parciais que xa non se ían convocar, acordaron levar a cabo un golpe de estado para evitar que Castelar fose substituído como xefe do Poder Executivo por un voto de censura que se esperaba que presentasen Pi i Margall e Salmerón en canto as Cortes reabrisen o 2 de xaneiro de 1874. O acordo entre Serrano e Martos estipulaba que o primeiro ocuparía a presidencia da República e o segundo a presidencia do goberno.[17]

Cando o 20 de decembro, Emilio Castelar soubo do golpe de estado que se preparaba, chamou ao capitán xeneral de Madrid, o xeneral Pavía, ao seu despacho o día 24 para tratar de convencelo de que cumprise a lei e non participase no intento. Nesa reunión, como Pavía relatou máis tarde, pediu a Castelar que promulgase un decreto polo que se ordenaba a continuación das suspensións das Cortes e que "fixaría a Porta do Sol con catro baionetas", ao que Castelar rexeitou rotundamente, afirmando que non se separaría un ápice de legalidade. Non obstante, como Pi e Margall se pregunton máis tarde, cando soubo dos feitos, por que Castelar permitiu a Pavía continuar co seu proxecto de disolución forzosa das Cortes e non o destituíu inmediatamente do seu posto de máxima autoridade militar en Madrid? Pavía afirmou máis tarde que cando saíu da reunión con Castelar preguntouse: "Debo permitir que estale a anarquía?"[22][23] Un sinal de que o xeneral Pavía non admitía a supremacía do poder civil sobre o exércitoe que o levou a considerar que o o golpe de estado que tiña previsto dar era lexítimo, produciuse unhas semanas antes cando, con motivo do funeral do deputado Ríos Rosas, intentou situarse na procesión fúnebre inmediatamente detrás do Goberno e diante da Mesa das Cortes, tendo que intervir o propio Castelar para restablecer a prioridade.[24] Daquela, Castelar, que estaba informado de primeira man de que perde o voto, íase producir o golpe de estado, non tivo a coraxe de destituír aos xenerais afonsinos e, unha semana máis tarde, o 31 de decembro, escribe unha queixosa carta a un xeneral desafecto e sobriño de Serrano, o xeneral José López Domínguez, quen dirixira o asedio de Cartaxena -o último reduto da rebelión cantonal-, para lle asegurar que non sairía nnunca da lei e que abandonaría o poder se as Cortes así o decidisen. Igualmente, suplicáballe que el tamén fose fiel a lei pois estaba decidido a fundar a República "na orde, a aumenta-lo exército e a salva-la disciplina e todo aquilo que nos poida dar patria".[25] O xeneral López Domínguez respondeulle o 2 de xaneiro: "Pode este bizarro exército que me orgullo de mandar consenti-la ignominia de ver triunfar aos sublevados? [...] Temo que a Cámara poida tomar un camiño para que a súa legalidade sexa o deshonor do país." Despois de ler isto, Castelar non o destituíu.[26]

Daquela, Castelar xa sabía que Nicolás Salmerón ía sumarse ao voto de censura porque o día anterior, o 30 de decembro (ou o 26 de decembro segundo outras fontes), na entrevista que mantivera con el, Castelar non aceptara as condicións que lle propuxera para seguir dándolle o seu apoio: substituír os xenerais que Castelar designara por outros adictos ao federalismo; revogación do nomeamento de arcebispos; cesamento dos ministros máis conservadores dando entrada no goberno aos seus seguidores e a discusión inmediata e aprobación da Constitución Federal.[27][28] Ese mesmo día, 31 de decembro, Pi i Margall, Estanislao Figueras e Salmerón reuníronse para acordar presentar un voto de censura contra Castelar o 2 de xaneiro, aínda que sen decidir quen o ía facer.[27]

O golpe[editar | editar a fonte]

Eduardo Palanca Asensi, o candidato dos republicanos federais para substituír a Emilio Castelar, cuxa elección foi impedida polo golpe de Pavía.

Cando as Cortes reabriron, ás dúas da tarde do 2 de xaneiro de 1874, o capitán xeneral de Madrid, Manuel Pavía, antigo partidario de Prim, con quen se pronunciara en Villarejo de Salvanés, tiña as súas tropas listas para o caso de que Castelar perdese a votación parlamentaria -tamén pedira aos líderes do Partido Radical e do Partido Constitucional que se reunisen nunha casa xunto ao Congreso e que agardasen alí as súas "ordes".[29] Pola outra banda, tamén había batallóns de Voluntarios da República, preparados para actuar se Castelar gañaba.

De feito, segundo Jorge Vilches, "o cantón de Cartaxena recibira o encargo de resistir até o 3 de xaneiro, día en que o goberno de Castelar sería derrotado e se formaría un goberno intransixente que "legalizaría" a súa situación e levaría a cabo a "cantonalización" de España"; aínda que segundo outros autores, como Barón Fernández, que afirman que non hai probas documentais diso:[30]

"Deuse a entender que [Pi i Margall] estaba en contacto cos rebeldes para que non se rendesen, polo menos antes da sesión da Asemblea. Non hai probas documentais que demostren este punto, pero non se pode descartar que fixera todo o posible para evita-la política de rendición de Castelar, salvando a República, segundo os seus conceptos, e isto só podería lograrse coa derrota do Goberno por votación."

Na apertura da sesión, Nicolás Salmerón interveu para anunciar que retiraba o seu apoio a Castelar porque a súa política deixara a "órbita dos principios republicanos" xa que pretendía incluír no réxime ao Partido Constitucional de Serrano, que segundo el estaba a representa-los intereses da "oligarquía militar" antirrepublicana, aínda que esta vez admitiu o achegamento ao Partido Radical de Cristino Martos. Finalmente, Salmerón rematou o seu discurso cunha frase que se fixo famosa: "Pérdase a República, sálvense os principios", o que, segundo Jorge Vilches, significaba que "se non se podía gobernar con principios republicanos, que a República pasase a mans doutros". En troques, Emilio Castelar respondeulle pedindo o establecemento da "República posible" con tódolos liberais, incluíndo os conservadores, e abandonando a "demagoxia".[31]

Caricatura de Pavía durante o golpe. Caricatura en La Madeja Política, debuxo de Tomás Padró Pedret.

Pasada a medianoite produciuse a votación sobre a cuestión da confianza, na que o goberno foi derrotado por 100 votos a favor e 120 en contra, o que obrigou a Castelar a dimitir e logo realizouse un receso para que os partidos alcanzasen un consenso sobre o candidato que substituíse a Castelar á fronte do Poder Executivo da República. Naquel momento, o deputado constitucional Fernando León y Castillo xa enviou o resultado, adverso para Castelar, ao xeneral Pavía a través do tamén constitucionalista Víctor Balaguer.[31] Pavía deu entón a orde de marchar cara ao Congreso dos Deputados aos rexementos comprometidos e el persoalmente se presentou na praza diante do edificio co seu persoal desde onde ordenou a dous asistentes que comunicasen a Salmerón, presidente do Congreso dos Deputados, a orde de disolución da sesión das Cortes e o desaloxo do edificio en cinco minutos. A Garda Civil, que custodiaba o Congreso, púxose ás ordes do xeneral Pavía.[32] Faltaban cinco minutos para seren as sete da mañá do 3 de xaneiro, cando se levaba a cabo a votación para elixir o candidato federal Eduardo Palanca Asensi.

Salmerón, ao recibir a orde do capitán xeneral nunha nota entregada por un dos seus axudantes dicindo "Desaloxe as instalacións", suspendeu a votación e informou do que pasaba, proclamando entón que as Cortes estaban en sesión permanente ata que fosen disoltas pola forza. Posteriormente, varios deputados interviñeron solicitando que Pavía fose declarado fóra da lei e que fose sometido a un Consello de Guerra, proposta que foi aceptada polo ministro de Guerra, o xeneral José Sánchez Bregua, que elaborou un decreto no que Pavía foi destituído da súa posición e tódolos seus honores e condecoracións. "Salmerón, con moita dignidade, preguntou aos deputados se debían permitirse a súa morte sen abandonar os seus escanos, ao que moitos deputados responderon afirmativamente." Pero cando as forzas da Garda Civil e do Exército entraron no Congreso con disparos ao aire, os deputados saíron rapidamente aos corredores. Díxose que algúns deputados incluso se inclinaron polas fiestras para escapar, ao que Pavía, sorprendido, preguntoulles: «Pero señores, por que saltar polas fiestras cando se pode saír pola porta?».

Nada máis saír do Congreso, o xeneral Pavía enviou un telegrama aos líderes militares de toda España no que pedía o seu apoio ao golpe de estado, que Pavía denominou "a miña misión patriótica", "preservando a orde a toda costa". No telegrama xustificou o que máis tarde chamou "o acto do 3 de xaneiro":[33]

O ministerio de Castelar ... ía ser substituído por aqueles que basean a súa política na desorganización do exército e na destrución da patria. En nome, entón, da salvación do exército, da liberdade e do país, ocupei o Congreso, convocando aos representantes de tódolos partidos, agás o cantonal e os carlistas, para formar un goberno nacional que salve tan caros obxectivos.

Un dos primeiros en responder ao telegrama de Pavía foi o xeneral López Domínguez, que comandaba o exército que asediaba Cartaxena:[34]

Este disciplinado exército, que teño a honra de mandar, inspirado nos máis altos sentimentos, está disposto a apoiar ao goberno que a nación se dea, tal e como manifesta o Capitán Xeneral de Castela a Nova e que representa a honra, a orde e a liberdade do país.
Retrato do xeneral Serrano, derradeiro presidente da I República que impuxo unha ditadura, dende xaneiro até decembro de 1874.

As consecuencias: fin da República Federal e ditadura de Serrano[editar | editar a fonte]

O xeneral Pavía intentou formar un "goberno nacional" presidido por Emilio Castelar, pero na reunión de líderes políticos constitucionais, radicais, afonsinos e republicanos unitarios que Pavía convocou para ese fin. Os republicanos federais de Salmerón e Pi i Margall e os "intransixentes" foran excluídos e, por outra banda, tamén Castelar rexeitou asistir porque non quería manterse no poder por medios antidemocráticos e publicou o mesmo día 3 unha protesta contra as espadas militares e as baionetas federais que acabaran coa República. Días despois, do seu xornal recentemente fundado, culpou da "ditadura militar" aos golpistas, aos intransixentes e aos socialistas. Na reunión, Pavía defendeu a república conservadora e, por iso, impuxo ao republicano unitario Eugenio García Ruiz como ministro de gobernación, mentres que o afonsino Antonio Cánovas del Castillo propuxo que o goberno fose "innominado" para prepara-la restauración da monarquía borbónica. na persoa do príncipe Afonso, fillo da destronada raíña Isabel II, sendo apoiado polo constitucional Práxedes Mateo Sagasta, pero a negativa do tamén constitucional xeneral Serrano, que acabou sendo nomeado xefe do novo goberno, deixou aos afonsinos no á marxe.[35]

Estes feitos marcaron o fin de facto da Primeira República, aínda que oficialmente continuaría case un ano máis, co xeneral Francisco Serrano á fronte - "nominalmente a República continuou pero completamente desnaturalizada", di José Barón Fernández -.[36] Como ten sinalado María Victoria López Cordón, "a facilidade e pouca resistencia coa que Pavía acabou coa República federal, entrando no Congreso coas súas tropas, é o mellor exemplo da fraxilidade dun réxime que apenas tiña unha base para se soster" .[37]

O líder do partido Afonsino, Antonio Cánovas del Castillo, tamén dixo á raíña Isabel II exiliada que "os principios democráticos están feridos de morte" e que só se trata de "tranquilidade, serenidade, paciencia, así como perseveranza e enerxía" para lograr a restauración da monarquía borbónica.[38]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]