Pronunciamento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O termo pronunciamento ten a súa orixe na España do século XIX. Foi utilizado por primeira vez no levantamento do xeneral Riego en 1820 e é unha das expresións castelás que pasaron a formar parte do vocabulario universal. Trátase dunha sublevación ou rebeldía militar ou civil, a través da cal o xefe dunha tropa ou unha institución eríxense en portavoz dun sector social ou estado de opinión representativo da vontade nacional e busca o apoio das forzas políticas e a opinión pública para lograr un cambio na política do goberno, ou ata a conquista directa do poder. Trátase pois dun fenómeno político-militar moi habitual non só en España senón tamén nas recentes nacións independentes de Latinoamérica ao longo do século, onde seguiu aplicándose con bastante frecuencia tamén no século XX.

De feito, en España, en 1835, 1836 e 1840 son as institucións civís, como os concellos de 1840, as que se pronuncian para cambiar o rumbo do Goberno. Normalmente foron accións na maioría dos casos protagonizadas por militares que, implicados nunha conspiración política, sacaban as súas tropas á rúa e «pronunciábanse» por medio de arengas, bandos, proclamas ou manifestos onde explicaban as causas da súa actitude e ameazaban coa utilización da forza á vez que pedían a participación popular.

Pronunciamento ou golpe de estado[editar | editar a fonte]

No momento presente, existe a tendencia a usar o concepto de golpe de estado ata nos casos en que o termo correcto sería pronunciamento, polo cal esta última expresión tendeu a quedar reservada principalmente para a específica definición historiográfica da gran maioría das actitudes militares contemporáneas españolas de carácter subversivo.

O levantamento do xeneral absolutista, Elío en 1814 foi máis ben un golpe militar contra a legalidade constitucional que precisamente obrigou a que as forzas sociais liberais tiveran que se apoiar en «pronunciamentos militares» para restablecer a lexitimidade do sistema aprobado nas Cortes de Cádiz.

Así, os primeiros pronunciamentos foron protagonizados por liberais revolucionarios, como os de Porlier (1815), Richart (1816), Lacy e Milans del Bosch (1817), Vidal (1819), Riego (1820), Valdés (1824), Capapé (1824) e Torrijos (1830). Con todo, os de Llauder e Quesada en 1834, e o motín dos sarxentos de La Granja en 1836 eran parte dunha cadea de pronunciamentos urbanos a favor da entrada dos liberais ao poder, así como o de Espartero en 1840, ratificando unha cadea de concellos pronunciados contra a lei moderada.

Outros feitos militares, a metade de camiño entre o pronunciamento do primeiro liberalismo e un golpismo de novo cuño, foron os de Diego de León (1841), Zurbano (1844), O'Donnell e Dulce (1854), Prim (1864), Pavía (1874), Martínez Campos (1874), Serafín Asensio (1883), Ferrándiz (1884), Casero (1885) e Villacampa (1886).

O caso de 1868 (Revolución gloriosa) consistiu nunha ampla conxunción de forzas sociais onde os militares foron expresión instrumental de partidos, como no caso de Serrano e Prim.

Tan gran número de pronunciamentos considerouse a proba do militarismo na vida política da España do século XIX. Con todo, sería máis axustado á realidade analizar como detrás de cada pronunciamento triunfante sempre houbo un extenso e sólido armazón de civís con intereses sociais ben precisos que eran os que empurraban a eses militares a forzar o cambio de goberno. Ademais, os militares, cando triunfaban, non militarizaban a vida política, e isto só empezou a ocorrer a partir do século XX, primeiro coa Lei de xurisdicións de 1906 e logo coa ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) e de Franco (1936-1975) nas que o sector militar ocupou o Estado como tal.[1]

Pronuciamentos por períodos[editar | editar a fonte]

Na sección seguinte relaciónanse unhas táboas coa cronoloxía dos períodos de pronunciamentos en España nos séculos XIX ao XX, dende 1814 ata 1981. O primeiro período inclúen aos producidos durante o século XIX, dende o retorno de Fernando VII até o remate do século XIX. O segundo período, inclúe os habidos durante o século XX, comezando polo realizado por Primo de Rivera que dá lugar á súa Ditadura, até o producido durante o reinado Xoán Carlos I.

Primeiro período (1814-1923)[editar | editar a fonte]

Reinado de Fernando VII, O Desexado (1814-1833)[editar | editar a fonte]

Ano Pronunciamento de Grado Lugar Tipo de
pronunciamento
Pertenza política Resultado
1814 F. J. de Elío Capitán Xeneral Valencia presión non violenta absolutista Exitoso
1814 F. Espoz y Mina Mariscal de campo Pamplona clásico liberal Errado, fuxiu a Francia
1815 Juan D. Porlier Xeneral Galicia clásico liberal Errado, foi aforcado
1816 Richart Comisario de guerra Madrid secuestro do Rei liberal Errado, foi fusilado
1817 L. Lacy Tenente Xeneral Caldetas clásico liberal Errado, foi fusilado
1819 Vidal Coronel Valencia clásico Repoñer no trono a Carlos IV Errado, 15 homes aforcados
1820 Rafael del Riego Tenente Coronel Cabezas de San Juan clásico liberal Exitoso, comeza o período liberal (1820-1823)
1822 Fernández de Córdoba Oficial Madrid clásico absolutista Errado
1824 Joaquín Capapé Xeneral de Brigada Zaragoza clásico absolutista Errado, foi absolvido
1824 F. Valdés Coronel Tarifa desembarco liberal Errado
1825 G. Bessières Mariscal Xetafe clásico absolutista Errado, fusilado con 8 oficiais
1926 Irmáns Fernández Bazán Oficiais Alacant Desembarco liberal Errado, os dous foron aforcados
1830 F. Espoz y Mina Mariscal de campo Pireneos invasión liberal Errado, retornou a Francia
1830 José M. de Torrijos Xeneral Málaga desembarco liberal Errado, 32 fusilados

Rexencia de María Cristina (1834-1840)[editar | editar a fonte]

Ano Pronunciamento de Grado Lugar Tipo de
pronunciamento
Pertenza política Resultado
1834 Llauder Capitán Xeneral Barcelona presión non violenta liberal moderado Errado
1834 V. Quesada Capitán Xeneral Madrid presión non violenta liberal moderado Exitoso, Estatuto Real de 1834
1835 Cayetano Cardero Oficial Madrid clásico liberal Exitoso, sen resulta política
1835 V. Quesada Capitán Xeneral Madrid non tradicional liberal Exitoso, Ministerio Mendizábal
1836 García, Gómez e Lucas Sarxentos La Granja de San Ildelfonso motín dos sarxentos liberal Exitoso, Constitución de 1837
1836 Boil Comandante Valencia clásico liberal Errado
1838 Fernández de Córdoba Xeneral Sevilla non tradicional de ideoloxía confusa Errado, fuxiu a Francia

Rexencia do xeneral Espartero (1840-1843)[editar | editar a fonte]

Ano Pronunciamento de Grado Lugar Tipo de
pronunciamento
Pertenza política Resultado
1841 O'Donnell, Diego de León, Concha, Montes de Oca, ... Xenerais Madrid e Zaragoza clásico moderados Errado, 200 fusilados e 5 xenerais
1843 Prím e Narváez Xenerais Reus e Valencia clásico moderado e progresista Exitoso, Isabel II é declarada maior

Reinado de Isabel II (1843-1868)[editar | editar a fonte]

Ano Pronunciamento de Grado Lugar Tipo de
pronunciamento
Pertenza política Resultado
1844 Pantaleón Bone Oficial Alacant e Cartaxena clásico progresista Errado, 24 fusilados
1844 Autores diversos Diversos graos Maestrazgo clásico carlista Errado
1844 Zurbano Xeneral Navarra clásico liberal Errado, cos seus 2 fillos
1846 Miguel Solís Comandante Lugo clásico progresista Errado, 12 oficiais fusilados
1848 José Fulgosio Xeneral Madrid clásico progresista Errado, varios fusilamentos
1854 José de Hore Xeneral de Brigada Zaragoza clásico progresista Errado, morre combatendo
1854 O’Donnell e Dulce Xenerais Vicálvaro clásico moderado e progresista Exitoso, Ministerio de Espartero
1860 Ortega Capitán Xeneral Illas Baleares clásico carlista Errado, foi fusilado
1860 Sixto Cámara Xefe de milicias Varios lugares clásico republicano Errado
1866 Insurrección de Villarejo Grados diversos Ó redor de Madrid clásico contra a raíña Isabel II Errado
1866 Hidalgo Capitán Cuartel de San Gil motín de sarxentos contra a raíña Isabel II Errado, 66 insurxentes fusilados
1867 Moriones Coronel Madrid clásico contra a raíña Isabel II Errado
1868 Serrano, Prím e Topete Xenerais e Almirante Cádiz e Córdoba clásico contra a raíña Isabel II Exitoso, caída da Monarquía

Primeira República (1873-1874)[editar | editar a fonte]

Ano Pronunciamento de Grado Lugar Tipo de
pronunciamento
Pertenza política Resultado
1873 Rexementos Oficiais artilleiros Lugares diversos motín conservador Disolución do Exército
1873 Dos Oficiais Diversos graos Lugares diversos motín corporativo Exitoso, lei sobre a pena de morte
1874 Pavía Xeneral Madrid asalto as Cortes Antirepublicano Exitoso, fin da 1ª República
1874 Martínez Campos Xeneral Sagunt clásico monárquico Exitoso, restauración da Monarquía

Restauración (1875-1923)[editar | editar a fonte]

Ano Pronunciamento de Grado Lugar Tipo de
pronunciamento
Pertenza política Resultado
1883 Serafín Asensio Tenente Xeneral Badaxoz clásico republicano Errado, fuxiu au Portugal
1884 Ferrándiz Comandante Santa Coloma (Xirona) clásico republicano Errado, fusilamento dos seus xefes
1885 Casero Sarxento Cartaxena clásico republicano Errado, fuxiu a Orán
1886 Villacampa Xeneral de Brigada Madrid clásico republicano Errado, cadea perpetua

Segundo período (1923-1981)[editar | editar a fonte]

Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930)[editar | editar a fonte]

Ano Pronunciamento de Grado Lugar Tipo de
pronunciamento
Pertenza política Resultado
1923 Primo de Rivera Tenente Xeneral Barcelona clásico Proditador Exitoso, comeza unha ditadura por Decretos
1926 Segundo García Coronel Valencia clásico constitucionalista Errado, 8 anos de cárcere
1929 Rexementos artilleiros Diversos Segovia motín complexo Disolución do Exército
1929 Sánchez Guerra Exministro Valencia motín constitucionalista Errado
1930 Galán e García Hernández Capitáns Jaca clásico prorrepublicano Errado, foron fusilados
1930 Queipo e Ramón Franco Xeneral e Comandante Cuatro Vientos clásico prorrepublicano Errado, fuxiron a Portugal

Segunda República (1931-1936)[editar | editar a fonte]

Ano Pronunciamento de Grado Lugar Tipo de
pronunciamento
Pertenza política Resultado
1932 Sanjurjo Xeneral Madrid e Sevilla clásico monárquico Errado, pena de morte conmutada en cadea perpetua
1936 Mola, Sanjurjo, Goded, Queipo, Franco Xenerais Lugares diversos clásico anti-Fronte Popular Guerra civil, ata 1939

Monarquía constitucional de Xoán Carlos I (1978-2014)[editar | editar a fonte]

Ano Pronunciamento de Grado Lugar Tipo de
pronunciamento
Pertenza política Resultado
1981 Tejero e Milans del Bosch Tenente Coronel e Xeneral Madrid e Valencia clásico, asalto as Cortes antidemocrático Errado, 30 anos de cárcere

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fonte: G Payne, « Los militares y la política en la España contemporánea », Madrid, Sarpe, 1986.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Martínez-Vasseur, Pilar (2003). L'Armée espagnole (XIX et XX siècles. Ellipses Editions, Paris. ISBN 2-7298-1669-0. 
  • Chalvidant, Jean (2006). L'Espagne de Franco à Zapatero. Atlantica, Biarriz. ISBN 2-84394-930-0. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]