José López Domínguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José López Domínguez
Nome completoJosé López Domínguez
Nacemento29 de novembro de 1829
Lugar de nacementoMarbella
Falecemento17 de outubro de 1911
Lugar de falecementoMadrid
Soterradocamposanto de San Isidro
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico e militar
PremiosCabaleiro da Orde do Vélaro de Ouro, Gran Cruz Laureada de San Fernando, Grand Cross of Naval Merit with red badge e Grand Cross of the Military Merit - red badge
editar datos en Wikidata ]

José López Domínguez, nado en Marbella (Málaga) o 29 de novembro de 1829 e finado en Madrid o 17 de outubro de 1911, foi un militar e político español. Ocupou a presidencia do goberno dende o 6 de xullo de 1906 ó 30 de novembro de 1906.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Como tenente de artillaría tomou parte no pronunciamento de Leopoldo O'Donnell en 1854. Pertenceu á comisión militar española que acudiu á guerra de Crimea e participou nunha misión en Italia durante a guerra con Austria de 1859. Loitou na guerra que España sostivo contra Marrocos en 1859-1860, acadando o grao de coronel.

Afiliado ó partido moderado da Unión Liberal, foi elixido deputado a Cortes en varias lexislaturas. Parente do xeneral Serrano, participou con el na Revolución Gloriosa de setembro de 1868. Acompañouno na batalla de Alcolea, na que os lealistas de Pavía foron derrotados e grazas á cal ascendeu ó xeneralato.

Foi deputado nas Cortes Constituíntes de 1869. Constituído o goberno provisorio con Serrano como rexente e Prim como presidente do goberno, foi nomeado subsecretario da presidencia, e logo secretario da rexencia.

En 1871 ascendeu a mariscal de campo e Amadeu I nomeouno o seu axudante militar. Elixido xefe do exército do Norte, loitou contra os carlistas en 1873. Ese mesmo ano Emilio Castelar chamouno para que sitiara Cartagena, sublevada polos cantonalistas. Unha vez rendido o cantón polas disensións internas dos seus xefes regresou ó norte e liberou Bilbao, sitiado polos carlistas.

En 1874, tras o golpe de estado de Pavía, e sendo de novo Serrano xefe do poder executivo, foi capitán xeneral de Cataluña.

Coa restauración borbónica entrou no Partido Liberal Fusionista de Sagasta, separándose del cando Serrano fundou o partido Izquierda Dinástica. Ocupou a carteira do Ministerio da Guerra en 1883 con Posada Herrera. Logo do Pacto do Pardo achegouse a Francisco Romero Robledo con quen formou en 1886 o Partido Liberal-Reformista.

En 1888 iniciou unha nova aproximación a Sagasta, sendo de novo ministro da guerra con el de 1892 a 1895. A chamada guerra de Melilla beneficiouno cun ascenso a capitán xeneral.

Membro do Senado por Málaga e por dereito propio ocupou a presidencia desta cámara ata. En xullo de 1906 foi finalmente nomeado presidente do goberno nun gabinete apadriñado por José Canalejas e os sectores máis esquerdistas dos liberais. No comezo do seu mandato ocupouse inicialmente da carteira do Ministerio da Guerra ata que se fixo cargo dela Agustin de Luque y Coca. Combatido duramente por membros do seu propio partido, cando apenas levaba catro meses no desempeño do cargo, foi derrubado por unha manobra pouco honesta de Segismundo Moret.

Tras a súa dimisión viviu apartado da política. Finou en 1911.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]