Piratería

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jolly Roger de Calico Jack Rackham, tida como representación clásica e simbólica da piratería.

A piratería ou pirataría é unha práctica que consiste en que unha embarcación ataca a outra co propósito de roubarlle a carga, esixir rescate polos pasaxeiros, convertelos en escravos e moitas veces apoderarse da nave. A súa definición segundo o dereito internacional pode atoparse no artigo 101 da Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar. A pirataría refírese tamén, desde mediados do século XX a un tipo de accións realizadas en avións que buscan reter pola forza tripulacións e pasaxeiros, así como as propias aeronaves. Outros autores, como Wolfram zu Mondfeld, consideran tamén pirataría os ataques privados realizados desde o mar contra buques e posicións en terra para roubar ou conquistar.

Xunto coa actividade dos piratas que roubaban pola súa conta pola cobiza, os corsarios eran mariñeiros contratados para traballar en naves privadas con patente de corso, que atacaban embarcacións dun país inimigo. A distinción entre pirata e corsario é necesariamente parcial, pois corsarios como Francis Drake ou a flota francesa no desembarque da Baía das Mós foron considerados piratas polas autoridades españolas, ao entenderen estas que non existía unha guerra declarada entre as súas nacións. Dispor dunha patente de corso ofrecía certas garantías de ser tratado como soldado doutro exército e non coma un ladrón e asasino, se ben ao mesmo tempo carrexaba certas obrigacións. Os termos filibusteiro e bucaneiro, máis específicos, están relacionados coa piratería no Mar Caribe.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A voz pirata vén do grego πειρατής (peiratés), que á súa vez vén do verbo πειράω (peiráo), que significa «esforzarse», «tratar de», «intentar a fortuna nas aventuras».

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia da pirataría.

A piratería, como forma de delincuencia, foi unha constante na historia dende a Antigüidade ata os nosos días. Coñecida por referencias entre os gregos, converteuse nun problema de estado en Roma, cando os piratas cilicios ameazaban as rotas comerciais e a subministración no Mediterráneo. Unha expedición de Pompeio, que foi investido como máxima autoridade marítima con poderes especiais, acabou con esa ameaza no século I a. C.

Pistolas na exposición "Piratas, os ladróns do mar".

Coa caída do Imperio Romano a maior ameaza pirata en Occidente representárona os viquingos. Estes mantiveron durante máis de douscentos anos unha política de ataque a todas as costas da fachada atlántica europea, avanzando amplamente cara ao interior. Foron os viquingos os primeiros piratas que lanzaron ataques coñecidos contra as cidades da Galicia medieval (ano 840).

O peso e dinamismo económico árabe motivou a recuperación da pirataría no Mediterráneo, cos piratas bérberes e otomanos, contra os que España librou a batalla de Lepanto. Ademais, a piratería comezou neste tempo a estar indisolublemente asociada co tráfico de escravos, que os árabes do norte de África comezaban a realizar cos reinos subsaharianos.

Pero o contacto de Europa con América e a creación de numerosas rotas comerciais no Atlántico estimularon a aparición da época máis brillante da piratería. Os piratas, ben pola súa conta (bucaneiros), ben seguindo as ordes dun monarca e protexido por el (corsario) atacaron as frotas española e portuguesa, que posuían a maior parte do negocio americano. O Caribe e as súas illas, moitas delas baixo goberno francés ou inglés, foron porto seguro para estes piratas, que tamén importaron escravos e estimularon o comercio na área favorecendo o contrabando e permitíndolles aos produtores escapar do prezo único que fixaba a Casa da Contratación.

A pirataría comeza a diminuír no século XVII cando os estados desenvolven armadas estábeis e adestradas e non necesitan máis do s mercenarios. Porén, durante todo o o XVIII e boa parte do XIX, o proceso de independencias americanas estimulou a acción dos piratas que, ou ben aproveitaban a fraqueza das metrópoles europeas, ou ben participaban das estratexias expansionistas das novas nacións americanas, como foi o caso dos Estados Unidos. Desta época é o pirata galego máis famoso, Benito Soto.

Na actualidade, a piratería marítima está restrinxida a unhas poucas áreas subdesenvolvidas, fundamentalmente nas costas de Somalia e no Índico, entre Indonesia e Malaisia.

Literatura e piratería[editar | editar a fonte]

A presenza da pirataría é un tema común e recorrente na literatura, en particular a partir do Romanticismo. Algúns exemplos:

Piratas de sona[editar | editar a fonte]

Reais[editar | editar a fonte]

Imaxe cómica dun pirata

De ficción[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]